Ir ó contido

Ir ó índice

Notas

Notas

 1 PRINCIPIOS BÍBLICOS

As leis de Deus están baseadas en principios. Estes principios son verdades básicas que atopamos na Biblia que nos axudan a entender o que sente e pensa Deus. Coñecelos axúdanos a tomar boas decisións e a facer o que está ben. Son útiles sobre todo en situacións nas que Deus non dá ningunha lei específica ó respecto.

Capítulo 1, parágrafo 8

 2 OBEDIENCIA

Obedecer a Xehová significa facer de boa gana o que nos pide. El quere que o obedezamos porque o amamos (1 Xoán 5:3). Se lle queremos e confiamos nel, sempre seguiremos os seus consellos, mesmo cando non sexa fácil. Obedecer a Xehová é bo para nós, xa que nos axuda a levar unha vida mellor e, no futuro, desfrutar de moitas bendicións (Isaías 48:17).

▸ Capítulo 1, parágrafo 10

 3 LIBRE ALBEDRÍO

Xehová deunos a todos libre albedrío, é dicir, liberdade para tomar decisións por nós mesmos. Non nos creou coma robots (Deuteronomio 30:19; Xosué 24:15). Podemos usar a nosa liberdade para tomar boas decisións, pero se non temos coidado poderiamos equivocarnos. Como temos libre albedrío, cada un debe decidir se lle quere ser leal a Xehová e demostrarlle que o ama.

Capítulo 1, parágrafo 12

 4 NORMAS MORAIS

Xehová establece normas morais que guían a nosa conduta e accións. Na Biblia aprendemos cales son e como nos poden axudar para que nos vaia mellor na vida (Proverbios 6:16-19; 1 Corintios 6:9-11). Estas normas sérvennos para saber o que está ben e o que está mal dende o punto de vista de Deus. Tamén nos axudan a ser cariñosos, amables e a tomar boas decisións. Aínda que as normas morais deste mundo son cada vez máis permisivas, as normas de Xehová non cambian (Deuteronomio 32:4-6; Malaquías 3:6). Seguir as Súas normas evitaranos moita dor física e emocional.

Capítulo 1, parágrafo 17

 5 CONCIENCIA

A conciencia é o sentido interno do ben e do mal que Xehová nos deu a cada un de nós (Romanos 2:14, 15). Para que funcione ben, temos que educala conforme ás Súas normas morais. Así tomaremos decisións que lle agraden a Deus (1 Pedro 3:16). Pode avisarnos antes de tomar unha mala decisión ou facernos sentir remordementos despois de actuar mal. A nosa conciencia pode deixar de funcionar ben, pero coa axuda de Xehová podemos axustala de novo. Unha conciencia limpa dános paz mental e mellora a nosa autoestima.

Capítulo 2, parágrafo 3

 6 TEMOR DE DEUS

Temer a Deus implica amalo e respectalo tanto que non queremos facer nada que lle desagrade. Isto axúdanos a facer o que está ben e a evitar o que está mal (Salmo 111:10). Este profundo respecto motívanos a escoitalo atentamente e a cumprir as promesas que lle facemos. O temor de Deus inflúe na nosa forma de pensar, de tratar os demais e nas nosas decisións diarias.

Capítulo 2, parágrafo 9

 7 ARREPENTIMENTO

O arrepentimento inclúe sentimentos de fonda tristura por algo malo que fixemos. Os que aman a Deus séntense moi mal ó decatárense de que fixeron algo que vai en contra das Súas normas. Cando cometemos algún erro debemos rogarlle a Xehová que nos perdoe en base ó sacrificio de Xesús (Mateo 26:28; 1 Xoán 2:1, 2). Se nos arrepentimos de verdade e deixamos de facer o que está mal, podemos ter a seguridade de que Xehová nos vai perdoar. Non temos que seguir sentíndonos culpables polo que fixemos (Salmo 103:10-14; 1 Xoán 1:9; 3:19-22). Debemos esforzarnos por aprender dos nosos erros, cambiar calquera forma de pensar incorrecta e vivir de acordo coas normas de Xehová.

Capítulo 2, parágrafo 18

 8 EXPULSIÓN

Se alguén comete un pecado grave, non se arrepinte e se nega a obedecer as normas de Xehová, xa non pode seguir formando parte da congregación, é dicir, debe ser expulsado. Cando isto pasa, deixamos de relacionarnos con esa persoa e de falarlle (1 Corintios 5:11; 2 Xoán 9-11). A expulsión protexe o nome de Xehová e maila congregación (1 Corintios 5:6). Esta medida disciplinaria tamén axuda a quen pecou a arrepentirse para que poida volver a carón de Xehová (Lucas 15:17).

Capítulo 3, parágrafo 19

 9 CONSELLOS, NORMAS E CORRECCIÓN

Xehová ámanos e quere axudarnos. Por iso dános consellos, normas e corrección por medio da Biblia e doutras persoas que o aman. Como somos imperfectos e temos un corazón “treicioeiro e falso”, é indispensable que contemos coa súa axuda (Xeremías 17:9, SBG). Cando obedecemos e respectamos a quen Xehová lle deu autoridade, estamos obedecendo e respectando a Xehová mesmo (Hebreos 13:7).

Capítulo 4, parágrafo 2

 10 ORGULLO E HUMILDADE

Como somos imperfectos, tendemos a ser egoístas e orgullosos. Pero Xehová espera que sexamos humildes. Cando nos comparamos con Xehová, decatámonos do insignificantes que somos. Isto ensínanos a ser humildes (Xob 38:1-4). Tamén é importante que aprendamos a poñer os intereses dos demais por riba dos nosos. O orgullo fainos crer que somos mellores cós demais, pero a humildade axúdanos a ser sinceros con nós mesmos, a ver os nosos puntos fortes e débiles. Se somos humildes, non teremos medo de admitir os nosos erros, pedir perdón, aceptar suxestións e deixar que nos corrixan. Confiaremos en Xehová e obedeceremos as súas normas (1 Pedro 5:5).

Capítulo 4, parágrafo 4

 11 AUTORIDADE

Ter autoridade significa ter o dereito de dar ordes e tomar decisións. Xehová é a persoa con máis autoridade, tanto no ceo coma na terra. Como Creador, é o máis poderoso do Universo e sempre utiliza a súa autoridade para o beneficio dos demais. Xehová deulles a algúns humanos a responsabilidade de coidarnos. Por exemplo, os pais, os anciáns da congregación e os gobernos teñen certo grao de autoridade sobre nós, e Xehová quere que cooperemos con eles (Romanos 13:1-5; 1 Timoteo 5:17). Pero cando as leis de Deus están en conflito coas leis humanas, obedecemos a Deus antes cós homes (Feitos 5:29). Cando respectamos a quen Xehová colocou nunha posición de autoridade, demostrámoslle que respectamos as Súas decisións.

Capítulo 4, parágrafo 7

 12 ANCIÁNS

Os anciáns son homes con experiencia que Xehová utiliza para coidar da congregación (Deuteronomio 1:13; Feitos 20:28). Estes irmáns axúdannos a manter unha amizade estreita con Xehová e a servilo nun ambiente pacífico e dun xeito organizado (1 Corintios 14:33, 40). Os anciáns son nomeados polo espírito santo. Isto significa que deben cumprir cos requisitos que menciona a Biblia, que foi escrita coa guía deste espírito (1 Timoteo 3:1-7; Tito 1:5-9; 1 Pedro 5:2, 3). Como apoiamos a organización de Xehová e confiamos nela, colaboramos de boa gana cos anciáns (Salmo 138:6; Hebreos 13:17).

Capítulo 4, parágrafo 8

 13 CABEZA DE FAMILIA

Xehová deulles ós pais a responsabilidade de coidar dos fillos e do fogar. Pero a Biblia explica que o pai é o cabeza de familia. Con todo, nalgunhas familias non existe a figura paterna e a nai ten que asumir esta función. Entre as responsabilidades do cabeza está a de prover a familia de comida, roupa e vivenda. Tamén é moi importante que tome a iniciativa en axudar á familia a adorar a Xehová. Por exemplo, preocúpase de que todos asistan regularmente ás reunións, participen na predicación e estuden a Biblia xuntos. É o responsable de tomar as decisións. Intenta seguir sempre o exemplo de Xesús sendo cariñoso e razoable, nunca duro ou cruel. Así créase un ambiente no que toda a familia se pode sentir segura e estreitar a súa amizade con Xehová.

Capítulo 4, parágrafo 12

 14 CONSELLO REITOR

O Consello Reitor é un grupo de homes que Deus emprega para dirixir as actividades do seu pobo. Todos eles teñen a esperanza de ir ó ceo. No século primeiro, Xehová utilizou un consello reitor para organizar a adoración e predicación da congregación cristiá (Feitos 15:2). Actualmente, os irmáns que forman o Consello Reitor dirixen, guían e protexen o pobo de Deus. Confían na guía da Palabra de Deus e do espírito santo para tomaren decisións. Xesús chamoulle a este grupo de homes escollidos polo espírito santo “o criado fiel e prudente” (Mateo 24:45-47).

Capítulo 4, parágrafo 15

 15 CUBRIR A CABEZA

Nalgunhas ocasións, unha irmá terá que atender certas tarefas que normalmente faría un irmán da congregación. Nestes casos, demostra respecto á autoridade instituída por Xehová cubrindo a cabeza. Pero este principio só é aplicable en certas situacións. Por exemplo, deberá cubrir a cabeza cando dea unha clase da Biblia en presenza do seu home ou dun irmán bautizado (1 Corintios 11:11-15).

Capítulo 4, parágrafo 17

 16 NEUTRALIDADE

Ser neutral significa non apoiar ningún bando político (Xoán 17:16). Os servos de Xehová apoiamos o seu Reino. Seguindo o exemplo de Xesús, mantémonos á marxe de calquera conflito ou controversia deste mundo.

Xehová mándanos obedecer as autoridades (Romanos 13:1-7; Tito 3:1, 2). Pero tamén nos di que non debemos matar a ninguén. Polo tanto, a conciencia dun cristián non lle permitiría facer o servizo militar nin ir á guerra. Se ten a opción de prestar algún servizo civil como alternativa ó servizo militar, debe decidir se a súa conciencia lle permite realizalo.

Debémoslle a Xehová, o Creador, toda a nosa devoción. Por iso, inda que respectamos os símbolos patrios, nin saudamos a bandeira nin cantamos o himno nacional (Isaías 43:11; Daniel 3:1-30; 1 Corintios 10:14). Ademais, como apoiamos o goberno de Deus, cada un de nós toma a decisión persoal de non votar por ningún partido nin candidato político (Mateo 22:21; Xoán 15:19; 18:36).

Capítulo 5, parágrafo 2

 17 ESPÍRITO DO MUNDO

Este mundo promove a forma de pensar de Satán. Esta forma de pensar é habitual nas persoas que non aman a Xehová e ignoran as súas normas (1 Xoán 5:19). Esta maneira de pensar e actuar é o que a Biblia describe como o espírito do mundo (Efesios 2:2). Os servos de Xehová facemos todo canto podemos para evitar este xeito de pensar e actuar (Efesios 6:10-18). En lugar diso, amamos as normas de Xehová e esforzámonos por ver as cousas coma el.

Capítulo 5, parágrafo 7

 18 APOSTASÍA

A apostasía é poñerse en contra do que ensina a Biblia. Os apóstatas rebélanse contra Xehová e Xesús, o Rei do Reino de Deus, e tratan de convencer a outros para que fagan o mesmo (Romanos 1:25). Queren que os servos de Xehová teñamos dúbidas. Algúns cristiáns do século primeiro tornáronse apóstatas, e na actualidade tamén pasa (2 Tesalonicenses 2:3). Para sermos leais a Xehová, non debemos ter nada que ver cos apóstatas. Non debemos ler nin escoitar ideas apóstatas, nin sequera por curiosidade ou por presións. Somos leais a Xehová e só o adoramos a el.

Capítulo 5, parágrafo 9

 19 EXPIACIÓN OU PERDÓN DOS PECADOS

Segundo a Lei de Moisés, os israelitas tiñan que levar aceite, gran e animais ó templo, e ofrecelos como sacrificio para que Xehová lles perdoase os pecados. Isto lembráballes que Xehová desexaba perdoalos, tanto á nación en conxunto como a cada un deles individualmente. Despois de dar Xesús a súa vida polos nosos pecados, xa non se precisan eses sacrificios. O seu sacrificio perfecto foi unha “ofrenda única e para sempre” (Hebreos 10:1, 4, 10).

Capítulo 7, parágrafo 6

 20 RESPECTO POLA VIDA DOS ANIMAIS

A Lei de Moisés permitía que os israelitas comesen animais. Tamén lles mandaba que ofrecesen sacrificios de animais (Levítico 1:5, 6). Pero Xehová nunca lles permitiu que os tratasen con crueldade (Proverbios 12:10). A Lei tiña normas que protexían os animais do maltrato e mandáballes ós israelitas que os coidasen ben (Deuteronomio 22:6, 7).

Capítulo 7, parágrafo 6

 21 FRACCIÓNS SANGUÍNEAS E PROCEDEMENTOS MÉDICOS

Fraccións sanguíneas. O sangue ten catro compoñentes principais: glóbulos vermellos, glóbulos brancos, plaquetas e plasma. Estes catro compoñentes poden dividirse en compoñentes máis pequenos, chamados fraccións sanguíneas. *

Os cristiáns rexeitamos as transfusións de sangue ou dun dos seus catro compoñentes principais. Pero, podemos aceptar as fraccións sanguíneas? A Biblia non dá unha resposta directa a esta pregunta. Cada cristián ten que tomar a súa propia decisión baseándose na súa conciencia educada polos principios da Biblia.

Algúns cristiáns deciden rexeitar tódalas fraccións sanguíneas. Toman esa decisión persoal razoando que a Lei de Moisés mandaba verter “na terra” o sangue dos animais que matasen (Deuteronomio 12:22-24).

Outros cristiáns deciden de xeito diferente. A súa conciencia permítelles aceptar certas fraccións de sangue. Toman esa decisión persoal razoando que esas pequenas fraccións sanguíneas xa non representan a vida da persoa ou animal de quen provén o sangue.

Para tomares a túa decisión, reflexiona no seguinte:

  • Entendo que rexeitar tódalas fraccións sanguíneas significa rexeitar tamén algúns medicamentos que serven para combater certas enfermidades ou que axudan a deter hemorraxias?

  • Como lle explicaría a un médico por que rexeito ou acepto o emprego dunha ou máis fraccións sanguíneas?

Procedementos médicos. Os cristiáns nin doamos sangue nin almacenamos o noso propio sangue antes dunha operación para empregalo despois da cirurxía. Pero hai outros procedementos nos que se emprega o sangue do propio paciente. Cada cristián debe decidir persoalmente como se empregará o seu sangue durante unha operación, un exame médico ou outro tratamento. Neses procedementos, poida que o sangue do paciente se separe por completo do seu corpo durante un tempo (se desexas máis información, podes consultar La Atalaya do 15 de outubro de 2000, páxinas 30 e 31).

Por exemplo, hai unha técnica chamada hemodilución na que se desvía unha parte do sangue do paciente xusto antes da operación e se substitúe por unha substancia que expande o volume sanguíneo. Durante a operación, ou pouco despois, o sangue que fora desviado reintrodúcese no corpo do paciente.

Hai outra técnica que consiste na recuperación de sangue. Neste proceso o sangue que perde o paciente durante a cirurxía recupérase, límpase e vólvese introducir no corpo do paciente durante a operación ou pouco despois.

Poida que cada médico empregue estas técnicas dun xeito diferente. Así que, antes de aceptar unha operación, unha proba médica ou outro tratamento, debemos informarnos ben de como se empregará o noso sangue.

Para tomares a túa decisión, reflexiona no seguinte:

  • Se parte do meu sangue vai ser desviado fóra do meu corpo e a circulación sanguínea se interrompe por un tempo, permíteme a miña conciencia considerar que ese sangue inda forma parte de min e que non teño que vertelo “na terra”? (Deuteronomio 12:23, 24).

  • Molestarame a conciencia se durante un procedemento médico se desvía parte do meu sangue, se trata e despois se reintroduce no meu corpo ou se aplica como tratamento sobre el?

  • Entendo que rexeitar tódolos procedementos médicos que empregan o meu sangue significa rexeitar as análises de sangue, a hemodiálise ou o emprego dunha bomba ou sistema de circulación extracorpórea?

Polo tanto, cando teñamos que decidir sobre certo tratamento médico, primeiro precisamos orarlle a Xehová para pedirlle a súa guía e logo informarnos ben acerca dese tratamento (Santiago 1:5, 6). Despois, debemos usar a nosa conciencia adestrada pola Biblia para tomarmos unha decisión. Non lles preguntemos ós demais que farían no noso caso. Os demais tampouco non deben tratar de influír na nosa decisión (Romanos 14:12; Gálatas 6:5).

Capítulo 7, parágrafo 11

 22 LIMPEZA MORAL

Sermos moralmente limpos significa que todo o que pensamos, dicimos e facemos é limpo ós ollos de Xehová. El mándanos que evitemos calquera tipo de inmoralidade ou práctica sexual que non aproba (Proverbios 1:10; 3:1). Temos que estar decididos a seguir as normas de Xehová mesmo antes de afrontarmos unha situación que poida levarnos a facer algo que lle desagrade. Debemos orar decote a Xehová, pedirlle que nos axude a manter puros os nosos pensamentos e estar decididos a rexeitar as tentacións inmorais (1 Corintios 6:9, 10, 18; Efesios 5:5).

Capítulo 8, parágrafo 11

 23 CONDUTA DESCARADA E IMPUREZA

A conduta descarada implica falar ou actuar dun xeito que viole gravemente as normas de Deus e reflicta unha actitude desvergonzada. Se unha persoa se comporta desta maneira, demostra que non respecta as leis de Deus. Este tipo de conduta debe ser tratada na congregación por un comité xudicial. Por outra banda, a impureza inclúe varios tipos de pecados. Segundo a gravidade, poida que un comité xudicial tamén teña que tratar algúns casos de impureza (Gálatas 5:19-21; Efesios 4:19; se desexas máis información, podes consultar o artigo “Preguntas de los lectores” de La Atalaya do 15 de xullo de 2006).

Capítulo 9, parágrafo 7; capítulo 12, parágrafo 10

 24 MASTURBACIÓN

Xehová creou o sexo como unha expresión de amor entre os cónxuxes. Pero cando alguén se masturba, ou estimula os seus xenitais para obter pracer sexual, está a usar o sexo de xeito sucio ós ollos de Deus. Este hábito pode danar a relación dunha persoa con Xehová. Tamén pode crear desexos pervertidos e facer que alguén teña un punto de vista equivocado sobre o sexo (Colosenses 3:5). Se estás loitando contra este mal hábito e pensas que é demasiado difícil de vencer, non te rendas (Salmo 86:5; 1 Xoán 3:20). Ora a Xehová e pídelle que te axude. Evita todo canto poida levarte a ter pensamentos inmorais, como a pornografía. Fala cun amigo maduro que respecte as normas de Xehová ou cun dos teus pais, se son cristiáns (Proverbios 1:8, 9; 1 Tesalonicenses 5:14; Tito 2:3-5). Podes estar seguro de que Xehová ve e valora moito os esforzos que fas por respectar e obedecer as súas normas morais (Salmo 51:19 [51:17, NM]; Isaías 1:18).

Capítulo 9, parágrafo 9

 25 POLIGAMIA

A poligamia consiste en ter máis dun cónxuxe. No antigo Israel, Deus permitiu que os homes tivesen máis dunha muller, pero este non era o seu propósito orixinal. Xehová creou o matrimonio como a unión entre un home e unha muller. Na actualidade, Xehová non permite a poligamia entre os seus servos. Un home só pode ter unha muller, e unha muller só pode ter un home (Mateo 19:9; 1 Timoteo 3:2).

Capítulo 10, parágrafo 12

 26 DIVORCIO E SEPARACIÓN

Xehová quería que os cónxuxes estivesen xuntos toda a vida (Xénese 2:24; Malaquías 2:15, 16; Mateo 19:3-6; 1 Corintios 7:39). Deus só permite o divorcio cando un dos cónxuxes comete adulterio. Nese caso, Xehová permítelle ó cónxuxe inocente decidir se quere divorciarse ou non (Mateo 19:9).

Ás veces, algúns cristiáns deciden separarse do seu cónxuxe inda que non se cometese inmoralidade sexual (1 Corintios 7:11). Estas son as situacións nas que un cristián podería considerar a separación:

  • Negativa a manter a familia. O marido négase a cubrir as necesidades materiais da familia ata o punto de deixala sen cartos nin comida (1 Timoteo 5:8).

  • Maltrato físico moi grave. O maltrato físico é tan grave que o cónxuxe maltratado sente que a súa saúde ou mesmo a súa vida están en perigo (Gálatas 5:19-21).

  • Risco moi grave de perder a amizade con Xehová. O cristián non pode servir a Deus porque o seu cónxuxe llo fai imposible (Feitos 5:29).

Capítulo 11, parágrafo 19

 27 FELICITAR E DAR ÁNIMO

Todos precisamos que nos feliciten e nos animen (Proverbios 12:25; 16:24). Podemos fortalecernos e consolarnos uns a outros con palabras amables e agarimosas. Isto pode axudar ós nosos irmáns a aguantar e seguir servindo a Xehová malia os problemas (Proverbios 12:18; Filipenses 2:1-4). Se reparamos en que alguén está desanimado, deberiamos escoitalo con respecto e tratar de entender como se sente. Dese xeito saberemos que dicir ou que facer para animalo (Santiago 1:19). Ponte o obxectivo de coñecer mellor os irmáns da congregación para comprender o que realmente necesitan. Así poderemos axudarlles a achegarse máis a Xehová, quen lles dará verdadeiro ánimo e consolo (2 Corintios 1:3, 4; 1 Tesalonicenses 5:11).

Capítulo 12, parágrafo 16

 28 VODAS

A Biblia non dá normas específicas para as vodas. Os costumes locais e os requisitos legais cambian dun sitio a outro (Xénese 24:67; Mateo 1:24; 25:10; Lucas 14:8). A parte máis importante dunha voda é a promesa que a parella fai diante de Xehová. Moitas parellas deciden que un ancián dea unha conferencia baseada na Biblia e invitan a familia e os amigos íntimos para que estean presentes cando din os seus votos. Cada parella debe decidir se quere celebrar un convite despois da cerimonia e como será (Lucas 14:28; Xoán 2:1-11). Sen importar o que decidan, deben asegurarse de que todo o que fagan lle dea honra a Xehová (Xénese 2:18-24; Mateo 19:5, 6). Os principios bíblicos poden axudarlles a tomar boas decisións (1 Xoán 2:16, 17). Se a parella decide poñer alcohol, debe asegurarse de que alguén supervise a ocasión para que todo se manteña baixo control (Proverbios 20:1; Efesios 5:18). Se queren que haxa música ou algún outro tipo de entretemento, teñen que asegurarse de que todo lle dea honra a Xehová. As parellas cristiás deben darlle máis importancia á súa amizade con Deus e á relación que teñen entre ambos que ó día da voda (Proverbios 18:22; atoparás máis suxestións en La Atalaya, 15 de outubro de 2006, páxinas 18-23, 23-27 e 28-31).

Capítulo 13, parágrafo 18

 29 TOMAR BOAS DECISIÓNS

Queremos tomar boas decisións baseadas nos principios bíblicos. Por exemplo, poida que o cónxuxe dun cristián non sexa testemuña de Xehová e o invite a comer coa familia durante unha festa que vai en contra do que ensina a Biblia. Que farías nesta situación? Se a túa conciencia che permite ir, poderías explicarlle ó teu cónxuxe que, se a festa inclúe algún costume pagán, non participarás nel. Tamén deberías pensar no efecto que terá na conciencia dos demais ires a esa comida (1 Corintios 8:9; 10:23, 24).

Imaxina que o teu xefe che ofrece unha paga extra durante unha festa coma o Nadal. Deberías rexeitala? Poida que non. A túa decisión dependerá ata certo punto de como a ve o teu xefe. Pensa el que a paga forma parte da festa? Ou é só un xeito de agradecerche o teu traballo? Debes pensar nestes e outros factores para tomar unha decisión.

Agora pensa nesta outra situación. Imaxina que alguén che dá un agasallo durante unha festa e che di: “Sei que non celebras esta festa, pero quero darche isto”. Quizais a persoa só quere ser amable. Pero, hai razóns para pensar que está poñendo a proba a túa fe ou intentando que participes nesa festa? Despois de pensar nisto, é decisión túa se aceptarás o regalo ou non. Ó tomarmos calquera decisión, queremos ter a conciencia limpa e ser leais a Xehová (Feitos 23:1).

Capítulo 13, parágrafo 22

 30 NEGOCIOS E ASUNTOS LEGAIS

Cando os desacordos se tratan con rapidez e de xeito pacífico, case nunca chegan a ser problemas graves (Mateo 5:23-26). O máis importante para tódolos cristiáns debe ser honrar a Xehová e manter a unidade da congregación (Xoán 13:34, 35; 1 Corintios 13:4, 5).

Se uns cristiáns teñen un desacordo nun asunto comercial, deberían intentar resolvelo sen ter que ir ós tribunais. En 1 Corintios 6:1-8 o apóstolo Paulo aconsellou sobre as demandas legais entre cristiáns. Denunciar a un irmán podería ter un efecto negativo no nome de Xehová e na congregación. En Mateo 18:15-17 menciónanse tres pasos que deben dar os cristiáns para solucionar algúns problemas graves, coma o fraude ou a calumnia. 1) Primeiro deberían intentar resolver o problema entre eles. 2) Se iso non dá resultado, poden pedir axuda a un ou dous cristiáns maduros. 3) Despois, se é preciso, poden pedirlles ós anciáns que traten o asunto. Se a situación chega a este punto, os anciáns usarán os principios bíblicos para axudarlles ós implicados a chegar a un acordo pacífico. Se algún dos implicados non quere seguir os principios bíblicos, poida que os anciáns teñan que formar un comité xudicial.

Ás veces, pode ser necesario ir ós tribunais para resolver de maneira legal algúns asuntos, coma un divorcio, a custodia dos fillos, a pensión alimentaria, indemnizacións de seguros, declaracións de bancarrota ou testamentos. Tomar medidas legais para resolver estes asuntos do xeito máis pacífico posible non vai en contra do consello de Paulo.

Hai outros delitos graves nos que unha denuncia tampouco iría en contra do consello de Paulo, como por exemplo: unha violación, o abuso de menores, unha agresión física, un roubo ou un asasinato.

Capítulo 14, parágrafo 14

 31 ENGANOS DE SATÁN

Dende o comezo da humanidade, Satanás intenta enganarnos (Xénese 3:1-6; Apocalipse 12:9). Sabe que se consegue cambiar a nosa maneira de pensar, poderá levarnos a facer o que está mal (2 Corintios 4:4; Santiago 1:14, 15). Utiliza a política, a relixión, o mundo comercial, o entretemento, a educación e moitas outras cousas para promover a súa forma de pensar e facer que pareza boa (Xoán 14:30; 1 Xoán 5:19).

O Demo sabe que non lle queda moito tempo. Por iso está a facer todo canto pode por enganar o maior número de persoas posible. E céntrase sobre todo nos servos de Xehová (Apocalipse 12:12). Pouco a pouco e sen decatarnos, podería corromper a nosa mente (1 Corintios 10:12). Por exemplo, Xehová quere que o matrimonio sexa unha unión permanente (Mateo 19:5, 6, 9). Pero hoxe moitas persoas ven o matrimonio coma un acordo de pouca importancia que pode romperse en calquera momento. Moitas películas e programas de televisión promoven esta mesma idea. Non debemos permitir que este punto de vista nos afecte.

Outro xeito no que Satán intenta enganarnos é promovendo unha actitude independente (2 Timoteo 3:4). Se non temos coidado, poderiamos perderlles o respecto ás persoas a quen Xehová lles deu autoridade. Por exemplo, un irmán podería comezar a ir en contra dos consellos dos anciáns da congregación (Hebreos 12:5). Ou unha irmá podería comezar a poñer en dúbida a autoridade instituída por Xehová na familia (1 Corintios 11:3).

Debemos estar decididos a non permitir que o Demo inflúa na nosa forma de pensar. Máis ben, queremos pensar coma Xehová e devecer polo “de arriba e non o da terra” (Colosenses 3:2; 2 Corintios 2:11).

Capítulo 16, parágrafo 9

 32 TRATAMENTOS MÉDICOS

Todos queremos estar sans e recibir os mellores coidados cando estamos enfermos (Isaías 38:21; Marcos 5:25, 26; Lucas 10:34). Os doutores e outras persoas ofrecen moitos procedementos e tratamentos médicos. Cando teñamos que decidir o tratamento que imos aceptar, debemos seguir os principios bíblicos. Lembremos que a única solución permanente para os problemas de saúde é o Reino de Deus. Non queremos preocuparnos tanto pola nosa saúde que descoidemos o noso servizo a Xehová (Isaías 33:24; 1 Timoteo 4:16).

Debemos ter coidado e evitar calquera tratamento que pareza estar relacionado co ocultismo (Levítico 19:31; Deuteronomio 18:10-12). Así que antes de aceptar calquera tratamento ou menciña, debemos investigar ben o que hai detrás e que ideas promove (Proverbios 14:15). Non debemos esquecer que ó Demo gustaríalle enganarnos. Se sospeitamos que un tratamento está relacionado co ocultismo, é mellor rexeitalo (1 Pedro 5:8).

Capítulo 16, parágrafo 18

^ Poida que algúns médicos equiparen os catro compoñentes principais ás fraccións sanguíneas. Por iso, talvez precisemos explicar a nosa decisión persoal de non aceptar transfusións de sangue completa ou dun dos seus catro compoñentes principais: glóbulos vermellos, glóbulos brancos, plaquetas e plasma.