Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 3

Escollamos amigos que amen a Deus

Escollamos amigos que amen a Deus

“Vai onda os sabios: voltarás sabio” (PROVERBIOS 13:20)

1-3. a) Que aprendemos en Proverbios 13:20? b) Por que necesitamos elixir ben os nosos amigos?

 DECATÁCHESTE algunha vez de como mira un bebé a seus pais? Mesmo antes de poder falar, absorbe coma unha esponxa todo canto ve e oe. Aínda sen querelo, segundo vai medrando comeza a imitar a seus pais. Por iso non sorprende que os adultos tamén cheguen a pensar e actuar coma as persoas coas que pasan moito tempo.

2 A Biblia di en Proverbios 13:20: “Vai onda os sabios: voltarás sabio”. Ir onda alguén non é simplemente estar preto dunha persoa ou no mesmo sitio ca ela; significa querer pasar tempo con ela. Un experto na Biblia afirma que este versículo inclúe a idea de sentir afecto e apego por alguén. O certo é que as persoas coas que máis tempo pasamos son as que máis inflúen en nós, sobre todo se lles temos cariño.

3 Os nosos amigos poden influír en nós para ben ou para mal. Proverbios 13:20 continúa dicindo: “Quen fai compaña ós necios, terá que sufrir”. A expresión hebrea para “fai compaña” pode referirse a ter unha amizade con alguén (Proverbios 22:24). Se os nosos amigos aman a Deus animarannos a ser fieis a El. Neste capítulo veremos como escolle Xehová os seus amigos e como podemos seguir o seu exemplo.

COMO ESCOLLE XEHOVÁ OS SEUS AMIGOS

4. a) Por que é un grande honor ser amigo de Deus? b) Por que a Biblia di que Abraham era “amigo de Deus”?

4 Xehová, o Soberano do Universo, dános a oportunidade de sermos os seus amigos. Isto é un grande honor. El só escolle como amigos a aqueles que o aman e teñen fe nel. Por exemplo, Abraham demostrou a súa fe e obediencia unha e outra vez. Estivo disposto a facer calquera cousa por Deus, mesmo sacrificar o seu fillo Isaac. Tiña fe en que “Deus é poderoso, incluso para resucitar de entre os mortos” (Hebreos 11:17-19; Xénese 22:1, 2, 9-13). Abraham foi fiel e obediente, “de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus” (Santiago 2:21-23).

5. Que sente Xehová polos que lle son leais?

5 Xehová valora moito os seus amigos. Por outra banda, o máis importante para eles é serlle leais e obedientes (le Salmo 37:28). Son leais e obedientes a Xehová porque o aman. A Biblia di que Deus “reserva a súa intimidade para os honrados”, ou para aqueles que o obedecen (Proverbios 3:32). Os amigos de Xehová son convidados especiais na súa “tenda”, é dicir, poden adoralo e orarlle en calquera momento (Salmo 15:1-5).

6. Como podemos demostrar que amamos a Xesús?

6 Xesús dixo: “Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao” (Xoán 14:23). Así que, para sermos amigos de Xehová, tamén temos que amar a Xesús e facer o que el ensinou. Por exemplo, obedecemos as instrucións que deu sobre predicar as boas novas e facer discípulos (Mateo 28:19, 20; Xoán 14:15, 21). O noso amor por Xesús motívanos a seguir os “seus pasos” (1 Pedro 2:21). Xehová séntese moi feliz cando ve que facemos todo o posible por pensar e actuar coma Xesús.

7. Por que os nosos amigos deben ser amigos de Xehová?

7 Os amigos de Xehová sonlle leais e obedientes, teñen fe e aman o Seu Fillo. Escollemos nós esa clase de amigos? Se seguen o exemplo de Xesús e están centrados en predicar o Reino de Deus, axudarannos a ser mellores persoas e a permanecer leais a Xehová.

APRENDAMOS DOS EXEMPLOS DA BIBLIA

8. Que é o que máis che gusta da amizade de Rut e Noemí?

8 Na Biblia podemos ler sobre moitas amizades, como a de Rut e a súa sogra, Noemí. As dúas viñan de países e culturas diferentes, e ademais Noemí leváballe moitos anos a Rut. Con todo, chegaron a ser moi boas amigas porque as dúas amaban a Xehová. Cando Noemí quixo marchar de Moab e volver a Israel, a Biblia di que Rut se apegou a ela. Díxolle a Noemí: “O teu pobo será o meu pobo, e o teu Deus será o meu Deus” (Rut 1:14, 16). Rut tratou moi ben a Noemí e, cando chegaron a Israel, traballou arreo para coidar da súa amiga. Noemí tamén quería moito a Rut e deulle bos consellos. Ela escoitounos e ámbalas dúas recibiron moitas bendicións (Rut 3:6).

9. Que destacarías da amizade de David e Ionatán?

9 David e Ionatán son outro exemplo de bos amigos que foron leais a Xehová. Ionatán tiña uns trinta anos máis ca David e correspondíalle ser o seguinte rei de Israel (1 Samuel 17:33; 31:2; 2 Samuel 5:4). Pero cando soubo que Xehová escollera a David para ser rei, non tivo celos del nin intentou quitarlle o posto. Máis ben, fixo todo o posible por apoialo. Por exemplo, cando David estivo en perigo, Ionatán foi onda el “para fortalecerlle a confianza en Deus” e ata estivo disposto a arriscar a vida polo seu amigo (1 Samuel 23:16, 17). Do mesmo xeito, David tamén foi leal ó seu amigo. Prometeulle que coidaría da súa familia e mantivo a súa promesa mesmo despois de que Ionatán morrese (1 Samuel 18:1; 20:15-17, 30-34; 2 Samuel 9:1-7).

10. Que nos ensina o exemplo dos tres hebreos sobre a amizade?

10 Xadrac, Mixac e Abednegó eran só uns nenos cando foron capturados e afastados da súa familia. Estando cativos en Babilonia, estes tres amigos hebreos sempre se axudaron uns ós outros a seguir fieis a Xehová. Xa de adultos, a súa fe púxose a proba cando Nabucodonosor, o rei de Babilonia, lles mandou adorar unha estatua de ouro. Eles negáronse e dixéronlle: “Nós non servirémo-los teus deuses, nin adorarémo-la estatua de ouro que erixiches”. Malia as probas de fe, estes tres amigos mantivéronse leais ó seu Deus (Daniel 1:1-17; 3:12, 16-28).

11. Como sabemos que Paulo e Timoteo eran bos amigos?

11 Cando Timoteo era novo, Paulo viu que amaba a Xehová e que se preocupaba de verdade pola congregación. Polo tanto, adestrouno para que axudase a irmáns de diferentes lugares (Feitos 16:1-8; 17:10-14). Timoteo traballou tanto que Paulo dixo del: “Xa sabemos ben cómo é: que se puxo comigo ó servicio do Evanxeo”. Sen dúbida, sabía que Timoteo miraría lealmente polos irmáns e irmás. Durante o tempo que traballaron xuntos servindo a Xehová, Paulo e Timoteo fixéronse moi bos amigos (Filipenses 2:20-22; 1 Corintios 4:17).

COMO ESCOLLER OS NOSOS AMIGOS

12, 13. a) Por que debemos escoller ben os nosos amigos aínda dentro da congregación? b) Por que deu o apóstolo Paulo a advertencia rexistrada en 1 Corintios 15:33?

12 Na congregación atopamos unha gran variedade de irmáns de diferentes culturas e orixes. Hai quen leva moito tempo servindo a Xehová e hai quen leva menos. Isto dános a oportunidade de aprender uns dos outros e axudarnos a permanecer fieis (le Romanos 1:11, 12). Pero inda dentro da congregación debemos escoller ben os nosos amigos íntimos. Do mesmo xeito que unha froita precisa tempo para madurar, todos precisamos tempo para ter unha amizade estreita con Xehová. Polo tanto, debemos ter paciencia uns cos outros, tratarnos con agarimo e escoller ben os nosos amigos (Romanos 14:1; 15:1; Hebreos 5:12–6:3).

13 Ás veces, poden xurdir situacións graves na congregación coas que debemos ter especial coidado. Quizais un irmán ou unha irmá estea facendo algo que a Biblia di que está mal, ou alguén teña unha actitude crítica que podería prexudicar a congregación. Isto non debería sorprendernos porque na congregación do primeiro século tamén houbo algúns problemas. De feito, o apóstolo Paulo díxolles a aqueles cristiáns: “Non vos deixedes enganar, ‘malas compañías estragan bos costumes’” (1 Corintios 15:12, 33). Paulo tamén advertiu a Timoteo que tivese coidado á hora de escoller os seus amigos íntimos, e nós deberiamos facer o mesmo (le 2 Timoteo 2:20-22).

14. Que efecto poden ter os amigos que escollamos na nosa amizade con Xehová?

14 Non hai nada máis valioso que a nosa amizade con Xehová, e debemos protexela. Evitemos ser amigos íntimos de calquera que poida debilitar a nosa fe ou danar a nosa amizade con Xehová. Tal como non podemos mergullar unha esponxa en vinagre e esperar que se encha de auga, tampouco podemos ter amigos que actúen mal e esperar que nos resulte fácil actuar ben. Por iso é tan importante que escollamos ben os nosos amigos (1 Corintios 5:6; 2 Tesalonicenses 3:6, 7, 14).

Podes atopar bos amigos que amen a Xehová

15. Que podes facer para ter bos amigos na congregación?

15 Na congregación podes atopar persoas que de verdade aman a Xehová e que poden chegar a ser bos amigos teus (Salmo 133:1). Non busques como amigos só persoas da túa idade ou da mesma cultura e orixe ca ti. Lembra que Ionatán era moito máis vello ca David, e Rut moito máis nova ca Noemí. Nós tamén debemos ampliar o noso círculo de amizades (le 1 Pedro 2:17). Canto máis nos esforcemos por imitar a Xehová, máis persoas quererán a nosa amizade.

CANDO VEÑEN PROBLEMAS

16, 17. Que non debemos facer se alguén da congregación nos decepciona?

16 En tódalas familias hai diferentes personalidades, opinións e xeitos de facer as cousas. O mesmo pasa na congregación. Esta variedade permite que todos poidamos aprender moito uns dos outros e fai a nosa vida máis interesante. Pero ás veces estas diferenzas poden causar malentendidos cos nosos irmáns e facer que nos enfademos con eles. Ata podemos chegar a sentirnos doídos ou mesmo ofendidos (Proverbios 12:18). Deberiamos deixar que estes problemas nos desanimen ou nos afasten da congregación?

17 Non. Aínda que alguén nos decepcione dalgún modo, non debemos afastarnos da congregación. Lembremos que non foi Xehová quen nos ofendeu. El deunos a vida e todo o demais, e merece o noso amor e lealdade (Apocalipse 4:11). Ademais, a congregación é un agasallo de Xehová que nos axuda a manter forte a nosa fe (Hebreos 13:17). Nunca debemos rexeitar este regalo só porque alguén nos decepcione (le Salmo 119:165).

18. a) Que nos pode axudar a levarnos ben cos nosos irmáns? b) Por que debemos perdoar?

18 Queremos os nosos irmáns e desexamos levarnos ben con eles. E tal como Xehová non espera perfección de ninguén, nós tampouco debemos facelo (Proverbios 17:9; 1 Pedro 4:8). Todos cometemos erros, pero o amor axudaranos a seguir perdoándonos uns ós outros (Colosenses 3:13). Así é, o amor non permitirá que convertamos un pequeno malentendido nun problema grave. Claro, tamén é certo que cando alguén nos ofende pode ser difícil deixar de pensar no que pasou, non si? É fácil enfadarse e quedar resentido, pero así só conseguiremos sentirnos mal e amargarnos. Pola contra, cando perdoamos a quen nos ofendeu sentímonos ben, fomentamos a unidade na congregación e o máis importante de todo: mantemos unha boa amizade con Xehová (Mateo 6:14, 15; Lucas 17:3, 4; Romanos 14:19).

CANDO SE EXPULSA A ALGUÉN

19. En que situación debemos deixar de ter trato con alguén da congregación?

19 Nunha familia cariñosa, tódolos seus membros se esforzan para que os demais sexan felices. Pero imaxina que un deles empeza a facer cousas que danan os demais. A familia intenta axudalo unha e outra vez, pero el rebélase e rexeita a axuda. Finalmente, poida que decida marchar da casa ou que o cabeza de familia lle pida que marche. Algo parecido pode pasar na congregación. Talvez alguén teime en facer algo que Xehová non aproba e prexudique a congregación. Quizais rexeite a axuda que lle dan e coas súas accións demostre que xa non quere seguir formando parte da congregación. Nese caso, poida que decida marchar da congregación; senón tería que ser expulsado. Cando isto pasa, a Biblia deixa claro que non debemos ter trato con esa persoa (le 1 Corintios 5:11-13; 2 Xoán 9-11). Isto pode resultar moi difícil, sobre todo cando é un amigo ou un familiar. Pero nunha situación coma esta, a nosa lealdade a Xehová debe estar por riba da nosa lealdade a calquera outra persoa (ver a nota 8).

20, 21. a) Por que a expulsión é unha mostra de amor? b) Por que é importante que escollamos ben os nosos amigos?

20 A expulsión é unha mostra do amor de Xehová. En primeiro lugar, protexe a congregación de quen se nega a obedecer as Súas normas (1 Corintios 5:7; Hebreos 12:15, 16). En segundo lugar, dános a oportunidade de demostrar o noso amor por Xehová, o seu santo nome e as súas elevadas normas (1 Pedro 1:15, 16). En terceiro lugar, é unha mostra de amor cara á persoa que xa non forma parte da congregación. Esta severa medida disciplinaria pode axudarlle a recapacitar e motivalo a cambiar. Moitos que nalgún tempo estiveron expulsados despois volveron a carón de Xehová, e a congregación recibiunos cunha agarimosa benvida (Hebreos 12:11).

21 Dun xeito ou doutro, os nosos amigos inflúen en nós. Por iso é moi importante escollelos ben. Se escollemos amigos que amen a Deus, estaremos rodeados de persoas que nos axudarán a ser fieis a El para sempre.