Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 43

O rei David peca contra Xehová

O rei David peca contra Xehová

Cando morreu Xaúl, David converteuse en rei. Tiña 30 anos. Despois de reinar durante algún tempo, cometeu un erro moi grave. Certa noite, mentres paseaba pola terraza da súa casa, viu unha muller moi fermosa. Chamábase Batxeba e estaba casada cun soldado chamado Urías. David fixo que Batxeba fose ó seu palacio, tiveron relacións sexuais e ela quedou embarazada. David quería ocultar o que fixera, así que díxolle ó xeneral do exército que puxese a Urías ó fronte da batalla e que o deixasen só. Despois de que Urías morrese na guerra, David casou con Batxeba.

Que faría Xehová? El vira tódalas cousas que pasaran, así que enviou o seu profeta Natán onda David. Natán díxolle: “Había unha vez un home rico e un home pobre. O rico tiña moitas ovellas, pero o pobre só tiña unha ovella pequena á que quería moito. Certo día, o home rico rouboulle ó home pobre a súa ovelliña”. David enfadouse moito e dixo: “Ese home rico merece morrer!”. Entón Natán contestoulle: “Pois ti es ese home rico!”. David púxose moi triste, e confesoulle a Natán: “Pequei contra Xehová”. Este pecado tróuxolle moitos problemas a David e á súa familia. Xehová castigouno, pero permitiulle seguir vivindo porque dixo a verdade e foi humilde.

David quería construír un templo para Xehová, pero o escollido para facelo foi o seu fillo Salomón. Cando comezou cos preparativos, David pensou: “O templo de Xehová ten que ser grandioso. Salomón aínda é novo, así que vou axudarlle a preparalo todo”. David deu moitos dos seus cartos para a construción. Buscou traballadores expertos, recadou ouro e prata, e fixo que trouxesen unha madeira moi boa dende Tiro e Sidón. Pouco antes de morrer, David deulle a Salomón os planos para construír o templo. Díxolle: “Xehová mandoume que chos preparase. Non teñas medo. Xehová vaite axudar. Sé forte e ponte mans á obra”.

“Quen esconde as súas faltas, non prosperará; quen as confesa e corrixe, encontrará piedade” (Proverbios 28:13)