Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 1

O amor de Deus é para sempre

O amor de Deus é para sempre

“O amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados” (1 XOÁN 5:3)

1, 2. Por que queres a Xehová?

 DIRÍAS que amas a Deus? Poida que o queiras tanto que dedicases a túa vida a el. Quizais tamén sintas que é o teu mellor amigo. Pero Xehová xa te quería antes de que ti o quixeses a el. A Biblia afirma que “El nos amou primeiro” (1 Xoán 4:19).

2 Pensa en todo o que Xehová fixo para demostrarnos canto nos quere. Deunos un fermoso planeta para que fose o noso fogar e todo o que precisamos para desfrutar da vida (Mateo 5:43-48; Apocalipse 4:11). Desexa que sexamos os seus amigos e fixo posible que o coñezamos mellor. Cando lemos a Biblia escoitamos a Xehová, e cando lle oramos el escóitanos a nós (Salmo 65:3 [65:2, NM]). Grazas ó seu poderoso espírito santo recibimos a guía e as forzas que precisamos (Lucas 11:13). Ata enviou o seu benquerido Fillo á terra para liberarnos do pecado e da morte (le Xoán 3:16; Romanos 5:8).

3. Como podemos manter unha amizade estreita con Xehová?

3 Pensa nun dos teus mellores amigos, alguén que se mantivo a carón de ti nas boas e nas malas. Para manter unha amizade tan estreita fai falta esforzo. O mesmo ocorre con Xehová, o mellor amigo que podemos ter. Ademais, a nosa amizade con el pode durar para sempre. Por iso a Biblia di: “Mantédevos no amor de Deus” (Xudas 21). Como podemos facelo? A Biblia responde: “O amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados” (1 Xoán 5:3).

“O AMOR A DEUS”

4, 5. Como comezou a medrar o teu amor por Xehová?

4 O apóstolo Xoán escribiu sobre o “amor a Deus”. Lembras como comezou a medrar o teu amor por Xehová?

Cando te dedicas a Xehová e te bautizas, demóstraslle que o amas e que queres obedecelo para sempre

5 Recorda como te sentiches ó aprender que Xehová quere que vivas para sempre no novo mundo. Soubeches de todo o que fixo para que iso sexa posible e decatácheste do grande agasallo que nos deu ó enviar o seu Fillo á terra (Mateo 20:28; Xoán 8:29; Romanos 5:12, 18). Saber canto te quere Xehová tocouche o corazón e comezaches a sentir como medraba o teu amor por el (le 1 Xoán 4:9, 10).

6. a) Que implica amar a alguén? b) Que fixeches ti por amor a Xehová?

6 Pero este sentimento de amor por Deus foi só o principio. Amar a alguén implica máis que dicirlle: “Quérote”. Tamén significa facer cousas que sabemos que lle gustan e o fan feliz. Do mesmo xeito, o teu amor por Xehová moveute a facer cambios na túa vida para agradarlle. Segundo ese amor crecía, pode que decidises dedicarte e bautizarte. Ó dedicarte a Xehová fixécheslle a promesa de servilo para sempre (le Romanos 14:7, 8). Que podes facer para cumprir esta promesa?

“CUMPRIR COS SEUS MANDAMENTOS”

7. a) Que faremos se amamos a Xehová? b) Cales son algúns dos seus mandamentos?

7 Amar a Xehová motívanos a “cumprir cos seus mandamentos”, é dicir, obedecelo. Na Biblia aprendemos como quere Deus que vivamos. Por exemplo, ensínanos que está mal emborracharse, roubar, mentir ou ter relacións sexuais con alguén que non sexa o noso cónxuxe. Ademais, tamén aprendemos que só debemos adorar a Xehová (1 Corintios 5:11; 6:18; 10:14; Efesios 4:28; Colosenses 3:9).

8, 9. Cando non hai unha lei específica na Biblia, como sabemos o que Xehová quere que fagamos? Pon un exemplo.

8 Pero para agradarlle a Xehová non abonda con obedecermos os seus mandamentos. Non nos deu unha longa lista de normas para cada situación que afrontamos na vida. Por iso, haberá ocasións nas que non haxa unha lei específica na Biblia que nos diga o que facer. Entón, como podemos tomar boas decisións? (Efesios 5:17) Na Biblia atopamos principios, é dicir, verdades básicas que nos ensinan como ve Xehová as cousas. Conforme imos lendo a Biblia chegamos a coñecelo como persoa. Aprendemos cal é a súa maneira de pensar, incluído o que ama e o que aborrece (le Salmo 97:10; Proverbios 6:16-19; ver a nota 1).

9 Por exemplo, como decidir que ver na televisión ou en Internet? Inda que Xehová non nos di especificamente o que debemos facer nestas situacións, os principios bíblicos axudarannos a tomar boas decisións. Moito do entretemento actual está cheo de violencia e sexo. Pero na Biblia aprendemos que Xehová aborrece os violentos e que “ha condena-los desvergonzados”, é dicir, os que manteñen unha conduta sexual que El non aproba (Hebreos 13:4; Salmo 11:5). Como nos poden axudar estes principios a tomar boas decisións? Cando aprendemos que Xehová aborrece algo ou o considera inmoral, debemos evitalo.

10, 11. Por que obedecemos a Xehová?

10 Por que obedecemos a Xehová? Non é só para evitar un castigo ou as consecuencias de tomar malas decisións (Gálatas 6:7). Máis ben, obedecemos a Xehová porque o amamos. Igual que os nenos queren facer felices a seus pais, nós queremos facer feliz o noso pai Xehová. Non hai nada mellor que saber que Xehová está contento con nós (Salmo 5:13 [5:12, NM]; Proverbios 12:2; ver a nota 2).

11 Non obedecemos a Xehová só cando é fácil ou non temos outra opción. Tampouco eliximos que leis ou normas obedecer e cales non (Deuteronomio 13:1 [12:32, NM]). Máis ben, obedecemos a Xehová sempre, igual que o salmista, quen dixo: “Fólgome cos teus mandatos e téñolles afecto” (Salmo 119:47; Romanos 6:17). Queremos ser coma Noé, quen demostrou que amaba a Xehová facendo todo o que lle pedía. A Biblia di que “fixo todo conforme Deus lle mandara” (Xénese 6:22). Gustaríache que Xehová dixese o mesmo de ti?

12. Como podemos facer feliz a Xehová?

12 Como se sente Xehová cando o obedecemos? A Biblia di que o facemos feliz (Proverbios 11:20; 27:11). Pensa no que iso significa. Cando obedecemos a Xehová, facemos feliz o Creador do Universo! Pero el nunca nos obriga, senón que nos dá libre albedrío, é dicir, liberdade de elección. Xehová desexa que o noso amor por el nos motive a tomar boas decisións para que nos vaia o mellor posible na vida (Deuteronomio 30:15, 16, 19, 20; ver a nota 3).

“OS MANDAMENTOS DE DEUS NON SON PESADOS”

13, 14. Como sabemos que os mandamentos de Deus non son demasiado difíciles de obedecer? Pon un exemplo.

13 E se pensamos que as normas de Xehová son demasiado difíciles de seguir ou que nos restan liberdade? A Biblia aclara: “Os mandamentos de Deus non son pesados” (1 Xoán 5:3). Noutras partes da Biblia, a palabra grega para “pesados” úsase para describir normas pouco razoables, ou mesmo xente que trata de controlar e facer dano a outros (Mateo 23:4; Feitos 20:29, 30). Pero os mandamentos de Xehová “non son pesados”, é dicir, non son demasiado difíciles de obedecer. Xehová nunca nos pide nada que non poidamos facer.

14 Poñamos un exemplo. Imaxina que lle estás axudando a un amigo coa mudanza e xa ten todo empaquetado en caixas. Algunhas son lixeiras e fáciles de levar, pero outras son moi pesadas e hai que levalas entre dous. Pensas que o teu amigo che pediría que levases unha desas caixas pesadas ti só? Claro que non! Por que? Porque non che pediría algo que non puideses facer. Do mesmo xeito, Xehová nunca nos vai pedir algo que non poidamos facer (Deuteronomio 30:11-14). El coñécenos moi ben, e “sabe de que estamos feitos, recorda que somos lama” (Salmo 103:14).

15. Por que podemos estar seguros de que os mandamentos de Xehová son para o noso ben?

15 Moisés díxolle á nación de Israel que se obedecían os mandatos de Xehová iríalles ben e serían felices (Deuteronomio 5:28-33; 6:24). Do mesmo xeito, todo o que nos pide Xehová é para o noso ben (le Isaías 48:17). O noso Pai sempre sabe o que máis nos convén (Romanos 11:33). A Biblia di que “Deus é amor” (1 Xoán 4:8). Isto significa que todo o que di e todo o que fai é por amor.

16. Por que sabemos que é posible obedecer a Deus aínda que sexamos imperfectos e vivamos nun mundo malvado?

16 Non sempre é fácil obedecer a Deus. Vivimos nun mundo malvado gobernado polo Demo. El intenta influír na xente para que faga cousas malas (1 Xoán 5:19). Tamén temos que loitar contra os nosos sentimentos e pensamentos imperfectos, xa que poden levarnos a desobedecer a Deus (Romanos 7:21-25). Pero o noso amor por Xehová dános as forzas que precisamos para facer o correcto. El ve canto nos esforzamos por obedecelo, e co seu espírito santo axúdanos a cultivar as calidades que precisamos para conseguilo (1 Samuel 15:22, 23; Feitos 5:32; Gálatas 5:22, 23).

17, 18. a) Que aprenderemos neste libro? b) Que veremos no seguinte capítulo?

17 Neste libro aprenderemos a vivir como a Xehová lle agrada. Tamén veremos como poñer en práctica na nosa vida os Seus principios e normas morais. Lembra que Xehová non nos obriga a obedecelo pero, se o facemos, iranos mellor e teremos por diante un futuro marabilloso. E máis importante aínda, coa nosa obediencia demostrarémoslle a Deus canto o queremos (ver a nota 4).

18 Para axudarnos a distinguir o que está ben do que está mal, Xehová deunos a conciencia. Se a educamos ben, axudaranos a “cumprir cos seus mandamentos”. Pero, que é a conciencia? E como podemos educala? Verémolo no seguinte capítulo.