Feitos dos Apóstolos 22:1-30
22 “Irmáns e pais, escoitade o que teño que dicirvos na miña defensa”.
2 Cando oíron que lles falaba en hebreo, houbo un silencio aínda máis grande. Entón el seguiu dicindo:
3 “Eu son xudeu. Nacín en Tarso de Cilicia e educoume o propio* Gamaliel nesta cidade. Ensináronme a obedecer estritamente a Lei dos nosos antepasados e fun tan devoto de Deus como sodes vós hoxe.
4 Perseguín a morte os membros deste Camiño*, atando e metendo en prisión homes e mulleres,
5 tal como poden confirmar* o sumo sacerdote e toda a asemblea de anciáns. Eles déronme cartas para os líderes xudeus de Damasco, e eu fun a esa cidade para arrestar os membros do Camiño que había alí e traelos atados a Xerusalén para que os castigasen.
6 ”Pero durante a viaxe, cando xa estaba chegando a Damasco a iso do mediodía, de repente unha gran luz do ceo empezou a brillar arredor de min.
7 Entón caín ó chan e oín unha voz que me dicía: ‘Saulo, Saulo, por que me estás perseguindo?’.
8 Eu contesteille: ‘Señor, ti quen es?’. E el díxome: ‘Son Xesús o Nazareno, a quen estás perseguindo’.
9 Os homes que ían comigo viron a luz, pero non oíron a voz de quen me falaba.
10 Entón eu preguntei: ‘Señor, que teño que facer?’. El respondeume: ‘Levántate e vai a Damasco. Alí vanche dicir todo o que se decidiu que fagas’.
11 Como non vía nada por culpa do brillo daquela luz, os homes que estaban comigo leváronme da man ata Damasco.
12 ”Entón, un home que se chamaba Ananías, que obedecía fielmente a Lei e de quen falaban moi ben tódolos xudeus que vivían alí,
13 veu onda min, púxose de pé ó meu lado e díxome: ‘Saulo, irmán, recupera a vista!’. E, nese momento, mirei para arriba e puiden velo.
14 El díxome: ‘O Deus dos nosos antepasados escolleute para que coñezas a súa vontade e para que vexas o Xusto e escoites a voz da súa boca.
15 Porque el escolleute para que lles contes a todos as cousas que viches e oíches sobre el*.
16 Entón, a que esperas? Levántate, bautízate, lava os teus pecados e confía no seu nome*’.
17 ”E resulta que cando volvín a Xerusalén e estaba orando no templo, tiven unha visión.
18 E nela, vin o Señor que me dicía: ‘Apura e sae rápido de Xerusalén, porque aquí a xente non vai aceptar o teu testemuño sobre min’.
19 Entón eu díxenlle: ‘Señor, eles saben ben que eu ía de sinagoga en sinagoga metendo na prisión e dándolles golpes ós que crían en ti.
20 E mentres mataban a Esteban, a túa testemuña, eu estaba alí vixiando os mantos dos que o mataban, e estaba de acordo co que facían’.
21 Pero aínda así, el díxome: ‘Vai, porque te vou enviar a nacións que están lonxe’”.
22 Ata ese momento, a xente estábao escoitando. Pero entón puxéronse a berrar: “Acabade con ese home!* Non merece vivir!”.
23 Como non paraban de berrar e estaban axitando e lanzando os seus mantos e tirando terra ó aire,
24 o comandante militar mandou que metesen a Paulo no cuartel dos soldados. Tamén dixo que o interrogasen dándolle lategazos, porque quería saber exactamente por que a xente pedía a berros que o matasen.
25 Pero cando o estiraron para darlle os lategazos, Paulo díxolle ó oficial do exército que estaba alí: “Permite a lei darlle lategazos a un cidadán romano sen que fose condenado nun xuízo?”.
26 Cando escoitou isto, o oficial do exército foi a contarllo ó comandante militar e díxolle: “Que vas facer? Porque este home é romano”.
27 Así que o comandante militar foi onda Paulo e preguntoulle: “Dime, ti es romano?”. El respondeulle: “Si”.
28 Entón o comandante díxolle: “Eu tiven que pagar moitos cartos para comprar estes dereitos de cidadán”. E Paulo díxolle: “Pois eu téñoos de nacemento”.
29 Inmediatamente, os homes que ían interrogar e torturar a Paulo apartáronse del. E cando o comandante soubo que encadeara un cidadán romano, entroulle o medo.
30 Como quería saber exactamente por que o acusaban os xudeus, ó dia seguinte soltouno e mandou que se reunisen os sacerdotes principais e todo o Sanedrín. Entón fixo que Paulo baixase a onde estaban reunidos e púxoo diante deles.
Notas ó pé
^ Ou “educáronme ós pés de”.
^ Ou “do que poden dar testemuño”.
^ Ou “vas ser a súa testemuña para declarar diante de tódolos homes as cousas que viches e oíches”.
^ Ou “invoca o seu nome”.
^ Ou “Quitade da terra ese home!”.