Feitos dos Apóstolos 20:1-38

  • Paulo en Macedonia e Grecia (1-6)

  • Paulo resucita a Eutico en Troas (7-12)

  • Viaxe desde Troas ata Mileto (13-16)

  • Paulo reúnese cos anciáns de Éfeso (17-38)

    • Predicación de casa en casa (20)

    • “Hai máis felicidade en dar” (35)

20  Cando a xente se calmou, Paulo mandou chamar os discípulos. Animounos, despediuse deles e marchou para Macedonia. 2  Despois de pasar por aquelas rexións e de darlles moito ánimo ós discípulos que había naquela zona, chegou a Grecia. 3  Pasou tres meses alí. Pero cando estaba a punto de embarcarse para Siria, os xudeus tramaron unha conspiración contra el, así que decidiu volver por Macedonia. 4  Ían con el Sópater o fillo de Pirro, de Berea; Aristarco e Segundo, de Tesalónica; Gaio, de Derbe; Timoteo e, da provincia de Asia, Tíquico e Trófimo. 5  Eles foron diante de nós e esperáronnos en Troas. 6  Nós embarcamos en Filipos despois da Festa dos Pans Sen Fermento e ós cinco días alcanzámolos en Troas. Alí pasamos sete días. 7  O primeiro día da semana, cando estabamos reunidos para comer, Paulo empezou a falar con tódolos que estaban alí, porque ía marchar ó día seguinte. O seu discurso durou ata medianoite, 8  e por iso había moitas lámpadas no cuarto de arriba onde estabamos reunidos. 9  Un rapaz que se chamaba Eutico estaba sentado na ventá e, mentres Paulo falaba, quedou profundamente durmido e caeu desde o terceiro piso. Cando foron onda el, estaba morto. 10  Pero Paulo baixou polas escaleiras, púxose enriba del, abrazouno e dixo: “Tranquilos, o rapaz está vivo”. 11  Despois Paulo volveu a subir, partiu o pan e empezou a comer. Entón seguiu falando bastante tempo, ata que se fixo de día, e marchou. 12  A xente levou o rapaz vivo para a casa e sentíronse moi felices porque fora resucitado. 13  Nós collemos o barco e navegamos rumbo a Assos. Alí quedaramos en recoller a Paulo, tal e como nos dixera, porque el quería ir ata alí a pé. 14  Cando Paulo se encontrou con nós en Assos, subiu ó barco e fomos a Mitilene. 15  Ó día seguinte marchamos de alí e paramos á altura da illa de Quíos. Ó outro día fixemos unha parada breve en Samos e, ó seguinte, chegamos a Mileto. 16  Paulo decidira non parar en Éfeso para non pasar máis tempo na provincia de Asia, porque tiña présa por chegar a Xerusalén. Quería intentar estar alí para o día da Festa de Pentecostés. 17  Desde Mileto, mandou unha mensaxe a Éfeso para facer vir os anciáns da congregación. 18  Cando chegaron, Paulo díxolles: “Vós ben sabedes como actuei cando estiven con vós desde o primeiro día que pisei a provincia de Asia. 19  Servín o Señor como escravo con toda humildade, e chorei e sufrín probas debido ás conspiracións dos xudeus. 20  Aínda así, non deixei de dicirvos nada que fose para o voso ben nin de ensinarvos en público e de casa en casa. 21  Todo o contrario. Deilles un testemuño completo tanto a xudeus coma a gregos para que se arrepentisen, se volvesen a Deus e tivesen fe no noso Señor Xesús. 22  E agora, guiado polo espírito santo, vou para Xerusalén, aínda que non sei o que me vai pasar alí. 23  Só sei que en cada cidade o espírito santo non deixa de avisarme* de que me van meter no cárcere e que vou pasar por dificultades. 24  Pero a miña vida non ten ningún valor para min*​, con tal de que acabe a miña carreira e cumpra o ministerio que me deu o Señor Xesús de dar un testemuño completo das boas noticias da bondade inmerecida de Deus. 25  ”Prediqueivos a mensaxe do Reino de Deus, pero agora sei que ningún de vós me vai volver a ver. 26  Por iso vos chamei, para que hoxe sexades testemuñas de que estou limpo do sangue de todo home, 27  porque nunca deixei de anunciarvos toda a vontade* de Deus. 28  Coidádevos vós mesmos e coidade de todo o rabaño. Porque o espírito santo nomeouvos superintendentes para pastorear a congregación de Deus, que el comprou co sangue do seu propio Fillo. 29  Sei que, cando marche, meteranse entre vós lobos feroces que non tratarán o rabaño con cariño. 30  E que de entre vós sairán homes que dirán cousas retorcidas para arrastrar os discípulos e levalos detrás deles. 31  ”Así que, mantédevos despertos e recordade que durante tres anos, de día e de noite, non deixei de aconsellarvos con lágrimas a cada un de vós. 32  Agora déixovos nas mans de Deus e da mensaxe da súa bondade inmerecida. Esta mensaxe pode facervos fortes* e darvos a herdanza que Deus lles dá ós santos. 33  Non quixen nin prata, nin ouro, nin a roupa de ninguén. 34  Vós sabedes que estas mans traballaron para conseguir o que facía falta para min e para os que me acompañaban. 35  Demostreivos en tódalas cousas que tedes que traballar duro para axudar ós que o necesitan* e que debedes recordar estas palabras que dixo o Señor Xesús: ‘Hai máis felicidade en dar que en recibir’”. 36  E despois de dicir estas cousas, Paulo púxose de xeonllos con todos eles e orou. 37  Entón, todos se puxeron a chorar e empezaron a darlle abrazos e bicos con cariño 38  porque estaban moi tristes, sobre todo polo que dixera de que non volverían a velo. Despois, foron con el ata o barco.

Notas ó pé

Ou “o espírito santo dá testemuño”.
Ou “a miña propia alma non me importa”.
Ou “todo o propósito”.
Ou “edificarvos”.
Ou “ós que son débiles”.