Feitos dos Apóstolos 3:1-26

  • Pedro cura un home coxo que mendigaba (1-10)

  • Discurso de Pedro no Pórtico de Salomón (11-26)

    • “O tempo de que se restauren tódalas cousas” (21)

    • Un profeta coma Moisés (22)

3  Un día, Pedro e Xoán estaban subindo ó templo para a hora da oración, arredor das 3 da tarde*​. 2  Nese momento, tamén estaban levando un home coxo de nacemento ata a porta do templo chamada Fermosa. Poñíano alí cada día para que puidese mendigar* diante dos que entraban. 3  En canto viu que Pedro e Xoán estaban a punto de entrar no templo, empezou a pedirlles que lle desen algo. 4  Así que eles mirárono fixamente e Pedro díxolle: “Mira para nós”. 5  E el quedóuselles mirando esperando a que lle desen algo. 6  Pero Pedro díxolle: “Non teño nin prata nin ouro, pero vouche dar o que teño. No nome de Xesucristo o Nazareno, camiña!”. 7  Entón colleuno pola man dereita e levantouno. Nese momento, o home recuperou a forza nas pernas* e nos pés, 8  púxose de pé dun salto e empezou a andar. Despois entrou con eles no templo, andando, saltando e dándolle gloria a Deus. 9  E todos o viron camiñando e louvando a Deus. 10  Entón déronse conta de que el era o home que normalmente estaba sentado pedindo na Porta Fermosa do templo, e quedaron coa boca aberta e moi impresionados polo que lle pasara. 11  Mentres o home aínda seguía agarrando as mans de Pedro e de Xoán, a xente foi correndo onda eles, ata o que se lle chamaba o Pórtico de Salomón*​. Todos estaban totalmente sorprendidos. 12  Ó ver isto, Pedro díxolles: “Homes de Israel, por que vos sorprendedes tanto? Por que nos mirades coma se fixésemos que este home camiñase grazas ó noso poder ou pola nosa devoción a Deus? 13  O Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob, o Deus dos nosos antepasados, glorificou o seu Servo, Xesús, a quen vós entregastes e rechazastes ante Pilato, aínda que el decidira liberalo. 14  Si, vós rechazastes ese home santo e xusto, pedistes que soltasen un asasino 15  e matastes o Axente Principal da vida. Pero Deus levantouno de entre os mortos e nós somos testemuñas diso. 16  Por medio do seu nome e pola nosa fe no seu nome, este home que vedes e coñecedes recuperou a forza. A fe que temos por medio de Xesús fixo que este home que tedes diante quedase completamente curado. 17  Irmáns, xa sei que non sabiades o que faciades, igual que os vosos gobernantes. 18  Pero así cumpriuse o que Deus anunciara mediante tódolos profetas: que o seu Cristo sufriría. 19  ”Polo tanto, arrepentídevos e dade media volta* para que os vosos pecados sexan borrados, e así Xehová* fará vir tempos para recuperar as forzas e o ánimo. 20  E el enviará o Cristo que escolleu para vós: Xesús. 21  El debe esperar no ceo ata que chegue o tempo de que se restauren tódalas cousas que Deus anunciou mediante os seus profetas fieis no pasado. 22  De feito, Moisés dixo: ‘Xehová*​, o voso Deus, escollerá para vós un profeta coma min entre os vosos irmáns. Debedes escoitalo e facer todo o que vos diga. 23  E calquera* que non lle faga caso a ese Profeta será eliminado por completo do pobo de Deus’. 24  Tódolos profetas que falaron, de Samuel en diante, tamén anunciaron claramente estes días. 25  Vós sodes os fillos dos profetas e os herdeiros do pacto que Deus fixo cos vosos antepasados cando lle prometeu a Abrahán: ‘Mediante a túa descendencia tódalas familias da terra serán bendicidas’. 26  Despois de escoller o seu Servo, Deus envióuvolo primeiro a vós para bendicirvos apartándovos a cada un das vosas malas accións”.

Notas ó pé

Lit. “á hora novena”.
Ou “para que puidese pedir dádivas de misericordia”.
Ou “nos nocellos”, “nos nortellos”.
Ver glosario Pórtico de Salomón.
Ou “volvédevos”.
Ou “calquera alma”.