As boas noticias segundo Xoán 17:1-26
17 Despois de dicir estas cousas, Xesús mirou cara ó ceo e dixo: “Pai, chegou a hora. Glorifica o teu fillo para que o teu fillo te glorifique a ti.
2 Ti décheslle autoridade sobre tódalas persoas* para que el lles dea vida eterna a tódolos que ti lle entregaches.
3 Isto significa vida eterna: que te coñezan* a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen ti enviaches, Xesucristo.
4 Eu glorifiqueite na terra e acabei a obra que me encargaches.
5 Así que agora, Pai, glorifícame ó teu lado coa gloria que eu tiña cando estaba onda ti, antes de que o mundo existise.
6 ”Deilles a coñecer o teu nome ós que me entregaches do mundo. Eran teus e entregáchesmos, e obedeceron as túas palabras.
7 Agora saben que todo o que me deches vén de ti,
8 porque lles dei a mensaxe que me deches, e eles aceptárona e de verdade chegaron a saber que vin como representante teu, e creron que ti me enviaches.
9 Pídoche por eles. Non che pido polo mundo, senón polos que ti me entregaches, porque son teus.
10 Todo o que é meu é teu, e todo o que é teu é meu, e eu fun glorificado entre eles.
11 ”Eu xa non estou no mundo, pero eles si que están no mundo e eu marcho onda ti. Pai Santo, coida deles polo teu propio nome, o que ti me deches, para que eles sexan un*, igual que ti mais eu somos un*.
12 Cando estaba con eles, eu coidábaos polo teu propio nome, o que ti me deches. Protexinos e ningún deles foi destruído, só o fillo da destrución*, para que se cumprisen as Escrituras.
13 Pero agora marcho onda ti, e digo todo isto mentres aínda estou no mundo para que eles sintan dentro deles toda a alegría que eu sinto.
14 Eu transmitinlles as túas palabras, pero o mundo odiounos porque eles non son parte do mundo, igual que eu non son parte do mundo.
15 ”Non che pido que os saques do mundo, senón que os protexas do Maligno*.
16 Eles non son parte do mundo, igual que eu tampouco son parte do mundo.
17 Santifícaos* por medio da verdade. A túa palabra é a verdade.
18 Igual que ti me mandaches ó mundo, eu tamén os mandei ó mundo.
19 E eu santifícome a favor deles para que eles tamén sexan santificados por medio da verdade.
20 ”Non che pido só por eles, senón tamén polos que cheguen a ter fe en min ó escoitar o que eles ensinen,
21 para que todos sexan un. Igual que ti, Pai, estás unido a min e eu estou unido a ti, que eles tamén estean unidos a nós. Así o mundo crerá que ti me enviaches.
22 Deilles a gloria que me deches para que eles sexan un, igual que nós somos un.
23 Eu estou unido a eles e ti estás unido a min para que estean completamente unidos*. Así o mundo saberá que ti me enviaches e que os amaches a eles igual que me amaches a min.
24 Pai, quero que os que me entregaches estean comigo onde estea eu, para que vexan a gloria que me deches, porque me amaches antes do principio da humanidade*.
25 Pai xusto, en realidade o mundo non te coñece, pero eu coñézote e eles saben que ti me enviaches.
26 Deilles a coñecer o teu nome e seguireino dando a coñecer, para que o amor que me mostraches estea neles e eu estea unido a eles”.
Notas ó pé
^ Lit. “toda carne”.
^ Ou “Para ter vida eterna necesitan coñecerte”. Aquí o verbo grego indica acción continua.
^ Ou “para que estean unidos”.
^ Ou “estamos unidos”.
^ Ou “o que vai ser destruído”.
^ É dicir, Satanás.
^ Ou “Ponos á parte”, “Fainos santos”.
^ Ou “perfectamente unidos”.
^ Lit. “antes da fundación do mundo”. Parece que se refire ó nacemento dos fillos de Adán e Eva.