As boas noticias segundo Xoán 18:1-40
-
Xudas traizoa a Xesús (1-9)
-
Pedro usa a espada (10, 11)
-
Levan a Xesús onda Anás (12-14)
-
A primeira vez que Pedro nega coñecer a Xesús (15-18)
-
Xesús ante Anás (19-24)
-
A segunda e a terceira vez que Pedro nega coñecer a Xesús (25-27)
-
Xesús ante Pilato (28-40)
-
“O meu Reino non é parte deste mundo” (36)
-
18 Despois de dicir estas cousas, Xesús marchou cos seus discípulos ó outro lado do val de Cedrón e entrou con eles nun xardín que había alí.
2 Xudas, o que o ía traizoar, tamén coñecía ese sitio, porque Xesús reunírase moitas veces alí cos seus discípulos.
3 Entón, Xudas apareceu coa tropa de soldados e de gardas dos sacerdotes principais e dos fariseos. Traían na man fachos*, candís* e armas.
4 Así que Xesús, que sabía todo o que lle ía pasar, deu un paso cara adiante e preguntoulles: “A quen buscades?”.
5 Eles respondéronlle: “A Xesús o Nazareno”. E el díxolles: “Son eu”. Xudas, o traidor, tamén estaba alí con eles.
6 Pero cando Xesús lles dixo “Son eu”, botáronse para atrás e caeron ó chan.
7 Entón preguntoulles outra vez: “A quen buscades?”. Eles dixéronlle: “A Xesús o Nazareno”.
8 E Xesús contestoulles: “Xa vos dixen que son eu. Así que se me estades buscando a min, deixade que estes homes marchen”.
9 Isto pasou para que se cumprise o que el dixera: “Non perdín ningún dos que me entregaches”.
10 Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, sacouna, atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle a orella dereita. O escravo chamábase Malco.
11 Pero Xesús díxolle a Pedro: “Garda a espada na súa funda. Seica non debo beber da copa* que me deu o Pai?”.
12 Entón os soldados, o comandante militar e os gardas dos xudeus arrestaron a Xesús e atárono.
13 Primeiro levárono onda Anás porque era o sogro de Caifás, que era o sumo sacerdote ese ano.
14 De feito, Caifás era quen lles dixera ós xudeus que lles conviña que morrese un só home por todo o pobo.
15 Simón Pedro e outro discípulo ían seguindo a Xesús. Como ese outro discípulo era un coñecido do sumo sacerdote, entrou con Xesús no patio do sumo sacerdote,
16 pero Pedro quedou fóra, onda a porta*. Así que o outro discípulo, o coñecido do sumo sacerdote, saíu falar coa porteira e levou a Pedro para dentro.
17 Entón a criada, que era a porteira, preguntoulle a Pedro: “Ti non serás tamén un dos discípulos dese home, non?”. El contestoulle: “Non, non o son”.
18 Por culpa do frío, os escravos e os gardas fixeran un lume e estaban de pé arredor del para quentarse. E Pedro tamén estaba alí quentándose con eles.
19 O sacerdote principal* interrogou a Xesús sobre os seus discípulos e sobre o que ensinaba.
20 E Xesús respondeulle: “Falei abertamente diante de todos. Ensinei sempre nas sinagogas e no templo, onde se reúnen tódolos xudeus, e non falei nada ás escondidas.
21 Por que me interrogas a min? Interroga os que escoitaron o que lles expliquei. Eles saben ben o que dixen”.
22 Cando Xesús dixo isto, un dos gardas que estaban alí pegoulle na cara* e díxolle: “Así é como lle contestas ó sacerdote principal?”.
23 Xesús respondeulle: “Se dixen algo malo, dime* que foi o que dixen. Pero se o que dixen é verdade, por que me pegas?”.
24 Entón Anás mandouno atado onda Caifás, o sumo sacerdote.
25 Mentres, Simón Pedro seguía quentándose alí de pé. Entón preguntáronlle: “Ti non serás tamén un dos seus discípulos, non?”. E el negouno. Dixo: “Non, non o son”.
26 Un dos escravos do sumo sacerdote, que era parente do home ó que Pedro lle cortara a orella, díxolle: “Eu vinte no xardín con el, non?”.
27 Pero Pedro negouno outra vez, e nese momento cantou un galo.
28 Pola mañá cedo, levaron a Xesús da casa de Caifás ó palacio do gobernador, pero non entraron no palacio para non contaminarse e poder comer a Pascua.
29 Por iso Pilato saíu a onde estaban eles e preguntoulles: “De que acusades a este home?”.
30 Eles contestáronlle: “Se este home non fose un delincuente, non cho entregariamos”.
31 Así que Pilato díxolles: “Levádeo e xulgádeo de acordo coa vosa lei”. Pero os xudeus contestáronlle: “A nós non se nos permite matar a ninguén”.
32 Isto pasou para que se cumprise o que Xesús dixera sobre como ía morrer.
33 Entón Pilato entrou outra vez no palacio do gobernador, chamou a Xesús e preguntoulle: “Es ti o rei dos xudeus?”.
34 Xesús contestoulle: “Iso que me preguntas saíu de ti ou escoitaches a outros falar de min?”.
35 Pilato díxolle: “Seica son eu xudeu? A túa propia nación e os sacerdotes principais entregáronte a min. Que fixeches?”.
36 Xesús respondeulle: “O meu Reino non é parte deste mundo. Se o meu Reino fose parte deste mundo, os meus seguidores loitarían para que non me entregasen ós xudeus. Pero o certo é que o meu Reino non é de aquí”.
37 Así que Pilato preguntoulle: “Entón, ti es rei?”. Xesús contestoulle: “Si, ti mesmo estás dicindo que son rei. Para isto nacín e para isto vin ó mundo: para dar testemuño da verdade. Todo o que está de parte da verdade escoita a miña voz”.
38 E Pilato preguntoulle: “Que é a verdade?”.
Despois de dicir isto, saíu outra vez a onde estaban os xudeus e díxolles: “Eu non vexo que sexa culpable de nada.
39 Ademais, tedes o costume de que na Pascua vos deixe libre un preso. Queredes que vos poña en liberdade o rei dos xudeus?”.
40 E eles volveron a berrar: “Non, a ese non! A Barrabás!”. Barrabás era un ladrón.
Notas ó pé
^ Conxunto de pallas atadas ó que se lle prendía lume para dar luz. Tamén podía ser un pau de madeira resinosa ou un pau envolto nunha tea empapada en aceite.
^ Ou “lámpadas de aceite”.
^ Ou “na entrada”.
^ É dicir, Anás.
^ Ou “deulle unha labazada”.
^ Lit. “dá testemuño de”.