Feitos dos Apóstolos 11:1-30
11 Os apóstolos e os irmáns que estaban en Xudea escoitaron que tamén había xente das nacións que aceptara a palabra de Deus.
2 Por iso, cando Pedro chegou a Xerusalén, os que defendían a circuncisión* empezaron a discutir con el*,
3 e dicíanlle: “Entraches na casa de homes que non están circuncidados e comiches con eles”.
4 Así que Pedro púxose a explicarlles con detalle o que pasara. Díxolles:
5 “Mentres estaba orando na cidade de Xope*, tiven unha visión. Vin algo parecido a unha tea grande de liño colgada polas catro puntas que baixaba do ceo e chegaba xusto onda min.
6 Cando me fixei, vin que enriba dela había animais terrestres de catro patas, animais salvaxes, réptiles* e aves do ceo.
7 Tamén oín unha voz que me dixo: ‘Pedro, levántate! Mata un animal e come!’.
8 Pero eu respondinlle: ‘Non, Señor, non podo facelo. Na miña boca nunca entrou nada contaminado ou impuro’.
9 Entón, a voz do ceo falou por segunda vez e dixo: ‘Deixa de chamarlles contaminadas ás cousas que Deus limpou*’.
10 A voz falou por terceira vez e todo volveu para o ceo.
11 Xusto nese momento, tres homes que enviaran a buscarme desde Cesarea chegaron á casa na que estabamos aloxados.
12 O espírito santo díxome que non tivese dúbidas de ir con eles. Estes seis irmáns tamén foron comigo, e entramos na casa de Cornelio.
13 ”El contounos que vira un anxo na súa casa e que lle dixera: ‘Manda algúns homes a Xope para que vaian buscar a Simón, a quen lle chaman Pedro.
14 E el vaiche dicir o que tedes que facer ti e os da túa casa para salvarvos’.
15 Pero, cando eu estaba empezando a falar, o espírito santo baixou sobre eles igual que baixara sobre nós ó principio.
16 Nese momento, acordeime do que o Señor dixera máis dunha vez: ‘Xoán bautizou con auga, pero a vós bautizaranvos con espírito santo’.
17 Así que, se Deus lles estaba dando a eles o mesmo regalo que nos deu a nós, que cremos no Señor Xesucristo, quen era eu para ir en contra de Deus*?”.
18 Cando os irmáns oíron todas estas cousas, deixaron de discutir con Pedro*, déronlle gloria a Deus e dixeron: “Está claro! Deus tamén lle deu á xente das nacións a oportunidade de arrepentirse e recibir vida*”.
19 Os discípulos que foran dispersados pola persecución que empezara despois da morte de Esteban chegaron ata Fenicia, Chipre e Antioquía, pero só lles predicaban a mensaxe ós xudeus.
20 Aínda así, entre eles houbo algúns homes de Chipre e de Cirene que foron a Antioquía e que empezaron a falar coas persoas de fala grega e a anunciarlles as boas noticias do Señor Xesús.
21 De feito, a man de Xehová* estaba con eles, e moitos fixéronse crentes e empezaron a seguir o Señor.
22 A noticia chegou a oídos da congregación de Xerusalén, e eles mandaron a Bernabé para Antioquía.
23 Cando Bernabé chegou e viu como Deus lles mostrara bondade inmerecida ós discípulos, alegrouse moito e animounos a que seguisen sendo leais ó Señor con todo o corazón,
24 porque era un home bo que estaba cheo de espírito santo e fe. E unha gran multitude empezou a crer no Señor.
25 Así que Bernabé foi a Tarso e buscou a Saulo por todas partes.
26 Cando o encontrou, levouno a Antioquía. E durante todo un ano reuníronse coa congregación e ensináronlle a unha multitude bastante grande. En Antioquía foi onde, mediante a guía de Deus, ós discípulos se lles chamou cristiáns* por primeira vez.
27 Por aqueles días, algúns profetas baixaron de Xerusalén a Antioquía.
28 Un deles, que se chamaba Ágabo, profetizou coa axuda do espírito santo que estaba a punto de vir unha época de moita fame por toda a terra*. De feito, esa foi a fame que houbo nos tempos de Claudio.
29 Así que os discípulos decidiron enviarlles axuda* ós irmáns que vivían en Xudea, cada un segundo as súas posibilidades.
30 E así o fixeron. Mandáronlles a axuda ós anciáns mediante Bernabé e Saulo.
Notas ó pé
^ Ou “criticalo”.
^ Ou “Xafa”.
^ Ou “animais que se arrastran”.
^ Ou “purificou”.
^ Ou “para interpoñerme no camiño de Deus”.
^ Lit. “calaron”.
^ Refírese á vida eterna.
^ Ou “terra habitada”.
^ Ou “un ministerio de socorro”.