As boas noticias segundo Mateo 24:1-51
24 Cando Xesús saía do templo, acercáronselle os seus discípulos e sinaláronlle os edificios do templo.
2 Entón, el preguntoulles: “Vedes todas estas cousas? Asegúrovos que de ningunha maneira quedará aquí pedra sobre pedra. Todo isto vai ser derribado”.
3 Mentres el estaba sentado no Monte das Oliveiras, os discípulos acercáronse en privado e preguntáronlle: “Dinos, cando pasarán esas cousas? E cal será o sinal da túa presenza* e da parte final do sistema*?”.
4 Xesús contestoulles: “Tede coidado de que ninguén vos engane,
5 porque moitos virán usando o meu nome e dicindo ‘Eu son o Cristo’, e enganarán a moita xente.
6 Ides oír falar de guerras e escoitaredes noticias de guerras. Aínda así non vos alarmedes, porque estas cousas teñen que suceder, pero aínda non é o fin.
7 ”As nacións loitarán* unhas contra outras e os reinos pelexarán uns contra outros, e en moitos lugares haberá fame e terremotos.
8 Todas estas cousas son o principio de grandes sufrimentos*.
9 ”Entón perseguiranvos* e mataranvos, e tódalas nacións odiaranvos porque sodes os meus seguidores*.
10 E entón moitos perderán a fe*, traizoaranse uns ós outros e odiaranse uns ós outros.
11 Aparecerán moitos profetas falsos que enganarán a moita xente
12 e, ó aumentar a maldade*, apagarase* o amor da maioría.
13 Pero Deus salvará a quen aguante ata o fin.
14 E as boas noticias do Reino predicaranse* por toda a terra habitada para dar testemuño a tódalas nacións*, e entón virá o fin.
15 ”Polo tanto, cando vexades a cousa noxenta que causa destrución, da que falou o profeta Daniel, de pé no lugar santo (que o lector entenda ben* o que se dixo),
16 entón os que estean en Xudea, que escapen para as montañas.
17 Quen estea na azotea da súa casa, que non baixe a coller as súas cousas,
18 e quen estea no campo, que non volva a buscar o seu manto.
19 Pobres das mulleres que estean embarazadas ou dando o peito neses días!
20 Orade unha e outra vez para que non teñades que escapar en inverno ou en sábado.
21 Porque entón haberá unha gran tribulación*. Desde o principio do mundo ata agora, non houbo unha tribulación igual, nin nunca máis a haberá.
22 De feito, se ese tempo non se acortase, non se salvaría ninguén, pero vaise acortar polos escollidos.
23 ”Entón, se alguén vos di ‘Mirade! O Cristo está aquí!’ ou ‘Está alá!’, non o creades.
24 Porque haberá cristos falsos e profetas falsos que farán grandes milagres* e cousas impresionantes para intentar enganar incluso os escollidos.
25 Recordade que vos avisei con antelación.
26 Por iso, se alguén vos di sobre o Cristo ‘Mirade! Está no deserto’, non vaiades. E se alguén vos di ‘Mirade! Está dentro da casa’, non o creades.
27 Porque a presenza* do Fillo do Home será coma o lóstrego que aparece no leste e se pode ver incluso desde o oeste.
28 As aguias xuntaranse onde estea o cadáver.
29 ”Inmediatamente despois da tribulación deses días, o sol escurecerá, a lúa non brillará máis, as estrelas caerán do ceo e os poderes dos ceos serán sacudidos.
30 Entón, o sinal do Fillo do Home aparecerá no ceo e tódolos pobos* da terra lamentaranse dándose golpes no peito. Verán o Fillo do Home vindo sobre as nubes do ceo con poder e gran gloria.
31 E el enviará os seus anxos cun gran son de trompeta, e eles reunirán os seus escollidos desde os catro ventos*, desde un extremo dos ceos ata o outro.
32 ”Aprendede desta comparación sobre a figueira. Cando lle medran pólas novas e bota follas, sabedes que o verán está cerca.
33 Igualmente, cando vexades que pasan todas estas cousas, sabede que o Fillo do Home está cerca, ás portas.
34 Asegúrovos que de ningunha maneira desaparecerá esta xeración ata que sucedan todas estas cousas.
35 O ceo e a terra desaparecerán, pero as miñas palabras non desaparecerán nunca.
36 ”Agora ben, ninguén sabe o día e a hora, nin os anxos dos ceos nin o Fillo, só o Pai.
37 Porque a presenza* do Fillo do Home será tal como eran os días de Noé.
38 Naqueles días antes do Diluvio, a xente comía, bebía e casaba... ata o día no que Noé entrou na arca.
39 E non fixeron caso ata que veu o Diluvio e os destruíu a todos. Así será a presenza do Fillo do Home.
40 Entón dous homes estarán no campo: a un levarano e o outro quedará abandonado.
41 Dúas mulleres estarán moendo co muíño de man: a unha levarana e a outra quedará abandonada.
42 Así que estade sempre vixiantes, porque non sabedes o día no que vén o voso Señor.
43 ”Tede en conta unha cousa: se o dono da casa soubese en que momento da noite* vai vir o ladrón, quedaría desperto e non deixaría que lle entrase na casa.
44 Por iso, estade preparados vós tamén, porque o Fillo do Home virá cando menos o esperedes.
45 ”Quen é en realidade o escravo fiel e prudente* a quen o seu amo puxo a cargo dos servos da casa para darlles o seu alimento ó tempo debido?
46 Que feliz será ese escravo se o seu amo o encontra facendo iso cando veña!
47 Asegúrovos que o poñerá a cargo de tódolos seus bens.
48 ”Pero se ese escravo resulta ser malo e* algunha vez pensa ‘O meu amo está tardando’
49 e empeza a pegarlles ós seus compañeiros e a comer e a beber cos borrachos,
50 entón o amo dese escravo virá un día que el non espera e a unha hora que el non coñece
51 e castigarao co peor dos castigos, e poñerao cos hipócritas. Aí é onde chorará cheo de desesperación e de rabia*.
Notas ó pé
^ Lit. “levantaranse”.
^ Lit. “de dolores de parto”.
^ Lit. “entregaranvos a tribulación”.
^ Ou “porque levades o meu nome”.
^ Ou “tropezarán”.
^ Lit. “a desobediencia á lei”, é dicir, o desprezo polas leis de Deus.
^ Ou “volverase frío”.
^ Ou “para que tódalas nacións poidan escoitalas”.
^ Ou “anunciaranse publicamente”, “proclamaranse”.
^ Ou “que o lector teña discernimento sobre”, é dicir, o lector da profecía de Daniel.
^ Ou “grande angustia”.
^ Lit. “sinais”.
^ Lit. “tódalas tribos”.
^ É dicir, os catro puntos cardinais.
^ Lit. “en que vixilia”.
^ Ou “sensato”, “sabio”.
^ Ou “se ese escravo malo”.
^ Lit. “e apertará os dentes”.