Feitos dos Apóstolos 21:1-40
21 Despois de separarnos deles con moita pena, embarcamos e fomos directos para Cos. Ó día seguinte fomos a Rodas, e de alí a Pátara.
2 Cando encontramos un barco que ía para Fenicia, subimos a bordo e saímos para alí.
3 Vimos ó lonxe a illa de Chipre. Deixámola á esquerda e seguimos navegando cara a Siria. Despois fixemos escala en Tiro, onde o barco tiña que deixar o seu cargamento.
4 Alí buscamos os discípulos e, cando os encontramos, quedamos sete días con eles. Pero, polo que sabían grazas ó espírito santo, dicíanlle seguido a Paulo que non puxese un pé en Xerusalén.
5 Cando pasaron eses días, seguimos a nosa viaxe. Tódolos discípulos, xunto coas mulleres e os nenos, acompañáronnos ata fóra da cidade. Entón puxémonos de xeonllos na praia, oramos
6 e despedímonos. Despois subimos ó barco e eles volveron para as súas casas.
7 Desde Tiro navegamos ata Tolemaida. Alí saudamos os irmáns e quedamos durante un día con eles.
8 Saímos ó día seguinte e chegamos a Cesarea. Fomos á casa de Felipe o evanxelizador, que era un dos sete homes*, e quedamos con el.
9 Felipe tiña catro fillas solteiras* que profetizaban.
10 Despois de botar alí bastantes días, baixou de Xudea un profeta que se chamaba Ágabo.
11 El veu onda nós, colleu o cinto de Paulo, atouse con el os pés e as mans e dixo: “Isto é o que di o espírito santo: ‘Así é como os xudeus van atar o dono deste cinto en Xerusalén, e entregarano nas mans de xente das nacións’”.
12 Cando escoitamos isto, tanto nós coma os demais que estaban alí puxémonos a suplicarlle a Paulo que non subise a Xerusalén.
13 Pero el contestou: “Por que chorades e intentades desanimarme? Podedes estar seguros de que non só estou listo para que me aten, senón tamén para morrer en Xerusalén polo nome do Señor Xesús”.
14 Como non puidemos convencelo, deixamos de insistir* e dixemos: “Que se faga a vontade de Xehová*”.
15 Despois disto, preparámonos e empezamos a viaxe a Xerusalén.
16 Algúns discípulos de Cesarea viñeron con nós e leváronnos á casa de Nasón de Chipre, un dos primeiros discípulos, para aloxarnos alí.
17 Cando chegamos a Xerusalén, os irmáns recibíronnos con alegría.
18 Ó día seguinte, Paulo foi con nós a ver a Santiago, e tamén estaban alí tódolos anciáns.
19 Paulo saudounos e púxose a contarlles en detalle tódalas cousas que Deus fixera entre as nacións mediante o seu labor de predicar.
20 Cando oíron isto, puxéronse a darlle gloria a Deus e despois dixéronlle a Paulo: “Irmán, sabes que hai moitos miles de crentes que son xudeus e que todos defenden a Lei* con moito entusiasmo.
21 Pero eles escoitaron rumores de que lles estás ensinando a tódolos xudeus que viven entre as nacións que deixen a Lei de Moisés, porque lles dis que non circunciden os seus fillos nin sigan os costumes ós que están tan apegados.
22 Entón, que imos facer? Está claro que van saber que chegaches.
23 Así que fai o que che imos dicir. Temos catro homes que fixeron un voto*.
24 Lévaos contigo, limpádevos cerimonialmente* e págalles os gastos para que poidan afeitar a cabeza. Así todo o mundo saberá que os rumores sobre ti non son certos, porque estás actuando correctamente e tamén estás obedecendo a Lei.
25 E ós crentes que son das nacións, xa lles enviamos por escrito a nosa decisión de que se absteñan de cousas sacrificadas a ídolos, de sangue, de animais estrangulados* e de inmoralidade sexual*”.
26 Ó día seguinte, Paulo colleu estes homes e limpáronse cerimonialmente. Despois entrou no templo para avisar de cando se acabarían os días da limpeza que indica a Lei e de cando se tería que presentar a ofrenda por cada un deles.
27 Cando estaban a punto de acabar os sete días, os xudeus de Asia vírono no templo e revolucionaron toda a multitude. Así que o colleron
28 e puxéronse a berrar: “Homes de Israel, axudádenos! Este é o home que vai por todas partes ensinándolle a todo o mundo cousas que van en contra do noso pobo, en contra da nosa Lei e en contra deste lugar. De feito, incluso meteu gregos no templo e contaminou este lugar santo”.
29 Dicían isto porque viran a Paulo pola cidade de Xerusalén con Trófimo, o efesio, e pensaban que o levara ó templo.
30 Entón, a cidade enteira revolucionouse. A xente chegou correndo ó templo, agarraron a Paulo, levárono a rastro fóra do templo e cerraron as portas inmediatamente.
31 Mentres intentaban matalo, avisouse o comandante do rexemento de que toda Xerusalén estaba revolucionada.
32 El xuntou enseguida un grupo de soldados e oficiais do exército e baixou correndo onda eles. Cando a xente os viu, deixaron de pegarlle a Paulo.
33 Entón o comandante militar acercouse, arrestouno e mandou que lle puxesen dúas cadeas. Despois preguntou quen era e que fixera.
34 Pero algúns da multitude berraban unha cousa e outros outra. Como había tanto barullo non podía aclarar o que pasara de verdade. Así que mandou que levasen a Paulo ó cuartel dos soldados.
35 Pero cando Paulo chegou ás escaleiras, os soldados tiveron que cargar con el pola violencia da multitude.
36 Porque a xente ía detrás deles e berraba: “Matádeo!”.
37 Cando estaban a punto de metelo no cuartel dos soldados, Paulo preguntoulle ó comandante militar: “Podo dicir algo?”. El respondeulle: “Falas grego?
38 E logo ti non es o exipcio que hai un tempo promoveu unha rebelión e levou 4000 sicarios* ó deserto?”.
39 Paulo díxolle: “En realidade son xudeu, cidadán de Tarso, unha cidade moi coñecida de Cilicia. Por iso, déixame falarlle ó pobo, por favor”.
40 Cando lle deu permiso, Paulo púxose de pé nas escaleiras e fíxolle xestos coa man ó pobo para que calase. Entón, houbo un gran silencio e el díxolles en hebreo:
Notas ó pé
^ Lit. “virxes”.
^ Lit. “gardamos silencio”.
^ É dicir, a Lei de Moisés.
^ Ou “de animais mortos que non fosen desangrados”.
^ Ou “asasinos”.