As boas noticias segundo Xoán 4:1-54

  • Xesús e a muller samaritana (1-38)

    • Adorar a Deus “guiados polo espírito santo e de acordo coa verdade” (23, 24)

  • Moitos samaritanos cren en Xesús (39-42)

  • Xesús cura o fillo dun funcionario (43-54)

4  Despois diso, dixéronlles ós fariseos que Xesús facía máis discípulos e bautizaba máis persoas que Xoán 2  (aínda que non era Xesús o que bautizaba, senón os seus discípulos). 3  Cando Xesús* soubo isto, marchou de Xudea e foi outra vez para Galilea. 4  Pero tiña que pasar por Samaria. 5  Así que, chegou a Sicar, unha cidade de Samaria que estaba cerca do campo que Xacob lle dera ó seu fillo Xosé. 6  De feito, alí estaba o pozo* de Xacob. E como Xesús estaba cansado da viaxe, sentouse ó lado do pozo. Eran arredor das 12 do mediodía*​. 7  Entón chegou unha muller de Samaria para sacar auga, e Xesús díxolle: “Dáme un pouco de auga”. 8  (Os seus discípulos foran comprar comida á cidade.) 9  Pero a samaritana preguntoulle: “Como é que ti, sendo xudeu, me pides auga a min, que son samaritana?”. (Porque os xudeus non teñen trato cos samaritanos.) 10  E Xesús respondeulle: “Se soubeses cal é o regalo de Deus e quen é o que che está dicindo ‘Dáme un pouco de auga’, ti pediríaslle auga a el e el daríache auga que dá vida”. 11  Ela díxolle: “Señor, pero se nin sequera tes con que sacar auga, e o pozo é fondo. De onde vas sacar esa auga que dá vida? 12  Seica ti es máis que o noso antepasado Xacob? El foi o que nos deu este pozo, e del beberon el, os seus fillos e o seu gando”. 13  Xesús respondeulle: “Todo o que beba desta auga volverá a ter sede. 14  Pero o que beba da auga que eu lle vou dar non terá sede nunca máis. A auga que eu lle vou dar será coma unha fonte dentro del que dá vida eterna”. 15  A muller díxolle: “Señor, dáme desa auga para que non volva a ter sede nin teña que estar vindo aquí a sacar auga”. 16  El díxolle: “Vai chamar o teu marido e volve aquí”. 17  A muller contestoulle: “Non teño marido”. E Xesús respondeulle: “Tes razón ó dicir que non tes marido, 18  porque tiveches cinco e o home co que vives agora non é o teu marido. Dixeches a verdade”. 19  Entón a muller díxolle: “Señor, vexo que es profeta. 20  Os nosos antepasados adoraban a Deus nesta montaña, pero vós dicides que hai que adoralo en Xerusalén”. 21  E Xesús respondeulle: “Muller, asegúroche que se acerca a hora na que non adoraredes o Pai nin nesta montaña nin en Xerusalén. 22  Vós adorades o que non coñecedes, pero nós adoramos o que coñecemos, porque a salvación empeza cos xudeus. 23  Pero acércase a hora, de feito xa chegou, na que os auténticos adoradores do Pai adorarano guiados polo espírito santo e de acordo coa verdade. Porque o Pai está buscando este tipo de persoas para que o adoren. 24  Deus é un espírito, e os que o adoran teñen que adoralo guiados polo espírito santo e de acordo coa verdade”. 25  A muller díxolle: “Eu sei que vai vir o Mesías, ó que lle chaman Cristo. Cando el veña, váinolo explicar todo”. 26  E Xesús contestoulle: “Ese son eu, o que está falando contigo”. 27  Xusto nese momento chegaron os seus discípulos e estrañoulles que estivese falando cunha muller. Aínda así, ningún lle preguntou “Que queres conseguir?” ou “Por que estás falando con ela?”. 28  Entón, a muller deixou alí o seu recipiente de barro* para levar auga e marchou para a cidade a dicirlle á xente: 29  “Un home díxome todo o que fixen. Vinde a velo. Non será este o Cristo?”. 30  Así que a xente saíu da cidade e foi a velo. 31  Mentres tanto, os discípulos insistíanlle: “Rabí, come un pouco”. 32  Pero el díxolles: “Teño algo para comer que vós non sabedes”. 33  Así que os discípulos dicíanse uns ós outros: “Ninguén lle trouxo comida, non?”. 34  Xesús díxolles: “O que me alimenta é facer a vontade de quen me enviou e acabar a obra que me mandou facer. 35  Dicides que aínda faltan catro meses para a colleita, non? Pois fixádevos no que vos digo: mirade para os campos. Están brancos, listos para a colleita. 36  O que recolle xa está recibindo o seu salario e recollendo o froito para vida eterna. Así, o que sementa e o que recolle poden alegrarse xuntos. 37  Porque nisto ten razón este dito: ‘Un sementa e outro recolle’. 38  Eu mandeivos a recoller o que non sementastes. Porque foron outros os que fixeron o traballo duro, e vós beneficiástesvos do que fixeron”. 39  Moitos samaritanos daquela cidade empezaron a ter fe nel grazas ó testemuño daquela muller, que dicía: “Díxome todo o que fixen”. 40  Por iso, cando os samaritanos foron onda el, pedíronlle que quedase alí con eles, e el quedou dous días. 41  Grazas a iso, escoitaron o que ensinaba e moitos máis creron nel, 42  e dixéronlle á muller: “Xa non cremos só polo que ti nos contaches. Nós mesmos o escoitamos e sabemos que este home de verdade é o salvador do mundo”. 43  Cando pasaron eses dous días, marchou de alí para Galilea. 44  (Xesús mesmo deu testemuño de que ó profeta non se lle dá honra na súa propia terra.) 45  Cando chegou a Galilea, os galileos recibírono ben porque eles tamén foran á festa* a Xerusalén e viran todo o que el fixera alí durante a festa. 46  Entón foi outra vez a Caná de Galilea, onde convertera a auga en viño. En Capernaúm había un funcionario do rei que tiña o fillo enfermo. 47  Cando este home escoitou que Xesús viñera de Xudea a Galilea, foi onda el e pediulle que baixase a Capernaúm para curar o seu fillo, porque estaba a punto de morrer. 48  Pero Xesús díxolle: “Se non vedes milagres* e cousas impresionantes, non ides crer nunca”. 49  O funcionario do rei pediulle: “Señor, ven comigo antes de que o meu neno morra”. 50  Xesús contestoulle: “Volve para a túa casa, o teu fillo está vivo”. O home creu o que lle dixo Xesús e marchou. 51  E mentres volvía para a súa casa, os seus escravos saíron para encontrarse con el e dicirlle que o seu fillo estaba vivo*​. 52  Entón el preguntoulles a que hora empezara a sentirse mellor. Eles contestáronlle: “A febre marchoulle onte arredor da 1 da tarde*”. 53  Nese momento, o pai deuse conta de que esa era a mesma hora na que Xesús lle dixera: “O teu fillo está vivo”. E el e tódolos da súa casa fixéronse crentes. 54  Este foi o segundo milagre* que fixo Xesús despois de volver de Xudea a Galilea.

Notas ó pé

Lit. “o Señor”.
Ou “a fonte”.
Lit. “da hora sexta”.
Ou “cántaro”.
Refírese probablemente á Pascua.
Lit. “sinais”.
Ou “se estaba recuperando”.
Lit. “á hora sétima”.
Lit. “sinal”.