As boas noticias segundo Lucas 9:1-62

  • Os Doce reciben instrucións para predicar (1-6)

  • Herodes pregúntase quen é Xesús (7-9)

  • Xesús alimenta a 5000 homes (10-17)

  • Pedro di que Xesús é o Cristo (18-20)

  • Xesús predí a súa morte (21, 22)

  • O que se espera dun verdadeiro discípulo de Xesús (23-27)

  • A transfiguración de Xesús (28-36)

  • Xesús cura un rapaz que estaba posuído por un demo (37-43a)

  • Volve a predicir a súa morte (43b-45)

  • Os discípulos discuten sobre quen é o maior (46-48)

  • “Quen non está na vosa contra está ó voso favor” (49, 50)

  • Unha aldea de Samaria rechaza a Xesús (51-56)

  • Como ser seguidor de Xesús (57-62)

9  Entón, Xesús reuniu os Doce e deulles poder e autoridade para expulsar tódolos demos, e para curar enfermidades. 2  Enviounos a predicar o Reino de Deus e a curar os enfermos. 3  E díxolles: “Non levedes nada para a viaxe, nin bastón*​, nin bolsa con comida, nin pan, nin cartos*​. Tampouco levedes roupa para cambiarvos*​. 4  Cando entredes nunha casa, aloxádevos nela ata que marchedes de alí. 5  Pero se a xente non vos recibe, sacudide o po dos pés* ó saír desa cidade para que sirva de testemuño contra eles*”. 6  Así que eles marcharon e foron de aldea en aldea anunciando as boas noticias e curando os enfermos por todas partes. 7  Resulta que Herodes*​, o gobernante do distrito*​, escoitou falar de todo o que estaba pasando. Estaba moi desconcertado porque algúns dicían que Xoán resucitara* de entre os mortos, 8  outros que volvera Elías e outros que resucitara* un dos profetas do pasado. 9  Herodes dicía: “Eu corteille a cabeza a Xoán. Entón, quen é este home do que escoito dicir todas estas cousas?”. Por iso quería velo. 10  Cando os apóstolos volveron, contáronlle a Xesús todo o que fixeran e el levounos a unha cidade chamada Betsaida para poder estar sós. 11  Pero as multitudes soubérono e seguírono. Xesús foi amable coa xente e púxose a falarlles do Reino de Deus, e curou os que o necesitaban. 12  Cando se estaba acabando o día, os Doce acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Dille á xente que marche para que vaian ás aldeas e ós campos que hai cerca e poidan buscar onde aloxarse e algo para comer, porque estamos nun sitio apartado”. 13  Pero el respondeulles: “Dádelles vós de comer”. Eles dixéronlle: “Só temos cinco pans e dous peixes, a non ser que vaiamos nós mesmos a comprar comida para toda esta xente”. 14  Alí había uns 5000 homes. Pero el díxolles ós seus discípulos: “Dicídelles que se senten en grupos dunhas 50 persoas”. 15  Iso foi o que fixeron e todos se sentaron. 16  Despois colleu os cinco pans e os dous peixes, mirou cara ó ceo e fixo unha oración*​. Entón partiunos e empezou a dárllelos ós discípulos para que os repartisen entre a xente. 17  Todos comeron e ninguén quedou con fame. Ó final, recolleron 12 cestas cos cachos que sobraron. 18  Máis tarde, cando Xesús estaba el só orando, acercáronselle os discípulos e el preguntoulles: “Quen di a xente que son eu?”. 19  Eles respondéronlle: “Uns din que es Xoán o Bautista, outros din que es Elías e outros din que es un dos profetas do pasado que resucitou*”. 20  Entón, el díxolles: “E vós? Quen dicides que son eu?”. Pedro contestou: “Ti es o Cristo de Deus”. 21  Entón faloulles seriamente e mandoulles que non llo dixesen a ninguén. 22  E tamén lles dixo: “O Fillo do Home ten que pasar por moitos sufrimentos e ten que ser rechazado polos anciáns, polos sacerdotes principais e polos escribas. Tamén ten que ser executado e resucitar* ó terceiro día”. 23  Despois empezou a dicirlles a todos: “Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo*​, que colla o seu madeiro de tortura* día tras día e que me siga constantemente. 24  Quen queira salvar a súa vida vaina perder, pero quen perda a súa vida por min é quen a vai salvar. 25  Porque, de que lle serve a alguén ganar o mundo enteiro se perde a súa vida ou se provoca a súa propia ruína? 26  Pois se alguén se avergonza de min e das miñas palabras, entón o Fillo do Home tamén se avergonzará del cando veña na súa gloria, na do Pai e na dos santos anxos. 27  Pero asegúrovos que algúns dos que están aquí non morrerán sen antes ver o Reino de Deus”. 28  De feito, uns oito días despois de dicir estas palabras, levou con el a Pedro, a Xoán e a Santiago, e subiu á montaña a orar. 29  E mentres oraba, a súa cara cambiou de aspecto e a súa roupa volveuse dun branco moi brillante. 30  De repente, apareceron dous homes falando con el: eran Moisés e Elías. 31  Eles brillaban* e puxéronse a falar de que Xesús tiña que marchar*​, e de que iso se ía cumprir en Xerusalén. 32  Pedro e os que o acompañaban estaban medio durmidos, pero cando despertaron de todo, viron a gloria de Xesús e os dous homes que estaban de pé ó seu lado. 33  E mentres os dous homes se ían separando de Xesús, Pedro díxolle: “Mestre, que ben que esteamos aquí! Montemos tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. Pedro estaba falando pero non se daba conta do que estaba dicindo. 34  E mentres dicía estas cousas, formouse unha nube que empezou a cubrilos, e a eles entroulles o medo. 35  Entón oíuse unha voz que viña da nube e dicía: “Este é o meu Fillo, o escollido. Escoitádeo”. 36  Cando se oíu a voz, viron que Xesús quedara só. Eles quedaron calados, e durante un tempo non lle contaron a ninguén nada do que viran. 37  Ó día seguinte, cando baixaron da montaña, unha gran multitude foi onda el. 38  Entón, un home que estaba entre a xente berrou: “Mestre, suplícoche que axudes ó* meu fillo. É o único fillo que teño. 39  Mira! Un demo contrólao, e el de repente ponse a berrar. O demo provócalle convulsións, fai que bote espuma pola boca e non quere saír del. Cando por fin o deixa, o rapaz queda malferido. 40  Supliqueilles ós teus discípulos que o botasen fóra, pero non puideron”. 41  Xesús respondeu: “Esta xeración é moi retorcida e non ten fe ningunha! Canto tempo máis vou ter que estar con vós e soportarvos? Tráeme aquí o teu fillo”. 42  E mentres o rapaz aínda se estaba acercando, o demo tirouno ó chan e fixo que tivese convulsións moi fortes. Pero Xesús reprendeu o demo, curou o rapaz e devolveullo ó seu pai. 43  Todos quedaron impactados co impresionante poder de Deus. Mentres todos estaban asombrados por tódalas cousas que facía Xesús, el díxolles ós seus discípulos: 44  “Escoitade con atención e recordade estas palabras, porque o Fillo do Home vai ser traizoado e entregado nas mans dos seus inimigos”. 45  Pero eles non entenderon o que estaba dicindo. De feito, ocultóuselles o significado para que non o entendesen. E dáballes medo preguntarlle o que querían dicir estas palabras. 46  Entón empezaron a discutir entre eles sobre quen era o maior. 47  Xesús, que sabía o que tiñan* no seu corazón, colleu un neno, púxoo ó seu lado 48  e díxolles: “Quen recibe este neno por causa do meu nome tamén me recibe a min. E quen me recibe a min, recibe tamén a quen me enviou. Porque o que se porta coma un dos máis pequenos entre todos vós, ese é o que é maior”. 49  Cando o escoitou, Xoán díxolle: “Mestre, vimos que alguén botaba demos fóra usando o teu nome, pero intentamos impedirllo porque non era un dos que andan con nós”. 50  Pero Xesús díxolle: “Non intentedes impedirllo, porque quen non está na vosa contra está ó voso favor”. 51  Ó acercarse* o tempo no que Xesús ía ser levado arriba, tomou a firme decisión de ir a Xerusalén. 52  Así que mandou mensaxeiros diante del. Eles foron e entraron nunha aldea de Samaria para preparar as cousas para cando chegase. 53  Pero cando os de alí souberon que Xesús estaba decidido a ir a Xerusalén, non o recibiron. 54  Cando os discípulos Santiago e Xoán viron isto, dixeron: “Señor, queres que mandemos que baixe lume do ceo e acabe con eles?”. 55  Pero el deuse a volta e reprendeunos. 56  Entón Xesús e os seus discípulos marcharon para outra aldea. 57  Mentres ían polo camiño, alguén lle dixo: “Seguireite vaias onde vaias”. 58  Pero Xesús contestoulle: “Os raposos teñen raposeiras e os paxaros teñen niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza”. 59  Despois díxolle a outro: “Faite o meu discípulo*”. O home contestoulle: “Señor, déixame ir e enterrar primeiro a meu pai”. 60  Pero Xesús respondeulle: “Deixa que os mortos enterren os seus mortos. Ti vai e anuncia o Reino de Deus por todas partes”. 61  E outro díxolle: “Señor, seguireite, pero déixame ir primeiro a despedirme dos da miña casa”. 62  Xesús contestoulle: “Ninguén que pon a man no arado e mira para as cousas que deixa atrás vale* para o Reino de Deus”.

Notas ó pé

Ou “vara”.
Lit. “prata”.
Ou “roupa extra”.
Ver Mt 10:14, nota.
Ou “para demostrar que os advertistes”.
É dicir, Herodes Antipas. Ver glosario.
Lit. “o tetrarca”.
Lit. “fora levantado”.
Lit. “fora levantado”.
Ou “dixo unha bendición”.
Lit. “foi levantado”.
Lit. “ser levantado”.
Ou “deixe de vivir para si mesmo”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Ou “apareceron con gloria”.
Ou “a falar da partida de Xesús”.
Lit. “que vexas o”.
Ou “sabía o que razoaban”.
Lit. “cumprirse”.
Ou “Sígueme”.
Ou “é apto”.