Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 56

Ioxías estima a Lei de Xehová

Ioxías estima a Lei de Xehová

Ioxías comezou a reinar en Xudá á idade de 8 anos. Nese tempo a xente practicaba maxia e adoraba ídolos. Cando tiña 16 anos quixo aprender como adorar a Xehová do xeito correcto. Ós 20 anos comezou a quitar do país tódolos ídolos e altares. E ós 26 preparou todo para reparar o templo de Xehová.

O sumo sacerdote Hilquías atopou no templo un rolo, ou libro, coa Lei de Xehová, quizais o que escribira Moisés. Xafán, o secretario do rei, foi co libro onda Ioxías e comezou a lerlle da Lei en voz alta. Mentres escoitaba, Ioxías decatouse de que a xente desobedecera a Deus por moitos anos, e díxolle a Hilquías: “Xehová está moi enfadado connosco. Vaille preguntar. El diranos que facer”. Xehová respondeulles por medio da profetisa Huldah: “O pobo de Xudá deixoume. Vouno castigar, pero non mentres Ioxías sexa o rei, porque foi humilde”.

Cando o rei Ioxías escoitou a mensaxe de Xehová, foi ó templo e xuntou o pobo. Entón, leu da Lei en voz alta diante de todos. Despois, el e maila nación prometeron obedecer a Xehová en todo.

Había moitos anos que non se celebraba a Pascua en Xudá. Pero cando Ioxías leu na Lei que tiñan que celebrala tódolos anos, díxolle ó pobo: “Celebraremos a Pascua de Xehová”. Logo, Ioxías preparou todo para facer moitos sacrificios e poñer un coro de cantores no templo. Entón a nación celebrou a Pascua, e despois a Festa dos Pans Ácimos, que durou sete días. Dende o tempo de Samuel, non houbera outra Pascua coma aquela. Ioxías estimaba de verdade a Lei de Deus. E a ti? Gústache aprender de Xehová?

“A túa palabra é o faro dos meus pés, a luz do meu camiño” (Salmo 119:105)