As boas noticias segundo Xoán 16:1-33

  • Pode que os seguidores de Xesús se enfronten á morte (1-4a)

  • O que fará o espírito santo (4b-16)

  • A tristeza dos discípulos converterase en alegría (17-24)

  • “Eu vencín o mundo” (25-33)

16  ”Díxenvos estas cousas para que non perdades a fe*​. 2  Vanvos botar* da sinagoga. De feito, acércase a hora na que os que vos maten pensarán que lle están dando servizo sagrado a Deus. 3  Pero farán todo isto porque non chegaron a coñecernos nin o Pai nin a min. 4  Díxenvos estas cousas para que, cando chegue o momento de que pasen, recordedes que volas dixen. ”Non volas expliquei ó principio porque estaba con vós. 5  Pero agora vou onda o que me enviou, e ningún de vós me pregunta ‘A onde vas?’. 6  En vez diso, o voso corazón encheuse de tristeza porque vos expliquei estas cousas. 7  Pero dígovos a verdade: marcho polo voso ben. Porque se non marcho, o axudante non virá onda vós, pero se marcho, mandaréivolo. 8  E cando o axudante veña, daralle ó mundo probas convincentes sobre o pecado, a xustiza e o xuízo. 9  Primeiro sobre o pecado, porque o mundo non demostra que ten fe en min. 10  Despois sobre a xustiza, porque vou onda o Pai por ser xusto e non me veredes máis. 11  E despois sobre o xuízo, porque o gobernante deste mundo foi xulgado. 12  ”Aínda teño moitas cousas que dicirvos, pero non podedes entendelas* agora. 13  Pero cando el* veña (o espírito santo que revela a verdade), guiaravos, axudándovos a entender toda a verdade. Porque non falará pola súa propia conta, senón que dirá o que escoite e anunciaravos as cousas que van pasar. 14  El darame gloria porque vos anunciará o que me escoite dicir a min. 15  Todo o que ten o Pai tamén é meu. Por iso dixen que el vos anunciará o que me escoite dicir a min. 16  Dentro de pouco xa non me ides ver máis, e tamén, dentro de pouco verédesme”. 17  Cando escoitaron iso, algúns dos seus discípulos dixéronse uns ós outros: “Que nos quere dicir con ‘Dentro de pouco xa non me ides ver, e tamén, dentro de pouco verédesme’? E que significa o de ‘Porque vou onda o Pai’?”. 18  E dicían: “Que quere dicir con ‘Dentro de pouco’? Non sabemos de que está falando”. 19  Xesús sabía que lle querían facer preguntas, e por iso lles dixo: “Seica vos andades preguntando iso uns ós outros porque dixen ‘Dentro de pouco xa non me ides ver, e tamén, dentro de pouco verédesme’? 20  De verdade vos aseguro que vós choraredes e lamentarédesvos, pero o mundo vaise alegrar. Sentiredes dor, pero a vosa dor converterase en felicidade. 21  Cando unha muller está dando a luz, sente dor porque chegou o momento de ter o neno. Pero cando xa deu a luz, a felicidade de traer un neno ó mundo fai que xa non se acorde de todo o sufrimento. 22  Vós agora tamén estades moi tristes, pero volverei a vervos e o voso corazón encherase de alegría e ninguén vos poderá quitar a vosa alegría. 23  Ese día non me faredes ningunha pregunta. De verdade vos aseguro que calquera cousa que lle pidades ó Pai no meu nome, el váivola dar. 24  Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, para que esteades cheos de alegría. 25  ”Díxenvos estas cousas usando comparacións. Pero acércase a hora na que xa non vos falarei con comparacións, senón que vos falarei do Pai claramente. 26  Ese día pedirédeslle ó Pai no meu nome. Pero con isto non quero dicir que lle vou pedir eu por vós. 27  O Pai quérevos* porque me quixestes a min e crestes que vin como representante de Deus. 28  Vin ó mundo como representante do Pai. Agora deixo o mundo e vou onda o Pai”. 29  Entón os seus discípulos dixéronlle: “Agora si que falas claro, sen usar comparacións. 30  Agora sabemos que o sabes todo e que non necesitas que ninguén che faga preguntas, porque xa sabes o que están pensando. Por iso cremos que viñeches de Deus”. 31  Xesús contestoulles: “Agora credes? 32  Mirade! Acércase a hora, de feito xa chegou, na que seredes espallados. Cada un marchará para a súa casa e deixarédesme só. Pero non estou só, porque o Pai está comigo. 33  Díxenvos estas cousas para que teñades paz por medio de min. No mundo ides sufrir*​, pero sede valentes! Eu vencín o mundo”.

Notas ó pé

Ou “non tropecedes”.
Ver Xn 9:22, nota.
Ou “soportalas”.
Nos versículos 13 ó 15 o pronome el refírese ó “axudante” que se menciona no versículo 7. Xesús usou a expresión o axudante (que en grego ten xénero masculino) para personificar o espírito santo, unha forza impersoal, que en grego ten xénero neutro.
Ou “tenvos cariño”.
Lit. “ter tribulación”.