Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 4

Por que respectar a autoridade

Por que respectar a autoridade

“Tede consideración con todo o mundo, querede ben ós irmáns, respectade a Deus, honrade o emperador” (1 PEDRO 2:17)

1, 2. a) A quen lles debemos respecto e obediencia? b) Que preguntas responderemos neste capítulo?

 CANDO eras pequeno, seguro que algunha vez teus pais che pediron que fixeses algo que non che apetecía. Inda que os querías moito e sabías que debías obedecelos, é probable que non sempre quixeses facer o que che mandaban.

2 Debemos respectar a autoridade do noso Pai, Xehová. El quérenos e dános todo o que precisamos para ser felices e que nos vaia ben. Por iso, establece unha serie de normas que debemos obedecer e pídenos que respectemos a autoridade doutras persoas (Proverbios 24:21). Pero, por que non sempre é fácil respectar a autoridade? Por que Xehová nos pide que o obedezamos? Como podemos demostrar que respectamos a súa autoridade? (Ver a nota 9).

POR QUE NON É FÁCIL RESPECTAR A AUTORIDADE

3, 4. a) Por que somos imperfectos? b) Por que non é fácil aceptar que nos dirixan?

3 Todos temos a tendencia a rebelarnos. Isto débese a que Adam e Eva, o primeiro home e maila primeira muller, pecaron. Inda que Xehová os creou perfectos, cando se rebelaron contra El deixaron de selo. Dende aquela, todos nacemos imperfectos. Este é un dos motivos polos que nos custa respectar a autoridade de Xehová e a doutras persoas. Outro motivo é que as persoas ás que Xehová lles deu autoridade son tan imperfectas coma nós (Xénese 2:15-17; 3:1-7; Salmo 51:7 [51:5, NM]; Romanos 5:12).

4 Como somos imperfectos, tendemos a ser orgullosos. O orgullo fai que non sexa fácil deixar que nos dirixan. Por exemplo, no antigo Israel, Xehová escolleu a Moisés para dirixir o seu pobo. Malia ser o líder, a Biblia di que era o home máis humilde daquel tempo. Daquela había un home chamado Coré, quen servira a Xehová por moito tempo. Coré volveuse orgulloso e rebelouse contra Moisés. Non aceptou a súa autoridade e ata convenceu unha morea de xente para que se unise a el na súa rebelión. Que lles pasou a Coré e ós rebeldes? Xehová castigounos e morreron (Números 12:3; 16:1-3, 31-35). Na Biblia atopamos moitos exemplos que nos ensinan que o orgullo é perigoso (2 Crónicas 26:16-21; ver a nota 10).

5. Pon exemplos de persoas que abusaron do seu poder.

5 Seguro que escoitaches algunha vez a expresión “o poder corrompe”. Ó longo da historia, moitas persoas abusaron do seu poder (le Eclesiastés 8:9). Por exemplo, Xaúl era un home bo e humilde cando Xehová o escolleu para ser rei de Israel, pero permitiu que o orgullo e os celos afincasen no seu corazón. Isto levouno a perseguir a David, un home inocente (1 Samuel 9:20, 21; 10:20-22; 18:7-11). Tempo despois, David chegou a ser un dos mellores reis que tivo Israel. Pero, co tempo, ata el abusou do seu poder. Deitouse con Batxeba, a muller dun soldado chamado Urías. Para agochar o seu pecado, David mandou a Urías á fronte da batalla para que morrese (2 Samuel 11:1-17).

POR QUE RESPECTAMOS A AUTORIDADE DE XEHOVÁ

6, 7. a) A que nos motiva o amor por Xehová? b) Que exemplo nos axuda a obedecer mesmo cando non sexa fácil?

6 Respectamos a autoridade de Xehová porque o amamos. Querémolo máis que a calquera outra persoa ou cousa, e por iso desexamos facelo feliz (le Proverbios 27:11; Marcos 12:29, 30). Dende que a primeira parella viviu no xardín de Edén, Satanás quere que a xente poña en dúbida a autoridade de Xehová. Quere que pensemos que Deus non ten dereito a dicirnos o que debemos facer. Pero sabemos que isto non é certo, porque como di a Biblia: “Merecente es, noso Señor e Deus, de recibir gloria, honra e poder, porque ti es quen o creaches todo” (Apocalipse 4:11).

7 Cando eras neno, seguro que che ensinaron que debías obedecer a teus pais aínda que non quixeses. Do mesmo xeito, ós servos de Xehová non sempre nos é fácil obedecer. Pero como o amamos e o respectamos, facemos todo o que podemos por obedecelo. Xesús púxonos o exemplo ó ser obediente a Xehová mesmo cando non lle foi fácil. Por iso puido dicirlle ó seu Pai: “Que non se faga a miña vontade, senón a túa” (Lucas 22:42; ver a nota 11).

8. Cales son algúns dos medios que Xehová utiliza para dirixirnos? (Ver o recadro “ Escoita o consello”.)

8 Hoxe en día, Xehová utiliza diferentes medios para dirixirnos. Por exemplo, dános a Biblia e os anciáns da congregación. Demostramos que respectamos a autoridade de Xehová se respectamos os que el escolleu para guiarnos. Se non aceptamos a súa axuda, estaremos rexeitando a axuda de Xehová. Cando os israelitas se rebelaron contra Moisés, Xehová viuno como algo moi grave. Foi coma se o estivesen rexeitando a El (Números 14:26, 27; ver a nota 12).

9. Se amamos os nosos irmáns, por que seguiremos as instrucións que recibimos?

9 Ó respectar a autoridade tamén demostramos amor polos nosos irmáns. Pensa no seguinte exemplo. Cando ocorre un desastre natural, adoita haber un equipo de rescate que traballa unido para salvar o maior número de persoas posible. Para que funcione ben, alguén ten que dirixir o equipo e todos deben seguir as súas instrucións. Pero, que ocorrería se algún membro do equipo decidise ignoralas e actuar pola súa conta? Aínda que teña boas intencións, poida que poña en grave perigo os demais. Do mesmo xeito, se non seguimos as instrucións de Xehová ou das persoas que el nomeou, outros poderían sufrir. Pola contra, cando obedecemos a Xehová demostramos que o respectamos e que amamos os nosos irmáns (1 Corintios 12:14, 25, 26).

10, 11. Que veremos a continuación?

10 Todo o que Xehová nos pide é polo noso ben. Se respectamos a autoridade na familia, na congregación e ó tratar cos funcionarios do goberno, todos saímos gañando (Deuteronomio 5:16; Romanos 13:4; Efesios 6:2, 3; Hebreos 13:17).

11 Será máis doado respectar os demais se entendemos as razóns polas que Xehová quere que o fagamos. Vexamos con máis detalle como podemos demostrar respecto en tres ámbitos da vida.

NA FAMILIA

12. Como demostra o home que respecta a autoridade de Xehová?

12 Xehová creou a familia e deulle a cada un dos seus membros unha función. Cando todos entenden o que Xehová espera deles, a familia vai ben e todos se benefician (1 Corintios 14:33). Xehová dispuxo que o home fose o cabeza de familia. Entre as súas funcións están coidar da súa muller e fillos, e guialos con agarimo. Responderá ante Xehová por como coide deles. O marido cristián é cariñoso e trata a familia do mesmo xeito que Xesús trata a congregación. Así demostra que respecta a Xehová (Efesios 5:23; ver a nota 13).

O pai cristián trata a súa familia como Xesús trata a congregación

13. Como demostra a muller que respecta a autoridade na familia?

13 A muller cristiá tamén cumpre unha importante función. Axuda ó seu home a ser un bo cabeza de familia e comparte con el a responsabilidade de educar os fillos. Unha maneira de ensinarlles a ser respectuosos é co seu propio exemplo (Proverbios 1:8). A muller respecta o seu home e apóiao nas súas decisións. Mesmo se non está de acordo con el en algo, explícalle o que pensa con amabilidade e respecto. Cando unha cristiá está casada con alguén que non é testemuña de Xehová, enfróntase a algunhas dificultades engadidas. Pero se segue tratando o seu home con amor e respecto, poida que algún día tamén el queira coñecer a Xehová e adoralo (le 1 Pedro 3:1).

14. Como demostran os fillos que respectan a autoridade na familia?

14 Os fillos son moi valiosos para Xehová, e son os que máis guía e protección precisan. Fan felices a seus pais cando os obedecen. Pero o máis importante é que coa súa obediencia fan feliz a Xehová e demóstranlle que o respectan (Proverbios 10:1). Moitas familias son monoparentais, é dicir, contan só cun dos pais para criar os fillos. Esta pode ser unha situación moi difícil para todos. Pero se os fillos obedecen e apoian a seu pai ou a súa nai, o ambiente na familia pode mellorar moito. O certo é que non hai familia perfecta, sen importar as súas circunstancias. Pero tódalas familias serán máis felices se cada un dos seus membros cumpre coa función que Xehová lle deu. Deste xeito, daranlle gloria ó Creador da familia (Efesios 3:14, 15).

NA CONGREGACIÓN

15. Como demostramos que respectamos a autoridade na congregación?

15 Xehová diríxenos por medio da congregación cristiá, e deulle a Xesucristo total autoridade sobre ela (Colosenses 1:18). Xesucristo encargoulle ó “criado fiel e prudente” a tarefa de coidar do pobo de Deus na terra (Mateo 24:45-47). Na actualidade, o “criado fiel e prudente” é o Consello Reitor, quen nos dá todo o que precisamos “no seu debido tempo” para axudarnos a manter forte a nosa fe. Os anciáns, servos ministeriaisresponsables de circuíto atenden as congregacións de todo o mundo seguindo as instrucións do Consello Reitor. Todos estes irmáns teñen a responsabilidade de coidarnos, e responden ante Xehová por como cumpren con esta tarefa. Así que cando os respectamos, estamos respectando a Xehová (le 1 Tesalonicenses 5:12; Hebreos 13:17; ver a nota 14).

16. Por que dicimos que os anciáns e servos ministeriais son nomeados por espírito santo?

16 Os anciáns e os servos ministeriais colaboran para que a congregación se manteña fiel e unida. Por suposto, son persoas tan imperfectas coma nós. Entón, que criterio se segue para escollelos? Todos eles deben cumprir cos requisitos que menciona a Biblia (1 Timoteo 3:1-7, 12; Tito 1:5-9). Xehová guiou co seu espírito os escritores da Biblia para que detallasen estes requisitos. Ademais, antes de decidir quen podería desempeñar estas responsabilidades, os anciáns oran para pedirlle a Xehová o seu espírito santo. Como vemos, son Xesús e Xehová quen dirixen as congregacións (Feitos 20:28). Os irmáns escollidos para axudarnos e coidarnos son agasallos de Deus (Efesios 4:8).

17. En certas ocasións, que debe facer unha irmá para mostrar respecto?

17 Cando non hai anciáns ou servos ministeriais para atender algunha tarefa da congregación, adóitase contar coa axuda doutros irmáns bautizados. No caso de non haber ningún dispoñible, unha irmá pode atender tarefas que normalmente faría un irmán bautizado. Neste caso, debe cubrir a cabeza, talvez cun pano ou cun sombreiro (1 Corintios 11:3-10). Deste xeito, demostra respecto pola autoridade instituída por Xehová, tanto na familia como na congregación (ver a nota 15).

ÓS FUNCIONARIOS DO GOBERNO

18, 19. a) Que aprendemos en Romanos 13:1-7? b) Como demostramos respecto polos gobernos e outras persoas con autoridade?

18 Xehová permítelles ós gobernos ter certo grao de autoridade e nós debemos respectalos. Os gobernos encárganse de que os seus cidadáns conten cos servizos necesarios e de que todo funcione ben. Os cristiáns obedecemos o mandato de Romanos 13:1-7 (leo). Respectamos as “autoridades constituídas” e obedecemos as leis do país no que vivimos. Estas leis poden estar relacionadas cos nosos bens, os nosos negocios ou a nosa familia. Por exemplo, pagamos impostos e dámoslle ó goberno a información que require. E se un goberno nos pide algo que está en contra das leis de Deus? Que deberiamos facer nese caso? O apóstolo Pedro dixo: “Cómpre obedecer a Deus antes cós homes” (Feitos 5:28, 29).

19 Sempre debemos ser respectuosos cando tratamos cun funcionario do goberno, como por exemplo un xuíz ou un policía. Mesmo os cristiáns máis novos deben respectar os seus mestres e demais persoal da escola. No traballo, tamén debemos respectar o xefe, aínda que os nosos compañeiros non o fagan. Deste xeito, imitaremos ó apóstolo Paulo, quen sempre respectou os funcionarios do goberno, mesmo cando non lle foi fácil (Feitos 26:2, 25). Aínda que os demais non nos traten ben, nós seguimos sendo respectuosos (le Romanos 12:17, 18; 1 Pedro 3:15, 16 [3:15, NM]).

20, 21. Que bos resultados produce respectar os demais?

20 Por todo o mundo, a xente ten cada vez menos respecto polos demais. Pero os servos de Xehová somos diferentes. Esforzámonos por respectar a todos. Seguimos a instrución do apóstolo Pedro: “Tede consideración con todo o mundo” (1 Pedro 2:17). As persoas decátanse cando as respectamos. Xesús dixo: “Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai” (Mateo 5:16).

21 Cando mostramos respecto na familia, na congregación e noutros ámbitos da vida, o noso exemplo pode facer que outros queiran saber máis de Xehová. Ademais, cando respectamos a outros, tamén respectamos a Xehová. Isto faino feliz e demostra que o amamos.