Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 62

Un reino semellante a unha árbore

Un reino semellante a unha árbore

Unha noite, Nabucodonosor tivo un soño que o asustou moito. Chamou os sabios para que lle explicasen o que significaba, pero ningún deles puido explicarllo. Así que ó final falou con Daniel.

Nabucodonosor díxolle a Daniel: “No meu soño había unha árbore que creceu ata chegar ó ceo e podíase ver dende tódalas partes da terra. Tiña unhas follas moi bonitas e moito froito. Os animais descansaban baixo a súa sombra e os paxaros facían os seus niños nas súas pólas. Entón, un anxo baixou do ceo e mandou: ‘Cortade a árbore e as súas ramas, pero deixade a cepa coas raíces e poñédelle cadeas de ferro e bronce ó seu redor. O corazón da árbore cambiará de home a animal durante sete tempos. Todos aprenderán que Deus é o dono de todo e que pode facer que goberne quen El queira’”.

Daniel asustouse moito cando Xehová lle explicou o que significaba aquel soño. Díxolle ó rei: “Maxestade, oxalá que o soño falase dos teus inimigos, pero fala de ti. A árbore que cortan es ti mesmo. Vas perder o teu reino e vas comer herba igual ca un animal salvaxe. Pero como o anxo dixo que deixasen a cepa coas raíces, volverás ser rei outra vez”.

Ó cabo dun ano, Nabucodonosor estaba paseando pola terraza do seu pazo. Mirou para Babilonia e dixo: “Mirade que cidade tan impresionante construín. Que poderoso son!”. Mentres falaba, unha voz do ceo dixo: “Nabucodonosor! Perdiches o teu reino!”.

Nese mesmo momento, Nabucodonosor volveuse tolo e empezou a comportarse coma un animal. Obrigárono a marchar do seu pazo e a vivir no campo cos animais salvaxes. Medroulle o pelo coma as plumas dunha aguia e as unllas coma as garras dos paxaros.

Despois de sete anos, Nabucodonosor deixou de estar tolo e Xehová fixo que fose rei de Babilonia outra vez. Entón Nabucodonosor dixo: “Louvado sexa Xehová, o Rei dos ceos. Agora sei que El é o dono de todo, xa que humilla os orgullosos e pode facer que goberne quen El queira”.

“Por diante da desfeita vén o orgullo, e antes da caída, a fachenda” (Proverbios 16:18)