As boas noticias segundo Lucas 10:1-42
10 Despois disto, o Señor escolleu outros 70 discípulos e mandounos de dous en dous a tódolos lugares e cidades ós que despois tamén tiña pensado ir el.
2 Entón díxolles: “Realmente queda moita colleita por apañar, pero hai poucos traballadores. Así que rogádelle ó Dono da colleita que mande traballadores.
3 Ide, pero estade alerta! Estouvos enviando coma cordeiros no medio de lobos.
4 Non levedes unha bolsiña para os cartos nin unha bolsa con comida nin outro par de sandalias, e non saudedes a ninguén* polo camiño.
5 Cando entredes nunha casa, primeiro dicide: ‘Que esta casa teña paz’.
6 E se alí hai un amigo da paz, a paz que lle desexades quedará con el. Pero se non o hai, a paz volverá a vós.
7 Así que aloxádevos nesa casa e comede e bebede o que vos dean, porque o traballador merece a súa paga. Non andedes cambiándovos dunha casa a outra.
8 ”Ademais, cando entredes nunha cidade e vos reciban, comede o que vos ofrezan
9 e curade os enfermos que haxa alí, e dicídelles: ‘O Reino de Deus xa está cerca de vós’.
10 Pero cando entredes nunha cidade e non vos reciban, saíde ás rúas principais e dicide:
11 ‘Sacudimos incluso o po da vosa cidade que se nos pegou ós pés para que sirva de testemuño contra vós. Pero sabede que o Reino de Deus xa está cerca’.
12 Dígovos que ese día* será máis fácil de soportar para Sodoma que para esa cidade.
13 ”Pobre de ti, Corazín! Pobre de ti, Betsaida! Porque se as persoas de Tiro e Sidón visen os milagres que se fixeron nas vosas cidades, hai tempo que estarían arrepentidas, vestiríanse con tea de saco* e sentaríanse enriba da cinza*.
14 Por iso, o xuízo seralles máis fácil de soportar a Tiro e a Sidón que a vós.
15 E ti, Capernaúm, pensas que vas ser levantada* ata o ceo? Non, baixarás ata a Tumba*!
16 ”Quen vos escoita a vós tamén me escoita a min, e quen non vos fai caso a vós tampouco me fai caso a min. Ademais, quen non me fai caso a min tampouco lle fai caso ó que me enviou”.
17 Entón, os 70 discípulos volveron moi contentos e dixeron: “Señor, incluso os demos nos obedecen cando usamos o teu nome”.
18 E el díxolles: “Vexo a Satanás xa caído, coma un raio do ceo.
19 Mirade! Deivos autoridade para esmagar cos pés serpes e escorpións, e para vencer todo o poder do inimigo. E non haberá absolutamente nada que vos faga dano.
20 Pero non vos alegredes porque os espíritos vos obedezan. Máis ben, alegrádevos porque os vosos nomes foron escritos nos ceos”.
21 Nese momento, Xesús sentiu unha inmensa felicidade por medio do espírito santo e dixo: “Bendito sexas*, meu Pai, Señor do ceo e da terra, porque escondiches con coidado estas cousas dos intelectuais e dos sabios, e reveláchelas ós que son coma nenos. Si, meu Pai, porque quixeches facelo así”.
22 Tamén dixo: “Meu Pai entregoume tódalas cousas. O único que sabe quen é o Fillo é o Pai. E os únicos que saben quen é o Pai son o Fillo e aqueles ós que o Fillo queira revelarlles quen é o Pai”.
23 Entón, xirouse cara ós seus discípulos e díxolles en privado: “Felices os ollos que ven o que vós estades vendo.
24 Porque vos digo que moitos profetas e reis quixeron ver as cousas que vós estades vendo, pero non as viron, e quixeron oír as cousas que vós estades oíndo, pero non as oíron”.
25 Entón, un home que era experto na Lei levantouse para poñelo a proba e preguntoulle: “Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?”.
26 El díxolle: “Que está escrito na Lei? Que les nela?”.
27 O home contestoulle: “‘Ama a Xehová* o teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma*, con tódalas túas forzas e con toda a túa mente’ e ‘ama os demais* como te amas a ti mesmo’”.
28 Xesús díxolle: “Contestaches ben. Sigue facendo iso e conseguirás vida eterna”.
29 Pero como quería demostrar que era xusto, o home preguntoulle a Xesús: “Quen son en realidade ‘os demais’, os que teño que amar?*”.
30 Xesús respondeulle: “Un home baixaba de Xerusalén a Xericó e caeu nas mans duns ladróns que lle quitaron incluso a roupa, pegáronlle e marcharon deixándoo medio morto.
31 Cadrou que un sacerdote baixaba por ese mesmo camiño pero, cando viu o home, non parou e cruzou para o outro lado.
32 Pasou o mesmo cando un levita chegou alí e o viu, cruzou para o outro lado do camiño e tampouco parou.
33 Pero cando un samaritano que viaxaba por aquel camiño chegou onde estaba o home e o viu, compadeceuse moito del.
34 Entón acercóuselle, botoulle aceite e viño nas feridas, e vendoullas. Despois subiuno ó seu animal de carga, levouno a unha pousada* e coidouno.
35 Ó día seguinte, sacou dous denarios*, deullos ó dono da pousada e díxolle: ‘Coida del, e cando volva pagareiche todo o que gastes a maiores’”.
36 Entón Xesús preguntoulle: “Cal dos tres pensas que amou ó home* que caeu nas mans dos ladróns?”.
37 El contestoulle: “O que o tratou con compaixón*”. Entón Xesús díxolle: “Vai e fai ti o mesmo”.
38 Mentres continuaban a viaxe, Xesús entrou nunha aldea. Alí había unha muller que se chamaba Marta e que o aloxou na súa casa.
39 Ela tiña unha irmá que se chamaba María, que se sentou ós pés do Señor e quedou escoitando o que el dicía.
40 Pero Marta estaba distraída encargándose de moitas cousas. Entón acercouse a Xesús e díxolle: “Señor, e logo non che importa que miña irmá me deixase a min soa preparando todo? Dille que veña e que me axude”.
41 O Señor respondeulle: “Marta, Marta, estás inquieta e preocupada por moitas cousas,
42 pero necesítanse poucas cousas, ou só unha. María escolleu a mellor parte* e non se lle vai quitar”.
Notas ó pé
^ Ou “non abracedes a ninguén para saudalo”.
^ Ou “borralla”.
^ Ou “enxalzada”, “enaltecida”.
^ Ou “Lóuvote diante de todos”.
^ Ou “Quen é en realidade o meu próximo?”.
^ Ou “unha pensión”, “un albergue”.
^ Ou “se fixo próximo do”.
^ Lit. “misericordia”.
^ Lit. “boa porción”.