Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 15

Desfruta do teu traballo

Desfruta do teu traballo

“Non lle resta ó home cousa mellor senón [...] darse boa vida do froito do seu esforzo” (ECLESIASTÉS 2:24)

1-3. a) Que pensan moitas persoas do seu traballo? b) Que preguntas responderemos neste capítulo?

 ARREDOR do mundo, as persoas traballan moi duro para manterse a si mesmas e mailas súas familias. A moitos non lles gusta o seu traballo e algúns mesmo senten ansiedade cada día ó ir traballar. Se te sentes así, que podes facer para estares máis contento co teu traballo e desfrutar del?

2 A Biblia di que todos deberiamos comer, beber e desfrutar do noso traballo, e que iso “é don de Deus” (Eclesiastés 3:13). Xehová creounos coa necesidade e o desexo de traballar. Quere que nos sintamos ben co que facemos (le Eclesiastés 2:24; 5:17 [5:18, NM]).

3 Entón, que nos pode axudar a desfrutar do noso traballo? Que tipos de traballo deberiamos evitar? Que podemos facer para cumprir co traballo sen descoidarmos o noso servizo a Xehová? Cal é o traballo máis importante que podemos facer?

OS DOUS MELLORES TRABALLADORES

4, 5. Que pensa Xehová do traballo?

4 A Xehová encántalle traballar. Xénese 1:1 di: “No principio creou Deus o ceo e a terra”. Despois de crear a terra e todo o que hai nela, quedou satisfeito co que fixera e dixo que “era de verdade moi bo” (Xénese 1:31).

5 Xehová nunca deixa de traballar. Xesús dixo: “O meu Pai ata o presente está sempre a traballar” (Xoán 5:17). Inda que non sabemos tódalas cousas abraiantes que estivo a facer durante todo este tempo, si que sabemos algunhas. Por exemplo, estivo escollendo os que van reinar no ceo con Xesús (2 Corintios 5:17). Ademais, Xehová preocúpase por tódalas persoas e por iso dirixe o labor de predicar por todo o mundo. Grazas a iso, millóns de persoas chegan a coñecelo e teñen a esperanza de vivir para sempre na terra feita un paraíso (Xoán 6:44; Romanos 6:23).

6, 7. Que clase de traballador é Xesús?

6 A Xesús tamén lle encanta traballar. Antes de vir á terra, Xesús fora o “mestre de obras” de Xehová ó axudarlle na creación de tódalas cousas no ceo e mais na terra (Proverbios 8:22-31; Colosenses 1:15-17). Cando estivo na terra, Xesús tamén traballou moito. De mozo, aprendeu a ser un bo carpinteiro. É moi probable que construíse casas e fixese mobles. De feito, era tan bo no seu traballo que a xente o coñecía como “o carpinteiro” (Marcos 6:3).

7 Pero o labor máis importante que fixo Xesús na terra foi predicarlles e ensinarlles ás persoas acerca de Xehová. Tivo tres anos e medio para completar a tarefa que Xehová lle encargara, e traballou duro dende cedo na mañá ata ben entrada a noite (Lucas 21:37, 38; Xoán 3:2). Camiñou centos de quilómetros por camiños cheos de po para predicarlle as boas noticias ó maior número de persoas posible (Lucas 8:1).

8, 9. Por que desfrutaba Xesús do seu labor?

8 Para Xesús, facer o labor que Deus lle encargara era semellante a comer porque lle daba forzas e enerxías. Había días nos que traballaba tanto que non tiña tempo nin para xantar (Xoán 4:31-38). Aproveitou tódalas oportunidades que tivo para falarlles ós demais sobre seu Pai. Por iso puido dicirlle a Xehová: “Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me deches a facer” (Xoán 17:4).

9 Está claro que tanto Xehová coma Xesús traballan duro e desfrutan moito do seu traballo. Nós queremos ser “imitadores de Deus” e seguir o exemplo de Xesús (Efesios 5:1; 1 Pedro 2:21). Por iso nos esforzamos por traballar duro e por facelo o mellor posible.

COMO VER O TRABALLO

10, 11. Que nos pode axudar a ter unha actitude positiva cara ó noso traballo?

10 Os servos de Xehová traballamos duro para manternos a nós e mailas nosas familias. Queremos estar contentos co noso traballo, pero non sempre é fácil. Entón, que podemos facer se non nos gusta o noso traballo?

Termos unha actitude positiva pode axudarnos a desfrutar máis de calquera traballo

11 Ter unha actitude positiva. Quizais non poidamos cambiar as nosas circunstancias, pero podemos cambiar a nosa actitude. Algo que pode axudarnos é entender o que Xehová espera de nós. Por exemplo, Xehová quere que o cabeza de familia se esforce por coidar dos seus o mellor que poida. De feito, a Biblia di que se non o fai, “é peor ca un non crente” (1 Timoteo 5:8). Se es cabeza de familia, seguro que te esforzas por atender as necesidades dos teus. Sen importar se che gusta o teu traballo ou non, sabes que ó coidar da túa familia estás agradándolle a Xehová.

12. Cales son os beneficios de sermos honrados e traballadores?

12 Ser honrado e traballador. Dese xeito, serache máis fácil desfrutar do traballo (Proverbios 12:24; 22:29). Por exemplo, o teu xefe confiará en ti. Os traballadores honrados son de moito valor porque non perden o tempo nin rouban no traballo (Efesios 4:28). Pero o máis importante é que Xehová se decata de que es honrado e traballador. Saberes que lle estás agradando a Xehová, permitirache ter a “conciencia limpa” (Hebreos 13:18; Colosenses 3:22-24).

13. Que outros beneficios pode haber por sermos honrados no traballo?

13 Lembrar que a conduta no traballo pode darlle honra a Xehová. Esta é outra boa razón para estarmos contentos co noso traballo (Tito 2:9, 10). Mesmo poida que algún compañeiro de traballo queira estudar a Biblia grazas ó teu bo exemplo (le Proverbios 27:11; 1 Pedro 2:12).

QUE TRABALLO ESCOLLER

14-16. Que debemos ter en conta á hora de escoller un traballo?

14 A Biblia non contén unha lista cos traballos que os cristiáns debemos aceptar ou rexeitar. Pero si que contén principios que nos poden axudar a tomar boas decisións sobre o traballo (Proverbios 2:6). Imos usar algúns principios bíblicos para contestar as seguintes preguntas.

Busca traballos que non vaian en contra das normas de Xehová

15 Terei que facer algo que a Xehová non lle agrada? Xa aprendemos que Xehová odia algunhas prácticas, como roubar ou mentir (Éxodo 20:4; Feitos 15:29; Efesios 4:28; Apocalipse 21:8). Por iso non aceptamos ningún traballo que vaia en contra das normas de Xehová (le 1 Xoán 5:3).

16 Apoia ou promove algunha práctica que Xehová non aproba? Por exemplo, imaxina que che ofrecen un traballo administrativo nun despacho de lotería. Que farías? Non ten nada de malo ser administrativo, pero sabes o que pensa Xehová da cobiza. Así que inda que non vaias ser ti quen venda os billetes de lotería, non cres que ós ollos de Xehová estarías promovendo de xeito indirecto unha actividade que el non aproba? (Efesios 5:3-5).

17. Que nos pode axudar a tomar decisións que lle agraden a Deus?

17 Cando poñemos en práctica os principios bíblicos, somos coma quen “ten o sentido xa afeito polo costume e é capaz de distingui-lo bo do malo” (Hebreos 5:14). Pregúntate: “Se acepto este traballo, faría tropezar a outros? Tería que vivir lonxe do meu cónxuxe e dos meus fillos? Como lle afectaría iso á miña familia?”.

TEÑAMOS BEN DEFINIDAS AS NOSAS PRIORIDADES

18. Por que non é fácil estarmos centrados no noso servizo a Xehová?

18 Vivimos “intres difíciles” nos que non é doado que Xehová sexa o máis importante na nosa vida (2 Timoteo 3:1). Atopar un traballo e mantelo pode ser todo un reto. Temos que coidar da familia, pero sabemos que a nosa prioridade debe ser servir a Xehová. Non podemos permitir que os bens materiais cheguen a ter demasiada importancia para nós (1 Timoteo 6:9, 10). Entón, como podemos “acertar co mellor” e coidar tamén da nosa familia? (Filipenses 1:10).

19. Por que confiar en Xehová nos axuda a ver o traballo de xeito equilibrado?

19 Confía por completo en Xehová (le Proverbios 3:5, 6). Estamos seguros de que Deus sabe xusto o que precisamos e que se preocupa moito por nós (Salmo 37:25; 1 Pedro 5:7). A Biblia di que non debemos ir tralas riquezas, senón que esteamos contentos co que temos. Ademais, Deus prométenos: “Non te deixarei nin te desampararei” (Hebreos 13:5). Xehová non quere que nos angustiemos por pensar en como imos coidar da nosa familia. El demostrou unha e outra vez que é capaz de darlles ós seus servos o que necesitan (Mateo 6:25-32). Sen importar a nosa situación laboral, debemos seguir estudando a Biblia, predicando e indo ás reunións (Mateo 24:14; Hebreos 10:24, 25).

20. Que podemos facer para levar unha vida sinxela?

20 Mantén o teu ollo san, ben enfocado (le Mateo 6:22, 23). Isto significa levar unha vida sinxela para poder centrarnos en servir a Xehová. Sabemos que sería unha parvada deixar que os cartos, levar unha boa vida ou ter sempre o último fose máis importante cá nosa amizade con Deus. Entón, que nos axudará a poñer as cousas máis importantes en primeiro lugar? Fagamos todo o posible por non ter débedas. E se xa as temos, planifiquemos como reducilas ou cancelalas. Se non temos coidado, os bens materiais poderían quitarnos moito tempo e enerxías, e quizais xa non teñamos tempo para orar, estudar ou predicar. En vez de permitir que nos compliquen a vida, aprendamos a estar satisfeitos coas cousas básicas, con “ter para comer e para vestir” (1 Timoteo 6:8). De cando en cando, é bo examinar as nosas circunstancias para ver como podemos facer máis por Xehová, sexa cal sexa a nosa situación.

21. Por que debemos decidir cales son as nosas prioridades?

21 Ten claras as prioridades. Debemos usar ben o tempo, as enerxías e os nosos bens. Se non temos coidado, cousas de menos importancia, como a educación ou os cartos, poderían quitarnos un tempo moi valioso. Xesús dixo: “Procurade primeiro o Reino de Deus” (Mateo 6:33). As nosas decisións, metas e hábitos demostran cales son as nosas prioridades.

O LABOR MÁIS IMPORTANTE

22, 23. a) Cal é o labor máis importante que temos os cristiáns? b) Que nos axudará a desfrutar do noso traballo?

22 O labor máis importante que temos é servir a Xehová e predicar (Mateo 24:14; 28:19, 20). Igual ca Xesús, queremos facer todo canto poidamos neste labor. Algúns servos de Xehová están aprendendo outro idioma para poder predicarlles ás persoas que falan esa lingua. Outros mudáronse para servir en sitios onde se precisaban máis predicadores. Por que non falas con eles e lles preguntas polas cousas que fixeron? Seguro que che din que agora son máis felices e que a súa vida ten máis sentido (le Proverbios 10:22).

Servir a Xehová é o labor máis importante que podemos facer

23 Moitas persoas pasan un lote de horas no traballo ou mesmo teñen varios traballos para poder manter a familia. Xehová sábeo e valora moito tódolos nosos esforzos. Así que imitemos a Xehová e a Xesús, e traballemos duro sen importar o traballo que fagamos. Lembremos que o labor máis importante é servir a Xehová e predicarlles as boas noticias do Reino de Deus a outras persoas. Isto faranos felices de verdade.