As boas noticias segundo Xoán 2:1-25
2 Dous días despois celebrouse un banquete de voda en Caná de Galilea, e a nai de Xesús estaba alí.
2 Xesús e os seus discípulos tamén estaban invitados ó banquete de voda.
3 Cando se estaba acabando o viño, a nai de Xesús díxolle: “Non lles queda viño”.
4 Pero Xesús respondeulle: “Muller, que ten que ver iso contigo e comigo?* Aínda non chegou a miña hora”.
5 Entón a súa nai díxolles ós que estaban encargados de servir: “Facede todo o que el vos diga”.
6 Resulta que había seis recipientes de pedra para a auga, que se puxeran alí para cumprir coas normas de purificación dos xudeus. En cada un collían aproximadamente entre 44 e 66 litros*.
7 Xesús díxolles: “Enchede de auga os recipientes”. E enchéronos ata arriba de todo.
8 Despois díxolles: “Agora sacade un pouco e levádello ó director do banquete”. E eles leváronllo.
9 O director do banquete probou a auga que fora convertida en viño, pero non sabía de onde saíra (aínda que os que sacaran a auga si que o sabían). Entón chamou o noivo
10 e díxolle: “Todos poñen primeiro o viño bo e despois, cando a xente xa está borracha, poñen o de peor calidade. Pero ti gardaches o viño bo ata agora”.
11 Isto que fixo Xesús en Caná de Galilea foi o primeiro dos seus milagres*. Así demostrou a súa gloria, e os seus discípulos empezaron a ter fe nel.
12 Despois disto, baixou a Capernaúm coa súa nai, cos seus irmáns e cos seus discípulos, pero non quedaron alí moitos días.
13 Cando faltaba pouco para a Pascua dos xudeus, Xesús subiu a Xerusalén.
14 Ó entrar no templo viu que había xente vendendo touros, vacas, ovellas e pombas. E os que cambiaban cartos estaban sentados nos seus asentos.
15 Así que fixo un látego cunhas cordas e botounos a todos do templo, xunto coas ovellas, os touros e as vacas. Tamén tirou as moedas dos que cambiaban cartos e tumbou as súas mesas.
16 E díxolles ós que vendían pombas: “Sacade todo isto de aquí! Deixade de converter a casa do meu Pai nunha feira*!”.
17 Entón os seus discípulos recordaron o que está escrito: “A devoción que sinto pola túa casa arderá dentro de min”.
18 Cando viron isto, os xudeus preguntáronlle: “Que sinal podes darnos que demostre que tes o dereito de facer estas cousas?”.
19 Xesús respondeulles: “Botade abaixo este templo e eu levantareino en tres días”.
20 Entón os xudeus dixeron: “Levou 46 anos facer este templo, e ti valo levantar en tres días?”.
21 Pero o templo do que el estaba falando era o seu corpo.
22 Cando resucitou* de entre os mortos, os seus discípulos acordáronse de que dicía iso a miúdo, e creron o que dicían as Escrituras e o que dixera Xesús.
23 Mentres estaba en Xerusalén durante a festa da Pascua, moitos empezaron a ter fe no seu nome ó ver os milagres que facía.
24 Pero Xesús non se fiaba totalmente deles, porque os coñecía a todos
25 e non necesitaba que ninguén lle explicase nada sobre a xente, pois sabía o que había no corazón de cada persoa.
Notas ó pé
^ Lit. “Que para min e para ti, muller?”. Expresión que indica obxección. O uso da palabra muller non indica falta de respecto.
^ Lit. “dúas ou tres medidas de líquido”. Probablemente a medida fose o bato, que equivalía a 22 litros. Ver glosario bato.
^ Lit. “o principio dos seus sinais”.
^ Ou “nun mercado”, “nun negocio”.
^ Lit. “foi levantado”.