As boas noticias segundo Lucas 5:1-39
5 Nunha ocasión, Xesús estaba de pé á beira do lago de Xenesaret* e a multitude xuntouse arredor del para escoitar a palabra de Deus.
2 Xesús viu dúas barcas á beira do lago. Os pescadores baixaran delas e estaban limpando as redes.
3 El subiu a unha das barcas, que era de Simón, e pediulle que a apartase un pouco da beira. Entón sentouse e empezou a ensinarlles ás multitudes desde a barca.
4 Cando acabou de falar, díxolle a Simón: “Vai onde é máis fondo e botade alí as redes para pescar”.
5 Pero Simón respondeulle: “Mestre, traballamos toda a noite sen parar e non collemos nada. Pero porque ti o dis, baixarei as redes”.
6 E cando o fixeron, colleron tantos peixes que as redes empezaron a romper.
7 Entón fixéronlles xestos ós compañeiros da outra barca para que fosen a axudarlles. Eles foron e, entre todos, encheron de peixe as dúas barcas. Estaban tan cheas que empezaron a afundir.
8 Cando Simón Pedro viu isto, botouse ó chan diante de Xesús e díxolle: “Señor, apártate de min, porque son pecador”.
9 Porque el e os que estaban con el quedaran totalmente impresionados por todo o que pescaran.
10 E pasoulles o mesmo a Santiago e a Xoán, os fillos de Zebedeo, que eran socios de Simón. Pero Xesús díxolle a Simón: “Deixa de ter medo. A partir de agora serás pescador de homes*”.
11 Así que despois de levar as barcas á beira, deixárono todo e seguírono.
12 Noutra ocasión, estando Xesús nunha das cidades, resulta que había un home cheo de lepra. Cando viu a Xesús, botouse ó chan, baixou a cabeza e suplicoulle: “Señor, sei que se queres podes curarme*”.
13 Xesús estirou a man, tocouno e díxolle: “Si que quero. Queda limpo”. E a lepra desapareceu inmediatamente.
14 Entón, mandoulle ó home que non llo contase a ninguén. E díxolle: “Vai e preséntate diante do sacerdote, e fai unha ofrenda para a túa purificación, tal como mandou Moisés, para que os sacerdotes vexan que curaches*”.
15 Pero as noticias sobre Xesús estendéronse cada vez máis, e xuntábanse grandes multitudes para escoitalo e para que lles curase as súas enfermidades.
16 Xesús sacaba tempo a miúdo para ir a zonas apartadas a orar.
17 Un día, Xesús estaba ensinando nunha casa, e alí sentados había uns fariseos e uns mestres da Lei que viñeran de tódalas aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. Xehová* déralle poder a Xesús para curar os enfermos.
18 Entón, chegaron uns homes que levaban un paralítico nunha pequena cama portátil*. Intentaban metelo dentro da casa e poñelo diante de Xesús.
19 Pero como había tanta xente, non encontraban a maneira de entrar con el. Así que subiron á azotea e baixárono polo teito na cama portátil ata poñelo xusto no medio da xente, diante de Xesús.
20 Cando Xesús viu a fe que tiñan, díxolle ó paralítico: “Amigo, os teus pecados quédanche perdoados”.
21 Entón, os escribas e os fariseos empezaron a dicirse uns ós outros: “Quen é este que está blasfemando? Quen pode perdoar os pecados ademais de Deus?”.
22 Pero Xesús deuse conta do que pensaban e contestoulles: “Que estades razoando no voso corazón?
23 Que é máis fácil? Dicir ‘Os teus pecados quédanche perdoados’, ou dicir ‘Levántate e anda’, e que entón el se levante e camiñe?
24 Pois vouvos demostrar que o Fillo do Home* ten autoridade na terra para perdoar pecados”. Entón, díxolle ó paralítico: “Eu dígoche: levántate, colle a túa cama e vai para a túa casa”.
25 Inmediatamente, o home púxose de pé diante deles, colleu a cama na que estivera deitado e foi para a súa casa dándolle gloria a Deus.
26 E todos quedaron pasmados e tamén empezaron a darlle gloria a Deus. Estaban totalmente impresionados*, e dicían: “Que cousas tan marabillosas vimos hoxe!”.
27 Despois de todo isto, Xesús saíu de alí e viu un cobrador de impostos chamado Leví sentado na oficina onde se cobran os impostos, e díxolle: “Sígueme*”.
28 Leví levantouse, deixouno todo e seguiuno.
29 Despois, Leví organizou un gran banquete para recibir a Xesús na súa casa. Había moitos cobradores de impostos e outras persoas que estaban comendo* con eles.
30 Por iso os fariseos e os escribas empezaron a queixarse ós discípulos de Xesús e dixéronlles: “Por que comedes e bebedes cos cobradores de impostos e cos pecadores?”.
31 Xesús respondeulles: “Os que están sans non necesitan un médico, pero os enfermos si.
32 Non vin para chamar os xustos, senón os pecadores, para que se arrepintan”.
33 Eles dixéronlle: “Os discípulos de Xoán fan xaxún* a miúdo e tamén súplicas, e o mesmo fan os dos fariseos. Pero os teus comen e beben”.
34 Xesús contestoulles: “Vós non podedes facer que os amigos do noivo fagan xaxún mentres o noivo está con eles, non?
35 Pero chegarán os días nos que o noivo xa non estará con eles*, e eses días si que estarán tristes e farán xaxún”.
36 Tamén lles puxo esta comparación: “Ninguén corta un cacho dun manto novo para coserllo a unha peza de roupa vella. Se alguén o fixese, o remendo da tea nova rompería a vella e ademais as teas non combinarían.
37 Por outro lado, ninguén pon viño novo en odres vellos. Se alguén o fixese, o viño novo rebentaría os odres, derramaríase e os odres xa non servirían para nada.
38 Por iso, o viño novo debe poñerse en odres novos.
39 Despois de beber viño vello ninguén quere o novo, porque di: ‘O vello é bo’”.
Notas ó pé
^ É dicir, o mar de Galilea.
^ Ou “de persoas vivas”.
^ Lit. “limparme”.
^ Ou “para que lles sirva de testemuño ós sacerdotes”.
^ Ou “padiola”.
^ Ou “cheos de temor”.
^ Ou “reclinados á mesa”.
^ Lit. “nos que lles quitarán o noivo”.