CAPÍTULO 53
Iehoiadá actúa con valentía
Iezabel tiña unha filla chamada Atalía que era tan mala coma ela. Atalía estaba casada co rei de Xudá e, cando el morreu, o seu fillo comezou a reinar. Pero o fillo tamén morreu e entón Atalía fíxose raíña de Xudá. Ela intentou acabar con toda a familia real matando a calquera que puidese gobernar no seu lugar. Ata matou os seus netos! Por iso todos lle tiñan moito medo.
O sumo sacerdote Iehoiadá e a súa muller Ioxeba sabían que a raíña estaba facendo cousas moi malas. Así que arriscaron a súa vida por Ioax, un dos netos de Atalía. Agocharon o meniño e criárono no templo.
Cando Ioax tiña 7 anos, Iehoiadá xuntou os xefes da garda e os levitas, e díxolles: “Vixiade as portas do templo. Non deixedes que entre ninguén”. Logo, Iehoiadá fixo rei a Ioax e púxolle unha coroa na cabeza. A xente comezou a gritar: “Viva o rei!”.
Atalía escoitou o barullo e entrou correndo no templo. Cando viu o novo rei, berrou: “Traizón! Traizón!”. Pero os xefes da garda agarrárona, sacárona fóra e matárona. Ela fora un mal exemplo para o pobo. Que pasaría agora?
Iehoiadá axudou á nación a facer un pacto con Xehová. Nese pacto, os israelitas prometeron que só adorarían a Xehová. Ademais, Iehoiadá fixo que derrubasen o templo de Baal e rompesen en
anacos os ídolos. Logo, nomeou sacerdotes e levitas para traballar no templo, e así o pobo puido adorar outra vez alí a Xehová. Tamén puxo gardiáns nas portas para que non entrase ninguén impuro. Entón, Iehoiadá e os xefes da garda levaron a Ioax ó palacio e sentárono no trono. Que contento se puxo o pobo de Xudá! Por fin podían servir a Xehová libres da malvada Atalía e da adoración a Baal. Viches canta xente axudou Iehoiadá por ser valente?“Non lles teñades medo ós que matan o corpo pero non poden mata-la alma; temede máis ben a aquel que pode arruina-lo corpo e a alma” (Mateo 10:28)