Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 9

Fuxamos da inmoralidade sexual

Fuxamos da inmoralidade sexual

“Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría” (COLOSENSES 3:5)

1, 2. Que cebo lles puxo Balaam ós israelitas?

 IMAXINA un pescador que quere encher o cesto de peixes. Primeiro, vai a unha zona onde sabe que atopará os peixes que busca. Despois, escolle ben o cebo e lanza o anzol á auga. Entón, espera con paciencia e, cando o peixe pica, tira do anzol mentres recolle a sedela para sacalo da auga.

2 De xeito parecido, ás persoas tamén se nos pode pescar. Isto foi o que lles pasou ós israelitas. Pouco antes de entraren na Terra Prometida, acamparon nas chairas de Moab. O rei de Moab prometeulle moitos cartos a un home chamado Balaam a cambio de maldicir a nación de Israel. Como non o conseguía, Balaam buscou o xeito de que os israelitas pecasen para que Xehová os maldixese. Púxolles un cebo: mandou unhas mulleres moabitas ó campamento dos israelitas para seducilos (Números 22:1-7; 31:15, 16; Apocalipse 2:14).

3. Como picaron os israelitas o cebo de Balaam?

3 Funcionou o cebo de Balaam? Si. Milleiros de israelitas caeron na inmoralidade sexual ó “fornicar coas fillas de Moab”. Tamén comezaron a adorar deuses falsos, entre eles a Baal-Peor, un noxento deus do sexo. Como resultado, 24.000 israelitas morreron ás portas da Terra Prometida (Números 25:1-9).

4. Por que caeron na inmoralidade sexual miles de israelitas?

4 Por que funcionou tan ben o plan de Balaam cos israelitas? Porque só pensaron en satisfacer os seus desexos e esqueceron o que Xehová fixera por eles. Os israelitas tiñan moitas razóns para ser leais a Deus. El liberáraos de seren escravos en Exipto, déralles de comer no deserto e trouxéraos sans e salvos ata as portas da Terra Prometida (Hebreos 3:12). Aínda así, caeron na inmoralidade sexual. O apóstolo Paulo escribiu: “Nin nos entreguemos á impureza, como fixeron algúns deles” (1 Corintios 10:8).

5, 6. Que aprendemos do que lles pasou ós israelitas nas chairas de Moab?

5 O novo mundo está ás portas. Así que a nosa situación é semellante á dos israelitas acampados diante da Terra Prometida (1 Corintios 10:11). O mundo no que vivimos está inda máis obsesionado co sexo que os moabitas. É moi fácil que isto nos afecte. De feito, o cebo que mellor lle funciona ó Demo é a inmoralidade sexual (Números 25:6, 14; 2 Corintios 2:11; Xudas 4).

6 Pregúntate: “Paga a pena cambiar a vida eterna no novo mundo por un momento de pracer? Estou disposto a esforzarme por obedecer o mandato de Xehová: ‘Fuxide da fornicación’?” (1 Corintios 6:18).

QUE É A INMORALIDADE SEXUAL

7, 8. a) Que é a inmoralidade sexual? b) Por que é tan grave a inmoralidade sexual?

7 Hoxe moitas persoas teñen unha actitude descarada e desprezan as normas de Deus sobre o sexo. A inmoralidade sexual, ou fornicación segundo a Biblia, refírese ós actos sexuais entre persoas que non están casadas dende o punto de vista de Deus. Tamén se refire ós actos sexuais con persoas do mesmo sexo ou con animais. Isto inclúe as relacións sexuais, o sexo oral e anal, e tocar os xenitais doutra persoa coa intención de dar ou recibir pracer sexual (ver a nota 23).

8 A Biblia deixa claro que se alguén comete inmoralidade sexual e non se arrepinte, debe ser expulsado da congregación (1 Corintios 6:9; Apocalipse 22:15). Ademais, a inmoralidade sempre trae malas consecuencias: remordementos de conciencia, falta de autoestima, a perda da confianza dos demais, problemas no matrimonio, embarazos non desexados, enfermidades ou mesmo a morte (le Gálatas 6:7, 8). Se alguén se para a pensar nas consecuencias da inmoralidade, o máis probable é que a queira evitar. Pero moitos só pensan en satisfacer os seus desexos e acaban por caer nela. Moitas veces, o primeiro paso adoita ser a pornografía.

OS PERIGOS DA PORNOGRAFÍA

9. Por que é tan perigosa a pornografía?

9 O obxectivo da pornografía é intensificar os desexos sexuais. É algo que está presente en todo canto nos rodea: revistas, libros, cancións, programas de televisión e Internet. Moitos pensan que a pornografía non ten nada de malo, pero o certo é que é moi perigosa. Pode volver unha persoa adicta ó sexo e provocar desexos sexuais pervertidos. A pornografía pode levar ó vicio da masturbación, causar problemas no matrimonio ou mesmo provocar o divorcio (Romanos 1:24-27; Efesios 4:19; ver a nota 24).

Debemos ter coidado ó usar Internet

10. Como nos axuda Santiago 1:14, 15 a evitar a inmoralidade?

10 É importante que entendamos de que xeito nos pode entrampar a inmoralidade sexual. A Biblia explica en Santiago 1:14, 15: “A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola: despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, enxendra morte”. Así que rexeitemos os malos pensamentos decontado, antes de que se transformen en malos desexos que inflúan na nosa vida. Se nos atopamos con algunha imaxe erótica, miremos cara a outro lado, cambiemos de canle ou apaguemos o ordenador. Se non o facemos, eses malos desexos volveranse tan intensos que serán moi difíciles de controlar (le Mateo 5:29, 30).

11. De que maneira nos axuda Xehová cando temos pensamentos inmorais?

11 Xehová coñécenos mellor ca nós mesmos, así que sabe o imperfectos que somos. Pero tamén sabe que podemos vencer os malos desexos. Por iso nos di: “Dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría” (Colosenses 3:5). Inda que non é fácil vencer os malos desexos, Xehová ten paciencia con nós e pódenos axudar (Salmo 68:20 [68:19, NM]). Cando era adolescente, un cristián caeu no hábito de ver pornografía e masturbarse. Os seus compañeiros da escola vían aquelas cousas como algo natural da súa idade, pero el admite que eses vicios danaron a súa conciencia e levárono a outras prácticas sexuais que Deus tampouco aproba. Decatouse de que precisaba controlar os seus impulsos e, coa axuda de Xehová, foi capaz de liberarse dese vicio. Se tes pensamentos inmorais, pídelle a Xehová “esa forza tan extraordinaria” para manter a mente limpa (2 Corintios 4:7; 1 Corintios 9:27).

12. Por que precisamos protexer o corazón?

12 Salomón escribiu: “Por riba de todo garda o corazón pois del burbullan os mananciais da vida” (Proverbios 4:23). O corazón refírese á persoa que somos no interior, e iso é no que se centra Xehová. O que vemos pode influír moito nas nosas accións. Xob, un servo fiel de Deus, dixo: “Cos meus ollos fixen trato de non andar fitando as mozas” (Xob 31:1). Igual ca Xob, nós tamén debemos ter moito coidado co que vemos e co que pensamos. Pedímoslle a Xehová o mesmo que o salmista: “Arreda da vaidade os meus ollos e faime vivir no teu camiño” (Salmo 119:37).

A MALA DECISIÓN DE DINAH

13. Que clase de amigos escolleu Dinah?

13 Os amigos poden influír moito en nós, sexa para ben ou para mal. Se escolles amigos que obedecen as normas de Deus, axudaranche a facer o mesmo (Proverbios 13:20; le 1 Corintios 15:33). O exemplo de Dinah ensínanos o importante que é escoller bos amigos. Ela era filla de Xacob, así que se criou nunha familia que adoraba a Xehová. Dinah respectaba as normas morais de Deus pero comezou a xuntarse con mozas cananeas que non servían a Xehová. Os cananeos eran persoas moi inmorais que tiñan un punto de vista sobre o sexo moi diferente ó dos servos de Deus (Levítico 18:6-25). Mentres estaba coas súas amigas, Dinah coñeceu a Xequem, un mozo cananeo. Ela pareceulle moi fermosa. Pero, inda que el “era o máis respectado da familia de seu pai”, non adoraba a Xehová (Xénese 34:18, 19).

14. Que lle pasou a Dinah?

14 A Xequem gustáballe moito Dinah. Por iso fixo algo que a el lle parecía normal e aceptable: “agarrouna, deitouse con ela e violouna” (le Xénese 34:1-4). Este crime causou moito sufrimento non só a Dinah senón tamén a toda a súa familia (Xénese 34:7, 25-31; Gálatas 6:7, 8).

15, 16. Que debemos facer para sermos sabios?

15 Non temos por que cometer os mesmos erros ca Dinah para aprendermos que as normas de Xehová son boas para nós. A Biblia di: “Vai onda os sabios: voltarás sabio; quen fai compaña ós necios, terá que sufrir” (Proverbios 13:20). Ponte o obxectivo de estudar a Biblia para coñecer o que está ben ós ollos de Xehová. Así evitarás moita dor e sufrimento innecesario (Salmo 1:1-3; Proverbios 2:6-9).

16 Para sermos sabios, debemos estudar a Biblia, orar a Deus antes de tomar decisións e seguir os bos consellos do criado fiel e prudente (Mateo 24:45; Santiago 1:5). Sabemos que todos somos débiles e imperfectos, e temos un corazón “treicioeiro e falso” (Xeremías 17:9, SBG). Pero, como reaccionarías se alguén te advirte de que corres o risco de caer na inmoralidade? Ofenderíaste ou serías humilde e aceptarías o consello? (2 Reis 22:18, 19).

17. Pon un exemplo de como nos poden axudar os consellos dos nosos irmáns.

17 Pensa no seguinte exemplo. O compañeiro de traballo dunha irmá comeza a facerlle as beiras e invítaa a saír. Inda que non serve a Xehová, parece moi riquiño e simpático. Despois de velos xuntos, outra irmá fala con ela e trata de advertila sobre os perigos do que está a facer. Como reaccionará a irmá? Ofenderase ou darase conta de que é un bo consello? Poida que a irmá ame a Xehová e queira facer o que está ben. Pero se continúa saíndo co seu compañeiro de traballo, dirías que está fuxindo da inmoralidade ou que “confía no seu tino”? (Proverbios 22:3; 28:26; Mateo 6:13; 26:41).

APRENDAMOS DO EXEMPLO DE XOSÉ

18, 19. Que fixo Xosé para fuxir da inmoralidade?

18 Sendo mozo, Xosé era escravo en Exipto. A muller do seu amo pedíalle tódolos días que se deitase con ela, pero Xosé sabía que iso non estaba ben. El amaba a Xehová e quería agradarlle. Por iso a rexeitaba cada vez que ela trataba de seducilo. Como era un escravo, non podía abandonar o seu amo. Un día a muller intentou obrigalo a deitarse con ela, pero el “fuxiu para fóra” (le Xénese 39:7-12).

19 Se Xosé permitise que os pensamentos inmorais entrasen na súa cabeza ou comezase a fantasiar con ela, é posible que o resultado fose diferente. Pero para Xosé a súa amizade con Xehová era máis importante que calquera outra cousa. Díxolle á muller: “O meu amo non se reservou cousa ningunha, fóra de ti mesma, súa muller. ¿Como podería eu cometer un crime semellante, e pecar contra Deus?” (Xénese 39:8, 9).

20. Por que sabemos que Xehová estaba moi contento con Xosé?

20 Inda que Xosé estaba lonxe da súa familia, sempre foi leal a Deus, e Xehová bendiciuno por iso (Xénese 41:39-49). A lealdade de Xosé facía moi feliz a Xehová (Proverbios 27:11). Non sempre é fácil loitar contra a inmoralidade, pero lembra estas palabras: “O Señor ama a quen aborrece a maldade, garda a vida dos seus amigos, líbraos das mans dos malvados” (Salmo 97:10).

21. De que maneira imitou un mozo o exemplo de Xosé?

21 Día a día, os servos de Xehová demostramos con valor que rexeitamos o mal e amamos o ben (Amós 5:15). Sen importar a túa idade, podes ser leal a Xehová. Cando un irmán era mozo, a súa fe púxose a proba. Unha rapaza da escola díxolle que tería relacións con el se lle axudaba nun exame de matemáticas. Que fixo o irmán? Reaccionou igual ca Xosé. El comenta: “Rexeitei inmediatamente a súa oferta. Ó manterme íntegro conservei o respecto por min mesmo e a miña dignidade”. Calquera “pracer pasaxeiro” que vén da inmoralidade adoita traer dor e sufrimento (Hebreos 11:25). Obedecer a Xehová sempre trae felicidade duradeira (Proverbios 10:22).

DEIXEMOS QUE XEHOVÁ NOS AXUDE

22, 23. Como nos axuda Xehová incluso se cometemos un pecado grave?

22 Satanás vai intentar usar a inmoralidade para entramparnos, e iso pode ser un verdadeiro desafío. É probable que de cando en cando todos teñamos malos pensamentos (Romanos 7:21-25). Xehová enténdeo e “recorda que somos lama” (Salmo 103:14). Pero, que ocorre se un cristián comete inmoralidade sexual? Significa que xa non ten remedio? Non. Inda que é un pecado grave, se se arrepinte de verdade, Xehová vaino perdoar e axudar porque é “bo e indulxente” (Salmo 86:5; Santiago 5:16; le Proverbios 28:13).

23 Ademais, Xehová “concedéulle-los dons ós homes”, e dicir, anciáns agarimosos que coidan de nós (Efesios 4:8, 12; Santiago 5:14, 15). Os anciáns son un agasallo de Deus para axudarnos a reparar a nosa relación con el (Proverbios 15:32).

TEÑAMOS “BO SISO”

24, 25. De que xeito nos pode axudar o “bo siso” a evitar a inmoralidade?

24 Para tomarmos boas decisións, precisamos entender como nos benefician as normas de Xehová. En Proverbios 7:6-23 fálase dun mozo sen siso que caeu na trampa da inmoralidade. Nós non queremos ser coma el. Ter siso é algo máis que ser intelixente. Implica esforzarse por entender a forma de pensar de Deus e poñela en práctica na nosa vida. Lembra o que di Proverbios 19:8: “Quen adquire bo siso, ámase a si mesmo; quen garda prudencia, atopará a felicidade”.

25 Estás convencido de que as normas de Deus son boas? Cres de verdade que serás feliz se as obedeces? (Salmo 19:8-11 [19:7-10, NM]; Isaías 48:17, 18) Se aínda non estás seguro, comproba por ti mesmo “que bo é o Señor”, lémbrate de tódalas cousas boas que Xehová fixo por ti (Salmo 34:9 [34:8, NM]). Verás que canto máis reflexiones nelas, máis o amarás. Esfórzate por amar o que el ama e odiar o que el odia. Enche a túa mente de pensamentos bos, agarimosos, verdadeiros, xustos, estimables e honrosos (Filipenses 4:8, 9). Xosé tivo moitas bendicións por aproveitar a sabedoría de Xehová, e nós tamén podemos ser coma el (Isaías 64:7 [64:8, NM]).

26. Que veremos nos seguintes capítulos?

26 Esteamos solteiros ou casados, Xehová quere que desfrutemos da vida e sexamos felices. Os seguintes dous capítulos axudarannos a ter éxito no matrimonio.