As boas noticias segundo Xoán 3:1-36

  • Xesús e Nicodemo (1-21)

    • Volver a nacer (3-8)

    • Deus amou o mundo (16)

  • O último testemuño de Xoán sobre Xesús (22-30)

  • “Quen vén de arriba” (31-36)

3  Había un fariseo que se chamaba Nicodemo e que era un gobernante dos xudeus. 2  Nicodemo foi onda Xesús de noite e díxolle: “Rabí, sabemos que es un mestre enviado por Deus, porque ninguén pode facer os milagres* que fas se Deus non está con el”. 3  Xesús respondeulle: “De verdade che aseguro que ninguén pode ver o Reino de Deus se non volve a nacer*”. 4  Nicodemo díxolle: “Como pode alguén volver a nacer cando xa é vello? Non pode entrar outra vez na matriz da súa nai e volver a nacer, non?”. 5  Xesús contestoulle: “De verdade che aseguro que ninguén pode entrar no Reino de Deus se non nace da auga e do espírito. 6  Quen naceu de humanos* é humano*​, e quen naceu do espírito é espírito. 7  Non te sorprendas de que che dixese que tedes que volver a nacer. 8  O vento sopra onde quere e, aínda que o podes oír, non sabes nin de onde vén nin a onde vai. O mesmo pasa con tódolos que naceron do espírito”. 9  Entón Nicodemo preguntoulle: “Como pode pasar todo iso?”. 10  Xesús respondeulle: “Es mestre en Israel e non sabes estas cousas? 11  De verdade che aseguro que nós falamos do que sabemos e damos testemuño do que vimos, pero vós non aceptades o testemuño que damos. 12  Se non me credes cando vos falo de cousas da terra, como me ides crer se vos falo de cousas do ceo? 13  Ademais, ningún home subiu ó ceo e só un baixou do ceo, o Fillo do Home. 14  Tal como Moisés alzou a serpe nun poste* no deserto, o Fillo do Home tamén será alzado 15  para que todo o que crea nel poida ter vida eterna. 16  ”Porque Deus amou tanto o mundo que deu o seu Fillo unixénito* para que quen demostre fe nel non sexa destruído, senón que teña vida eterna. 17  Porque Deus non enviou o seu Fillo ó mundo para que el xulgase o mundo, senón para que o mundo se salve mediante el. 18  Quen demostra fe nel non será condenado*​. Pero quen non demostra fe xa foi condenado*​, porque non demostrou fe no nome do Fillo unixénito de Deus. 19  A base para o xuízo é esta: a luz veu ó mundo, pero as persoas amaron a escuridade en vez de amar a luz, porque as cousas que facían eran malas. 20  Quen fai cousas malas odia a luz e non se acerca á luz, para que non se descubran* as cousas que fai. 21  Pero quen fai o que está ben acércase á luz, para que se vexa claramente que as cousas que fai están de acordo coa vontade de Deus”. 22  Despois disto, Xesús foi ás zonas rurais de Xudea cos seus discípulos. Pasou un tempo alí con eles e bautizaba* a xente. 23  Pero Xoán tamén estaba bautizando. Estaba en Enón, cerca de Salim, porque alí había moita auga, e a xente viña e el bautizábaos. 24  Naquel tempo aínda non meteran a Xoán no cárcere. 25  Entón, os discípulos de Xoán discutiron cun xudeu sobre as normas de purificación. 26  Despois foron onda Xoán e dixéronlle: “Rabí, mira, o home que estaba contigo ó outro lado do Xordán, de quen ti deches testemuño, está bautizando e todos están indo onda el”. 27  Xoán respondeu: “Ninguén pode recibir nada a non ser que se lle dea do ceo. 28  Vós mesmos sodes testemuñas de que dixen: ‘Eu non son o Cristo, pero fun enviado diante del’. 29  Quen casa coa noiva é o noivo. Pero cando o amigo do noivo está cerca del e o escoita, alégrase moito ó oír a voz do noivo. Por iso agora estou cheo de alegría. 30  El ten que seguir aumentando, pero eu teño que seguir diminuíndo”. 31  Quen vén de arriba está por encima de tódolos demais. Quen é da terra é da terra e fala cousas da terra. Quen vén do ceo está por encima de tódolos demais 32  e dá testemuño do que viu e oíu, pero ninguén acepta o seu testemuño. 33  Quen aceptou o seu testemuño confirmou* que Deus é fiel á verdade. 34  Quen foi enviado por Deus di as palabras de Deus, porque Deus dá o seu espírito con xenerosidade*​. 35  O Pai ama o Fillo e puxo todo nas súas mans. 36  Quen demostra que ten fe no Fillo terá vida eterna, pero quen desobedece o Fillo non conseguirá a vida e Deus seguirá furioso con el.

Notas ó pé

Lit. “sinais”.
Ou quizais “se non nace de arriba”.
Lit. “da carne”.
Lit. “carne”.
Lit. “alzou a serpe”.
Ver glosario unixénito.
Lit. “xulgado”.
Lit. “xulgado”.
Ou “se expoñan”, “sexan censuradas”.
Parece que Xesús supervisaba os bautismos. Comparar con Xn 4:2.
Lit. “selou”.
Lit. “non dá o espírito por medida”.