Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 6

Escollamos ben o entretemento

Escollamos ben o entretemento

“Calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus” (1 CORINTIOS 10:31)

1, 2. Por que debemos escoller con coidado as nosas diversións?

 IMAXINA que estás a piques de morder unha froita e te decatas de que ten unha parte podre. Que farías? Comeríala así? Tirarías con ela? Ou quitaríaslle a parte podre e comerías o resto?

2 Coas formas de ocio que escollemos pasa algo semellante. Algunhas poden ser boas pero moitas son malas polos seus contidos inmorais, violentos ou relacionados co ocultismo. E ti, como escolles as túas diversións? Cres que é unha decisión persoal e que podes escoller o que queiras? Pensas que tódalas diversións son malas? Ou escolles con coidado, evitando a parte mala e quedando coa boa?

3. En que debemos pensar ó escoller as nosas diversións?

3 Todos precisamos relaxarnos e divertirnos de vez en cando. Pero como queremos escoller ben, debemos preguntarnos que efecto terán na nosa relación con Xehová as decisións que tomemos ó respecto.

“FACÉDEO TODO PARA GLORIA DE DEUS”

4. Que principio bíblico nos axuda a decidir como pasaremos o noso tempo libre?

4 Cando nos dedicamos a Xehová, prometémoslle que usaremos a nosa vida para servilo (le Eclesiastés 5:3 [5:4, NM]). Comprometémonos a facelo “todo para gloria de Deus” (1 Corintios 10:31). Isto significa que non só estamos dedicados a Xehová cando imos predicar ou ás reunións, senón tamén no noso tempo libre ou cando nos divertimos.

5. Que debemos darlle a Xehová?

5 Todo o que facemos na vida ten un efecto na nosa relación con Xehová. Paulo explicouno así: “Rógovos, logo, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos coma sacrificio vivo, santo, grato a Deus” (Romanos 12:1). E Xesús dixo: “Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con tódalas túas forzas” (Marcos 12:30). Por iso debemos darlle o mellor a Xehová. No antigo Israel, os animais que se ofrecían a Xehová debían estar sans. Se tiñan algún defecto, Deus non aceptaba aquel sacrificio (Levítico 22:18-20). Do mesmo xeito, Xehová podería considerar que o servizo que lle damos non é aceptable. Por que?

6, 7. Que efecto poden ter as diversións na nosa relación con Xehová?

6 Xehová dinos: “Seredes santos, porque eu son santo” (1 Pedro 1:14-16; 2 Pedro 3:11). Xehová só aceptará a nosa adoración se é santa, é dicir, limpa (Deuteronomio 15:21). A nosa adoración non pode ser limpa se facemos o que Deus odia, como por exemplo calquera cousa relacionada coa inmoralidade, a violencia ou o ocultismo (Romanos 6:12-14; 8:13). Pero tampouco o será se nos entretemos con esas cousas. En ámbolos dous casos, Xehová non aceptará o noso servizo, e poderiamos botar a perder a nosa amizade con el.

7 Entón, que podemos facer para escoller ben? Que principios bíblicos nos axudarán a distinguir entre as formas de diversión aceptables e as que non o son?

“ARRÉDATE DO MAL”

8, 9. Que tipo de entretemento debemos evitar, e por que?

8 Na actualidade, hai moitas formas de ocio dispoñibles. Algunhas son aceptables para os cristiáns, pero moitas non o son. Vexamos primeiro que diversións debemos evitar.

9 Moitas das películas, sitios de Internet, programas de televisión, videoxogos e cancións teñen contidos inmorais, violentos ou relacionados co ocultismo. En moitas ocasións presentan algo malo dun xeito que parece inocente, ou mesmo divertido. Pero os cristiáns evitamos calquera tipo de entretemento que non estea á altura das limpas normas de Xehová (Feitos 15:28, 29; 1 Corintios 6:9, 10). Deste xeito demostrámoslle a Xehová que queremos arredarnos do mal (Salmo 34:15 [34:14, NM]; Romanos 12:9).

10. Que pasará se escollemos mal as nosas diversións?

10 Hai quen cre que non pasa nada por divertirse con contidos inmorais, violentos ou relacionados co ocultismo. Se cadra pensan: “Que ten de malo? Eu nunca faría algo así”. Se nós pensamos igual, en realidade enganámonos a nós mesmos. A Biblia di: “Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas” (Santiago 1:22). Se nos divertimos con cousas inaceptables para Xehová, de verdade lle demostramos que queremos arredarnos do mal? Ademais, canto máis tempo lles dediquemos, máis normais nos van parecer. Co tempo, a nosa conciencia debilitarase e deixará de avisarnos cando vaiamos tomar unha mala decisión (Salmo 119:70; 1 Timoteo 4:1, 2).

11. Como nos axuda Gálatas 6:7 a escoller ben as nosas diversións?

11 A Palabra de Deus di: “Conforme sementes, recollerás” (Gálatas 6:7). Está claro que se nos divertimos co que non debemos, é probable que acabemos facendo o que non debemos. Por exemplo, algúns cristiáns que empezaron por divertirse con contidos inmorais acabaron practicando inmoralidade sexual. Non obstante, Xehová axúdanos a escoller ben a nosa forma de divertirnos.

USEMOS OS PRINCIPIOS QUE ATOPAMOS NA BIBLIA

12. Que nos axudará a escoller ben como nos divertimos?

12 Algunhas formas de divertirnos son claramente inaceptables para Xehová e sabemos que debemos evitalas. Pero ás veces non o vemos tan claro. Xehová non nos dá unha listaxe de regras sobre o que podemos ver, escoitar ou ler, e o que non. Por que? Porque espera que decidamos usando a nosa conciencia educada polos principios que atopamos na Biblia (le Gálatas 6:5). Estes principios son verdades básicas que nos ensinan o que pensa Xehová sobre diferentes temas. Axúdannos a “comprender cal é a vontade do Señor” para tomarmos boas decisións (Efesios 5:17).

Os principios bíblicos axúdannos a escoller o entretemento

13. a) Por que non tódolos cristiáns nos divertimos da mesma maneira? b) Que debemos ter en conta tódolos cristiáns?

13 Claro, non tódolos cristiáns decidimos divertirnos da mesma maneira. Por que? Porque cadaquén ten o seu gusto persoal. Ademais, poida que algo sexa aceptable para uns pero para outros non. Inda así, todos debemos ter en conta os principios bíblicos para tomar boas decisións (Filipenses 1:9). Deste xeito escolleremos formas de divertirnos que Xehová acepte (Salmo 119:11, 129; 1 Pedro 2:16).

14. a) Que debemos ter en conta para empregar ben o tempo? b) Que lles aconsellou Paulo ós cristiáns?

14 Tamén debemos pensar no tempo que lles dedicamos ás diversións. O tempo que pasamos divertíndonos demostra canta importancia lle damos ó entretemento. Para os cristiáns o máis importante é servir a Deus (le Mateo 6:33). Porén, sen decatarnos poderiamos pasar cada vez máis tempo divertíndonos. Paulo aconselloulles ós cristiáns: “Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, aproveitando ben este tempo” (Efesios 5:15, 16). Temos que limitar o tempo que lle dedicamos ó ocio e asegurarnos de que o noso servizo a Deus teña prioridade na nosa vida (Filipenses 1:10).

15. Como evitamos que o entretemento poña en perigo a nosa amizade con Xehová?

15 Temos que rexeitar as formas de divertirnos que Xehová non acepta. Pero, e se temos dúbidas sobre algunhas diversións? Inda así, deberiamos ter coidado. Imaxina que vas camiñando por un carreiro á beira dun precipicio. Arriscaríaste achegándote ó bordo? Se valoras a túa vida manteraste lonxe do perigo, non si? O mesmo pasa co entretemento. Na Biblia Xehová di: “Arreda os teus pés do mal” (Proverbios 4:25-27). Non queremos pór en perigo a nosa amizade con Xehová. Por iso, non só rexeitamos as formas de divertinos que sabemos que non están ben, senón que tamén nos mantemos lonxe daquelas das que sospeitamos que poderían ser malas.

APRENDAMOS A VER O ENTRETEMENTO COMO O VE XEHOVÁ

16. a) Cales son algunhas das cousas que Xehová aborrece? b) Como demostramos que aborrecemos o que Xehová aborrece?

16 Xehová “ama a quen aborrece a maldade” (Salmo 97:10). A Biblia ensínanos o que Deus pensa e sente. Iso pódenos axudar a ver as cousas como Xehová as ve. Por exemplo, aprendemos que Xehová aborrece unha “lingua mentireira, mans que esparexen sangue inocente, mente que cisma en planos malintencionados, pernas que corren cara á maldade” (Proverbios 6:16-19). Aprendemos tamén o que temos que rexeitar: “fornicación, adulterio, libertinaxe, idolatría, bruxerías, xenreiras, liortas, cobiza, retesías, discordias, faccións, envexas, bebedelas, enchentas e cousas polo estilo” (Gálatas 5:19-21). Estes principios da Biblia axúdannos a escoller as diversións, non si? O noso desexo é comportarnos como Deus quere, tanto se estamos con outros coma en privado (2 Corintios 3:18). O que facemos cando estamos sós revela quen somos de verdade (Salmo 11:4; 16:8).

17. Que deberiamos preguntarnos antes de escoller con que nos imos divertir?

17 Antes de escolleres con que te vas divertir, pregúntate: “Como afectará á miña amizade con Xehová? Como afectará á miña conciencia?”. Agora imos ver outros principios da Biblia que tamén nos poden axudar.

18, 19. a) Que consello lles deu Paulo ós cristiáns? b) Que principios da Biblia nos axudarán a escoller o entretemento?

18 Escoller entretemento é coma escoller de que imos encher a nosa cabeza. O apóstolo Paulo escribiu: “Todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, todo o que sexa xusto, todo o que sexa enxebre, todo o que sexa estimable, todo o que sexa honroso, calquera virtude ou mérito que haxa, iso é o que debedes estimar” (Filipenses 4:8). Cando enchemos a cabeza de cousas boas, podemos dicirlle a Xehová: “Dígnate acepta-la palabra da miña boca, e o sentir do meu corazón” (Salmo 19:15 [19:14, NM]).

19 Pregúntate: “De que estou a encher a miña cabeza? Véñenme á mente cousas boas e positivas despois de ver certo programa ou película? Sinto remordementos ou teño a conciencia limpa? (Efesios 5:5; 1 Timoteo 1:5, 19) Podo orar tranquilo ou síntome culpable? Fanme pensar as miñas diversións en cousas violentas ou inmorais? (Mateo 12:33; Marcos 7:20-23) O entretemento que escollo, fai que me pareza ó ‘mundo presente’?” (Romanos 12:2). Se nos examinamos con honestidade, saberemos que facer para estreitar a nosa amizade con Xehová. Poderemos orar coma un dos escritores da Biblia, quen dixo: “Arreda da vaidade os meus ollos e faime vivir no teu camiño” (Salmo 119:37). *

AS NOSAS DECISIÓNS AFECTAN ÓS DEMAIS

20, 21. Por que debemos ter en conta como afectarán a outros as nosas decisións sobre o entretemento?

20 Outro importante principio a ter en conta é o seguinte: “‘Todo está permitido’ pero non todo é constructivo. Que ninguén busque o seu propio interese, senón o dos demais” (1 Corintios 10:23, 24). Que sexamos libres de facer algo non significa que sexa bo facelo. Antes de tomar unha decisión, debemos pensar en como lles afectará ós nosos irmáns.

21 Non tódalas conciencias son iguais. Por exemplo, se cadra a túa conciencia permíteche ver certo programa de televisión, pero entón decátaste de que a doutro irmán non. Que farías? Inda que teñas dereito a velo, igual decides non facelo. Por que? Porque tes en conta o que di a Biblia: “Pecando contra os irmáns e ferindo a súa débil conciencia, pecades contra Cristo” (1 Corintios 8:12). Non queremos ser tropezo para os nosos irmáns, é dicir, non queremos facer nada que poida ter un efecto negativo na súa conciencia (Romanos 14:1; 15:1; 1 Corintios 10:32).

22. Como demostramos que respectamos as decisións dos nosos irmáns?

22 E que pasaría se a túa conciencia non che permite ver, ler ou facer algo que para outro está ben? Polo amor e o respecto que lle tes, non teimarías en que escollese o mesmo ca ti. Poñamos un exemplo. O condutor dun vehículo sabe que outros condutores van máis rápido ou máis amodo ca el, pero isto non os converte en malos condutores. Dun xeito semellante, malia que ti e outro irmán sigades os mesmos principios bíblicos, podedes ter opinións lixeiramente distintas sobre que diversións considerades aceptables (Proverbios 13:16; Eclesiastés 7:16).

23. Que nos axudará a escoller ben como nos imos divertir?

23 Entón, que nos axudará a escoller ben como nos imos divertir? Usar a nosa conciencia educada polos principios da Biblia e pensar en como lles poden afectar as nosas decisións ós irmáns. Deste xeito sentirémonos ben porque estaremos a facer “todo para gloria de Deus”.

^ Atoparás outros principios da Biblia que che axudarán a escoller ben o teu entretemento en Proverbios 3:31; 13:20; Efesios 5:3, 4 e Colosenses 3:5, 8, 20.