A evolución. Supostos e realidades
“A evolución é unha realidade tan innegable coma a calor do Sol”, asegura o eminente biólogo evolucionista Richard Dawkins.16 Grazas á observación directa e ós experimentos realizados, ninguén dubida da elevada temperatura do Sol. Pero, será posible probar a validez da teoría da evolución dun xeito tan rotundo utilizando estes mesmos métodos?
Antes de contestar esta pregunta, é importante que aclaremos algo. Moitos científicos teñen observado que, tras varias xeracións, co paso do tempo poden darse lixeiros cambios nos seres vivos. Por exemplo, cruzando cans dun xeito selectivo, os criadores conseguen exemplares coas patas máis curtas ou máis longas cós seus antecesores. a Este conxunto de pequenos cambios é o que algúns científicos denominan microevolución.
Así e todo, os evolucionistas afirman que se foron acumulando pequenos cambios durante miles de millóns de anos. Este lento proceso levou ós grandes cambios necesarios para que os peixes se convertesen en anfibios, e os simios en homes.
Esta hipótese recibe o nome de macroevolución.Charles Darwin, por exemplo, ensinou que as pequenas variacións observables indican que tamén son posibles cambios moito maiores, aínda que ninguén os presenciou.17 Opinaba que certas formas de vida primitivas foron evolucionando durante enormes períodos de tempo, e que mediante sufrir “calquera nova modificación pequena”, por cativa que fose, deron lugar ós millóns de seres vivos da Terra.18
Moitos consideran lóxica tal afirmación. Pensan que, se os seres vivos sofren pequenos cambios, é razoable concluír que se poden dar cambios máis grandes mediante un lento proceso evolutivo. b O certo é que a teoría da evolución está baseada en tres supostos. Vexamos cales son.
Primeiro suposto: as mutacións producen a materia prima necesaria para a creación de novas especies. A teoría da macroevolución parte da base de que as mutacións (cambios aleatorios no código xenético das plantas e dos animais) non só poden dar lugar a novas especies, senón tamén a familias de plantas e animais completamente novas.19
Realidade. Moitas das características das plantas e dos animais están determinadas polas instrucións do seu código xenético, é dicir, os planos contidos no núcleo de cada célula. c Os investigadores descubriron que as mutacións poden provocar alteracións nos descendentes dos seres vivos. Pero, de verdade estas mutacións poden producir especies completamente novas? Que revela un século de investigacións no campo da xenética?
A finais da década de 1930, os científicos acolleron entusiasmados unha nova idea. Daquela xa pensaban que a selección natural (o proceso polo que os organismos que mellor se adaptan ó entorno son os que sobreviven e se propagan) podía producir novas especies a partir de mutacións aleatorias. Entón chegaron á conclusión de que, se eles seleccionaban as mutacións, poderían conseguir o mesmo pero dun xeito máis eficiente cá selección natural. “Unha onda de euforia percorreu a comunidade de biólogos en xeral e a de criadores en particular”, comenta Wolf-Ekkehard Lönnig, un científico do Max Planck Institute for Plant Breeding Research de Alemaña. d Por que tanta euforia? Lönnig, despois de trinta anos estudando mutacións xenéticas en plantas, comentou: “Estes investigadores pensaban que chegara o momento de revolucionar o método tradicional de cría de plantas e animais. Opinaban que, inducindo e seleccionando as mutacións axeitadas, poderían mellorar algunhas plantas e animais”.20 De feito, algúns confiaban en poder crear especies completamente novas.
Nos Estados Unidos, Europa e Asia, os científicos puxeron en marcha custosos programas de investigación nos que empregaban métodos que prometían acelerar o proceso evolutivo. Tras máis de corenta anos de intenso labor, que resultados obtiveron? O investigador Peter von Sengbusch comenta: “Queda claro que, malia todo o diñeiro investido, o intento de conseguir variedades de cultivos máis produtivos por medio da radiación [para inducir mutacións] foi un fracaso”.21 Lönnig engade: “Para a década de 1980, toda a euforia e a esperanza remataran nun fracaso mundial. A mutación selectiva como rama de investigación independente foi abandonada polos países occidentais. Case tódolos organismos ós que lles provocaran mutacións [...] morreron ou resultaron ser máis febles cas variedades naturais”. e
Aínda así, os datos obtidos tras cen anos de investigación das mutacións en xeral e setenta da mutación selectiva en particular, permitíronlles ós científicos determinar a capacidade das mutacións para producir novas especies. Despois de analizar os feitos, Lönnig concluíu: “As mutacións non poden transformar unha especie [vexetal ou animal] noutra completamente nova. Esta conclusión encaixa cos experimentos e resultados obtidos na investigación sobre mutacións de todo o século XX, así como coas leis da probabilidade”.
Entón, poden as mutacións provocar que unha determinada especie evolucione noutra completamente nova? As probas din que non. As investigacións de Lönnig lévano a concluír que “as especies ben definidas teñen límites ben trazados que as mutacións accidentais non poden traspasar nin eliminar”.22
Pensa nas implicacións do ata aquí exposto. Se científicos ben preparados non conseguen crear novas especies provocando e seleccionando as mutacións que lles parecen axeitadas, será posible que un proceso non dirixido obteña mellores resultados? Se as investigacións mostran que as mutacións non poden transformar unha especie noutra completamente nova, entón como puido ter lugar a macroevolución?
Segundo suposto: a selección natural leva á aparición de novas especies. Darwin pensaba que, o que el chamaba “selección natural”, favorecía aquelas formas de vida que mellor se adaptaban ó entorno, mentres que as menos aptas acabarían extinguíndose. Na actualidade, os evolucionistas afirman que segundo as especies se foron espallando e quedando illadas, a selección natural preservou os exemplares con aquelas mutacións xenéticas que os facían máis aptos para sobrevivir no novo entorno. Supoñen que, como consecuencia, estes grupos illados acabaron por evolucionar ata se converter nunha especie completamente nova.
Realidade. Como xa se mencionou, os resultados das investigacións apuntan claramente a que as mutacións non poden producir novas especies vexetais ou animais. Así e todo, que probas aportan os evolucionistas para demostrar que a selección natural favorece as mutacións beneficiosas para crear novas especies? Un 23
folleto publicado en 1999 pola Academia Nacional de Ciencia dos Estados Unidos (NAS, polas súas siglas en inglés) fala das “trece especies de pimpíns que Darwin estudou nas Illas Galápagos, coñecidas actualmente como os pimpíns de Darwin”.Na década de 1970, un equipo de investigación dirixido por Peter R. e B. Rosemary Grant, da Universidade de Princeton, comezou a estudar estas aves e descubriu que, tras un ano de seca nas illas, os exemplares con peteiros lixeiramente máis grandes sobrevivían con máis facilidade que aqueles con peteiros máis pequenos. Xa que o tamaño do peteiro é a principal diferenza entre as trece especies de pimpíns, supuxeron que as súas observacións eran relevantes. “Os Grant asumiron”, engade o folleto da NAS, “que se cada dez anos houbese seca nas illas, aparecería unha nova especie de pimpíns nuns douscentos anos”.24
Agora ben, ese folleto omitiu o feito de que, nos anos que seguiron á seca, os pimpíns con peteiro de menor tamaño volvían a ser maioría. Os investigadores descubriron que, cando as condicións climáticas da illa cambiaban, os pimpíns con peteiro de maior tamaño eran os que predominaban durante un ano; pero co tempo deixaban de selo. Tamén observaron que algunhas das diferentes “especies” de pimpíns se apareaban e criaban exemplares mellor dotados para a supervivencia cós seus proxenitores. Concluíron que, se este apareamento continuaba, podería producirse a fusión de dúas “especies” nunha.25
Entón, poderá a selección natural crear novas especies? Hai décadas, o biólogo evolucionista George Christopher Williams comezou a cuestionar tal afirmación.26 En 1999, o teórico evolucionista Jeffrey H. Schwartz escribiu que, se ben a selección natural pode axudar ós organismos a adaptarse ás circunstancias cambiantes do seu entorno, non pode crear nada novo.27
A realidade é que os pimpíns de Darwin non se están a transformar en “nada novo”. Seguen sendo pimpíns. E, o feito de que sigan apareándose entre eles, fai que nos cuestionemos os métodos empregados por algúns evolucionistas para definir unha especie. Ademais, a información dispoñible sobre estes paxaros deixa claro que ata os científicos máis prestixiosos
non están libres de presentar as probas dun xeito subxectivo.Terceiro suposto: o rexistro fósil proba os cambios macroevolutivos. O folleto da NAS antes mencionado deixa ó lector coa impresión de que os fósiles atopados ata o de agora polos científicos documentan a macroevolución máis que dabondo. Afirma: “Descubríronse tantas formas de vida intermedias entre os peixes e os anfibios, os anfibios e os réptiles, entre os réptiles e os mamíferos, e dentro da cadea evolutiva dos primates, que con frecuencia é difícil precisar o momento exacto da transición dunha especie a outra”.28
Realidade. Tal aseveración é bastante sorprendente. Por que? Niles Eldredge, evolucionista incondicional, declara que o rexistro fósil non mostra unha acumulación gradual de cambios, senón que “se acumulan poucos ou ningún cambio evolutivo na maioría das especies” co paso de grandes períodos de tempo. f29
O rexistro fósil mostra que os principais grupos de animais apareceron de súpeto e apenas sufriron cambios
Ata o de agora, lévanse desenterrado e catalogado uns douscentos millóns de fósiles de gran tamaño e miles de millóns doutros máis pequenos. Moitos investigadores coinciden en que este enorme e detallado rexistro mostra que os principais grupos de animais apareceron de súpeto e apenas sufriron cambios. Tamén concordan en que moitas especies desapareceron coa mesma rapidez coa que apareceron.
Crer na evolución: acto de “fe”?
Por que moitos destacados evolucionistas seguen presentando a macroevolución como un feito? O influente Richard Lewontin admitiu con sinceridade que moitos científicos están predispostos a aceptar estas hipóteses non demostradas porque “teñen un compromiso previo, un compromiso co materialismo”. g Mesmo se negan a considerar a posibilidade de que exista un deseñador intelixente porque, como di Lewontin, “non podemos permitirnos abrirlle a porta a Deus”.30
A este respecto, a revista Investigación y Ciencia cita as seguintes palabras do sociólogo Rodney Stark: “Levamos douscentos anos recibindo a mensaxe de que para ser unha persoa de ciencia hai que ter a mente libre das ataduras da relixión”. Tamén sinala que nas universidades dedicadas á investigación “a xente relixiosa mantén a boca pechada”.31
Polo tanto, se aceptamos como válida a teoría da macroevolución, hai que crer que os científicos agnósticos ou ateos non se deixarán influír polas súas crenzas persoais á hora de interpretar os seus descubrimentos. Hai que crer que as mutacións e maila selección natural deron lugar a tódalas formas complexas de vida, a pesar de que cen anos de investigación demostran que as mutacións non conseguiron transformar ningunha especie ben definida noutra completamente nova. Hai que crer que tódolos seres vivos evolucionaron gradualmente a partir dun antecesor común, aínda que o rexistro fósil indique claramente que as principais variedades de plantas e animais xurdiron de súpeto e non evolucionaron ata se converter noutras distintas, incluso tras incontables períodos de tempo. Pensas que este tipo de crenza está baseada en feitos, ou en suposicións? En realidade, semella que crer na evolución é un acto de “fe”.
a Ás veces, as variacións obtidas obedecen a defectos xenéticos. Por exemplo, a pequena estatura do can salchicha débese a unha anomalía no crecemento da cartilaxe que provoca ananismo.
b A palabra especie empregada aquí con frecuencia ten un significado lixeiramente distinto ó da palabra orixinal utilizada no libro da Xénese, traducida “especie” ou “xénero” en moitas versións da Biblia. O significado do termo hebreo é máis amplo.
c Os estudos mostran que o citoplasma da célula, as súas membranas e outras estruturas celulares tamén interveñen na configuración dun organismo.
d Lönnig cre que a vida foi creada. Os seus comentarios citados nesta publicación non representan a opinión do Max Planck Institute for Plant Breeding Research.
e Estes experimentos mostraban vez tras vez que o número de novas mutacións ía a menos, mentres que as mutacións que se repetían eran sempre as mesmas. Ademais, menos do 1% das plantas con mutacións inducidas serviron para seguir coas investigacións ou para a súa comercialización. De feito, nunca obtiveron ningunha especie completamente nova. Os resultados foron aínda peores nas mutacións en animais, e os investigadores descartaron o método por completo.
f Incluso os poucos exemplos do rexistro fósil que se presentan como proba da evolución son discutibles. Véxanse as páxinas 22 a 29 do folleto El origen de la vida. Cinco cuestiones dignas de análisis, publicado polas Testemuñas de Xehová.
g Neste contexto, o termo materialismo fai referencia á teoría de que o Universo, incluíndo tódalas formas de vida, chegou a existir sen intervención sobrenatural ningunha.