As boas noticias segundo Mateo 27:1-66

  • Entregan a Xesús a Pilato (1, 2)

  • Xudas cólgase (3-10)

  • Xesús ante Pilato (11-26)

  • Búrlanse de Xesús en público (27-31)

  • Cravan a Xesús nun madeiro no Gólgota (32-44)

  • A morte de Xesús (45-56)

  • O enterro de Xesús (57-61)

  • Vixían a tumba (62-66)

27  Cando se fixo de día, reuníronse tódolos sacerdotes principais e os anciáns do pobo para decidir como ían facer para matar a Xesús. 2  Despois de atalo, levárono con eles e entregáronllo a Pilato, o gobernador. 3  Entón Xudas, o traidor, ó ver que condenaran a Xesús, sentiu remordementos e foilles devolver as 30 moedas de prata ós sacerdotes principais e ós anciáns. 4  E díxolles: “Pequei, porque traizoei sangue inocente”. Pero eles respondéronlle: “E a nós que nos contas? Iso é problema teu!”. 5  Entón Xudas tirou as moedas de prata no templo, marchou de alí e foise colgar*​. 6  Pero os sacerdotes principais recolleron as moedas de prata e dixeron: “Non está permitido poñelas no tesouro sagrado, porque están manchadas* de sangue”. 7  Despois de falalo entre eles, compraron con eses cartos o campo do oleiro* para enterrar as persoas que non eran de alí. 8  Por iso, a ese campo aínda hoxe se lle chama Campo de Sangue. 9  Así cumpriuse o que se dixera mediante o profeta Xeremías*​: “E colleron as 30 moedas* de prata, que foi o prezo que lle puxeron ó home, o prezo que lle puxeron algúns dos fillos de Israel, 10  e compraron con elas o campo do oleiro, tal como Xehová* me mandara”. 11  Cando Xesús estaba ante o gobernador Pilato, el preguntoulle: “Es ti o rei dos xudeus?”. E Xesús respondeulle: “Si, ti mesmo o estás dicindo”. 12  Pero non dixo nada mentres os sacerdotes principais e os anciáns o acusaban. 13  Entón Pilato preguntoulle: “Seica non oes tódalas cousas que están declarando contra ti?”. 14  Pero Xesús non lle contestou nada, nin unha palabra, e o gobernador quedou moi sorprendido. 15  En cada festa, o gobernador tiña o costume de deixar libre o preso que a xente quixese. 16  Nese momento había un preso moi coñecido chamado Barrabás. 17  Así que Pilato preguntoulle á xente que estaba alí reunida: “A quen queredes que vos poña en liberdade? A Barrabás ou a Xesús, ó que lle chaman Cristo?”. 18  Porque Pilato dábase conta de que o entregaran por envexa. 19  Ademais, mentres el estaba sentado no tribunal, a súa muller fixéralle chegar unha mensaxe que dicía: “Non teñas nada que ver con ese home xusto, porque hoxe soñei con el e sufrín moito”. 20  Pero os sacerdotes principais e os anciáns convenceron as multitudes para que pedisen a liberdade de Barrabás e a morte de Xesús. 21  Así que o gobernador volveulles a preguntar: “A cal dos dous queredes que vos libere?”. E eles dixeron: “A Barrabás!”. 22  Pilato preguntoulles: “Entón, que fago con Xesús, ó que lle chaman Cristo?”. E todos contestaron: “Que morra no madeiro!*”. 23  El respondeulles: “Pero, por que? Que mal fixo?”. Pero eles berraban aínda máis forte: “Que morra no madeiro!”. 24  Ó ver que non conseguía nada, senón que se estaba armando un barullo, Pilato colleu auga, lavou as mans diante da xente e dixo: “Son inocente do sangue deste home. Agora é cousa vosa”. 25  E todos responderon: “Nós e os nosos fillos facémonos responsables da súa morte!*”. 26  Entón liberou a Barrabás, pero mandou que lle desen lategazos a Xesús e entregouno para que o executasen no madeiro. 27  Despois, os soldados do gobernador levaron a Xesús ó palacio do gobernador. Alí xuntaron toda a tropa de soldados arredor del. 28  Desvestírono e puxéronlle un manto de color escarlata*​. 29  Tamén entrelazaron uns espiños para facer unha coroa, colocáronlla na cabeza e puxéronlle unha cana na man dereita. E inclinándose diante del, facíanlle burla e dicíanlle: “Viva o rei dos xudeus!”. 30  Entón cuspíronlle, quitáronlle a cana e empezaron a pegarlle con ela na cabeza. 31  Por último, cando terminaron de burlarse del, quitáronlle o manto, puxéronlle a súa roupa e levárono para cravalo no madeiro. 32  Ó saír de alí, encontráronse cun home de Cirene chamado Simón e obrigárono a cargar* co madeiro de tortura* de Xesús. 33  Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, é dicir, Lugar do Cranio*​, 34  déronlle a Xesús viño mesturado con herbas amargas. Pero cando o probou, negouse a bebelo. 35  Despois de cravalo no madeiro, sortearon a súa roupa para repartila entre eles 36  e sentáronse alí para vixialo. 37  Ademais, enriba da súa cabeza puxeron un letreiro coa razón pola que o condenaran: “Este é Xesús, o rei dos xudeus”. 38  Ó seu lado tamén puxeron en madeiros a dous ladróns, un á súa dereita e outro á súa esquerda. 39  Os que pasaban por alí insultábano e movían a cabeza dun lado para outro 40  dicindo: “Ti, o que ías botar abaixo o templo e reconstruílo en tres días, sálvate a ti mesmo! Se es Fillo de Deus, baixa do madeiro de tortura!”. 41  O mesmo fixeron os sacerdotes principais, os escribas e os anciáns. Empezaron a burlarse del e a dicir: 42  “Salvou a outros pero non se pode salvar a si mesmo! El é o rei de Israel. Que baixe agora do madeiro e creremos nel! 43  Non era el o que tanto confiaba en Deus? Non dicía ‘Eu son o Fillo de Deus’? Pois agora que veña el a rescatalo se quere”. 44  Incluso os ladróns que estaban nos madeiros ó seu lado o insultaban da mesma maneira. 45  Desde arredor das 12 do mediodía* ata arredor das 3 da tarde*​, toda aquela terra quedou en escuridade. 46  Cerca das 3 da tarde, Xesús berrou con forza “Eli, Eli, lama sabactani?”, que quere dicir “Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?”. 47  Ó escoitar isto, algúns dos que estaban por alí empezaron a dicir: “Este home está chamando por Elías”. 48  E inmediatamente un deles foi correndo a coller unha esponxa, empapouna en viño ácido, púxoa nunha cana e acercoulla para que bebese. 49  Pero os demais dixeron: “Déixao, a ver se vén Elías a salvalo!”. 50  Entón, Xesús volveu a berrar con forza e morreu*​. 51  De repente, a cortina do templo* rachou en dúas partes, de arriba a abaixo, houbo un terremoto e as rocas partiron. 52  As tumbas* abríronse e quedaron fóra delas* moitos corpos de servos de Deus* que morreran, 53  e viunos moita xente. (Despois de que Xesús resucitase*​, algunhas persoas que viñan da zona onde estaban as tumbas* entraron na cidade santa*​.) 54  Cando o oficial do exército e os que estaban con el vixiando a Xesús viron o terremoto e as cousas que estaban pasando, colleron moitísimo medo e dixeron: “Está claro que era o Fillo de Deus”. 55  Moitas mulleres que acompañaran a Xesús desde Galilea para atendelo estaban mirando desde lonxe. 56  Entre elas estaban María Madalena, María a nai de Santiago e de Xosés, e a nai dos fillos de Zebedeo. 57  Á última hora da tarde, chegou un home rico de Arimatea que se chamaba Xosé e que tamén se fixera discípulo de Xesús. 58  Foi onda Pilato e pediulle o corpo de Xesús, e Pilato mandou que llo entregasen. 59  Entón Xosé colleu o corpo, envolveuno nunha tea limpa de liño de boa calidade 60  e púxoo nunha tumba* que tiña, unha tumba nova que escavara na roca. Despois fixo rodar unha pedra grande ata a entrada e marchou. 61  Pero María Madalena e a outra María quedaron alí, sentadas diante da tumba. 62  Ó día seguinte, que era o día despois da preparación*​, os sacerdotes principais e os fariseos reuníronse diante de Pilato 63  e dixéronlle: “Señor, recordamos que cando este impostor aínda estaba vivo dixo: ‘Ós tres días resucitarei*​’. 64  Por iso, manda que aseguren a tumba ata o terceiro día, non vaia ser que os seus discípulos veñan roubar o corpo e lle digan á xente: ‘Resucitou* de entre os mortos!’. Esa mentira sería peor que a primeira”. 65  Pilato respondeulles: “Podedes levar con vós un grupo de soldados. Ide e asegurade a tumba o mellor que poidades”. 66  Así que foron e, para asegurar a tumba, selaron a pedra da entrada e deixaron alí os soldados.

Notas ó pé

Ou “e aforcouse”.
Lit. “son prezo”.
Probablemente un campo onde traballaban as persoas que facían obxectos de barro.
En tempos de Mateo, é posible que se usase o nome Xeremías para referirse a tódolos libros proféticos, incluído o de Zacarías.
Ou “pezas”.
Ou “Ó madeiro con el!”.
Lit. “Que o seu sangue estea sobre nós e os nosos fillos”.
Vermello intenso.
Ou “obrigárono a prestar o servizo de cargar”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Ou “da Caveira”.
Lit. “a hora sexta”.
Lit. “ata a hora novena”.
Ou “deu o seu último alento”. Lit. “entregou o seu espírito”.
É dicir, a cortina que separaba o Santo do Santísimo. Ver glosario cortina.
Ou “tumbas conmemorativas”.
Lit. “foron levantados”.
Lit. “dos santos”. Ver glosario santos.
Lit. “fose levantado”.
Parece ser que se estaba falando dos que, ó pasar por alí, viron os corpos que quedaran á vista despois do terremoto.
É dicir, Xerusalén.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ver glosario día da preparación.
Lit. “serei levantado”.
Lit. “Foi levantado”.