As boas noticias segundo Mateo 23:1-39

  • Non ser coma os escribas e os fariseos (1-12)

  • “Pobres de vós, escribas e fariseos!” (13-36)

  • Xesús laméntase por Xerusalén (37-39)

23  Entón Xesús díxolles ós seus discípulos e ás multitudes: 2  “Os escribas e os fariseos pensan que teñen a mesma autoridade que tiña Moisés. 3  Por iso, facede e cumpride todo o que din pero non o que fan, porque non fan o que ensinan. 4  Preparan cargas pesadas e póñenas nos ombros da xente, pero eles non queren movelas nin cun dedo. 5  Todo o que fan é para que a xente os vexa. Agrandan as caixiñas con porcións das Escrituras que levan como amuletos* e fan máis longos os cordóns que colgan da beira da súa roupa. 6  Gústalles ocupar os sitios máis importantes nas ceas, sentarse nos mellores asentos* nas sinagogas, 7  que a xente os saúde nas prazas dos mercados e que lles chamen rabí*​. 8  Pero vós non deixedes que vos chamen rabí, porque só tedes un Mestre e todos sodes irmáns. 9  Ademais, non lle chamedes pai a ninguén na terra, porque só tedes un Pai, o que está no ceo. 10  Tampouco deixedes que vos chamen líder, porque só tedes un Líder, o Cristo. 11  Máis ben, que o máis grande entre vós sirva os* demais. 12  Quen se pon por riba doutros será humillado, pero a quen é humilde poñerano por riba dos demais. 13  ”Pobres de vós, escribas e fariseos! Hipócritas! Porque lle pechades a porta do Reino dos ceos á xente, e nin entrades vós nin deixades pasar os que están intentando entrar. 14  —* 15  ”Pobres de vós, escribas e fariseos! Hipócritas! Porque cruzades terra e mar para que unha soa persoa se faga xudía*​, e cando chega a selo, facedes que mereza a Guehena* o dobre ca vós. 16  ”Pobres de vós, guías cegos! Porque dicides: ‘Se alguén xura polo templo, non significa nada. Pero se alguén xura polo ouro do templo, está obrigado a cumprir co seu xuramento’. 17  Que parvos e cegos sodes! Que é máis importante? O ouro ou o templo que fixo que ese ouro sexa sagrado? 18  Ademais, dicides: ‘Se alguén xura polo altar, non significa nada. Pero se alguén xura pola ofrenda que está sobre o altar, está obrigado a cumprir co seu xuramento’. 19  Que cegos estades! Que é máis importante? A ofrenda ou o altar que fai que esa ofrenda sexa sagrada? 20  Por iso, o que xura polo altar está xurando polo altar e por todo o que hai enriba del. 21  O que xura polo templo está xurando polo templo e por Deus, que reside nel. 22  E o que xura polo ceo está xurando polo trono de Deus e polo que está sentado nel. 23  ”Pobres de vós, escribas e fariseos! Hipócritas! Porque dades a décima parte* da menta, do aneto* e do comiño, pero descoidastes os asuntos máis importantes da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade. É verdade que había que dar a décima parte desas cousas, pero sen descoidar as cousas máis importantes da Lei. 24  Guías cegos! Non deixades pasar o mosquito* pero tragades o camelo! 25  ”Pobres de vós, escribas e fariseos! Hipócritas! Porque sodes coma unha copa e un prato que están limpos por fóra, pero por dentro estades cheos de cobiza* e de desexos descontrolados. 26  Fariseo cego! Limpa primeiro a copa e o prato por dentro, e así quedará limpa tamén a parte de fóra. 27  ”Pobres de vós, escribas e fariseos! Hipócritas! Porque parecedes tumbas pintadas de branco*​, que se ven moi bonitas por fóra pero por dentro están cheas de ósos de mortos e de todo tipo de impureza. 28  Así é como sodes vós. Por fóra, diante da xente, parecedes persoas xustas, pero por dentro estades cheos de hipocrisía e maldade*​. 29  ”Pobres de vós, escribas e fariseos! Hipócritas! Porque renovades as sepulturas dos profetas, adornades as tumbas* dos xustos 30  e dicides: ‘Se vivísemos nos días dos nosos antepasados, non seriamos cómplices do asasinato dos profetas’. 31  Desta maneira, vós mesmos estades admitindo que sodes fillos dos que os asasinaron. 32  Pois veña, acabade o que empezaron os vosos antepasados. 33  ”Serpes, crías de víboras! Como ides escapar de ser xulgados e botados na Guehena*​? 34  Por esta razón, vouvos mandar profetas, sabios e mestres*​. A algúns matarédelos e executarédelos en madeiros, e a outros darédeslles lategazos nas vosas sinagogas e perseguirédelos en tódalas cidades. 35  Por iso acabaredes pagando polo sangue de tódolos xustos que se derramou sobre a terra: desde o sangue do xusto Abel ata o sangue de Zacarías, o fillo de Baraquías, a quen vós asasinastes entre o santuario e o altar. 36  Asegúrovos que esta xeración terá que pagar por todas estas cousas. 37  ”Xerusalén, Xerusalén, a que asasina os profetas e mata a pedradas os que son enviados a ela... Cantas veces quixen xuntar os teus fillos igual que a galiña xunta os seus pitiños debaixo das súas alas! Pero non quixestes. 38  Pois, mirade! A vosa casa* queda abandonada e déixase nas vosas mans*​. 39  E dígovos que a partir de agora non me veredes máis ata que digades: ‘Bendito o que vén no nome de Xehová*​!’”.

Notas ó pé

Ou “Agrandan os filacterios”. Ver glosario filacterio.
Ou “nos asentos de diante”.
Ou “mestre”, “rabino”.
Ou “sexa ministro dos”.
Este versículo non aparece en varios dos manuscritos gregos antigos importantes e parece ser que non forma parte das Escrituras inspiradas.
Ou “para facer un só prosélito”. Ver glosario prosélito.
Ver glosario décimo.
Planta parecida á do anís que se usa para darlle sabor á comida.
Ou “Filtrades as vosas bebidas para quitar o mosquito”.
É dicir, desexo moi forte de ter máis.
Ou “pintadas con cal”.
Ou “e de desobediencia á lei”.
Ou “tumbas conmemorativas”.
Lit. “escribas”. Refírese ós discípulos que foran instruídos para ensinar en público.
É dicir, o templo.
Ou quizais “A vosa casa queda deserta”.