As boas noticias segundo Marcos 4:1-41

  • AS COMPARACIÓNS DO REINO (1-34)

    • O sementador (1-9)

    • Por que falaba Xesús usando comparacións (10-12)

    • A explicación da comparación do sementador (13-20)

    • Non se tapa un candil cun cesto (21-23)

    • “Coa medida coa que midades” (24, 25)

    • O sementador que dorme (26-29)

    • O gran de mostaza (30-32)

    • O uso de comparacións (33, 34)

  • Xesús calma un temporal (35-41)

4  Xesús púxose a ensinar outra vez á beira do mar. Como se xuntou moitísima xente arredor del, subiu a unha barca, sentouse nela e apartouse un pouquiño. Pero toda a multitude quedou en terra, cerca da auga. 2  E el empezou a ensinarlles moitas cousas usando comparacións. Díxolles: 3  “Escoitade. O sementador saíu a botar a semente. 4  Mentres o facía, algunhas das sementes caeron á beira do camiño, e viñeron os paxaros e coméronas. 5  Outras caeron nun terreo con pouca terra, porque había moita pedra debaixo, e naceron rápido porque a terra non tiña profundidade. 6  Pero cando saíu o sol, as plantas queimáronse e secaron porque non tiñan raíces profundas. 7  Outras sementes caeron entre os espiños, pero os espiños medraron e afogáronas, e as sementes non deron froito. 8  Pero outras caeron en terra boa, e as plantas saíron e medraron, e empezaron a dar froito. Unhas daban 30 veces máis do que se sementara, outras 60 e outras 100”. 9  Entón dixo: “Quen teña oídos para escoitar, que escoite con atención”. 10  Cando quedou só, os que estaban arredor del e os Doce empezaron a facerlle preguntas sobre as comparacións. 11  El respondeulles: “A vós permitíusevos entender o segredo sagrado do Reino de Deus. Pero para os de fóra todo son comparacións, 12  para que por moito que miren non entendan, e por moito que oian non comprendan. Eles nunca volverán a Deus* nin serán perdoados”. 13  Ademais díxolles: “Se non entendedes esta comparación, como ides entender tódalas demais? 14  ”O sementador sementa a palabra*​. 15  Por un lado, están as sementes que caen á beira do camiño. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra, pero enseguida vén Satanás e quítalles a palabra que se sementou nelas. 16  Despois están as sementes que caen no terreo con moita pedra debaixo. Este é o caso das persoas que, en canto escoitan a palabra, acéptana con alegría. 17  Por un tempo aguantan, pero como non teñen raíces profundas, cando veñen as dificultades ou a persecución por obedecer a palabra, enseguida abandonan*​. 18  Por outro lado, están as sementes que caen entre os espiños. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra 19  pero as preocupacións deste mundo*​, a falsa seguridade que dan as riquezas e o desexo por ter tódalas demais cousas entran no seu corazón e afogan a palabra. Por iso a palabra non dá froito. 20  E, por último, están as sementes que caen en terra boa. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra, acéptana de boa gana e dan froito. Algunhas persoas dan 30 veces máis do que se sementou, outras 60 e outras 100”. 21  E tamén lles dixo: “Un candil* non se tapa cun cesto nin se pon debaixo da cama, verdade? Ponse nun sitio alto, non? 22  Porque non hai nada secreto que non se vaia descubrir nin nada tan ben escondido que non vaia saír á luz. 23  Quen teña oídos para escoitar, que escoite con atención”. 24  Despois díxolles: “Estade atentos ó que estades escoitando. Coa medida coa que midades váisevos medir a vós, e darásevos aínda máis. 25  Porque ó que ten daráselle máis, pero ó que non ten incluso se lle quitará o pouco que ten”. 26  E seguiulles dicindo: “O Reino de Deus é coma un home que bota semente na terra. 27  El dorme de noite e levántase de día. Mentres, as sementes nacen e as plantas fanse grandes, aínda que el non sabe exactamente como. 28  A terra vai dando froito por si mesma: primeiro nace o talo, despois sae a espiga e por último o gran maduro na espiga. 29  E cando o gran está maduro, o home usa o fouciño para segar, porque chegou o tempo da colleita”. 30  Tamén dixo: “Con que poderiamos comparar o Reino de Deus ou que comparación poderiamos poñer para explicalo? 31  É coma un gran de mostaza, que cando se planta é a máis pequena de tódalas sementes da terra. 32  Pero despois de plantala, medra e convértese na planta máis grande da horta, e nácenlle pólas tan grandes que os paxaros poden refuxiarse baixo a súa sombra”. 33  Cando lles predicaba a mensaxe*​, usaba moitas comparacións deste tipo, tendo en conta o que eran capaces de entender. 34  De feito, nunca lles falaba sen utilizar algunha comparación. Pero ós seus discípulos explicáballes todo en privado. 35  Aquel mesmo día, cando se estaba facendo de noite, díxolles ós seus discípulos: “Crucemos ó outro lado do mar”. 36  Así que, despois de despedir a xente, eles levárono na barca*​. Tamén había outras barcas que o acompañaban. 37  De repente, levantouse un vendaval moi forte. As ondas batían tan forte contra a barca que xa estaba a punto de encherse de auga. 38  Pero Xesús estaba durmindo na popa sobre un coxín. Os discípulos fórono despertar e dixéronlle: “Mestre, seica non che importa que afoguemos?”. 39  Así que el púxose de pé, reprendeu o vento e díxolle ó mar: “Silencio! Cala!”. Entón, o vento parou e todo quedou completamente en calma. 40  Despois díxolles: “Por que tedes tanto medo?* Aínda non tedes fe?”. 41  Eles estaban moi asustados e dicíanse uns ós outros: “Quen é en realidade este home? Incluso o vento e o mar lle fan caso”.

Notas ó pé

Ou “nunca cambiarán a súa conduta”.
Ou “a mensaxe”.
Ou “abandonan a fe”, “tropezan”. Ver glosario tropezar.
Ou “desta era”, “deste sistema”. Ver glosario sistema.
Ou “unha lámpada de aceite”.
Lit. “a palabra”.
Lit. “na barca, tal como el estaba”.
Ou “Por que vos acovardades?”.