Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 7

Deámoslle á vida o valor que Deus lle dá

Deámoslle á vida o valor que Deus lle dá

“Está en ti a fonte da vida” (SALMO 36:10 [36:9, NM])

1, 2. a) Que marabilloso agasallo nos fixo Xehová? b) Que axuda nos dá Xehová para que a vida nos vaia o mellor posible?

 XEHOVÁ deunos a cada un de nós un agasallo marabilloso: a vida (Xénese 1:27). El desexa que a vida nos vaia o mellor posible. Por iso nos deu principios que nos ensinan a tomar boas decisións. Eses principios axúdannos a “distingui-lo bo do malo” (Hebreos 5:14). Se os empregamos, estaremos deixando que Xehová nos aprenda a pensar da maneira correcta. Cando os aplicamos e vemos o bo efecto que teñen en nós, decatámonos do valiosos que son.

2 A vida pode ser moi difícil. Acotío xorden situacións para as que a Biblia non dá unha lei específica. Por exemplo, poida que teñamos que decidir sobre tratamentos médicos que inclúan o emprego de sangue. Como poderemos decidir dun xeito que lle agrade a Xehová? A Biblia contén principios que nos ensinan como ve Deus a vida e o sangue. Para tomar boas decisións que nos deixen cunha conciencia limpa, precisamos comprender eses principios (Proverbios 2:6-11). Vexamos algúns deles.

QUE PENSA DEUS DA VIDA E DO SANGUE

3, 4. a) Como deixou claro Deus o que pensa sobre o sangue? b) Que representa o sangue?

3 A Biblia ensina que o sangue é sagrado porque representa a vida, que é de moito valor para Xehová. Despois de Caín matar a seu irmán, Xehová díxolle: “O sangue de teu irmán chama por min desde a terra” (Xénese 4:10). Ese sangue representaba a vida que Caín lle quitara a Abel.

4 Despois do Diluvio, Xehová dixo que os humanos poderían comer carne, pero aclarou: “Mais non comeredes carne coa súa vida, quere dicir, co seu sangue” (Xénese 9:4). Esta lei aplica a tódolos descendentes de Noé, incluídos nós. Para Xehová o sangue representa a vida, e nós debemos velo igual (Salmo 36:10 [36:9, NM]).

5, 6. Que aprendemos na Lei de Moisés do que pensa Xehová sobre a vida e o sangue?

5 Na Lei que lle deu a Moisés, Xehová dixo: “Enfrontareime con calquera individuo da familia de Israel ou estranxeiro residente no medio voso, que coman sangue, e exterminareinos do seu pobo. Pois a vida do corpo está no sangue” (Levítico 17:10, 11).

6 Segundo a Lei de Moisés, cando se mataba un animal para comer había que verter o sangue na terra. Iso amosaba que a vida do animal era sagrada e que pertencía ó seu Creador, Xehová (Deuteronomio 12:16; Ezequiel 18:4). Inda que Xehová non esperaba que os israelitas extraesen cada unha das gotas de sangue do animal, si tiñan que desangralo ben. Entón poderían comelo cunha conciencia tranquila. Ó respectaren o que dicía a Lei, respectaban a Xehová, o Dador da vida. A Lei tamén lles mandaba facer sacrificios de animais para que se lles perdoasen os pecados (ver as notas 19 e 20).

7. Como demostrou David respecto polo sangue?

7 Entendemos o valor que ten o sangue analizando o que pasou cando David loitou contra os filisteos. Os seus soldados souberon que tiña moita sede e arriscaron a vida ó adentrarse no campamento inimigo a buscarlle auga. Cando volveron, David non a quixo beber e verteuna no chan. Por que? David dixo: “¡Lonxe de min, Señor, facer tal cousa! É o sangue dos homes que expuxeron as súas vidas”. David sabía que para Deus a vida e o sangue son de moito valor (2 Samuel 23:15-17).

8, 9. Como debemos ver o sangue os cristiáns?

8 Os primeiros cristiáns non tiñan que facer sacrificios de animais, pero debían considerar sagrado o sangue. Xehová pedíalles que seguisen a cumprir certas normas da Lei, como a de absterse do sangue. Isto era tan importante coma rexeitar a inmoralidade sexual ou a idolatría (Feitos 15:28, 29).

Como explicaría a miña decisión sobre o uso de fraccións de sangue?

9 O mesmo pasa hoxe. Os cristiáns sabemos que Xehová é a Fonte da vida e que tódalas vidas lle pertencen. Tamén comprendemos que o sangue é sagrado e que representa a vida. Por iso temos en conta os principios da Biblia cando decidimos sobre asuntos médicos que impliquen o emprego de sangue.

O USO MÉDICO DO SANGUE

10, 11. a) Que pensan as testemuñas de Xehová sobre as transfusións de sangue ou dos seus catro compoñentes principais? b) Que debe decidir cada cristián por si mesmo?

10 As testemuñas de Xehová entendemos que absternos do sangue implica máis que non comelo nin bebelo. Significa que non doamos sangue nin aceptamos transfusións. Tampouco almacenamos o sangue propio para que nolo transfundan máis tarde. Isto tamén inclúe a transfusión dalgún dos catro compoñentes principais do sangue: glóbulos vermellos, glóbulos brancos, plaquetas e plasma.

11 Estes catro compoñentes principais do sangue poden dividirse en partes máis pequenas chamadas fraccións sanguíneas. Cada cristián debe decidir se aceptará ou non estas fraccións. O mesmo sucede cos procedementos médicos que empregan o sangue do paciente. Cada un debe decidir como se vai usar o seu sangue durante unha operación, unha proba médica ou un tratamento (ver a nota 21).

12. a) Por que lle importa a Xehová o que decidamos segundo a nosa conciencia? b) Que podemos facer para tomar unha boa decisión sobre un tratamento médico?

12 Impórtalle a Xehová o que decidamos segundo a nosa conciencia? Abofé que si. Por que? Porque a nosa decisión demostra o que temos no corazón, e a Xehová impórtalle moito o que pensamos e o que sentimos (le Proverbios 17:3; 24:12). Polo tanto, cando teñamos que decidir sobre certo tratamento médico, primeiro precisamos orarlle a Xehová para pedirlle a súa guía e logo informarnos ben acerca dese tratamento. Despois, a nosa conciencia adestrada pola Biblia axudaranos a tomar unha decisión. Non lles preguntemos ós demais que farían no noso caso. Os demais tampouco non deben tratar de influír na nosa decisión porque cada un é responsable das súas decisións (Gálatas 6:5; Romanos 14:12).

AS NORMAS DE XEHOVÁ DEMOSTRAN CANTO NOS QUERE

13. Que nos ensinan acerca de Xehová as súas leis e principios sobre o sangue?

13 Todo o que Xehová nos pide é polo noso ben e demostra canto nos quere (Salmo 19:8-12 [19:7-11, NM]). Pero non o obedecemos só para tirar proveito, senón porque lle queremos. Amamos a Xehová e por iso rexeitamos as transfusións de sangue (Feitos 15:20). Facelo tamén protexe a nosa saúde. A maioría das persoas coñecen os riscos das transfusións de sangue para a saúde. Moitos médicos opinan que operar sen sangue é beneficioso para os seus pacientes. Está claro que Xehová nos quere e desexa o mellor para nós (le Isaías 55:9; Xoán 14:21, 23).

14, 15. a) Que leis deu Xehová ós israelitas para protexelos? b) Como podemos aplicar os principios que hai tras desas leis?

14 As normas de Deus sempre foron polo ben dos seus servos. Isto vese nas leis que lles deu ós israelitas para protexelos de accidentes graves. Por exemplo, como as casas adoitaban ter o tellado chairo, unha das leis mandáballe ó dono construír un pequeno muro derredor do tellado para que ninguén caese (Deuteronomio 22:8). Outra lei dicía que o dono dun boi turrón tiña que controlar o seu animal para que non mancase ou matase a ninguén (Éxodo 21:28, 29). Se un israelita non obedecía estas leis e alguén morría, era responsable da morte desa persoa.

15 Estas leis demostran que para Xehová a vida é moi valiosa. Que efecto debería ter isto en nós? Debemos demostrar respecto pola vida mantendo en boas condicións a casa e o coche, conducindo con sentidiño e escollendo ben a nosa forma de divertirnos. Moitos pensan que nunca lles vai pasar nada, sobre todo os máis novos, así que corren riscos e non se coidan dos perigos. Pero iso non é o que quere Xehová. El quere que vexamos a nosa vida e a dos demais como moi valiosa (Eclesiastés 11:9, 10).

16. Que pensa Xehová do aborto?

16 Cada persoa é importante para Xehová, mesmo un bebé que inda non naceu. A Biblia di: “Se uns homes que están pelexando mancan unha muller embarazada e ela dá a luz antes de tempo pero ninguén morre, o culpable debe pagar o que o home da muller lle esixa polos danos causados. Ten que pagar de acordo co que decidan os xuíces. Pero se alguén morre, tes que dar vida por vida” (Éxodo 21:22, 23NM). Segundo a Lei de Moisés, se alguén mancaba unha muller embarazada e a muller ou o bebé morría, Xehová consideraba esa persoa culpable de homicidio. Inda que fose por accidente, a persoa que causara o dano tiña que morrer en compensación pola vida que se perdera. Para Deus, un bebé que inda non naceu é unha persoa viva (le Xeremías 1:5). Sabendo isto, que cres que pensa El do aborto? Como se sentirá cando ve que cada ano se matan millóns de bebés antes de naceren?

17. Que pode consolar a unha muller que no pasado decidiu abortar e agora de verdade está arrepentida?

17 E que pasa se unha muller decidiu abortar antes de saber como ve Deus o aborto? Pode estar segura de que Xehová pode perdoala baseándose no sacrificio de Xesús (Lucas 5:32; Efesios 1:7). Se unha muller cometeu ese erro no pasado e agora de verdade está arrepentida, non ten por que seguir sentíndose culpable. A Biblia di no Salmo 103 que Xehová “é misericordioso e clemente”. E engade: “Canto dista o nacente do poñente, así arreda de nós as nosas culpas” (Salmo 103:8-14).

EVITEMOS OS SENTIMENTOS DE ODIO

18. Por que debemos eliminar os sentimentos de odio?

18 O respecto pola vida nace no máis fondo do corazón e afecta o que sentimos polos demais. O apóstolo Xoán escribiu: “Quen odia a seu irmán é un asasino” (1 Xoán 3:15). Sen decatarnos, podemos chegar a odiar a quen non nos cae ben. Isto pode levarnos a non respectar a alguén, acusalo falsamente ou ata desexar que estivese morto. Xehová sabe o que sentimos polos demais (Levítico 19:16; Deuteronomio 19:18-21; Mateo 5:22). Se notamos que lle temos odio a alguén, debemos esforzarnos por eliminar ese sentimento (Santiago 1:14, 15; 4:1-3).

19. De que outro xeito demostramos respecto pola vida?

19 Hai outro xeito de mostrarmos respecto pola vida. En Salmo 11:5 aprendemos que Xehová “aborrece o impío e violento”. Se escollemos entretemento violento, poida que sexa porque nos gusta a violencia. Para que imos meter na cabeza palabras, pensamentos ou imaxes violentas? Máis ben, queremos enchela con pensamentos bos e pacíficos (le Filipenses 4:8, 9).

NON APOIEMOS ORGANIZACIÓNS QUE NON RESPECTAN A VIDA

20-22. a) Que pensa Xehová do mundo controlado por Satanás? b) Como demostran os servos de Xehová que “non son do mundo”?

20 Xehová considera o mundo de Satán culpable de sangue ou asasinato porque non respecta a vida. Ó longo da historia, os gobernos causaron a morte de millóns de persoas, incluídos moitos servos de Xehová. A Biblia describe estes gobernos como animais feroces e violentos (Daniel 8:3, 4, 20-22; Apocalipse 13:1, 2, 7, 8). Hoxe hai persoas que se fan ricas coa venda de armas, un negocio que move moitos cartos. Sen dúbida, “o mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xoán 5:19).

21 Pero os verdadeiros cristiáns “non son do mundo”. Son neutrais e non participan na política nin nas guerras. Nin matan nin apoian as organizacións que o fan (Xoán 15:19; 17:16). Cando os perseguen non reaccionan violentamente. Xesús ensinou que mesmo debemos amar os nosos inimigos (Mateo 5:44; Romanos 12:17-21).

22 A relixión tamén é responsable da morte de millóns de persoas. A Biblia di sobre Babilonia a Grande, é dicir, o conxunto de tódalas relixións falsas: “En ti atopouse sangue dos profetas e do pobo santo, e o de tódolos que foron inmolados no mundo”. Entendes por que Xehová nos manda: “Saíde dela, meu pobo”? Os servos de Xehová non teñen parte coa relixión falsa (Apocalipse 17:6; 18:2, 4, 24).

23. Que debemos facer para saírmos de Babilonia a Grande?

23 Para saírmos de Babilonia a Grande temos que demostrar que non pertencemos a ningunha relixión falsa. Quizais teñamos que solicitar que borren o noso nome da súa lista de membros. Ademais, temos que rexeitar e aborrecer o que fai a relixión falsa. As relixións falsas permiten e alentan a inmoralidade, a participación na política e a cobiza (le Salmo 97:10; Apocalipse 18:7, 9, 11-17). Como resultado, millóns de persoas morreron ó longo da historia.

24, 25. Por que coñecer a Xehová nos dá paz interior e nos permite ter a conciencia limpa?

24 Antes de coñecermos a Xehová, cada un de nós apoiaba dalgún xeito as cousas malas que fai o mundo controlado por Satanás. Pero cambiamos porque aceptamos o rescate e dedicamos a nosa vida a Deus. Agora desfrutamos dos “tempos do conforto de parte do Señor”, é dicir, sentimos paz interior e temos a conciencia limpa porque sabemos que lle agradamos a Xehová (Feitos 3:19, 20; Isaías 1:18).

25 Se formabamos parte dunha organización que non respecta a vida, Xehová pode perdoarnos en base ó rescate. Valoramos moito a vida que nos deu Xehová. Demostrámosllo ó axudar a outros a que o coñezan, deixen as prácticas deste mundo controlado polo Demo e cheguen a ter unha amizade estreita con El (2 Corintios 6:1, 2).

FALEMOS DO REINO DE DEUS

26-28. a) Que lle mandou Xehová ó profeta Ezequiel? b) Que tarefa nos encargou Xehová?

26 Xehová mandoulle ó profeta Ezequiel que advertise os israelitas de que Xerusalén ía ser destruída e que lles dixese o que tiñan que facer para salvarse. Se non o facía, Xehová consideraríao responsable da morte deles (Ezequiel 33:7-9). Ezequiel demostrou que valoraba a vida ó facer todo o que estaba na súa man para transmitir esta importante mensaxe.

27 Xehová encargounos a tarefa de avisar as persoas de que o mundo de Satán axiña vai ser destruído. Temos que axudarlles a coñecer a Xehová para que poidan salvarse e vivir no novo mundo (Isaías 61:2; Mateo 24:14). Fagamos todo o posible por predicar esta mensaxe. Así diremos coma Paulo: “Non me sinto responsable da perdición de ninguén, porque non me gardei de anunciarvos todo o plan de Deus” (Feitos 20:26, 27).

28 Para continuarmos no amor de Deus, tamén temos que estar limpos ós seus ollos. Isto é o que imos ver no seguinte capítulo.

^ Podes ler este texto no parágrafo 16 deste mesmo capítulo.