As boas noticias segundo Lucas 15:1-32

  • A comparación da ovella perdida (1-7)

  • A comparación da moeda perdida (8-10)

  • A comparación do fillo perdido (11-32)

15  Tódolos cobradores de impostos e os pecadores xuntábanse arredor de Xesús para escoitalo. 2  E tanto os fariseos coma os escribas murmuraban: “Este home lévase ben cos pecadores e come con eles”. 3  Entón Xesús púxolles esta comparación: 4  “Se algún de vós ten 100 ovellas e perde unha, quen non deixa as 99 no campo e vai buscar a que perdeu ata que a encontra? 5  Cando a encontra, súbea nos seus ombros cheo de alegría. 6  E cando chega á casa, chama os seus amigos e veciños, e dilles: ‘Alegrádevos comigo, porque encontrei a miña ovella, a que estaba perdida!’. 7  Da mesma maneira, dígovos que haberá máis felicidade no ceo por un pecador que se arrepinte que por 99 xustos que non necesitan arrepentirse. 8  ”Ou se unha muller ten 10 moedas de dracma* e perde unha, non prende unha luz e varre a súa casa buscándoa con coidado ata que a encontra? 9  E cando a encontra, chama as súas amigas e as veciñas, e dilles: ‘Alegrádevos comigo, porque atopei a moeda de dracma* que perdera!’. 10  Da mesma maneira, dígovos que os anxos de Deus alégranse moito cando un pecador se arrepinte”. 11  Entón seguiu dicindo: “Un home tiña dous fillos. 12  O máis novo díxolle ó seu pai: ‘Meu pai, dáme a miña parte da herdanza’. Así que el repartiu o que tiña entre os dous fillos. 13  Uns días despois, o fillo máis novo recolleu tódalas súas cousas e viaxou a un país que estaba lonxe. Alí malgastou a súa herdanza levando unha vida chea de excesos. 14  Cando xa o gastara todo, houbo unha fame moi grande naquel país e empezou a pasar necesidade. 15  Incluso se puxo a traballar para un home daquel país que o mandou a coidar porcos ós seus campos. 16  Tiña tanta fame que estaba desexando comer a comida* que comían os porcos, pero ninguén lle daba nada. 17  ”Cando recapacitou, dixo: ‘Meu pai ten moitos traballadores e teñen pan de sobra, e eu estou aquí morrendo de fame! 18  Vou marchar e volver á casa de meu pai, e voulle dicir: “Meu pai, pequei contra o ceo e contra ti. 19  Xa non merezo que me chamen fillo teu. Trátame coma a un dos teus traballadores”’. 20  Así que marchou e volveu á casa do seu pai. Cando aínda estaba lonxe, o pai viuno e sentiu moita compaixón por el. Botou a correr cara a el, abrazouno* e bicouno con cariño. 21  Entón o fillo díxolle: ‘Meu pai, pequei contra o ceo e contra ti. Xa non merezo que me chamen fillo teu’. 22  Pero o pai mandoulles ós escravos: ‘Rápido! Traede a mellor túnica e poñédella. Poñédelle tamén un anel na man e sandalias nos pés. 23  Ademais, traede o becerro cebado* e matádeo, para que comamos e celebremos que volveu. 24  Porque este fillo meu estaba morto e volveu a vivir, estaba perdido e foi encontrado’. E puxéronse a celebralo. 25  ”O fillo máis vello estaba no campo. Cando viña de volta e estaba cerca da casa, escoitou a música e o baile. 26  Por iso chamou a un dos criados e preguntoulle que estaba pasando. 27  El respondeulle: ‘É que teu irmán volveu. E teu pai matou o becerro cebado porque recuperou o seu fillo san e salvo’. 28  Pero o fillo máis vello indignouse e non quixo entrar. Entón o pai saíu e empezou a suplicarlle que entrase. 29  El contestoulle: ‘Mira, traballei para ti coma un escravo todos estes anos e non desobedecín nin unha soa vez as túas ordes. E aínda así, a min nunca me deches un cabrito para que o pasase ben comendo cos meus amigos. 30  Pero en canto chegou ese fillo teu que malgastou os teus bens coas prostitutas, mataches por el o becerro cebado’. 31  Entón o pai díxolle: ‘Meu fillo, ti sempre estiveches comigo, e todo o que teño é teu. 32  Pero temos que estar contentos e celebrar que teu irmán volveu, porque estaba morto e volveu a vivir, estaba perdido e foi encontrado’”.

Notas ó pé

Ou “as alfarrobas”. Froito comestible azucrado que é castaño por fóra e amarelo por dentro con sementes moi duras, e que se lle dá como alimento ó gando.
Ou “colgouse no seu pescozo”.
Ou “engordado”.