Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 14

Sexamos honrados en todo

Sexamos honrados en todo

“Queremos portarnos decentemente en todo” (HEBREOS 13:18)

1, 2. Que pensa Xehová de tódolos esforzos que facemos por ser honrados?

 IMAXINA un neno que volve da escola e polo camiño atopa unha carteira chea de cartos. Que fará? Podería quedar con ela. Pero no canto diso, devólvella ó seu dono. Cando a nai do neno se decata, séntese moi orgullosa del.

2 A maioría dos pais póñense moi contentos cando os seus fillos son honrados. O noso pai, Xehová, é o “Deus fiel” e sempre di a verdade. Cando nós somos honrados, facémolo moi feliz (Salmo 31:6 [31:5, NM]). Queremos agradarlle e “portarnos decentemente en todo” (Hebreos 13:18). Imos analizar catro campos da vida nos que non é fácil ser honrado. Despois veremos algúns beneficios de selo.

CON NÓS MESMOS

3-5. a) De que xeito poderiamos enganarnos a nós mesmos? b) Que nos axudará a ser honrados con nós mesmos?

3 Para sermos honrados cos demais, primeiro temos que selo con nós mesmos. E iso non sempre é fácil. No século primeiro, os irmáns da congregación de Laodicea pensaban que lle estaban agradando a Deus pero non era así, estaban enganándose a si mesmos (Apocalipse 3:17). Nós tamén poderiamos enganarnos a nós mesmos sobre a clase de persoa que somos.

4 Unha maneira de facelo sería pensar que, con tal de facer cousas boas, a Deus non lle importa que sexamos maleducados, sarcásticos ou que digamos mentiras. Pero a Biblia di: “Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana o seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira” (Santiago 1:26). Que nos pode axudar a ser honrados con nós mesmos?

5 Cando nos miramos nun espello, vemos como somos por fóra. Cando lemos a Biblia, vemos como somos por dentro. A Biblia pode axudarnos a coñecer os nosos puntos fortes e mailos débiles. Nela aprendemos que cambios temos que facer na nosa forma de pensar, falar e actuar (le Santiago 1:23-25). Pero se nos dicimos a nós mesmos que non temos defecto ningún, non poderemos facer os cambios que precisamos. Por iso debemos usar a Biblia para examinarnos con honestidade (Lamentacións 3:40; Axeo 1:5). A oración tamén nos axuda a vernos como somos en realidade. Podemos pedirlle a Xehová que nos axude a analizarnos para ver os nosos defectos, e así poder corrixilos (Salmo 139:23, 24). Lembremos que Xehová “aborrece ó perverso, e reserva a súa intimidade para os honrados” (Proverbios 3:32).

NA FAMILIA

6. Por que deben os cónxuxes ser honrados un co outro?

6 A honradez é algo imprescindible na familia. Cando ámbolos dous cónxuxes son sinceros entre eles, séntense seguros e poden confiar un no outro. Hai moitas maneiras nas que poderiamos non ser honrados no matrimonio. Por exemplo, unha persoa casada podería comezar a ver pornografía, coquetear ou mesmo chegar a ter unha relación romántica en segredo. Pero debemos lembrar o que di a Biblia: “Non me paro con xente falsa, nin me xunto cos hipócritas” (Salmo 26:4). Se non somos honrados coa nosa parella, mesmo no que pensamos, farémoslle moito dano ó noso matrimonio.

Rexeitemos deseguida calquera cousa que poida debilitar o noso matrimonio

7, 8. De que xeitos poden os pais usar a Biblia para ensinarlles ós fillos a importancia da honradez?

7 Os pais deben ensinarlles ós seus fillos a importancia de seren honrados. Para iso, contan coa axuda da Biblia. Nela atopamos exemplos de persoas que non foron honradas: Acán converteuse en ladrón, Guehazí mentiu para conseguir diñeiro, e Xudas roubaba cartos e mesmo chegou a traizoar a Xesús por trinta moedas de prata (Xosué 6:17-19; 7:11-25; 2 Reis 5:14-16, 20-27; Mateo 26:14, 15; Xoán 12:6).

8 Na Biblia tamén atopamos exemplos de persoas que foron honradas: Xacob mandoulles ós seus fillos que devolvesen uns cartos que atoparan, Iefté maila súa filla cumpriron cunha promesa a Xehová, e Xesús foi honrado mesmo en situacións difíciles (Xénese 43:12; Xuíces 11:30-40; Xoán 18:3-11). Estes exemplos pódenlles axudar ós nenos a ver que a honradez é moi importante.

9. Por que deben ser honrados os pais?

9 Os pais deben lembrar o que di a Biblia: “Ti, que adoutrinas ós outros, ¿non te adoutrinas ti? Ti, que predicas que non se roube, ¿roubas?” (Romanos 2:21). Os nenos saben ben cando os pais din unha cousa e despois fan outra. Se lles dicimos que deben ser honrados pero nós non o somos, ímolos confundir. Se notan que seus pais menten, mesmo en cousas pequenas, é probable que eles tamén o fagan (le Lucas 16:10). Pola contra, se os nenos ven que seus pais son honrados, é probable que eles tamén cheguen a ser pais honrados no futuro (Proverbios 22:6; Efesios 6:4).

NA CONGREGACIÓN

10. Como podemos ser honestos ó falar con outros cristiáns?

10 Tamén temos que ser honrados e honestos cos irmáns da congregación. É fácil que unha simple conversa se converta nun chisme, ou ata nunha calumnia. Se repetimos algo sen saber se é certo, poderiamos andar espallando mentiras. É moito mellor conter os labios (Proverbios 10:19). Sermos honestos non significa que teñamos que dicir todo o que pensamos, sabemos ou escoitamos. Mesmo se o que imos dicir é verdade, poida que non sexa asunto noso, ou que non sexa agarimoso nin necesario repetilo (1 Tesalonicenses 4:11). Algunhas persoas buscan escusas para ser maleducadas dicindo: “Só estou sendo sincero”. Pero os servos de Xehová queremos que as nosas palabras sempre sexan amables e agradables (le Colosenses 4:6).

11, 12. a) Se un cristián comete un pecado grave, por que debe dicirlles a verdade ós anciáns? b) Que debemos evitar se un amigo comete un pecado grave, e por que? c) Como podemos ser honrados coa organización de Xehová?

11 Xehová encargoulles ós anciáns a responsabilidade de axudar a congregación. Se somos honestos con eles, seralles máis fácil axudarnos. Por que? Pensa nisto. Se estiveses enfermo e foses ó medico, ocultaríaslle algúns síntomas? Se o fixeses, como te podería axudar? Do mesmo xeito, se cometemos un pecado grave, debemos acudir ós anciáns e contarlles toda a verdade, sen ocultarlles nada (Salmo 12:3 [12:2, NM]; Feitos 5:1-11). Agora imaxina esta outra situación. Que pasaría se descobres que un amigo teu cometeu un pecado grave? (Deuteronomio 13:9 [13:8, NM]) Pensarías que tes que gardarlle o segredo porque é o teu amigo? Ou lembrarías que os anciáns están aí para axudarlle a recuperar e fortalecer a súa amizade con Xehová? (Hebreos 13:17; Santiago 5:14, 15).

12 Tamén temos que ser honrados coa organización de Xehová ó informar da nosa actividade na predicación e ó encher unha solicitude para ser pioneiro ou para participar en calquera outra faceta do noso servizo a Deus (le Proverbios 6:16-19).

13. Como podemos ser honrados ó traballar con outros cristiáns?

13 Os cristiáns debemos manter os negocios separados do noso servizo a Xehová. Por exemplo, non facemos negocios nas Salas de Reunións nin cando imos predicar. Tampouco nos aproveitamos dos irmáns en asuntos laborais. Se outras testemuñas de Xehová traballan para ti, págalles puntualmente, dálles os cartos que lles prometiches e mais calquera outra prestación esixida pola lei. Isto podería incluír telos dados de alta ou pagarlles os días de vacacións (1 Timoteo 5:18; Santiago 5:1-4). E se es ti quen traballa para outra testemuña de Xehová, non esperes que te trate dun xeito especial (Efesios 6:5-8). Cumpre co teu horario e fai o traballo acordado (2 Tesalonicenses 3:10).

14. Que medidas debemos tomar antes de facer negocios con outro cristián?

14 Que medidas debemos tomar se facemos negocios con outro cristián? Quizais sexa necesario facer un investimento ou pedir un préstamo. Nestes casos, é moi práctico o principio bíblico de poñelo todo por escrito. Cando o profeta Xeremías comprou un campo, escribiu dúas copias do acordo. Despois fixo que varias testemuñas firmasen unha delas e gardou ámbolos dous documentos para consultalos no futuro (Xeremías 32:9-14; ver tamén Xénese 23:16-20). Algúns pensan que poñer un acordo por escrito podería dar a impresión de que non nos fiamos dos irmáns. Pero o certo é que poñelo por escrito pode evitar moitos malentendidos, decepcións e discusións. Mesmo nos negocios, lembra que a paz da congregación é moito máis importante que calquera acordo comercial (1 Corintios 6:1-8; ver a nota 30).

NO DÍA A DÍA

15. Que pensa Xehová da falta de honradez nos negocios?

15 Temos que ser honrados con todos, incluídas as persoas que non son testemuñas de Xehová. Para Xehová é importante que sexamos honrados. A Biblia di: “Balanzas enganosas aborréceas o Señor, o seu gusto son as pesas axustadas” (Proverbios 11:1; 20:10, 23). En tempos bíblicos, adoitábase usar balanzas e pesos para facer negocios. Pero algúns comerciantes enganaban os clientes dándolles menos do acordado ou cobrándolles máis do debido. Hoxe a falta de honradez tamén é moi común. Mais Xehová non cambiou, segue a odiar esa conduta.

16, 17. Que prácticas pouco honradas temos que evitar?

16 Todos afrontamos situacións que poñen a proba a nosa honradez, como por exemplo, solicitar un traballo, encher un formulario oficial ou facer un exame na escola. Moitos pensan que non hai nada de malo en mentir, esaxerar ou dicir verdades a medias. Isto non nos sorprende. A Biblia predixo que nos días derradeiros a xente sería “egoísta, avariciosa, [...] inimiga do bo” (2 Timoteo 3:1-5).

17 Ás veces parece que ás persoas que non son honradas todo lles vai ben (Salmo 73:1-8). Poida que mesmo quedemos sen traballo, teñamos problemas económicos ou nos maltraten por sermos honrados. Pero paga a pena. Por que?

OS BENEFICIOS DE SERMOS HONRADOS

18. Por que é tan valioso ter unha boa reputación?

18 Cada vez é máis difícil atopar persoas de fiar e honradas. Inda así, cada un de nós temos a oportunidade de gañarnos esa boa reputación (Miqueas 7:2). É certo que algúns se van rir de nós e van dicir que somos parvos por sermos honrados. Pero outros valorarán moito a nosa honradez e confiarán en nós. Por todo o mundo, as testemuñas de Xehová somos coñecidas pola nosa honradez. Algúns xefes prefiren contratar testemuñas de Xehová porque saben que serán traballadores honrados. De feito, moitas veces conservamos o traballo, mentres que outros son despedidos por non seren honrados.

Se somos bos traballadores, honraremos a Xehová

19. Que efecto terá a honradez na nosa amizade con Xehová?

19 Se nos portamos decentemente en todo, teremos a conciencia limpa e paz interior. Queremos seguir o exemplo do apóstolo Paulo, que dixo: “Estamos convencidos de que témo-la conciencia limpa” (Hebreos 13:18). Pero o máis importante é que o noso Pai, Xehová, verá e valorará moito os nosos esforzos por sermos honrados en todo (le Salmo 15:1, 2; Proverbios 22:1).