Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 5

Como manternos separados do mundo

Como manternos separados do mundo

“Non sodes do mundo” (XOÁN 15:19, AGL)

1. Que lle preocupaba a Xesús a noite antes de morrer?

 A NOITE antes de morrer, Xesús estaba preocupado polo futuro dos seus discípulos porque sabía que pronto tería que deixalos. Díxolles: “Non sodes do mundo” (Xoán 15:19, AGL). Máis tarde aquela noite, oroulle a Xehová a favor deles e dixo: “Eles non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo” (Xoán 17:15, 16). Que significan estas palabras de Xesús?

2. A que se refire a expresión “do mundo”?

2 Neste contexto, a expresión “do mundo” refírese á xente que non coñece a Deus e está baixo o control de Satán (Xoán 14:30; Efesios 2:2; Santiago 4:4; 1 Xoán 5:19). Como podemos evitar ser “do mundo”? Neste capítulo veremos que facer para conseguilo. Primeiro, ser leais ó Reino de Deus e manternos á marxe da política, é dicir, ser neutrais. Segundo, loitar contra o espírito do mundo. Terceiro, non chamar a atención coa nosa roupa e aspecto. Cuarto, ver os cartos de xeito equilibrado. E quinto, levar posta a armadura de Deus (ver a nota 16).

SEXAMOS LEAIS Ó REINO DE DEUS

3. Cal era a postura de Xesús sobre a política?

3 Cando estivo na terra, Xesús viu que as persoas tiñan moitos problemas e que a súa vida non era fácil. Preocupábase por elas e quería axudalas. Pero non se converteu nun líder político. Sabía que o que de verdade precisaban era o Reino de Deus, do que el sería Rei. O tema principal da súa predicación foi este Reino (Daniel 7:13, 14; Lucas 4:43; 17:20, 21). Xesús foi neutral e sempre se mantivo á marxe da política. Cando compareceu perante o gobernador romano Poncio Pilato, dixo: “O meu reino non é deste mundo” (Xoán 18:36). Os seus discípulos seguiron o seu exemplo. A obra On the Road to Civilization (Camiño da civilización) di que os primeiros cristiáns “negábanse a ocupar ningún cargo político”. Actualmente, os verdadeiros cristiáns facemos o mesmo. Apoiamos con lealdade o Reino de Deus e mantémonos á marxe da política deste mundo (Mateo 24:14).

Son capaz de explicar por que apoio o Reino de Deus?

4. Como apoiamos os cristiáns o Reino de Deus?

4 Os embaixadores representan o seu goberno noutros países e mantéñense á marxe dos asuntos políticos deses países. Os cristiáns unxidos, que teñen a esperanza de reinar con Cristo nos ceos, actúan como embaixadores, tal e como afirmou o apóstolo Paulo: “Somos, logo, embaixadores de Cristo” (2 Corintios 5:20). Isto significa que representan o goberno de Deus. Non se implican na política nin nos gobernos deste mundo (Filipenses 3:20). Máis ben, dan a coñecer o Reino, ou goberno, de Deus a millóns de persoas. As “outras ovellas”, que teñen a esperanza de vivir para sempre no novo mundo de Deus, apoian os unxidos e tamén se manteñen á marxe da política (Xoán 10:16; Mateo 25:31-40). Ningún cristián verdadeiro se implica na política deste mundo (le Isaías 2:2-4).

5. Cal é unha das razóns polas que non imos á guerra?

5 Os cristiáns verdadeiros vemos os nosos compañeiros de crenza como parte da nosa familia. Estamos unidos sen importar a nosa orixe ou nacionalidade (1 Corintios 1:10). Polo tanto, se fósemos á guerra estariamos loitando contra a nosa familia, contra os irmáns a quen Xesús nos mandou amar (Xoán 13:34, 35; 1 Xoán 3:10-12). De feito, Xesús incluso nos mandou amar os nosos inimigos (Mateo 5:44; 26:52).

6. Cal é a postura dos cristiáns sobre os gobernos?

6 Inda que os cristiáns somos neutrais, esforzámonos por ser bos cidadáns e respectamos as autoridades. Por exemplo, pagamos impostos e cumprimos coa lei. Pero, ante todo, dámoslle “a Deus o de Deus” (Marcos 12:17; Romanos 13:1-7; 1 Corintios 6:19, 20). Isto inclúe amalo, obedecelo e servilo. Polo tanto, obedecemos a Xehová mesmo se implica perder a nosa vida (Lucas 4:8; 10:27; le Feitos 5:29; Romanos 14:8).

LOITEMOS CONTRA O “ESPÍRITO DO MUNDO”

7, 8. a) Que é o “espírito do mundo”? b) Que efecto ten este espírito nas persoas?

7 Manternos separados do mundo de Satán significa non deixar que o “espírito do mundo” nos controle. Este espírito é a forma de pensar e actuar que procede de Satán, e controla as persoas que non serven a Xehová. Os cristiáns debemos loitar contra o “espírito do mundo”. Como dixo Paulo, “nós non recibímo-lo espírito do mundo, senón o Espírito que procede de Deus” (1 Corintios 2:12; Efesios 2:2, 3; ver a nota 17).

8 O espírito do mundo volve as persoas egoístas, orgullosas e rebeldes. Fainas crer que non precisan obedecer a Deus. Satanás intenta que as persoas fagan o que queiran sen pensar nas consecuencias e que se deixen levar polas súas inclinacións e desexos (1 Timoteo 6:9, 10; 1 Xoán 2:16). O Demo pon especial empeño en enganar os servos de Xehová para que pensemos coma el (Xoán 8:44; Feitos 13:10; 1 Xoán 3:8).

9. Como nos pode chegar a influír o espírito do mundo?

9 O espírito do mundo é coma o aire que respiramos, está por todas partes. Se non facemos o posible por loitar contra el, acabará afectándonos (le Proverbios 4:23). Pode empezar dun xeito que pareza inofensivo. Por exemplo, poderiamos deixarnos influír pola forma de pensar e actuar das persoas que non serven a Xehová (Proverbios 13:20; 1 Corintios 15:33). Ou tamén podería influírnos a través da pornografía, a apostasía ou o espírito competitivo do deporte (ver a nota 18).

10. Que podemos facer para loitar contra o espírito do mundo?

10 Que podemos facer para evitar que o espírito do mundo nos controle? Debemos estar preto de Xehová e deixar que nos guíe coa súa sabedoría. Oremos constantemente para pedirlle o seu espírito santo e manteñámonos ocupados nas actividades cristiás. Xehová é o ser máis poderoso do Universo, así que podemos confiar en que nos axudará a loitar contra o espírito do mundo (1 Xoán 4:4).

A NOSA FORMA DE VESTIR DEBE HONRAR A DEUS

11. Como inflúe o espírito do mundo no aspecto e forma de vestir?

11 Co noso aspecto e forma de vestir tamén demostramos que non somos do mundo. Moitas persoas visten para chamar a atención, espertar desexos sexuais nos demais, reflectir unha actitude rebelde contra a sociedade, ou presumir dos cartos que teñen. A outras persoas non lles preocupa o seu aspecto, ou mesmo prefiren ir desaliñados ou sucios. Non debemos permitir que ningunha destas actitudes inflúa no noso aspecto e forma de vestir.

Honra a Xehová a miña forma de vestir?

12, 13. Que principios bíblicos nos axudarán a escoller a nosa roupa?

12 Os servos de Xehová debemos levar roupa limpa, ben coidada, de bo gusto e apropiada para a ocasión. Como di a Biblia, imos “con vestido decente, con reverencia e modestia”, como cómpre ós verdadeiros cristiáns (1 Timoteo 2:9, 10; Xudas 21).

13 A nosa forma de vestir pode influír no que outros pensan de Xehová e dos seus servos. Por iso procuramos facelo todo “para gloria de Deus” (1 Corintios 10:31). A modestia implica respectar os sentimentos e opinións dos demais. Por iso, non esquezamos que as decisións que tomemos sobre o noso aspecto e a nosa roupa afectarán a outras persoas (1 Corintios 4:9; 2 Corintios 6:3, 4; 7:1).

14. Que preguntas debemos facernos ó escoller a roupa para as actividades cristiás?

14 Pensemos agora en como imos vestidos ás reunións ou a predicar. Chamamos demasiado a atención sobre nós? Facemos que os demais se sintan incómodos ou avergonzados? Cremos que a nosa forma de vestir é só cousa nosa? (Filipenses 4:5; 1 Pedro 5:6) É normal que queiramos vernos ben. Pero o que de verdade nos fai atractivos é a nosa forma de ser. O que Xehová ve de nós é a “personalidade escondida dentro”. Se somos bos cristiáns, “isto si que é algo precioso ós ollos de Deus” (1 Pedro 3:3, 4).

15. Por que Xehová non nos deu unha lista de regras sobre como vestir?

15 Xehová non nos deu unha lista de regras sobre como vestir. En vez diso, deunos unha serie de principios bíblicos para axudarnos a tomar boas decisións (Hebreos 5:14). Deus quere que baseemos as nosas decisións, sexan grandes ou pequenas, no noso amor por el e polo próximo (le Marcos 12:30, 31). Arredor do mundo, os servos de Xehová vestimos diferente dependendo da nosa cultura e gustos persoais. Esta fermosa variedade fai a vida máis interesante.

VEXAMOS OS CARTOS DE XEITO EQUILIBRADO

16. a) En que se diferencia o que ensinou Xesús do que este mundo pensa dos cartos? b) Que preguntas deberiamos facernos?

16 Satán quere que pensemos que os cartos e as posesións dan a felicidade, pero os servos de Xehová sabemos que isto non é certo. Confiamos nas seguintes palabras de Xesús: “Por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens” (Lucas 12:15). Os cartos non dan a verdadeira felicidade. Por exemplo, non poden darnos nin amigos de verdade, nin paz mental, nin vida eterna. Por suposto, os cartos fan falta para vivir, e todos queremos desfrutar da vida. Pero Xesús ensinou que a verdadeira felicidade depende de ser bos amigos de Xehová e ter como prioridade servilo (Mateo 4:4; 1 Timoteo 6:8). Pensa nisto: “Estou influído pola opinión que este mundo ten dos cartos? Estou sempre pensando no diñeiro ou falando del?” (Lucas 6:45; 21:34-36; 2 Xoán 6).

17. Que vantaxes ten non darlles demasiada importancia ós cartos?

17 Se nos centramos en servir a Xehová e non lles damos ós cartos a importancia que lles dá este mundo, a nosa vida terá sentido (Mateo 11:29, 30). Estaremos contentos co que temos e sentiremos paz interior (Mateo 6:31, 32; Romanos 15:13). Preocuparémonos menos polos bens materiais (le 1 Timoteo 6:9, 10). Seremos felices ó compartir o que temos (Feitos 20:35). Poderemos pasar máis tempo coas persoas ás que queremos. Mesmo é posible que durmamos mellor (Eclesiastés 5:11 [5:12, NM]).

POÑAMOS A “ARMADURA DE DEUS”

18. Que teima en conseguir Satanás?

18 Satanás teima en destruír a nosa amizade con Xehová. Por iso debemos facer todo canto poidamos para protexela. Temos unha loita “contra os espíritos do mal” (Efesios 6:12). Satán e os seus demos non queren que sexamos felices nin que vivamos para sempre (1 Pedro 5:8). Inda que estes inimigos son poderosos, podemos vencelos coa axuda de Xehová.

19. Como describe Efesios 6:14-18 a “armadura de Deus”?

19 No pasado, os soldados poñían unha armadura para protexerse na batalla. Nós tamén debemos poñer a “armadura de Deus” para protexernos (Efesios 6:13). A Biblia di o seguinte sobre esta armadura: “Estade, logo, en pé: cinguídevos co cinto da verdade, revestidos coa coiraza da xustiza e calzados os pés co afervoamento do Evanxeo da paz. Tede sempre no brazo o escudo da fe, que con el poderedes apagar tódolos dardos incendiarios do maligno. Collede o casco da salvación e a espada do Espírito, que é a palabra de Deus, con toda clase de oracións e de súplicas, orando decote no Espírito e velando por iso con asiduidade e súplicas por tódolos cristiáns” (Efesios 6:14-18).

20. Que debemos facer para que a nosa armadura nos protexa?

20 Se un soldado esquecía poñer algunha peza da armadura, parte do seu corpo quedaba desprotexido e o inimigo intentaba atacalo xusto por aí. Do mesmo xeito, para que a nosa armadura nos protexa, non debemos esquecer ningunha peza. Ademais, debemos levala posta todo o tempo e mantela en boas condicións. A nosa loita seguirá mentres este mundo de Satán non sexa destruído, e el e mailos seus demos sexan eliminados da terra (Apocalipse 12:17; 20:1-3). Polo tanto, se estás a loitar contra malos desexos ou algunha debilidade, non te rendas (1 Corintios 9:27).

21. Que debemos facer para vencer o Demo?

21 Inda que o Demo é máis forte ca nós, podemos vencelo se temos a Xehová do noso lado. Para permanecermos a carón de Deus, debemos orarlle, estudar a súa Palabra e relacionarnos cos irmáns (Hebreos 10:24, 25). Isto axudaranos a seguir sendo leais e a estarmos preparados para defender a nosa fe.

PREPARÉMONOS PARA DEFENDER A NOSA FE

22, 23. a) Que nos axudará a estar sempre preparados para defender a nosa fe? b) Que veremos no seguinte capítulo?

22 Como nalgúns temas as testemuñas de Xehová pensamos moi diferente da maioría, debemos estar preparados para defender a nosa fe en todo momento (Xoán 15:19). Por iso é importante que nos preguntemos: “Entendo ben por que pensamos e actuamos así? Estou convencido de que a Biblia e o criado fiel e prudente están no certo? (Mateo 24:45; Xoán 17:17) Síntome orgulloso de ser testemuña de Xehová? (Salmo 34:3 [34:2, NM]; Mateo 10:32, 33) Son capaz de explicar as miñas crenzas?” (le 1 Pedro 3:15).

23 En moitos casos é fácil ver o que debemos facer para non ser do mundo, pero noutros non o é tanto. Satán usa todo tipo de trampas para vencernos. Unha delas é o entretemento. No seguinte capítulo, veremos como podemos escoller ben o entretemento.