As boas noticias segundo Mateo 11:1-30

  • Xesús fala ben de Xoán o Bautista (1-15)

  • Xesús condena unha xeración indiferente (16-24)

  • Xesús dálle gloria a seu Pai por favorecer as persoas humildes (25-27)

  • O xugo de Xesús é fácil de levar (28-30)

11  Cando Xesús terminou de darlles instrucións ós seus 12 discípulos, marchou de alí para ensinar e predicar noutras cidades. 2  Xoán o Bautista estaba no cárcere e oíu falar das obras que facía o Cristo. Entón, mandoulles ós seus discípulos 3  que lle preguntasen a Xesús: “Es ti o que ten que vir ou temos que esperar a outro?”. 4  Xesús respondeulles: “Volvede onda Xoán e contádelle o que estades vendo e oíndo: 5  agora os cegos ven, os coxos camiñan, os leprosos son curados, os xordos oen, os mortos son resucitados* e ós pobres anúncianselles as boas noticias. 6  Feliz o que non encontra en min ningún motivo para tropezar*”. 7  Mentres os discípulos de Xoán marchaban, Xesús empezoulles a falar ás multitudes sobre Xoán. Díxolles: “Que fostes ver ó deserto? Unha cana que se move co vento? 8  Que saístes a ver? Un home vestido con roupa cara? Pero se os que levan ese tipo de roupa están nas casas dos reis! 9  Entón, por que saístes? Para ver un profeta? Pois si, e dígovos que vistes moito máis que un profeta. 10  Falando del, escribiuse: ‘Mira! Vou enviar o meu mensaxeiro diante de ti, e el irá diante de ti preparándoche o camiño’. 11  Asegúrovos que non naceu ninguén superior a Xoán o Bautista. Pero aínda así, o máis pequeno no Reino dos ceos é superior a el. 12  Desde os días de Xoán o Bautista, a xente esfórzase por entrar no Reino dos ceos. E os que se esforzan por alcanzalo sen renderse conségueno. 13  Porque, ata o tempo de Xoán, tanto os Profetas como a Lei profetizaron o que pasaría. 14  Así que el é o ‘Elías que tiña que vir’, sen importar se o queredes crer ou non. 15  Quen teña oídos, que escoite con atención. 16  ”Con quen vou comparar esta xeración? É coma os nenos que están sentados nas prazas dos mercados e lles berran ós outros nenos: 17  ‘Tocamos a frauta para vós pero non bailastes, e cantamos cancións tristes para vós pero non vos lamentastes*​’. 18  De igual maneira, veu Xoán, que non come nin bebe, e a xente di del: ‘Ten un demo dentro’. 19  Pero chegou o Fillo do Home, que si que come e bebe, e a xente di: ‘Mirade! Este home é un lambón e bebe moito viño. E tamén é amigo dos cobradores de impostos e dos pecadores’. En calquera caso, a sabedoría queda demostrada polos seus resultados*”. 20  Entón, Xesús empezou a reprender as cidades nas que fixera a maioría dos milagres, porque non se arrepentiran: 21  “Pobre de ti, Corazín! Pobre de ti, Betsaida! Porque se as persoas de Tiro e Sidón visen os milagres que se fixeron nas vosas cidades, hai tempo que estarían arrepentidas, vestiríanse con tea de saco* e sentaríanse enriba da cinza*​. 22  Dígovos que o Día do Xuízo seralles máis fácil de soportar a Tiro e a Sidón que a vós. 23  E ti, Capernaúm, pensas que vas ser levantada* ata o ceo? Non, baixarás ata a Tumba*​. Porque se as persoas de Sodoma visen os milagres que ti viches, esa cidade aínda existiría hoxe. 24  Dígoche que o Día do Xuízo seralle máis fácil de soportar a Sodoma que a ti”. 25  Naquela ocasión, Xesús dixo: “Bendito sexas*​, meu Pai, Señor do ceo e da terra, porque escondiches estas cousas dos intelectuais e dos sabios, e reveláchelas ós que son coma nenos. 26  Si, meu Pai, porque quixeches facelo así”. 27  Xesús tamén dixo: “Meu Pai entregoume tódalas cousas. O único que coñece realmente ó Fillo é o Pai. E os únicos que coñecen realmente o Pai son o Fillo e aqueles ós que o Fillo queira revelarlles quen é o Pai. 28  Acercádevos a min tódolos que estades cansados e tedes moitas cargas, e eu renovareivos as forzas*​. 29  Poñédevos baixo o meu xugo e aprendede de min, porque son apracible* e humilde de corazón. Comigo encontraredes alivio, 30  porque o meu xugo é fácil de levar* e a miña carga pesa pouco”.

Notas ó pé

Lit. “levantados”.
Ou “non vos destes golpes no peito pola pena”.
Ou “queda probada xusta polas súas obras”.
Ver glosario tea de saco.
Ou “borralla”.
Ou “enxalzada”, “enaltecida”.
Ou “Hades”. É dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver glosario tumba.
Ou “Lóuvote diante de todos”.
Ou “e eu aliviareivos”.
Ou “manso”. Ver Mt 5:5, nota.
Ou “suave”.