Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 2

Como ter a conciencia limpa ante Deus

Como ter a conciencia limpa ante Deus

“Tede a conciencia limpa” (1 PEDRO 3:16)

1, 2. a) Por que precisamos unha guía cando estamos nun lugar descoñecido? b) Que guía nos deu Xehová?

 IMAXINA que estás cruzando un gran deserto. Un forte vento move a area e a paisaxe cambia a cada pouco. Que fácil sería perderse, non si? Como poderías saber cara a onde ir? Necesitarías que algo ou alguén te guiase, como un compás, a posición do Sol e das estrelas, un mapa, un GPS ou mesmo unha persoa que coñeza ben a zona. É importante contar cunha boa guía, porque saberes cara a onde ir pode salvarche a vida.

2 Todos afrontamos moitas situacións difíciles na vida e ás veces podemos sentirnos perdidos. Pero Xehová deunos a conciencia para guiarnos (Santiago 1:17). Neste capítulo analizaremos que é a conciencia e como funciona. Tamén veremos como educala, por que debemos ter en conta a conciencia dos demais e como nos beneficia ter unha conciencia limpa.

QUE É A CONCIENCIA E COMO FUNCIONA

3. Que é a conciencia?

3 A conciencia é un valioso agasallo de Xehová. É o sentido interno do ben e do mal. A palabra grega que se usa na Biblia para “conciencia” significa “coñecemento que un ten de si mesmo”. Cando a nosa conciencia funciona ben, axúdanos a examinar quen somos en realidade. Permítenos analizar con honestidade os nosos pensamentos e sentimentos máis profundos. Pode guiarnos cara ó ben e afastarnos do mal. Ademais pode facernos sentir ben cando tomamos unha boa decisión, ou provocarnos remordementos despois de tomarmos unha mala decisión (ver a nota 5).

4, 5. a) Que lles pasou a Adam e Eva por non escoitaren a súa conciencia? b) Menciona algúns exemplos bíblicos que mostren como funciona a conciencia.

4 Cada un de nós debe decidir se escoitará a súa conciencia ou non. Adam e Eva non lle fixeron caso e como resultado pecaron. Despois sentíronse culpables, pero era demasiado tarde, xa desobedeceran a Deus (Xénese 3:7, 8). Aínda que tiñan unha conciencia perfecta e sabían que estaba mal desobedecer a Deus, decidiron ignorala.

5 Con todo, moitos humanos imperfectos escoitaron a súa conciencia. Un bo exemplo foi Xob. Como a escoitou, tomou boas decisións e puido dicir: “Nin por un dos meus días me reprende a conciencia” (Xob 27:6). Pola contra, David non sempre escoitou a súa conciencia. Como resultado, houbo ocasións nas que desobedeceu a Xehová. Despois “latexáballe con forza o corazón” e sentíase culpable (1 Samuel 24:6 [24:5, NM]). Era a súa conciencia dicíndolle que o que fixera estaba mal. Como podería evitar caer outra vez no mesmo erro? Escoitando a súa conciencia.

6. Por que sabemos que Deus nos deu a todos unha conciencia?

6 Incluso as persoas que non coñecen a Xehová adoitan saber que hai cousas que están ben e outras que están mal. A Biblia di que os seus propios pensamentos fan de “acusadores ou defensores” (Romanos 2:14, 15). Por exemplo, moita xente sabe que está mal matar ou roubar. Sen decatarse están escoitando a súa conciencia, ese sentido do ben e do mal que Xehová puxo no seu interior. Ó mesmo tempo, están seguindo os principios, ou verdades básicas, que Deus nos deu para tomarmos boas decisións na vida.

7. Por que non sempre funciona ben a conciencia?

7 Pero a nosa conciencia non sempre funciona ben. Por exemplo, os nosos pensamentos e sentimentos imperfectos poderían influír nela e guiarnos na dirección equivocada. Unha boa conciencia non vén de xeito automático, senón que precisamos educala (Xénese 39:1, 2, 7-12). Xehová axúdanos a conseguilo mediante os principios bíblicos e o seu espírito santo (Romanos 9:1). Vexamos como educar a nosa conciencia.

COMO EDUCAR A NOSA CONCIENCIA

8. a) Como poden os sentimentos afectar a nosa conciencia? b) Que debemos preguntarnos antes de tomarmos unha decisión?

8 Algunhas persoas pensan que escoitar a súa conciencia significa simplemente seguir o que lles dite o corazón. Cren que, mentres non se sintan mal, poden facer o que queiran. Pero os nosos sentimentos son imperfectos e poden enganarnos. De feito, poden ser tan intensos que afecten a nosa conciencia. A Biblia di: “Treicioeiro e falso é o corazón humán” (Xeremías 17:9, SBG). Así que podemos pensar que algo está ben aínda que estea mal. Por exemplo, o apóstolo Paulo perseguiu con crueldade os servos de Deus antes de ser cristián. El pensaba que aquilo estaba ben e, na súa opinión, tiña a conciencia limpa. Pero máis tarde dixo: “Quen me pide contas é o Señor” (1 Corintios 4:4; Feitos 23:1; 2 Timoteo 1:3). Cando soubo como se sentía Xehová polo que estaba facendo, decatouse de que precisaba cambiar. Así que antes de facer algo debemos preguntarnos: “Que quere Xehová que faga?”.

9. Que significa temer a Deus?

9 Cando amamos a alguén non queremos facer nada que non lle guste. Do mesmo xeito, nós temos un profundo temor de Deus, é dicir, amámolo tanto que procuramos non facer nada que lle desagrade. Así foi no caso de Nehemías, quen nunca se aproveitou do seu posto de gobernador para facerse rico. Por que? El mesmo explicou que era “polo temor de Deus” (Nehemías 5:15). Nehemías non quería facer nada que desgustase a Xehová, e nós tampouco. Se lemos a Biblia, saberemos o que lle gusta e o que non (ver a nota 6).

10, 11. Que principios bíblicos poden axudarnos a tomar boas decisións respecto ó alcohol?

10 Por exemplo, poida que un cristián teña que decidir se vai beber alcohol ou non. Que principios bíblicos lle axudarán a tomar unha boa decisión? Vexamos algúns. A Biblia non di que beber alcohol sexa algo malo. De feito, di que o viño é un agasallo de Deus (Salmo 104:14, 15). Non obstante, Xesús mandoulles ós seus seguidores que non caesen na borracheira (Lucas 21:34). Paulo díxolles ós cristiáns que “nada de lupandas nin borracheiras” (Romanos 13:13). Tamén lles advertiu que os borrachos “non herdarán o Reino de Deus” (1 Corintios 6:9, 10).

11 Cada un de nós debería preguntarse: “Canta importancia ten o alcohol para min? Necesítoo para relaxarme? Bebo para sentirme máis seguro? Podo controlar canto bebo e con que frecuencia? * Podo desfrutar de estar cos amigos se non hai alcohol?”. Tamén é importante que lle pidamos axuda a Xehová antes de tomarmos unha decisión (le Salmo 139:23, 24). Para educarmos a nosa conciencia segundo o que ensina a Biblia, debemos reflexionar nos principios bíblicos e examinarnos con honestidade. Agora vexamos outros factores a ter en conta.

POR QUE DEBEMOS TER EN CONTA A CONCIENCIA DOS DEMAIS

12, 13. a) Por que non son iguais tódalas conciencias? b) Como deberiamos reaccionar ante as posibles diferenzas?

12 Non tódalas conciencias son iguais. Quizais a túa conciencia che permita facer algo que a doutra persoa non. Por exemplo, poida que decidas beber alcohol e outra persoa decida non facelo. Como é posible que haxa opinións tan diferentes?

Unha conciencia educada pola Biblia axudaranos a decidir se beberemos alcohol ou non

13 A miúdo, o entorno no que nos criamos, a nosa familia, as experiencias na vida e outros factores inflúen nas nosas opinións. Por exemplo, poida que alguén tivese problemas no pasado para controlar canto alcohol bebía e decidise non volver a beber (1 Reis 8:38, 39). Así que, se lle ofreceses unha bebida alcohólica a alguén e a rexeitase, como reaccionarías? Seguirías insistindo? Ofenderíaste? Teimarías en saber por que a rexeita? Non, porque respectas a súa conciencia.

14, 15. a) Que situación se deu nos días de Paulo? b) Que bo consello deu Paulo?

14 Nos días do apóstolo Paulo pasou algo que demostrou que non tódalas conciencias son iguais. Parte da carne dalgúns animais usábase na adoración falsa e ofrecíase ós ídolos, e despois vendíase nos mercados. Paulo non vía nada malo en comprar e comer daquela carne, xa que para el todo o alimento viña de Xehová (1 Corintios 10:25). Pero había irmáns que non pensaban o mesmo porque adoraran ídolos antes de facerse cristiáns. Para eles estaba mal comer daquela carne. Pensou Paulo que tiña dereito a comer o que quixese porque a súa conciencia llo permitía?

15 Non, Paulo non pensaba así. Para el, os sentimentos dos irmáns eran tan importantes que estaba disposto a renunciar a algúns dos seus dereitos. Dixo que non debemos “compracernos a nós mesmos”, e engadiu: “Pois tampouco Cristo non se compraceu a si mesmo” (Romanos 15:1, 3). Igual ca Xesús, Paulo non buscaba a súa propia comenencia (le 1 Corintios 8:13; 10:23, 24, 31-33).

16. Por que non deberiamos xulgar un irmán por algo que a súa conciencia lle permita facer?

16 E se a conciencia de alguén lle permite facer algo que para nós está mal? Debemos ter moito coidado de non criticalo nin insistir en que nós temos razón e que el está equivocado (le Romanos 14:10). Xehová deunos a conciencia para que nos xulguemos a nós mesmos, non a outros (Mateo 7:1). Non queremos que as nosas opinións persoais dividan a congregación. Máis ben, buscamos formas de promover a unidade e o amor (Romanos 14:19).

OS BENEFICIOS DE TERMOS A CONCIENCIA LIMPA

17. Que lle ocorre á conciencia dalgunhas persoas?

17 O apóstolo Pedro escribiu: “Tede a conciencia limpa” (1 Pedro 3:16). Por desgraza, cando algúns insisten en ignorar os principios de Xehová, a conciencia acaba por deixar de avisalos. Paulo dixo que “teñen cauterizada a súa conciencia” (1 Timoteo 4:2). Tiveches unha queimadura grave algunha vez? Cando pasa isto, fórmase unha cicatriz que deixa a pel insensible. Do mesmo xeito, se alguén segue facendo cousas malas a súa conciencia faise insensible e, co tempo, deixa de funcionar.

Unha conciencia educada pola Biblia dános guía, felicidade e paz interior

18, 19. a) A que nos poden axudar os sentimentos de culpa ou vergoña? b) Que podemos facer se nos sentimos culpables por algún pecado do que xa nos arrepentimos?

18 Se nos sentimos culpables, talvez a nosa conciencia nos estea avisando de que fixemos algo malo. Isto pode axudarnos a identificar o fallo e deixar de cometelo. Queremos aprender dos nosos erros para non repetilos no futuro. Por exemplo, aínda que o rei David pecou, a súa conciencia motivouno a arrepentirse. El chegou a odiar o que fixera e decidiu obedecer a Xehová no futuro. Pola súa experiencia persoal, David puido dicir que Xehová é “bo e indulxente” (Salmo 51:3-21 [51:1-19, NM]; 86:5; ver a nota 7).

19 Pero aínda tempo despois de que alguén se arrepinta dun pecado, pode seguir sentíndose culpable polo que fixo. Estes sentimentos poden causarlle moita dor e mesmo facerlle pensar que non vale nada. Se ás veces te sentes así, lembra que non podes cambiar o que fixeches. Entendeses ou non nese momento que aquilo estaba mal, Xehová perdooute de verdade, é dicir, borrou o teu pecado. Agora estás limpo ós ollos de Xehová e podes estar tranquilo de que estás facendo as cousas ben. Inda que o teu corazón te condene, a Biblia di que “Deus é meirande có noso corazón” (le 1 Xoán 3:19, 20). Isto significa que o seu amor e perdón poden axudarnos a superar calquera sentimento de culpabilidade ou vergoña que teñamos. Podes estar seguro de que Xehová te perdoou. Se aceptamos o perdón de Xehová, teremos a conciencia tranquila e poderemos servilo felices (1 Corintios 6:11; Hebreos 10:22).

20, 21. a) Cal é o obxectivo deste libro? b) Como debemos usar a liberdade que Xehová nos deu?

20 O obxectivo deste libro é que poidas educar a túa conciencia para que te avise e protexa nestes difíciles últimos días. Tamén che axudará a aplicar os principios bíblicos en distintas situacións da vida. Por suposto, nesta publicación non atoparás unha lista de regras ou normas para cada caso. Vivimos segundo a “Lei de Cristo”, que está baseada nos principios de Deus (Gálatas 6:2). Cando non hai unha lei específica respecto a un asunto, non usamos iso como escusa para facer algo que sabemos que está mal (2 Corintios 4:1, 2; Hebreos 4:13; 1 Pedro 2:16). Máis ben, utilizamos a nosa liberdade para demostrar o noso amor por Xehová.

21 Cando reflexionamos nos principios bíblicos e os poñemos en práctica, chegamos a ter “o sentido xa afeito” e aprendemos a pensar coma Xehová (Hebreos 5:14). Como resultado, teremos unha conciencia educada pola Biblia que nos guiará na vida e nos axudará a continuar no amor de Deus.

^ Moitos médicos din que para os alcohólicos é especialmente difícil controlar canto alcohol beben, e suxiren que nin sequera o proben.