Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 11

Como ter un matrimonio feliz

Como ter un matrimonio feliz

“O amor non pasa endexamais” (1 CORINTIOS 13:8)

1, 2. Se un matrimonio ten problemas, significa que é un fracaso? Explica a túa resposta.

 O MATRIMONIO é un agasallo de Xehová que pode traer moita felicidade. Inda así, tódolos matrimonios pasan por problemas. Os cónxuxes mesmo poden chegar a pensar que os problemas nunca rematarán e que xa non poderán estar tan unidos coma antes.

2 Se estamos casados, non debería sorprendernos que de vez en cando teñamos problemas. Iso non significa que o matrimonio sexa un fracaso. Mesmo algunhas parellas que tiñan problemas moi graves atoparon o xeito de arranxalos e agora están máis unidos. Como o fixeron?

ACHÉGATE A XEHOVÁ E Ó TEU CÓNXUXE

3, 4. Que podería pasar nun matrimonio?

3 O matrimonio é a unión de dúas persoas diferentes, cada unha cos seus gustos, forma de pensar e xeito de facer as cousas. Ademais, poida que o home e a muller teñan antecedentes ou culturas diferentes. Para que unha parella chegue a entenderse e coñecerse ben, fai falta tempo e esforzo.

4 Co paso do tempo, é posible que os cónxuxes se vaian distanciando por estaren demasiado ocupados nas súas cousas. Mesmo poida que pareza que levan vidas separadas. Que lles axudará a estaren máis unidos?

Para ter un matrimonio feliz precisamos os consellos da Biblia

5. a) Que nos axudará a achegarnos ó noso cónxuxe? b) Segundo Hebreos 13:4, como deberiamos ver o matrimonio?

5 Xehová dá bos consellos que poden axudar ás parellas a estaren máis unidas e a achegarse máis a El (Salmo 25:4; Isaías 48:17, 18). Por exemplo, a Biblia di: “O matrimonio é merecente de tódolos respectos” (Hebreos 13:4). Xehová quere que vexamos o matrimonio como algo moi valioso. Por iso debemos valoralo e protexelo.

AMAR A XEHOVÁ PODE MELLORAR O TEU MATRIMONIO

6. Que aprendemos en Mateo 19:4-6 sobre o que pensa Xehová do matrimonio?

6 Xehová instituíu o primeiro matrimonio. Xesús dixo: “¿Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio, e que dixo: Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne? De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home” (Mateo 19:4-6). Así que dende o comezo, Xehová quería que o matrimonio fose unha unión permanente, e que as familias estivesen unidas e fosen felices.

7. Que poden facer as parellas para fortalecer o seu matrimonio?

7 Non obstante, hoxe as parellas afrontan máis presións e estrés ca nunca antes. Ás veces hai tantos problemas que pensan que xa non se pode salvar o matrimonio, e danse por vencidos. Pero entender o que pensa Xehová do matrimonio pode axudarnos (1 Xoán 5:3).

8, 9. a) Cando deberiamos seguir os consellos de Xehová para o matrimonio? b) De que xeito podemos demostrar que valoramos moito o noso matrimonio?

8 Os consellos de Xehová sempre son para o noso ben. Como xa vimos, el di que “o matrimonio é merecente de tódolos respectos” (Hebreos 13:4; Eclesiastés 5:3 [5:4, NM]). Se seguimos a guía de Xehová, mesmo cando non é fácil, seguro que nos irá ben (1 Tesalonicenses 1:3; Hebreos 6:10).

9 Xa que o noso matrimonio é algo moi valioso, non queremos dicir ou facer nada que poida danalo. Desexamos que a relación se vaia facendo cada vez máis forte. Como podemos conseguilo?

HONRA O TEU MATRIMONIO COAS TÚAS PALABRAS E ACCIÓNS

10, 11. a) Que problemas graves teñen moitos matrimonios? b) Por que debemos coidar a forma de falarlle á nosa parella?

10 Hai máis dun xeito no que alguén podería facerlle dano á súa parella. Sabemos que os cristiáns xamais deberiamos pegarlle ó noso cónxuxe nin mancalo fisicamente. Pero ás veces unha palabra doe moito máis ca unha labazada. Unha muller explicou: “O meu home magóame coas súas palabras. Non teño mazaduras por fóra, pero por dentro estou chea de cicatrices. Sempre me anda dicindo: ‘Estaba mellor sen ti!’ ou ‘Non vales para nada!’”. Un home comentou que a súa muller o insultaba e humillaba todo o tempo. Ademais dixo: “Non me atrevo nin a repetir diante doutros as cousas que me di. Xa non somos quen de ter unha conversa normal. Prefiro traballar ata tarde, estou moito máis tranquilo no traballo que na casa”. As palabras crueis e ofensivas son cada vez máis comúns.

11 A fala cruel dentro do matrimonio causa feridas emocionais que tardan moito en curar. É evidente que Xehová non quere que as parellas se traten dese xeito. Pero é posible facerlle dano ó noso cónxuxe sen decatarnos. Quizais pensemos que somos amables, pero que pensa a nosa parella? Se dixemos algo que lle fixo dano, estariamos dispostos a rectificar? (Gálatas 5:15; le Efesios 4:31).

12. Que podería danar a nosa amizade con Xehová?

12 A Xehová impórtalle moito como lle falamos á nosa parella, xa sexa en público ou en privado (le 1 Pedro 3:7, 12). A Biblia lémbranos: “Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana o seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira” (Santiago 1:26).

13. De que outro xeito poderiamos facerlle dano ó noso cónxuxe?

13 Hai outras formas de demostrar que nos preocupamos polos sentimentos do noso cónxuxe. Por exemplo, como se sentiría a túa parella se comezases a pasar moito tempo con alguén doutro sexo? Inda que sexa por unha boa razón, como predicar ou axudarlle con algún problema, cres que iso podería facerlle dano ó teu cónxuxe? Unha cristiá comentou: “Ver que o meu home lle dedica tanto tempo e tanta atención a outra irmá da congregación faime moito dano. Faime sentir inferior”.

14. a) Que aprendemos en Xénese 2:24? b) Que deberiamos preguntarnos?

14 Como cristiáns, temos certas responsabilidades cos familiares e cos irmáns da congregación. Pero, se estamos casados, a nosa prioridade é o noso cónxuxe. Xehová dixo que o home deixaría a “seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo” (Xénese 2:24). Os sentimentos da nosa parella deberían ser moi importantes para nós. Pregúntate: “Estoulle dando ó meu cónxuxe o tempo, a atención e o cariño que precisa e merece?”.

15. Por que deberían os cristiáns casados evitar ter demasiada relación con alguén que non sexa o seu cónxuxe?

15 Se temos demasiada relación con alguén que non é o noso cónxuxe, provocaremos tensión no matrimonio. Poderiamos comezar a ter sentimentos románticos por esa persoa (Mateo 5:28). Eses sentimentos poderían medrar e levarnos a facer algo que deshonre o matrimonio.

“O LEITO MATRIMONIAL TEN QUE SER INMACULADO”

16. Que mandato atopamos na Biblia sobre o matrimonio?

16 Despois de dicir que “o matrimonio é merecente de tódolos respectos”, a Biblia engade que “o leito matrimonial ten que ser inmaculado, xa que Deus ha condena-los desvergonzados e adúlteros” (Hebreos 13:4). A expresión “o leito matrimonial” refírese ás relacións sexuais entre un home e a súa muller (Proverbios 5:18). Como podemos manter limpo o matrimonio e mostrar respecto por esas relacións?

17. a) Que pensan moitas persoas do adulterio? b) Que deberían pensar os cristiáns do adulterio?

17 Algunhas persoas pensan que ser infiel non ten nada de malo. Non podemos permitir que nos afecte esa forma de pensar. Xehová deixa moi claro que odia a inmoralidade sexual e o adulterio (le Romanos 12:9; Hebreos 10:31; 12:29). Se tivésemos relacións sexuais con alguén que non é o noso home ou a nosa muller, estariamos deshonrando o noso matrimonio. Ademais, demostrariamos que non respectamos as normas de Xehová e danariamos a nosa amizade con el. Por iso debemos evitar dar calquera paso que nos poida levar ó adulterio. Isto inclúe ter pensamentos impropios sobre outra persoa (Xob 31:1).

18. a) Por que o adulterio é semellante a adorar deuses falsos? b) Que pensa Xehová do adulterio?

18 Cando a nación de Israel estaba baixo a Lei de Moisés, o adulterio era un pecado moi grave, tan grave como adorar deuses falsos. Os dous pecados castigábanse coa morte (Levítico 20:2, 10). Como pode ser que o adulterio fose semellante á idolatría? Se un israelita adoraba deuses falsos, estaba rompendo a súa promesa de serlle fiel a Xehová. Do mesmo xeito, se cometía adulterio, estaba rompendo a súa promesa de serlle fiel ó seu cónxuxe (Éxodo 19:5, 6; Deuteronomio 5:9; le Malaquías 2:14). É evidente que para Xehová o adulterio era un pecado moi grave.

19. Que nos axudará a estar decididos a non cometer adulterio?

19 E que ocorre na actualidade? Inda que xa non estamos baixo a Lei de Moisés, o punto de vista de Xehová sobre o adulterio non cambiou. Do mesmo xeito que nunca adorariamos deuses falsos, tampouco non deberiamos ser infieis ó noso cónxuxe (Salmo 51:3, 6 [51:1, 4, NM]; Colosenses 3:5). Se o fixésemos, estariamos deshonrando o noso matrimonio e mais o noso Deus, Xehová (ver a nota 26).

FORTALECE O TEU MATRIMONIO

20. Que bo efecto ten a sabedoría no matrimonio?

20 Que podes facer para fortalecer o teu matrimonio? A Biblia di: “Un casal constrúese coa Sabedoría e afíncase co discernimento” (Proverbios 24:3). Unha casa pode estar fría e baleira ou ser cómoda, acolledora e segura. Co matrimonio pasa o mesmo. As persoas sabias esfórzanse para que o seu matrimonio sexa un lugar onde ámbolos dous cónxuxes se sintan seguros e felices.

21. Como axuda o coñecemento a fortalecer o matrimonio?

21 A Biblia segue dicindo: “As súas pezas énchense co saber dos bens máis prezados e elegantes” (Proverbios 24:4). O que aprendas na Biblia pode mellorar o teu matrimonio (Romanos 12:2; Filipenses 1:9). Cando leades xuntos a Biblia e mais as publicacións baseadas nela, conversade sobre como poñer en práctica o que aprendedes. Buscade xeitos de amosarvos amor e respecto, e de serdes agarimosos e considerados un co outro. Pedídelle a Xehová que vos axude a cultivar calidades que fortalezan o voso matrimonio e que contribúan a que vos queirades cada vez máis (Proverbios 15:16, 17; 1 Pedro 1:7).

Pedídelle a Xehová a súa guía durante a adoración en familia

22. Por que debemos amar, respectar e honrar o noso cónxuxe?

22 Debemos facer todo o posible por amar, respectar e honrar o noso cónxuxe. Entón o noso matrimonio será máis forte e feliz. Pero o máis importante é que faremos feliz a Xehová (Salmo 147:11; Romanos 12:10).