As boas noticias segundo Mateo 15:1-39

  • Xesús pon ó descuberto tradicións humanas (1-9)

  • As cousas que contaminan saen do corazón (10-20)

  • Unha muller fenicia cunha fe moi grande (21-28)

  • Xesús cura moitas persoas enfermas (29-31)

  • Xesús dálles de comer a 4000 homes (32-39)

15  Entón, uns fariseos e uns escribas que viñan de Xerusalén acercáronse a Xesús e dixéronlle: 2  “Por que os teus discípulos pasan por alto as tradicións dos nosos antepasados? Por exemplo, non lavan as mans* antes de comer”. 3  El respondeulles: “E vós, por que pasades por alto os mandamentos de Deus para seguir as vosas propias tradicións? 4  Por exemplo, Deus dixo ‘Honra a teu pai e a túa nai’, e tamén ‘Quen fale con desprezo do seu pai ou da súa nai* terá que morrer’. 5  Pero vós dicides: ‘Quen lle diga a seu pai ou a súa nai “Todo o que teño e que podería usar para axudarche é un regalo que lle dediquei a Deus”, 6  xa non está obrigado a honrar os seus pais’. Ó facer isto, estades anulando a palabra de Deus para seguir as vosas propias tradicións. 7  Hipócritas! Con razón Isaías profetizou sobre vós: 8  ‘Este pobo hónrame cos labios pero o seu corazón está moi lonxe de min. 9  Non vale de nada que me estean adorando, porque o que ensinan baséase en mandamentos de homes’”. 10  Entón pediulle á multitude que se acercase e dixo: “Escoitade e entendede isto: 11  o que contamina a alguén non é o que entra pola súa boca, senón o que sae da súa boca”. 12  Os discípulos acercáronse e dixéronlle: “Sabes que os fariseos se ofenderon* polo que dixeches?”. 13  El contestoulles: “Calquera planta que non plantase o meu Pai celestial será arrancada de raíz. 14  Así que deixádeos, son guías cegos. E se un cego guía outro cego, os dous caerán nun burato”. 15  Pedro díxolle: “Explícanos a comparación que puxeches antes”. 16  Entón, Xesús respondeulle: “Vós tamén seguides sen entendelo? 17  Non vos dades conta de que todo o que entra pola boca pasa polo estómago e acaba saíndo do corpo*​? 18  Pero as cousas que saen pola boca veñen do corazón, e esas cousas son as que contaminan unha persoa. 19  Por exemplo, do corazón saen razoamentos malvados: asasinatos, adulterios, inmoralidade sexual*​, roubos, falsos testemuños e blasfemias. 20  Estas son as cousas que contaminan unha persoa, pero comer sen lavar as mans* non contamina a ninguén”. 21  Xesús marchou de alí e foi á rexión de Tiro e Sidón. 22  Entón, chegou unha muller fenicia daquela zona e púxose a berrar: “Ten compaixón* de min, Señor, Fillo de David! A miña filla está posuída por un demo e está sufrindo moito”. 23  Pero el non lle contestou nin unha palabra. Así que os seus discípulos acercáronse a el e pedíronlle: “Dille que marche, porque vén detrás de nós e non para de berrar”. 24  El respondeu: “Fun enviado para axudar soamente ás persoas da nación* de Israel, que son coma ovellas perdidas”. 25  Pero a muller acercouse, inclinouse diante del* e suplicoulle: “Señor, axúdame!”. 26  Xesús respondeulle: “Non está ben quitarlles o pan ós fillos para botárllelo ós canciños”. 27  Ela díxolle: “É certo, Señor. Pero tamén é verdade que os canciños comen das miguiñas que caen da mesa dos seus donos”. 28  Entón Xesús respondeulle: “Muller, tes unha fe ben grande! Que se cumpra o que pediches”. E nese momento, a filla da muller curou. 29  Cando marchou daquel lugar, Xesús foi a un sitio que estaba cerca do mar de Galilea e subiu á montaña. Mentres estaba alí sentado, 30  acercouse moitísima xente e trouxéronlle persoas que estaban coxas, impedidas, cegas, mudas e moitas outras persoas enfermas. Poñíanas ós pés de Xesús e el curábaas. 31  A xente quedou impresionada ó ver que os mudos falaban, os impedidos quedaban curados, os coxos andaban e os cegos vían. E todos lle deron gloria ó Deus de Israel. 32  Despois, Xesús chamou os seus discípulos e díxolles: “Dáme moita pena* toda esta xente, porque xa levan tres días comigo e non teñen nada que comer. Non quero mandalos de volta con fame, non vaia ser que se desmaien polo camiño”. 33  Pero os discípulos dixéronlle: “Estamos nun sitio apartado. De onde imos sacar suficiente pan para darlle de comer a tanta xente?”. 34  Entón Xesús preguntoulles: “Cantos pans tedes?”. Eles respondéronlle: “Sete, e uns poucos peixes pequenos”. 35  Así que el mandoulle á xente que se sentase no chan, 36  colleu os sete pans e os peixes, e deulle grazas a Deus. Despois partiunos, empezou a dárllelos ós seus discípulos e eles repartíronos entre as persoas. 37  Todos comeron e ninguén quedou con fame. Ó final, co que sobrou encheron sete cestas grandes. 38  En total, comeron 4000 homes, ademais das mulleres e dos nenos. 39  Despois de despedir a xente, subiu á barca e chegou á rexión de Magadán.

Notas ó pé

Refírese á limpeza cerimonial das mans.
Ou “Quen maldiga a seu pai ou a súa nai”, “Quen inxurie a seu pai ou a súa nai”.
Ou “tropezaron”.
Ou “acaba no pozo negro”, “acaba no sumidoiro”.
Aquí a palabra grega porneia aparece en plural. Ver glosario inmoralidade sexual.
Refírese á limpeza cerimonial das mans.
Lit. “misericordia”.
Lit. “casa”.
Ou “rendeulle homenaxe”.
Ou “Sinto unha profunda compaixón por”.