As boas noticias segundo Xoán 9:1-41
9 Mentres ía camiñando, Xesús viu un home que nacera cego.
2 E os seus discípulos preguntáronlle: “Rabí, quen pecou para que este home nacese cego? El ou os seus pais?”.
3 Xesús contestoulles: “Non pecaron nin el nin os seus pais. No seu caso, isto pasou para que se vexa claramente o que Deus pode facer.
4 Temos que facer a vontade* do que me enviou mentres sexa de día, porque está chegando a noite e ninguén poderá traballar.
5 Mentres eu estea no mundo, eu son a luz do mundo”.
6 Despois de dicir isto, cuspiu na terra e fixo barro coa saliva. Entón colleu o barro, púxollo nos ollos ó home
7 e díxolle “Vaite lavar no estanque de Siloam” (que traducido significa “enviado”). Así que el foi e lavouse, e cando volveu xa podía ver.
8 Os veciños e os que sempre o viran mendigando puxéronse a dicir: “Este non é o home que se sentaba a pedir?”.
9 Uns dicían: “Si que é el”. Outros dicían: “Non é el, pero paréceselle”. E o home dicía: “Si que son eu”.
10 Así que eles preguntáronlle: “E logo como é que agora podes ver?”.
11 El contestoulles: “O home que se chama Xesús fixo barro, púxomo nos ollos e díxome: ‘Vaite a Siloam e lávate’. E eu fun, laveime e empecei a ver”.
12 Entón preguntáronlle: “Onde está ese home?”. E el respondeu: “Non sei”.
13 Eles levaron o home que fora cego onda os fariseos.
14 Por certo, o día que Xesús fixo o barro e curou* aquel home era sábado.
15 Así que os fariseos tamén se puxeron a preguntarlle como chegara a ver, e el díxolles: “Púxome barro nos ollos, laveime e agora podo ver”.
16 Entón algúns fariseos empezaron a dicir: “Este home non vén de Deus, porque non respecta o sábado”. E outros dicían: “Pero como pode un pecador facer estes milagres*?”. Así que non se poñían de acordo.
17 Por iso, volvéronlle a preguntar ó cego: “Xa que foi a ti a quen te curou*, ti que dis del?”. E o home contestoulles: “É un profeta”.
18 Pero os xudeus non crían que antes ese home fose cego e agora puidese ver, ata que chamaron ós seus pais.
19 E preguntáronlles: “É este o voso fillo, o que dicides que naceu cego? Entón, como é que agora pode ver?”.
20 Os seus pais contestáronlles: “Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego.
21 Pero non sabemos como é que agora pode ver nin tampouco quen o curou*. Preguntádello a el, que xa é maior de idade e pode falar por si mesmo”.
22 Os seus pais contestaron así polo medo ós xudeus, porque os xudeus xa se puxeran de acordo para botar* da sinagoga a calquera que recoñecese a Xesús como Cristo.
23 Por iso os seus pais dixeron que xa era maior de idade e que llo preguntasen a el.
24 Así que chamaron por segunda vez o home que fora cego e dixéronlle: “Di a verdade diante de Deus*. Nós sabemos que ese home é un pecador”.
25 El contestoulles: “Eu non sei se é un pecador ou non. O que si sei é que eu antes era cego e agora vexo”.
26 Entón preguntáronlle: “Que che fixo? Como te curou*?”.
27 El contestoulles: “Xa volo dixen, pero non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Seica queredes facervos discípulos del tamén?”.
28 Cando oíron isto, dixéronlle con desprezo: “Ti es discípulo dese home, pero nós somos discípulos de Moisés.
29 Sabemos que Deus lle falou a Moisés, pero non sabemos de onde saíu este home”.
30 O home que fora cego respondeulles: “Pois isto si que é incrible! Resulta que el me curou* e vós non sabedes de onde saíu.
31 Todos sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero si que escoita a quen o teme* e fai a súa vontade.
32 Nunca antes se escoitou que ninguén curase* a alguén que nacese cego.
33 Se este home non viñese de Deus, non podería facer nada”.
34 Entón dixéronlle: “Ti naciches cheo de pecado, e pretendes darnos leccións a nós?”. E botárono fóra*.
35 Xesús escoitou que o botaran e, cando o encontrou, preguntoulle: “Tes fe no Fillo do Home?”.
36 El contestoulle: “Señor, e quen é? Dimo para que poida ter fe nel”.
37 Xesús respondeulle: “Xa o viches. De feito, estás falando con el”.
38 Entón el dixo: “Teño fe en ti, Señor”. E inclinouse diante del*.
39 E Xesús dixo: “Vin a este mundo para que a xente sexa xulgada, para que os que non ven poidan ver e os que ven queden cegos”.
40 Os fariseos que estaban alí con el escoitaron isto e preguntáronlle: “E logo pensas que nós tamén estamos cegos?”.
41 Xesús contestoulles: “Se fósedes cegos non seriades culpables de pecado. Pero como dicides que vedes, seguides sendo culpables de pecado”.
Notas ó pé
^ Lit. “as obras”.
^ Lit. “lle abriu os ollos a”.
^ Lit. “sinais”.
^ Lit. “lle abriu os ollos”.
^ Lit. “lle abriu os ollos”.
^ Cando se botaba alguén da sinagoga, esa persoa xa non podía ter ningunha relación coa comunidade xudía.
^ Lit. “Dálle gloria a Deus”.
^ Lit. “che abriu os ollos”.
^ Lit. “me abriu os ollos”.
^ Lit. “lle abrise os ollos”.
^ Ou “rendeulle homenaxe”.