Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 95

Nada podería paralos

Nada podería paralos

Un home que non podía camiñar sentaba a pedir tódolos días na porta do templo. Unha tarde, viu que entraban Pedro e Xoán e díxolles: “Por favor, dádeme algo”. Pedro respondeulle: “Teño algo mellor que cartos para che dar. No nome de Xesús, érguete e anda!”. Entón, colleuno pola man, levantouno e o home comezou a camiñar! A xente quedou tan abraiada ó ver este milagre que moitos empezaron a crer.

Pero os sacerdotes e os saduceos enfadáronse moito. Levaron os apóstolos ó Sanedrín, o tribunal dos guías relixiosos xudeus, e preguntáronlles: “Quen vos deu o poder para curar ese home?”. Pedro contestou: “Xesús, a quen matastes”. Eles berraron: “Non faledes de Xesús!”. Pero os apóstolos dixeron: “Non podemos deixar de falar del. Non imos parar”.

En canto os liberaron, Pedro e Xoán foron onda os demais discípulos a contárllelo todo. Oraron a Xehová: “Por favor, axúdanos a ser valentes para seguir co traballo que nos encargaches”. Entón, Xehová deulles o seu espírito santo. Eles seguiron predicando e facendo curacións. Cada vez había máis discípulos de Xesús. Os saduceos estaban tan celosos que volveron arrestar os apóstolos e metéronos no cárcere. Pero á noite, Xehová mandou un anxo que abriu as portas e dixo: “Volvede ó templo e ensinade alí”.

A mañá seguinte informaron ó Sanedrín: “O cárcere está pechado con chave, pero os homes que arrestastes non están dentro. Están predicando no templo!”. Entón, volveron arrestalos e leváronos ante o Sanedrín. O sumo sacerdote díxolles: “Xa vos dixemos que non falásedes máis de Xesús!”. Pedro contestou: “Temos que obedecer a Deus antes cós homes”.

Os guías relixiosos estaban tan doentes que querían matar os apóstolos. Pero un fariseo chamado Gamaliel dixo: “Ollo! Poida que Deus estea de parte destes homes. De verdade queredes loitar contra Deus?”. Eles escoitaron o seu consello. Azoutáronos e volvéronlles prohibir que predicasen. Logo, deixáronos ir. Pero nada os podería deter. Seguiron predicando con valor as boas novas no templo e de casa en casa.

“Cómpre obedecer a Deus antes cós homes.” (Feitos 5:29)