As boas noticias segundo Xoán 6:1-71

  • Xesús alimenta a 5000 homes (1-15)

  • Camiña sobre a auga (16-21)

  • Xesús é “o pan da vida” (22-59)

  • Moitos oféndense ó escoitar o que di (60-71)

6  Despois disto, Xesús foi ó outro lado do mar de Galilea, tamén chamado mar de Tiberíades. 2  Había unha gran multitude que o seguía, porque vían os milagres* que facía ó curar os enfermos. 3  Así que Xesús subiu a unha montaña e sentouse alí cos seus discípulos. 4  Faltaba pouco para a Pascua, a festa dos xudeus. 5  Cando Xesús levantou a mirada e viu que unha gran multitude viña cara a el, preguntoulle a Felipe: “Onde imos comprar pan para que coma toda esta xente?”. 6  En realidade, isto díxoo para poñelo a proba, porque el xa sabía o que estaba a punto de facer. 7  Felipe contestoulle: “Nin 200 denarios* de pan chegarían para que cada un comese un pouco”. 8  Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle: 9  “Aquí hai un neno que ten cinco pans de cebada e dous peixiños. Pero, como vai chegar isto para tanta xente?”. 10  Xesús dixo: “Dicídelle á xente que se sente”. E como naquel lugar había moita herba, sentáronse alí. Había uns 5000 homes. 11  Xesús colleu o pan, deulle grazas a Deus e repartiuno entre os que estaban alí sentados. Tamén fixo o mesmo cos peixiños, e todos comeron o que quixeron. 12  Cando a xente xa non tiña máis fame, díxolles ós seus discípulos: “Recollede os cachos que sobraron para que non se desperdicie nada”. 13  Así que eles recolléronos e encheron 12 cestas cos cachos que lles sobraran ós que comeran dos cinco pans de cebada. 14  Cando a xente viu o milagre que fixera Xesús, empezou a dicir: “Está claro que este é o Profeta que tiña que vir ó mundo”. 15  Pero Xesús, como sabía que estaban a punto de vir para levalo á forza e facelo rei, marchou outra vez á montaña el só. 16  Mentres se estaba facendo de noite, os seus discípulos baixaron ó mar, 17  subiron a unha barca e empezaron a cruzar o mar en dirección a Capernaúm. Cando xa era noite cerrada, Xesús aínda non estaba con eles. 18  Ademais, o mar empezouse a picar porque se levantou un vento moi forte. 19  Cando xa levaban remando uns cinco ou seis quilómetros*​, viron a Xesús camiñando sobre o mar e acercándose á barca, e entroulles o medo. 20  Pero el díxolles: “Son eu! Non teñades medo!”. 21  Entón eles alegráronse de subilo á barca, e pouco despois a barca chegou ó sitio ó que se dirixían. 22  Ó día seguinte, a multitude que quedara do outro lado do mar viu que a barca pequena que había alí xa non estaba, pero Xesús non subira nela cos seus discípulos. Eles marcharan de alí sós. 23  Entón, unhas barcas de Tiberíades chegaron cerca do sitio onde a xente comera o pan despois de que o Señor lle dese grazas a Deus. 24  Por iso, cando a multitude viu que nin Xesús nin os seus discípulos estaban alí, subiron ás barcas e foron a Capernaúm para buscar a Xesús. 25  Cando o encontraron ó outro lado do mar, preguntáronlle: “Rabí, cando chegaches aquí?”. 26  Xesús contestoulles: “De verdade vos aseguro que non me buscades porque vísedes milagres, senón porque comestes dos pans ata que xa non tivestes máis fame. 27  Non traballedes polo alimento que se bota a perder, senón polo que non se estraga e dá vida eterna. O Fillo do Home daravos ese alimento, porque o Pai, Deus mesmo, púxolle a el o seu selo de aprobación”. 28  Entón preguntáronlle: “Que debemos facer para que Deus nos aprobe?”. 29  E Xesús contestoulles: “Isto é o que Deus aproba: que demostredes fe naquel que el enviou”. 30  Eles dixéronlle: “E que sinal farás para que poidamos velo e te creamos? Que milagre vas facer? 31  Os nosos antepasados comeron o maná no deserto, tal e como está escrito: ‘Deulles de comer pan do ceo’”. 32  Entón Xesús díxolles: “De verdade vos aseguro que Moisés non vos deu o pan do ceo. É meu Pai quen vos dá o verdadeiro pan do ceo. 33  Porque o pan de Deus é aquel que baixou do ceo e que lle dá vida ó mundo”. 34  Así que eles dixéronlle: “Señor, dános sempre dese pan”. 35  Xesús díxolles: “Eu son o pan da vida. Quen chegue a ser o meu seguidor* non terá fame nunca máis, e quen demostre que ten fe en min non terá sede nunca máis. 36  Pero, como xa vos dixen, vós vístesme e aínda así non credes. 37  Todos aqueles que me entrega meu Pai serán os meus seguidores*​, e eu non rechazarei nunca a quen sexa o meu seguidor*​. 38  Porque non baixei do ceo para facer a miña vontade, senón para facer a vontade do que me enviou. 39  Esta é a vontade do que me enviou: que non perda ningún dos que me entregou, senón que os resucite no último día. 40  Porque a vontade do meu Pai é que todo o que acepte ó Fillo e demostre que ten fe nel teña vida eterna. E eu resucitareino no último día”. 41  Entón os xudeus puxéronse a murmurar del porque dixera: “Eu son o pan que baixou do ceo”. 42  E empezaron a dicir: “Pero este non é Xesús, o fillo de Xosé? E logo non coñecemos o seu pai e a súa nai? Como é que agora di ‘Eu baixei do ceo’?”. 43  Así que Xesús díxolles: “Deixade de murmurar entre vós. 44  Ninguén pode ser o meu seguidor* a non ser que o Pai, que me enviou, o acerque a min. E eu resucitareino no último día. 45  Está escrito nos Profetas*​: ‘Todos serán ensinados por Xehová*​’. Todo aquel que escoita o Pai e aprende del chega a ser o meu seguidor*​. 46  Isto non quere dicir que alguén vise o Pai. O único que viu ó Pai é o que vén de Deus. 47  De verdade vos aseguro que o que cre terá vida eterna. 48  ”Eu son o pan da vida. 49  Os vosos antepasados comeron o maná no deserto, e aínda así morreron. 50  Este é o pan que baixa do ceo, para que o que coma del non morra. 51  Eu son o pan vivo que baixou do ceo. Se alguén come deste pan, vivirá para sempre. De feito, o pan que vou dar para que o mundo viva é a miña carne”. 52  Entón os xudeus puxéronse a discutir entre eles e a dicir: “Como pode este home darnos de comer a súa carne?”. 53  Así que Xesús díxolles: “De verdade vos aseguro que se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida*​. 54  Quen come a miña carne e bebe o meu sangue terá vida eterna, e eu resucitareino no último día. 55  Porque a miña carne é a verdadeira comida e o meu sangue é a verdadeira bebida. 56  Quen come a miña carne e bebe o meu sangue mantense unido a min, e eu mantéñome unido a el. 57  O Pai que vive envioume, e eu vivo grazas ó Pai. Da mesma maneira, quen coma a miña carne vivirá grazas a min. 58  Este é o pan que baixou do ceo. Non é coma o que comeron os vosos antepasados, que acabaron morrendo. Quen coma este pan vivirá para sempre”. 59  Xesús dixo todo isto mentres ensinaba nunha sinagoga* de Capernaúm. 60  Cando escoitaron isto, moitos dos seus discípulos dixeron: “Isto que está dicindo é inaceptable! Non queremos escoitalo”. 61  Pero Xesús, que sabía que os seus discípulos estaban murmurando sobre isto, díxolles: “Oféndevos isto? 62  Entón que pasaría se vísedes o Fillo do Home subir a onde estaba antes? 63  O que dá vida é o espírito, a carne non vale para nada. As palabras que vos dixen están de acordo co espírito santo e dan vida*​. 64  Pero entre vós hai algúns que non cren”. Xesús dixo isto porque sabía desde o principio quen eran os que non crían e quen era o que o ía traizoar. 65  E seguiu dicindo: “Por iso vos dixen que ninguén pode ser o meu seguidor* a non ser que o Pai llo permita”. 66  Esta foi a razón pola que moitos dos seus discípulos volveron ás cousas que deixaran atrás e xa non o seguían. 67  Así que Xesús preguntoulles ós Doce: “Vós non queredes marchar tamén, non?”. 68  Simón Pedro contestoulle: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras que levan á vida eterna. 69  Nós cremos e sabemos que ti es o Santo de Deus”. 70  E Xesús contestoulles: “Eu escollinvos a vós os Doce, non? Pero un de vós é un calumniador*”. 71  Estaba falando de Xudas, o fillo de Simón Iscariote, porque o ía traizoar aínda que era un dos Doce.

Notas ó pé

Lit. “sinais”, neste versículo e no resto do capítulo.
Lit. “uns 25 ou 30 estadios”. Un estadio equivalía a 185 m.
Lit. “veña a min”.
Lit. “virán a min”.
Lit. “veña a min”.
Lit. “vir a min”.
Lit. “vén a min”.
Lit. “vida en vós mesmos”.
Ou quizais “asemblea pública”.
Ou “son espírito e son vida”.
Lit. “vir a min”.
A palabra grega orixinal é diábolos.