Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 12

Edifiquemos a outros co que dicimos

Edifiquemos a outros co que dicimos

“Que non saia da vosa boca unha palabra ruín: ó contrario, a palabra boa, para a edificación” (EFESIOS 4:29)

1-3. a) Cal é un dos regalos que Xehová nos deu? b) Como poderiamos empregar mal a nosa capacidade de falar? c) Como deberiamos usar esta capacidade?

 IMAXINA que un pai lle regala unha bicicleta ó seu fillo. Está moi contento de darlle un agasallo tan especial. Pero, como se sentiría se o fillo montase na bici sen coidado ningún e acabase atropelando e mancando a alguén?

2 A Biblia di que “todo bo regalo e toda dádiva perfecta” vén de Xehová (Santiago 1:17). Un destes regalos é a capacidade que temos de falar. Grazas á fala podemos expresar o que pensamos e o que sentimos. Ademais, podemos dicir cousas que axuden a outros e os fagan sentir ben. Pero o que dicimos tamén pode ferir os demais.

3 O que dicimos ten moito poder. Por iso, Xehová nos ensina a empregar ben a nosa capacidade de falar. El dinos: “Que non saia da vosa boca unha palabra ruín: ó contrario, a palabra boa, para a edificación no momento preciso, para que faga ben ós que escoitan” (Efesios 4:29). Vexamos como podemos usar este regalo de xeito que lle agrade a Deus e anime a outros.

TEN COIDADO CO QUE DIS

4, 5. Que aprendemos no libro de Proverbios acerca do poder das palabras?

4 As palabras teñen moito poder. Por iso debemos ter coidado co que dicimos e como o dicimos. Proverbios 15:4 di: “Unha lingua apacible é árbore de vida; cando é perversa, fere no espírito”. Do mesmo xeito que as árbores dan unha sombra agradable cando vai calor, as palabras agarimosas animan a quen as escoita. Pola contra, as palabras pouco amables mancan a outros e fan que se sintan mal (Proverbios 18:21).

As palabras amables animan a quen as escoita

5 Proverbios 12:18 di que, se non pensamos o que dicimos, as nosas palabras poden ser coma as estocadas dunha espada. Lembras a última vez que alguén che falou mal e te ofendeu? Falar de xeito desconsiderado pode causar moita dor e mesmo romper amizades. Non obstante, o proverbio engade: “A fala dos sabios é medicina”. Pensar antes de falar pode axudarnos a curar un corazón ferido e a recuperar amizades estragadas por algún malentendido (le Proverbios 16:24). Se lembramos que as nosas palabras afectan a outros, usarémolas con xeito.

6. Por que é tan difícil controlar o que dicimos?

6 Outra razón para termos coidado co que dicimos é que todos somos imperfectos. A Biblia di que os humanos tendemos “cara ó mal”, e a miúdo as nosas palabras reflicten esa tendencia (Xénese 8:21; Lucas 6:45). Controlar o que dicimos pode ser moi difícil (le Santiago 3:2-4). Por iso debemos seguir esforzándonos por mellorar a nosa forma de falarlles ós demais.

7, 8. Como inflúe o que dicimos na nosa amizade con Xehová?

7 Tamén debemos ter coidado coa nosa fala porque somos responsables ante Xehová do que dicimos e de como o dicimos. Santiago 1:26 di: “Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana o seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira”. Se falamos sen pensar, poderiamos estragar, ou mesmo perder para sempre, a nosa amizade con Xehová (Santiago 3:8-10).

8 É evidente que temos boas razóns para ter coidado co que dicimos e como o dicimos. Para usar a capacidade da fala como lle agrada a Xehová, precisamos saber que clase de linguaxe debemos evitar.

PALABRAS QUE DERRUBAN

9, 10. a) Que clase de linguaxe é común na actualidade? b) Por que non debemos usar linguaxe obscena?

9 Na actualidade é moi común empregar linguaxe obscena ou sucia. Moitos pensan que é necesario dicir xuramentos e outras palabras vulgares para darlle máis forza ó que din. Ata os humoristas contan chistes picantes e empregan palabras obscenas para facer rir a xente. Non obstante, o apóstolo Paulo dixo: “Deixádevos de todo iso: furor, carraxe, ruindade, aldraxes e palabras groseiras, lonxe dos vosos beizos” (Colosenses 3:8). Tamén dixo que non debemos falar de cousas inmorais, nin sequera en broma (Efesios 5:3, 4).

10 A linguaxe obscena é un hábito sucio que lle desagrada a Xehová e ós seus servos fieis. Na Biblia fálase das “obras dos baixos instintos” (Gálatas 5:19-21). Unha destas obras é a impureza, que pode incluír varios pecados. Un hábito sucio pode levar a outro. Se unha persoa ten o costume de empregar palabras extremadamente sucias e obscenas, e non quere cambiar, podería indicar que xa non debería seguir pertencendo á congregación (2 Corintios 12:21; Efesios 4:19; ver a nota 23).

11, 12. a) Como poderían as nosas conversas converterse en chismes? b) Por que debemos evitar a calumnia?

11 Tamén debemos evitar o chisme. É normal que nos preocupemos polos demais e falemos dos amigos e da familia. Os cristiáns do primeiro século tamén querían saber como lles ía a outros irmáns e como podían axudalos (Efesios 6:21, 22; Colosenses 4:8, 9). Pero é moi fácil que as conversas sobre outros se convertan en chismes. Se os imos repetindo, poderiamos acabar dicindo cousas que non son verdade ou que non deberían saberse. Se non andamos con ollo, estes comentarios negativos poderían converterse en acusacións falsas, ou calumnias. Os fariseos calumniaron a Xesús cando o acusaron de cousas que el non fixera (Mateo 9:32-34; 12:22-24). As calumnias estragan a reputación doutras persoas, causan rifas e dor, e desfán as amizades (Proverbios 26:20).

12 Xehová desexa que usemos as nosas palabras para axudar e animar a outros, non para converter amigos en inimigos. Xehová odia a “quen sementa preitos entre irmáns” (Proverbios 6:16-19). O Demo dixo a primeira calumnia. Acusou a Deus de algo que non era certo (Apocalipse 12:9, 10). Aínda que no mundo no que vivimos é común que as persoas digan mentiras sobre outros, isto non debería pasar dentro da congregación (Gálatas 5:19-21). Por iso sempre debemos pensar antes de falar e ter coidado co que dicimos. Antes de repetir algo sobre alguén, pregúntate: “É certo o que vou dicir? É agarimoso? Terá un efecto positivo? Gustaríame que a persoa da que falo escoitase o que estou a dicir? Como me sentiría eu se outra persoa dixese isto sobre min?” (le 1 Tesalonicenses 4:11).

13, 14. a) Que efecto teñen os insultos nos demais? b) Que é o maltrato verbal? c) Por que debemos evitar o maltrato verbal?

13 Todos dicimos cousas nalgún momento das que nos arrepentimos despois. Pero non debemos ter o costume de andar criticando a outros, nin dicir cousas pouco amables ou mesmo crueis. Temos que evitar os insultos. Paulo dixo: “Arredade de vós toda retranca, carraxe, ira, berros ou aldraxes” (Efesios 4:31). Outras Biblias traducen “aldraxes” como “insultos” e “ofensas”. Este tipo de fala humilla as persoas e fainas sentir que non serven para nada. Queremos ter especial coidado co que lles dicimos ós máis pequenos, pois son máis sensibles e podemos facerlles moito dano (Colosenses 3:21).

14 A Biblia tamén condena o maltrato verbal, é dicir, o hábito de insultar a outros coa intención de facerlles dano. Sobra dicir que sería moi triste que alguén tratase así o seu cónxuxe ou os seus fillos. De feito, se un cristián maltratase verbalmente a outros e non quixese cambiar, tería que deixar de formar parte da congregación (1 Corintios 5:11-13; 6:9, 10). Como aprendemos, se dicimos cousas obscenas, falsas ou crueis, estragaremos a nosa amizade con Xehová e con outros.

PALABRAS QUE EDIFICAN

15. Que clase de palabras animan a outros?

15 Como podemos usar a nosa capacidade de falar do xeito que Xehová quere? Aínda que a Biblia non especifica o que temos que dicir e o que non, si que menciona que a nosa fala debería ser boa e servir “para a edificación” dos demais (Efesios 4:29). As palabras que edifican a outros son limpas, agarimosas e verdadeiras. Xehová quere que todo canto digamos anime e axude os demais. Isto pode ser moi difícil, xa que é máis fácil dicir cousas crueis e sen pensar que facer comentarios que edifiquen a outros (Tito 2:8). Vexamos como podemos animar a outros co que dicimos.

16, 17. a) Por que debemos felicitar a outros? b) A quen poderiamos felicitar?

16 A Xehová e a Xesús gústalles moito felicitar a outros, e nós queremos seguir o seu exemplo (Mateo 3:17; 25:19-23; Xoán 1:47). Para felicitarmos a alguén de xeito que se sinta animado, primeiro temos que interesarnos por el e despois pensar ben o que lle imos dicir. Proverbios 15:23 di: “¡Que boa é unha palabra ó seu tempo!”. Verdade que nos sentimos máis animados cando nos felicitan de xeito sincero por algo que fixemos ou cando nos din que valoran o noso traballo? (le Mateo 7:12; ver a nota 27).

17 Se adoitas fixarte no bo dos demais, serache máis fácil felicitalos de xeito sincero. Por exemplo, quizais repares no ben que prepara alguén os seus discursos, ou en canto se esforza por comentar nas reunións. Quizais saibas dunha rapaza que tivo que defender a súa fe na escola, ou dun irmán maior que predica con regularidade. Poida que as túas palabras de ánimo sexan xusto o que precisan. Tamén é moi importante que o home lle diga á súa muller que a quere e a valora (Proverbios 31:10, 28, 29). Do mesmo xeito que as plantas precisan auga e luz, as persoas necesitan saber que as valoramos. Isto é especialmente certo no caso dos nenos. Por iso, fixémonos no que fan e no que din para poder felicitalos polas súas boas calidades e os seus esforzos. Isto axudaralles a ser máis valentes, a estar máis seguros de si mesmos e a seguir mellorando.

O que dicimos e como o dicimos pode animar e consolar a outros

18, 19. a) Por que deberiamos facer todo o posible por animar e consolar a outros? b) De que xeitos podemos animar e consolar ós demais?

18 Cando animamosconsolamos a outras persoas, estamos a seguir o exemplo de Xehová. El preocúpase moito “dos abatidos” e “dos humillados” (Isaías 57:15). Quere que nos animemos uns ós outros e que lles deamos “azos ós abatidos” (1 Tesalonicenses 5:11, 14). Xehová ve e valora moito tódolos nosos esforzos por animar e consolar a outros.

19 Imaxina que observas que un irmán da congregación está desanimado ou deprimido. Que lle poderías dicir para axudalo? Quizais non lle soluciones o problema, pero podes demostrarlle que te preocupas por el. Por exemplo, poderías quedar con el para pasar tempo xuntos, lerlle un versículo animador da Biblia ou mesmo orar xuntos (Salmo 34:19 [34:18, NM]; Mateo 10:29-31). Confírmalle que os irmáns da congregación o queren moito (1 Corintios 12:12-26; Santiago 5:14, 15). Demóstralle polo teu xeito de falar que de verdade sentes e cres o que lle estás a dicir (le Proverbios 12:25).

20, 21. Que fai que os consellos sexan máis fáciles de aceptar?

20 Tamén edificamos a outros cando lles damos bos consellos. Todos somos imperfectos, así que precisamos que nos aconsellen de vez en cando. Proverbios 19:20 di: “Escoita o consello e acepta a represión, para que ó remate sexas sabio”. Os anciáns da congregación non son os únicos que poden aconsellar a outros. Os pais deben educar os seus fillos (Efesios 6:4). As irmás da congregación poden darse bos consellos unhas ás outras (Tito 2:3-5). O amor polos nosos irmáns axudaranos a aconsellalos sen facelos sentir mal. Como podemos logralo?

21 Poida que alguén che dese un bo consello dun xeito que che foi fácil aceptalo. Lembras por que che foi tan doado? Quizais te decataches de que se preocupaba moito por ti ou de que che falaba con agarimo e de maneira amable (Colosenses 4:6). Seguramente foi un consello baseado na Biblia (2 Timoteo 3:16). Nós tamén debemos basear os nosos consellos na Biblia, citemos dela ou non. Ninguén debería impoñer as súas opinións ós demais ou manipular os textos bíblicos segundo lle conveña. Lembrar como te aconsellaron a ti, pode axudarte cando teñas que aconsellar a outros.

22. Como che gustaría empregar a túa capacidade da fala?

22 A capacidade que temos de falar é un regalo de Deus. O amor que sentimos por Xehová debería axudarnos a usar ben este agasallo. Non esquezamos que as palabras teñen o poder de edificar ou de derrubar. Polo tanto, fagamos todo o posible para que o que digamos sirva para fortalecer e animar a outros.