Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 17

Continúa no amor de Deus

Continúa no amor de Deus

“Edificádevos enriba dos alicerces da vosa fe santísima; [...] mantédevos no amor de Deus” (XUDAS 20, 21)

1, 2. Que podemos facer para continuar no amor de Deus?

 TODOS queremos estar fortes e sans. Por iso nos esforzamos por comer ben, facer exercicio de maneira regular e coidar o noso corpo. Inda que leva traballo, ver o resultado axúdanos a non rendernos. Pero tamén debemos estar fortes e sans noutro sentido.

2 Aínda que xa demos os primeiros pasos para coñecer a Xehová, temos que seguir estreitando a nosa amizade con el. Cando Xudas animou os cristiáns a continuar “no amor de Deus”, explicou como facelo. Díxolles: “Edificádevos enriba dos alicerces da vosa fe santísima” (Xudas 20, 21). Entón, que podemos facer para fortalecer a nosa fe?

FORTALECE A TÚA FE

3-5. a) Que quere Satán que penses sobre as normas de Xehová? b) Que pensas das normas e principios de Xehová?

3 É importante que esteas convencido de que obedecer as normas de Xehová é o mellor para ti. Satanás quere que penses que as normas de Deus son demasiado difíciles de poñer en práctica e que serás máis feliz se escolles por ti mesmo o que está ben e o que está mal. Dende o xardín de Edén, leva intentando enganar as persoas para que pensen así (Xénese 3:1-6). E segue empeñado en conseguilo.

4 Ten razón o Demo? Son demasiado restritivas as normas de Xehová? Non. Pensa no seguinte exemplo. Imaxina que vas paseando por un parque e ves unha reixa que che impide pasar. Poida que penses: “Por que non podo pasar?”. Pero de súpeto, escoitas un león bruando do outro lado. Que pensarías agora da reixa? Seguro que agradeces que estea aí para que non te pape o león! As normas de Xehová son coma esa reixa e o Demo é coma ese león. A Biblia advírtenos: “¡Alerta! Que o voso inimigo, o demo, bruando coma un león, anda ó arredor á procura de quen engulir” (1 Pedro 5:8).

5 Xehová quere que teñamos a mellor vida posible. Non quere que Satanás nos engane. Por iso nos deu normas e principios que nos protexen e nos axudan a sermos felices (Efesios 6:11). A Biblia di: “Quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e se mantén nela, [...] ese será feliz na súa actuación” (Santiago 1:25).

6. Que nos axudará a estarmos convencidos de que as normas de Xehová son as mellores?

6 Obedecermos a Xehová fará que a nosa vida mellore e estreitará a nosa amizade con el. Por exemplo, el quere que lle oremos acotío, e facelo é bo para nós (Mateo 6:5-8; 1 Tesalonicenses 5:17). Tamén nos sentimos felices cando o obedecemos indo ás reunións para adoralo e animarnos uns ós outros, ou cando nos esforzamos ó máximo por predicar e ensinar (Mateo 28:19, 20; Gálatas 6:2; Hebreos 10:24, 25). Se reflexionamos en como nos axudaron estas cousas a fortalecer a nosa fe, convencerémonos cada vez máis de que a guía de Xehová é sempre a mellor.

7, 8. Que nos axudará a non preocuparnos polas probas que poidan vir no futuro?

7 Poida que nos preocupen as probas que teremos que afrontar no futuro e pensemos que serán demasiado difíciles. Se algunha vez te sentes así, lembra o que di Xehová: “Eu, Yaveh, teu Deus, ensínote pra o teu ben, guíote polo vieiro que debes seguir. Ouh, se tiveses obedecido os meus mandamentos!: A túa paz sería coma un río, a túa xusticia coma as ondas do mar” (Isaías 48:17, 18, SBG).

8 Se obedecemos a Xehová, a nosa paz será coma un río que nunca seca e a nosa xustiza coma as ondas do mar que nunca deixan de chegar á beira. Sen importar o que nos pase, poderemos ser leais a Deus. A Biblia prométenos que Xehová “non deixa nunca que o xusto abanee” e que termará de nós se confiamos nel (Salmo 55:23 [55:22, NM]).

ESFÓRZATE POR SER UN CRISTIÁN MADURO

9, 10. Que significa ser un cristián maduro?

9 Segundo vaiamos estreitando a nosa amizade con Xehová, iremos pasando “ós conceptos que son propios dos adultos” (Hebreos 6:1). Que significa esta expresión?

10 Facernos vellos non nos converte automaticamente en cristiáns “adultos”, ou maduros. Para chegarmos a ser cristiáns maduros, Xehová ten que ser o noso mellor amigo e debemos ver as cousas como el as ve (Xoán 4:23). A Biblia di: “Pois os que viven conforme os baixos instintos buscan as cousas dos mesmos, pero os que viven conforme o Espírito buscan as do Espírito” (Romanos 8:5). Os cristiáns maduros non centran a súa vida en pasalo ben nin en ter moitas cousas. Máis ben, céntranse en servir a Xehová e toman boas decisións (Proverbios 27:11; le Santiago 1:2, 3). Saben o que é correcto e están decididos a facelo. Por iso non se deixan convencer para facer o que está mal.

11, 12. a) Que dixo Paulo sobre a capacidade dos cristiáns para “distingui-lo bo do malo”? b) En que se parece un cristián maduro a un atleta?

11 Para chegarmos a ser cristiáns maduros precisamos esforzarnos. O apóstolo Paulo escribiu: “A mantenza sólida é para xente grande, que ten o sentido xa afeito polo costume e é capaz de distingui-lo bo do malo” (Hebreos 5:14). A expresión “afeito polo costume” no idioma orixinal significa “adestrado”. Isto fainos pensar no adestramento dun atleta.

12 Cando vemos un atleta nunha competición, sabemos que lle levou moito tempo e esforzo chegar a ter esa habilidade. Ninguén nace aprendido. De feito, un bebé nin sequera sabe usar ben os brazos nin as pernas. Pero ós poucos, vai aprendendo a coller cousas e a camiñar. E con tempo e adestramento, mesmo pode chegar a ser un atleta. Do mesmo xeito, leva tempo e esforzo chegar a ser un cristián maduro.

13. Que nos axudará a ver as cousas como Xehová as ve?

13 Neste libro aprendemos a ver as cousas como Xehová as ve. Tamén aprendemos a querer e valorar as Súas normas. Cando tomemos decisións, debemos preguntarnos: “Que normas ou principios bíblicos aplican nesta situación? Como podo poñelos en práctica? Que lle gustaría a Xehová que fixese?” (le Proverbios 3:5, 6; Santiago 1:5).

14. Que precisamos facer para fortalecer a nosa fe?

14 Fortalecermos a nosa fe en Xehová é un proceso constante. Igual que unha comida nutritiva nos axuda a estar máis fortes fisicamente, coñecer mellor a Xehová axúdanos a facer máis forte a nosa fe. Cando comezamos a estudar a Biblia, aprendemos ensinanzas básicas sobre Xehová e mailas súas normas. Pero co tempo precisamos aprender ensinanzas máis profundas. A iso se refería Paulo cando dixo que “a mantenza sólida é para xente grande”. Ó poñermos en práctica o que imos aprendendo, adquirimos sabedoría, e a Biblia di que a sabedoría “non ten comparanza co máis prezado” (Proverbios 8:11; 1 Pedro 2:2).

15. Por que debemos quererlles moito a Xehová e ós irmáns?

15 Inda que alguén estea forte e san, sabe que precisa seguir coidándose. Do mesmo xeito, inda que sexamos cristiáns maduros, precisamos esforzarnos por seguir tendo unha relación estreita con Xehová. A Biblia recórdanos: “Examinádevos a vós mesmos, para ver se estades na fe; poñédevos a proba” (2 Corintios 13:5). Pero precisamos algo máis que unha fe forte. O amor que lles temos a Xehová e ós irmáns debe seguir medrando. O apóstolo Paulo dixo: “Por moito que eu [...] tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada” (1 Corintios 13:1-3).

CÉNTRATE NA TÚA ESPERANZA

16. Que quere Satán que pensemos?

16 Satanás quere que pensemos que nunca seremos quen de agradarlle a Xehová. Gustaríalle que nos desanimemos e creamos que os nosos problemas non teñen solución. Non quere que confiemos nos irmáns da congregación nin que sexamos felices (Efesios 2:2). O Demo sabe que pensarmos de xeito negativo pode facernos dano a nós e á nosa amizade con Deus. Pero Xehová deunos algo que nos axudará a loitar contra os pensamentos negativos: a esperanza.

17. Por que é importante a esperanza?

17 En 1 Tesalonicenses 5:8, a Biblia fala do “casco da esperanza da salvación”. Igual que os cascos protexen a cabeza dos soldados, a esperanza nas promesas de Xehová pode protexer a nosa mente e axudarnos a loitar contra os pensamentos negativos.

18, 19. Como lle axudou a esperanza a Xesús?

18 A esperanza deulle forzas a Xesús. Na súa última noite na terra, encarou situacións moi difíciles, unha tras doutra. Un dos seus amigos íntimos traizoouno, outro negou que o coñecía, e os demais abandonárono e fuxiron. A xente da súa nación volveuse na súa contra e pediron que o cravasen nun madeiro. Que lle axudou a aguantar todo isto? A Biblia di que foi “por mor da ledicia que o agardaba e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus” (Hebreos 12:2).

19 Xesús sabía que, se era leal a Deus, lle daría honra a seu Pai e demostraría que Satán é un mentireiro. Ademais, sabía que pronto volvería estar co seu Pai no ceo. A súa esperanza deulle moita ledicia e axudoulle a aguantar. Do mesmo xeito, nós tamén debemos centrarnos na nosa esperanza. Isto axudaranos a aguantar calquera situación que afrontemos.

20. Que che pode axudar a seres positivo?

20 Xehová ve a nosa fe e aguante (Isaías 30:18; le Malaquías 3:10). A Biblia prométenos: “El darache o que arela o teu corazón” (Salmo 37:4). Así que céntrate na túa esperanza. Satán quere que pensemos que as promesas de Xehová nunca se van cumprir e que perdamos a esperanza. Pero non podemos permitir que eses pensamentos nos dominen. Se ves que a túa esperanza esmorece, pídelle a Xehová que te axude. Lémbrate do que di Filipenses 4:6, 7: “Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias. E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús”.

21, 22. a) Cal é o propósito de Deus para a terra? b) Que estás decidido a facer?

21 Saca tempo acotío para reflexionar no marabilloso futuro que temos por diante. Moi pronto, tódalas persoas adorarán a Xehová (Apocalipse 7:9, 14). Como pensas que vai ser a vida no novo mundo? Pois vai ser moito mellor do que poidas imaxinar! Satán, os demos e maila maldade desaparecerán. Non enfermarás nin morrerás. Ergueraste cada día cheo de enerxías e feliz de estares vivo. Todo o mundo colaborará para facer da terra un paraíso. Todos terán comida dabondo e un lugar seguro onde vivir. As persoas non serán crueis nin violentas, senón amables e agarimosas. Co tempo, tódolos seres humanos desfrutarán da “salvación gloriosa dos fillos de Deus” (Romanos 8:21).

22 Xehová quere ser o teu mellor amigo. Esfórzate por obedecelo e por achegarte a el cada vez máis. Así continuarás no amor de Deus para sempre (Xudas 21).