Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 10

O matrimonio é un agasallo de Deus

O matrimonio é un agasallo de Deus

“Corda de tres fíos non se rompe axiña” (ECLESIASTÉS 4:12)

1, 2. a) Que agardan as parellas ó casar? b) Que preguntas analizaremos neste capítulo?

 IMAXINA unha parella de noivos no día da súa voda. Están moi ilusionados co futuro que teñen por diante, e están cheos de soños e esperanza. Agardan ter un matrimonio feliz e duradeiro.

2 Porén, que un matrimonio comece ben non implica que vaia seguir sempre así. Para que un matrimonio sexa feliz e duradeiro, a parella necesita seguir os consellos de Deus. Por iso imos analizar a resposta que dá a Biblia ás seguintes preguntas: Cales son algunhas vantaxes do matrimonio? Se vas casar, como podes escoller ben o teu cónxuxe? Como podes ser ti un bo cónxuxe? Que che pode axudar a ter un matrimonio duradeiro? (le Proverbios 3:5, 6).

DEBERÍA CASAR?

3. Pensas que é preciso casar para ser feliz? Explica a túa resposta.

3 Algúns pensan que non poden ser felices se non casan. Pero iso non é certo. Xesús dixo que estar solteiro podía ser un agasallo (Mateo 19:10-12). E o apóstolo Paulo falou das vantaxes de estar solteiro (1 Corintios 7:32-38). Casar ou non casar é cousa túa. Non deixes que os amigos, a familia ou a cultura decidan por ti.

4. Cales son algunhas vantaxes dun bo matrimonio?

4 A Biblia di que o matrimonio tamén é un agasallo de Deus e que ten algunhas vantaxes. Xehová dixo sobre Adam: “Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito” (Xénese 2:18). Xehová creou a Eva para ser a muller de Adam, e así formou a primeira familia humana. Ó casar, os cónxuxes xa non están sós, poden desfrutar da súa compañía e axudarse un ó outro. Ademais, se a parella ten fillos, o matrimonio proporciónalles un ambiente estable no que medrar. Pero ter fillos non é o único obxectivo do matrimonio (Salmo 127:3; Efesios 6:1-4).

5, 6. Como pode o matrimonio ser coma unha “corda de tres fíos”?

5 O rei Salomón escribiu: “Mellor son dous ca un: tirarán bo proveito do traballo de entrambos. Se caen, un pode axudar ó outro. Mais, ¡malia o só! Cando caia non terá quen o erga”. E engadiu: “Corda de tres fíos non se rompe axiña” (Eclesiastés 4:9-12).

6 Un bo matrimonio no que ambos se axudan, consolan e protexen é a amizade máis estreita que pode existir entre dúas persoas. O amor fortalece o matrimonio, pero será inda máis forte se os dous serven a Xehová. Desa maneira chegará a ser coma unha “corda de tres fíos” que se entrelazan. Unha corda de tres fíos é moito máis resistente ca unha de dous. Do mesmo xeito, o matrimonio será máis resistente se Xehová forma parte del.

7, 8. Que di a Biblia sobre o matrimonio?

7 Despois de casaren, o marido e a muller poden ter relacións sexuais, satisfacendo así as necesidades un do outro (Proverbios 5:18). Pero se alguén casa só para satisfacer os seus desexos sexuais, quizais non escolla ben o seu cónxuxe. Por iso, se queremos casar, a Biblia aconsella facelo despois da idade na que os desexos sexuais son máis fortes. Deste xeito, poderán pensar con máis claridade e tomar unha mellor decisión (1 Corintios 7:9; Santiago 1:15).

8 Se estás pensando en casar, deberías ser realista e recoñecer que tódolos matrimonios afrontan desafíos. Paulo dixo que “os que casen terán tribulacións na carne” (1 Corintios 7:28). Mesmo os mellores matrimonios teñen problemas. Así que, se decides casar, asegúrate de escoller ben o teu cónxuxe.

CON QUEN DEBERÍA CASAR?

9, 10. Que podería pasar se casamos con alguén que non serve a Xehová?

9 Ó escoller cónxuxe é importante lembrar o principio bíblico de non estar baixo o mesmo xugo “en parella desigual cos infieis” (2 Corintios 6:14). O matrimonio pode compararse a un xugo. Un labrego que coida ben dos seus animais non poñería a tirar baixo o mesmo xugo un boi e mais un burro, pois son animais de diferente forza e tamaño, e ámbolos dous sufrirían. Do mesmo xeito, se pasamos por alto este principio bíblico, o máis probable é que teñamos moitos problemas. Por iso a Biblia recomenda casar só con alguén que tamén serve a Xehová (1 Corintios 7:39).

10 Poida que un cristián pense que é mellor casar con alguén que non serve a Xehová que estar só. Pero quen pasa por alto o que di a Biblia adoita sufrir dor e tristeza. Para nós o máis importante é servir a Xehová. Como te sentirías se non puideses compartir co teu cónxuxe a parte máis importante da túa vida? É por iso que moitos decidiron quedar solteiros antes que casar con alguén que non serve a Xehová (le Salmo 32:8).

11. Que podes facer para escoller ben o teu cónxuxe?

11 Isto non quere dicir que calquera servo de Xehová vaia ser un bo cónxuxe para ti. Se estás pensando en casar, busca alguén que de verdade che guste e con quen te leves ben. Agarda ata atopares alguén que tamén poña a Xehová no primeiro lugar na súa vida e que teña metas semellantes ás túas. Dedica tempo a ler e reflexionar nos bos consellos sobre o matrimonio que aparecen nas publicacións do criado fiel (le Salmo 119:105).

12. Que aprendemos na Biblia sobre os matrimonios concertados?

12 Nalgunhas culturas, enténdese que os pais saben quen será o mellor cónxuxe para os seus fillos, así que son eles quen o escollen. Este costume era habitual en tempos bíblicos. Por exemplo, cando Abraham escolleu unha muller para o seu fillo Isaac, non se centrou nos cartos ou na posición social, senón en que ela amase a Xehová (Xénese 24:3, 67). Se a túa familia decide seguir este costume, a Biblia axudaralles ós teus pais a saber que calidades buscar (ver a nota 25).

COMO PODO PREPARARME PARA CASAR?

13-15. a) Como pode un home prepararse para ser un bo marido? b) Como pode unha muller prepararse para ser unha boa esposa?

13 Estás pensando en casar? Entón sería bo que te preguntes: “Estou preparado?”. Talvez penses que si, pero imos ver o que significa realmente estar preparado para casar. Poida que te sorprendas.

Dedica tempo a ler e reflexionar nos consellos da Biblia sobre o matrimonio

14 A Biblia explica que o home e a muller teñen funcións diferentes na familia. Por iso é lóxico pensar que estar preparado para o matrimonio non é o mesmo para un home que para unha muller. Se un home está pensando en casar, ten que preguntarse se está listo para ser o cabeza de familia. Xehová espera del que atenda as necesidades físicas e emocionais da muller e dos fillos. Pero a súa responsabilidade máis importante é axudar á súa familia a adorar a Deus. A Biblia describe o home que non coida da familia coma alguén “peor ca un non crente” (1 Timoteo 5:8). Así que, se es un home que quere casar, pensa en como podes poñer en práctica o principio de Proverbios 24:27: “Pon orde no teu traballo exterior, arránxate na túa leira; despois poderás construí-la casa”. Dito doutro xeito, antes de casar, asegúrate de seres a clase de marido que Xehová espera.

15 A muller que está pensando en casar debería preguntarse se está preparada para as responsabilidades que ten unha esposa ou mesmo unha nai. A Biblia menciona algúns xeitos nos que unha boa muller coida do seu home e dos seus fillos (Proverbios 31:10-31). Hoxe moitos homes e mulleres só pensan no que debería facer o seu cónxuxe por eles. Pero Xehová quere que pensemos no que podemos facer nós polo noso cónxuxe.

16, 17. Se estás pensando en casar, en que deberías reflexionar?

16 Antes de casares, reflexiona no que Xehová di sobre os cónxuxes. Inda que o home é o cabeza de familia, iso non lle dá dereito a maltratar a súa familia, nin física nin emocionalmente. Un bo cabeza de familia segue o exemplo de Xesús, quen sempre é amable e agarimoso coas persoas que ten ó seu coidado (Efesios 5:23). Por outra banda, a muller debe reflexionar no que implicará apoiar as decisións do seu home e colaborar con el (Romanos 7:2). Debe preguntarse se será feliz tendo un home imperfecto como cabeza da súa familia. Se pensa que non, quizais decida que é mellor quedar solteira por un tempo.

17 Os cónxuxes necesitan preocuparse máis pola felicidade da súa parella ca pola súa propia (le Filipenses 2:4). Paulo escribiu: “Todos e cada un de vós, debe ama-la súa muller coma a si mesmo; e a muller, que respecte ó seu marido” (Efesios 5:21-33). Para que o matrimonio vaia ben, ámbolos dous cónxuxes precisan sentirse queridos e respectados. Pero, sobre todo, a muller precisa saber que o seu marido a quere, e o home que a súa muller o respecta.

18. Por que as parellas precisan ter coidado mentres son noivos?

18 Namentres son noivos, as parellas poden desfrutar de pasar tempo xuntos mentres se coñecen un ó outro. Tamén é o momento de seren realistas e honestos, de xeito que poidan decidir se de verdade queren pasar o resto da súa vida xuntos. Ambos deben aprender a comunicarse e a descubrir que hai no corazón da outra persoa. Segundo a súa relación se vai estreitando, é natural que se sintan atraídos fisicamente. Por iso precisan controlar o xeito de expresar os seus sentimentos antes de casar para non faceren nada que lle desagrade a Deus. O amor verdadeiro axudaralles a saber controlarse e evitará que fagan algo que poida estragar a súa relación e a amizade que teñen con Xehová (1 Tesalonicenses 4:6).

Mentres son noivos, ámbolos dous aprenden a comunicarse

QUE PODO FACER PARA QUE O MEU MATRIMONIO VAIA BEN?

19, 20. Que pensan os cristiáns do matrimonio?

19 Moitos libros e películas rematan cunha voda grande e fermosa. Pero na vida real, a voda é só o comezo. Xehová creou o matrimonio como unha unión permanente (Xénese 2:24).

20 Hoxe moitos ven o matrimonio coma un acordo temporal. É fácil casar, pero tamén é fácil divorciarse. Por iso, cando xorden problemas, algúns pensan en deixar o seu cónxuxe e poñerlle fin ó matrimonio. Pero lembra o exemplo da corda de tres fíos entrelazados que aparece na Biblia. Unha corda coma esa non rompe mesmo inda que estea baixo moita presión. Se buscamos a axuda de Xehová, o noso matrimonio pode ser duradeiro. Xesús dixo: “O que Deus xuntou, que non o separe o home” (Mateo 19:6).

21. Que lles axudará ós cónxuxes a seguir queréndose?

21 Todos temos puntos fortes e puntos débiles. É moi fácil fixarse só nos defectos dos demais, sobre todo nos do noso cónxuxe. Pero se o facemos, non seremos felices. Para termos un matrimonio feliz, debemos centrarnos nas cousas boas da nosa parella. Claro, estamos casados cunha persoa imperfecta. Entón, é realista esta forma de pensar? Abofé que si. Xehová sabe que somos imperfectos e, inda así, céntrase nas nosas boas calidades. Pobre de nós se non o fixese! O salmista dixo: “Se ti levas conta dos pecados, ¿quen, Señor, se terá en pé?” (Salmo 130:3). Os cónxuxes poden seguir o exemplo de Xehová ó centrárense nas cousas boas da súa parella e ó estaren dispostos a perdoar decontado (le Colosenses 3:13).

22, 23. Que bo exemplo lles puxeron Abraham e Sara ós casados?

22 Segundo vaian pasando os anos, o matrimonio pode facerse máis forte. Abraham e Sara tiveron un matrimonio longo e feliz. Cando Xehová lle dixo a Abraham que deixase a súa casa na cidade de Ur, é probable que Sara tivese xa máis de 60 anos. Imaxina o difícil que tivo que ser para ela deixar un fogar moi cómodo para ir vivir en tendas de campaña. Pero Sara era unha boa amiga e compañeira, e respectaba moito a Abraham. Por iso apoiou sempre as súas decisións e fixo todo o posible para que tivesen éxito (Xénese 18:12; 1 Pedro 3:6).

23 Por suposto, que un matrimonio vaia ben non significa que o home e a muller vaian estar sempre de acordo en todo. Nunha ocasión, Abraham non estaba de acordo con Sara, e Xehová díxolle: “Fai o que Sara che di”. Abraham fíxolle caso e as cousas saíron ben (Xénese 21:9-13). Se algunha vez ti e maila túa parella non pensades igual, non vos desanimedes. O importante é que vos sigades tratando con agarimo e respecto, mesmo cando pensedes de xeito diferente.

Deixa que a Biblia guíe o teu matrimonio dende o comezo

24. Como pode o matrimonio darlle gloria a Xehová?

24 Na congregación cristiá hai miles de matrimonios felices. Se queres casar, recorda que escoller cónxuxe é unha das decisións máis importantes que vas tomar. Será algo que afectará o resto da túa vida, así que busca a guía de Xehová. Escolle ben o teu cónxuxe, prepárate para o matrimonio, e esfórzate por crear unha unión forte e chea de amor que lle dea gloria a Xehová.