As boas noticias segundo Mateo 25:1-46

  • O SINAL DA PRESENZA DE CRISTO (1-46)

    • A comparación das 10 virxes (1-13)

    • A comparación dos talentos (14-30)

    • As ovellas e as cabras (31-46)

25  ”Entón, o Reino dos ceos pode compararse a 10 virxes que colleron os seus candís* e saíron a encontrarse co noivo. 2  Cinco delas eran insensatas* e as outras cinco prudentes*​. 3  As insensatas colleron os seus candís, pero non levaron aceite. 4  As prudentes tamén colleron os seus candís, pero ademais levaron frascos con aceite. 5  Como o noivo tardaba*​, entroulles o sono a todas e quedaron durmidas. 6  No medio da noite escoitouse un berro: ‘O noivo xa está aquí! Saíde a recibilo!’. 7  Así que tódalas virxes levantáronse e prepararon os seus candís. 8  Entón as insensatas dixéronlles ás prudentes: ‘Dádenos un pouco do voso aceite, porque os nosos candís están a punto de apagarse’. 9  Pero as prudentes contestáronlles: ‘Igual non hai suficiente para nós e para vós. É mellor que llo vaiades comprar a alguén que o venda’. 10  Mentres o foron comprar, chegou o noivo. As virxes que estaban preparadas entraron con el ó banquete de voda, e entón pechouse a porta. 11  Despois chegaron as outras virxes e dixeron: ‘Señor, señor, ábrenos!’. 12  Pero el respondeulles: ‘Asegúrovos que non vos coñezo’. 13  ”Así que estade sempre vixiantes, porque non sabedes nin o día nin a hora. 14  ”O Reino tamén é coma un home que, xusto antes de viaxar ó estranxeiro, mandou chamar os seus escravos e encargoulles que atendesen os seus bens. 15  Tendo en conta as capacidades de cada escravo, a un deulle cinco talentos*​, a outro dous e a outro un. Despois marchou ó estranxeiro. 16  O que recibiu os cinco talentos rapidamente foi negociar con eles e ganou outros cinco. 17  O que recibiu dous tamén ganou outros dous. 18  Pero o que recibiu só un foi cavar un burato no chan e escondeu alí os cartos* do seu amo. 19  ”Despois de moito tempo, o amo dos escravos volveu, e pediulles contas do que fixeran cos cartos. 20  O que recibira cinco talentos tróuxolle outros cinco e díxolle: ‘Meu amo, deixaches ó meu cargo cinco talentos. Mira, ganei outros cinco’. 21  O amo respondeulle: ‘Ben feito, escravo bo e fiel! Como fuches fiel ó encargarte dunhas poucas cousas, voute poñer ó cargo de moitas. Ven e alégrate co teu amo’. 22  Despois veu o que recibira dous talentos e díxolle: ‘Meu amo, deixaches ó meu cargo dous talentos. Mira, ganei outros dous’. 23  O amo contestoulle: ‘Ben feito, escravo bo e fiel! Como fuches fiel ó encargarte dunhas poucas cousas, voute poñer ó cargo de moitas. Ven e alégrate co teu amo’. 24  ”Por último veu o que recibira un talento e dixo: ‘Meu amo, eu sabía que ti es un home esixente, que recolles onde non sementaches e apañas onde non traballaches. 25  Por iso tiven medo e escondín o teu talento na terra. Mira, aquí tes o que é teu’. 26  O amo respondeulle: ‘Escravo malo e vago. Dis que sabías que recollo onde non sementei e que apaño onde non traballei? 27  Pois entón debiches levarlles os meus cartos ós banqueiros. Así eu podería recuperalos con intereses cando volvese’. 28  ”Despois dixo: ‘Quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. 29  Porque ó que ten daráselle máis e terá de sobra, pero ó que non ten incluso se lle quitará o pouco que ten. 30  E botade fóra, á escuridade, o escravo que non vale para nada. Aí é onde chorará cheo de desesperación e de rabia*​’. 31  ”Cando o Fillo do Home veña coa súa gloria, acompañado de tódolos anxos, sentarase no seu glorioso trono. 32  Tódalas nacións serán reunidas diante del e el separará as persoas en dous grupos, igual que o pastor separa as ovellas das cabras. 33  Poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. 34  ”Entón o Rei diralles ós da súa dereita: ‘Vinde, vós, os que meu Pai bendiciu, e herdade o Reino preparado para vós desde o principio da humanidade*​. 35  Porque tiven fame e déstesme de comer. Tiven sede e déstesme de beber. Era un descoñecido e recibístesme con hospitalidade. 36  Non levaba suficiente roupa* e vestístesme. Enfermei e coidástesme. Estiven no cárcere e viñéstesme a ver’. 37  Entón os xustos responderanlle: ‘Señor, cando foi que te vimos con fame e che demos de comer, ou con sede e che demos de beber? 38  Cando fuches un descoñecido e te recibimos con hospitalidade? Cando vimos que non levabas suficiente roupa e te vestimos? 39  Cando estiveches enfermo ou no cárcere e fomos a verte?’. 40  E o Rei contestaralles: ‘Asegúrovos que todo o que lle fixestes a un destes irmáns meus máis pequenos tamén mo fixestes a min’. 41  ”Entón diralles ós da súa esquerda: ‘Apartádevos de min, vós, os que fostes maldicidos. Ide ó lume eterno* preparado para o Demo* e os seus anxos. 42  Porque tiven fame e non me destes nada de comer. Tiven sede e non me destes nada de beber. 43  Era un descoñecido e non me recibistes con hospitalidade. Non levaba suficiente roupa e non me vestistes. Estiven enfermo e no cárcere, e non me coidastes’. 44  E eles tamén lle responderán: ‘Señor, cando foi que te vimos con fame ou con sede, ou fuches un descoñecido, ou non levaches suficiente roupa, ou estiveches enfermo ou no cárcere e non che axudamos?’. 45  Entón el diralles: ‘Asegúrovos que o que non lle fixestes a un destes irmáns meus máis pequenos tampouco mo fixestes a min’. 46  Os da súa esquerda serán destruídos para sempre*​, pero os xustos recibirán vida eterna”.

Notas ó pé

Ou “as súas lámpadas de aceite”.
Ou “imprudentes”.
Ou “sabias”.
É dicir, á hora que as virxes esperaban, o noivo aínda non chegara.
Un talento grego equivalía a 20,4 kg. Ver glosario talento.
Lit. “a prata”.
Lit. “e apertará os dentes”.
Lit. “desde a fundación do mundo”. Parece que se refire ó nacemento dos fillos de Adán e Eva.
Ou “Estiven espido”.
Refírese á destrución eterna.
A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador).
Ou “irán á destrución eterna”.