Feitos dos Apóstolos 15:1-41

  • Discusión en Antioquía sobre a circuncisión (1, 2)

  • Exponse o asunto en Xerusalén (3-5)

  • Os anciáns e os apóstolos reúnense (6-21)

  • Carta do consello reitor (22-29)

  • A carta anima as congregacións (30-35)

  • Paulo e Bernabé sepáranse (36-41)

15  Entón uns homes baixaron de Xudea e puxéronse a ensinarlles ós irmáns: “Se non vos circuncidades de acordo coa Lei de Moisés, non poderedes salvarvos”. 2  Pero Paulo e Bernabé non estaban de acordo con eles. Así que, despois de moito discutir, fixéronse plans para que Paulo, Bernabé e algúns irmáns subisen a Xerusalén para falar deste asunto cos apóstolos e cos anciáns. 3  A congregación acompañounos durante unha parte do camiño. Despois, eles seguiron a viaxe e pasaron por Fenicia e Samaria. Tódolos irmáns alegrábanse moitísimo cando lles contaban en detalle como as persoas das nacións se facían crentes. 4  Cando chegaron a Xerusalén, a congregación, os apóstolos e os anciáns recibíronos amablemente, e eles contáronlles tódalas cousas que Deus fixera mediante eles. 5  Pero algúns membros do grupo* dos fariseos que se fixeran crentes levantáronse dos seus asentos e dixeron: “Hai que circuncidalos e mandarlles que obedezan a Lei de Moisés”. 6  Entón, os apóstolos e os anciáns reuníronse para tratar este asunto. 7  Despois dunha intensa e longa discusión, Pedro levantouse e díxolles: “Irmáns, como xa sabedes, Deus escolleume de entre todos vós desde o principio para que a xente das nacións escoitase da miña boca a mensaxe das boas noticias e crese. 8  E Deus, que coñece os corazóns, demostrou que os aceptaba dándolles o espírito santo, igual que nolo deu a nós. 9  El non fixo ningunha diferenza entre eles e nós. En vez diso, purificou os seus corazóns pola fe que tiñan. 10  Entón, por que poñedes a proba a Deus obrigando a estes discípulos a levar un xugo que nin os nosos antepasados nin nós puidemos levar? 11  Máis ben, nós temos fe en que se nos salva mediante a bondade inmerecida do Señor Xesús, igual que a eles”. 12  Cando oíron isto, todos quedaron calados e puxéronse a escoitar a Bernabé e a Paulo. Eles contáronlles tódolos milagres e cousas impresionantes que Deus fixera mediante eles entre a xente das nacións. 13  Cando acabaron de falar, Santiago dixo: “Irmáns, escoitádeme. 14  Simeón contounos con todo detalle como foi a primeira vez que Deus se fixou nas nacións para sacar de entre elas un pobo para o seu nome. 15  Isto está de acordo co que escribiron os Profetas: 16  ‘Despois destas cousas volverei e levantarei outra vez a tenda* de David que está caída. Reconstruirei as súas ruínas e restaurareina, 17  para que os que queden busquen a Xehová* con tódalas súas forzas xunto con xente de tódalas nacións, persoas ás que se lles chama polo meu nome. Isto é o que di Xehová*​, quen está cumprindo estas cousas 18  que se saben desde hai moito tempo’. 19  Por iso, eu opino* que non hai que poñerlle obstáculos á xente das nacións que quere servir a Deus. 20  En vez diso, hai que escribirlles que se absteñan de cousas contaminadas polos ídolos, de inmoralidade sexual*​, de animais estrangulados* e de sangue. 21  Porque desde tempos antigos houbo persoas que predicaron sobre Moisés en cada cidade. De feito, as cousas que el escribiu lense tódolos sábados en voz alta nas sinagogas”. 22  Así que os apóstolos e os anciáns, xunto con toda a congregación, decidiron escoller algúns homes de entre eles e mandalos a Antioquía con Paulo e Bernabé. Enviaron a Xudas, a quen tamén lle chamaban Barsabás, e a Silas, que eran homes con grandes responsabilidades entre os irmáns. 23  Isto foi o que escribiron e mandaron mediante eles: “De parte dos vosos irmáns, tanto dos apóstolos como dos anciáns, ós irmáns de Antioquía, Siria e Cilicia que son das nacións: Saúdos! 24  Chegou ós nosos oídos que algúns irmáns de aquí foron onda vós sen que nós lles mandásemos, e que vos causaron problemas co que dixeron e intentaron confundirvos. 25  Así que decidimos de maneira unánime escoller algúns homes e mandárvolos cos nosos queridos Bernabé e Paulo. 26  Os dous renunciaron ás súas vidas polo nome do noso Señor Xesucristo. 27  Mandámosvos a Xudas e a Silas para que tamén poidades escoitar estas mesmas cousas da súa boca. 28  Porque mediante o espírito santo chegamos á conclusión de non impoñervos máis cargas, excepto estas cousas necesarias: 29  que vos absteñades de cousas sacrificadas a ídolos, de sangue, de animais estrangulados* e de inmoralidade sexual*​. Se evitades por completo estas cousas, iravos ben. Recibide os nosos saúdos!*”. 30  Despois de despedirse, estes homes baixaron a Antioquía. Alí xuntaron a tódolos discípulos e entregáronlles a carta. 31  Cando a leron, puxéronse moi contentos polo ánimo que recibiron. 32  E como Xudas e Silas tamén eran profetas, animaron e fortaleceron os irmáns con moitos discursos. 33  Despois de pasar un tempo alí, os irmáns desexáronlles que tivesen boa viaxe e eles volveron a Xerusalén. 34  —* 35  Pero Paulo e Bernabé quedaron en Antioquía ensinando e predicando con moitos outros as boas noticias da palabra de Xehová*​. 36  Uns días despois, Paulo díxolle a Bernabé: “Volvamos* a visitar os irmáns de tódalas cidades onde predicamos a palabra de Xehová* para ver como están”. 37  Bernabé insistía en levar con eles a Xoán, a quen lle chamaban Marcos. 38  Pero Paulo non quería levalo, porque se separara deles en Panfilia e non os acompañara na obra de predicar. 39  Isto provocou unha discusión tan grande que cada un marchou polo seu lado. Bernabé colleu a Marcos e embarcou para Chipre. 40  Paulo escolleu a Silas e, despois de que os irmáns lle pedisen a Xehová* que lles demostrase a súa bondade inmerecida, marchou 41  e pasou por Siria e Cilicia fortalecendo as congregacións.

Notas ó pé

Ou “da seita”. Ver glosario seita.
Ou “casa”.
Ou “a miña decisión é”.
En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “de animais mortos que non fosen desangrados”.
Ou “de animais mortos que non fosen desangrados”.
En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “Que teñades boa saúde!”, “Adeus!”.
Este versículo non aparece en varios dos manuscritos gregos antigos importantes e parece ser que non forma parte das Escrituras inspiradas.
Ou quizais “Volvamos sen falta”.