Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 8

Xehová quere que sexamos limpos

Xehová quere que sexamos limpos

“Co puro móstraste puro” (SALMO 18:27 [18:26, NM])

1-3. a) Por que se preocupa unha nai de que o seu neno vaia limpo? b) Por que quere Xehová que os seus servos sexan limpos?

 IMAXINA unha nai preparando o seu neno para a escola. Preocúpase de que vaia ben limpiño, e de que a súa roupa tamén estea limpa e en bo estado. Isto é bo para que o neno se manteña san, e ademais demostra que o quere e se preocupa por el.

2 Do mesmo xeito, o noso pai Xehová quere que sexamos limpos e puros (Salmo 18:27 [18:26, NM]). Sermos limpos é bo para nós. Ademais, así honramos a Xehová (Ezequiel 36:22; le 1 Pedro 2:12).

3 Que implica sermos limpos? E por que é bo para nós? Segundo vaiamos contestando estas preguntas quizais vexamos que temos que facer algúns cambios na nosa personalidade.

POR QUE TEMOS QUE SER LIMPOS

4, 5. a) Cal é a razón principal para sermos limpos? b) Que nos ensina a creación sobre o que pensa Xehová da limpeza?

4 Xehová é o mellor exemplo do que significa ser limpo e puro (Levítico 11:44, 45). De feito, a razón principal para sermos limpos é que queremos ser “imitadores de Deus” (Efesios 5:1).

5 Cando observamos a creación, aprendemos o que Xehová pensa da limpeza. El creou os ciclos da natureza que manteñen limpos o aire e a auga (Xeremías 10:12). Pensa en cantos xeitos ten a terra de limparse a si mesma inda que os humanos a contaminemos. Por exemplo, Xehová creou os microbios, uns organismos moi pequenos que só se poden ver cun microscopio. Algúns microbios poden tornar residuos tóxicos en materia inofensiva. Este é un proceso abraiante. Os científicos usan algúns destes microbios para reparar os danos causados pola contaminación (Romanos 1:20).

6, 7. Como mostrou a Lei de Moisés que os servos de Xehová debemos ser limpos?

6 A lei que Xehová lles deu ós israelitas tamén nos ensina a importancia da limpeza. Por exemplo, as persoas tiñan que estar limpas para que Xehová aceptase a súa adoración. O día no que o sumo sacerdote entraba no Santísimo, tiña que bañarse dúas veces (Levítico 16:4, 23, 24). Os demais sacerdotes debían lavar as mans e os pés antes de ofrecer sacrificios (Éxodo 30:17-21; 2 Crónicas 4:6). Nalgúns casos, desobedecer as leis sobre a limpeza castigábase coa morte (Levítico 15:31; Números 19:17-20).

7 Na Lei de Moisés aprendemos moito sobre o que pensa Xehová. A Lei deixaba claro que os Seus servos tiñan que estar limpos. E que ocorre hoxe? As normas de Deus non cambian (Malaquías 3:6). Por iso Xehová espera que os seus servos hoxe tamén sexan limpos e puros (Santiago 1:27).

QUE DEBEMOS FACER PARA SERMOS LIMPOS

8. Que significa sermos limpos?

8 Para Xehová, a limpeza non é só manter limpos o corpo, a roupa e o fogar. Debemos ser limpos en todo, o que inclúe o noso xeito de servir a Xehová, a nosa conduta e os nosos pensamentos.

9, 10. Que debemos facer para que a nosa adoración sexa limpa?

9 Adoración limpa. Non podemos ter nada que ver coa relixión falsa. Cando os israelitas estaban desterrados en Babilonia, a xente ó seu arredor adoraba deuses falsos e practicaba rituais inmorais. Isaías profetizou que os israelitas volverían á súa terra e se restauraría a adoración limpa. Xehová díxolles: “Saíde de aí, non toquedes cousa impura. Saíde do medio dela, mantédevos limpos”. A súa adoración a Xehová non podía mesturarse con ensinanzas, prácticas ou costumes da relixión falsa (Isaías 52:11).

10 Os cristiáns verdadeiros tamén evitamos a relixión falsa (le 1 Corintios 10:21). Por todo o mundo, hai moitos costumes, tradicións e crenzas que se basean en ensinanzas relixiosas falsas, como a crenza de que algo no noso interior segue vivindo trala morte (Eclesiastés 9:5, 6, 10). Os cristiáns debemos evitar estes costumes. Quizais alguén da nosa familia insista en que participemos con eles nestas tradicións. Pero, por moito que insistan, non nos deixamos convencer porque queremos estar limpos á vista de Xehová (Feitos 5:29).

11. Que debemos facer para termos unha conduta limpa?

11 Conduta limpa. Para estarmos limpos ós ollos de Xehová, debemos evitar as prácticas sexuais que Deus non aproba (le Efesios 5:5). Xehová pídenos que rexeitemos por completo estas prácticas. A Biblia deixa ben claro que as persoas que teñan esta clase de conduta e non se arrepintan “non herdarán o Reino de Deus” (1 Corintios 6:9, 10, 18; ver a nota 22).

12, 13. Por que debemos ter pensamentos limpos?

12 Pensamentos limpos. O que pensamos inflúe no que facemos (Mateo 5:28; 15:18, 19). Os pensamentos limpos levarannos a actuar de xeito limpo. Pero, como somos imperfectos, ás veces virannos á cabeza pensamentos malos. Cando iso pase, debemos rexeitalos decontado. Se non o facemos, co tempo talvez nos decatemos de que o noso corazón xa non está limpo. Quizais comecemos a desexar facer esas cousas nas que andamos pensando. Pola contra, debemos encher a nosa cabeza con pensamentos limpos (le Filipenses 4:8). Por iso evitamos as diversións inmorais ou violentas. Máis ben, escollemos con coidado o que lemos, o que vemos e de que falamos (Salmo 19:9, 10 [19:8, 9, NM]).

13 Para continuarmos no amor de Deus, a nosa adoración, conduta e pensamentos deben ser limpos. Pero para Xehová a limpeza física tamén é importante.

QUE DEBEMOS FACER PARA SERMOS LIMPOS EN SENTIDO FÍSICO

14. Por que é importante sermos limpos en sentido físico?

14 Manter as pertenzas e o corpo limpos é bo tanto para nós coma para quen está a carón de nós. Sentirémonos ben e ós demais gustaralles estar connosco. Pero a razón máis importante para sermos limpos en sentido físico é que honramos a Xehová. Pensa nisto: se ves que un rapaz sempre anda sucio, non terías unha boa impresión de seus pais, non si? Do mesmo xeito, se non nos preocupamos por andar limpos, poida que a xente teña unha mala impresión de Xehová. Paulo dixo: “Nunca damos motivo de escándalo en nada, para que o noso ofrecemento non se poida censurar. Ó contrario, acreditámonos decote coma servidores de Deus” (2 Corintios 6:3, 4).

Os servos de Xehová debemos estar limpos e manter limpas as nosas pertenzas

15, 16. Que podemos facer para manternos limpos?

15 O corpo e a roupa. Manternos limpos ten que ser parte da nosa rutina diaria. Por exemplo, bañámonos a miúdo, tódolos días a poder ser. Lavamos as mans con auga e xabón, sobre todo antes de cociñar ou comer, e por suposto despois de ir ó baño ou tocar algo que estea sucio. Lavar as mans pode parecer cousa cativa, pero é fundamental para evitar que se propaguen bacterias e enfermidades. Mesmo pode salvar vidas. Se non temos lavabo ou unha rede de sumidoiros na nosa casa, podemos buscar outros xeitos de desfacernos dos excrementos. O antigo pobo de Israel non tiña rede de sumidoiros, así que enterraban os excrementos lonxe das casas e dos mananciais de auga (Deuteronomio 23:13, 14 [23:12, 13, NM]).

16 A nosa roupa non ten por que ser de marca, nin cara, nin tampouco temos por que ir á última. Pero debería estar limpa e en bo estado (le 1 Timoteo 2:9, 10). Queremos que o noso aspecto sempre dea honra e gloria a Xehová (Tito 2:10).

17. Por que queremos manter limpas a casa e as pertenzas?

17 A casa e as pertenzas. Debemos manter limpa a nosa casa, sen importar onde vivamos. Tamén debemos asegurarnos de que o coche, a moto, a bici ou calquera vehículo que teñamos, estean limpos, sobre todo cando os usamos para ir ás reunións ou para ir predicar. Ó fin e ó cabo, cando predicamos falámoslles ás persoas de vivir nunha terra limpa, nun verdadeiro paraíso (Lucas 23:43; Apocalipse 11:18). O aspecto da nosa casa e das nosas pertenzas demostra que nos estamos a preparar para vivir nese mundo limpo.

18. Por que queremos manter limpos os nosos lugares de culto?

18 O lugar de culto. Outra maneira de demostrar que a limpeza é importante para nós é mantendo limpa a Sala de Reunións ou o lugar onde nos xuntamos para os congresos. Cando alguén vén por primeira vez a unha Sala de Reunións, adoita chamarlle a atención o limpo que está todo. Isto dálle honra a Xehová. Tódolos irmáns da congregación podemos axudar a limpar a nosa Sala de Reunións e mantela en bo estado (2 Crónicas 34:10).

LIMPÉMONOS DOS MALOS HÁBITOS

19. Que debemos evitar?

19 Inda que a Biblia non contén unha listaxe dos malos hábitos que debemos evitar, nela atopamos principios guiadores que nos permiten saber o que Xehová pensa desas prácticas. Por exemplo, Deus non quere que fumemos, abusemos do alcohol nin consumamos drogas. Se somos amigos de Xehová, evitaremos estes malos costumes. Por que? Porque respectamos moito o agasallo da vida. Estes hábitos poden prexudicar a quen temos arredor, danar a nosa saúde e mesmo acurtarnos a vida. Moita xente intenta deixalos por razóns de saúde. Pero os amigos de Deus temos a mellor das razóns: o amor que lle temos a Xehová. Unha muller dixo: “Coa axuda de Xehová, libereime das adiccións e teño unha vida limpa”. E engadiu: “Só así o dei feito. Penso que por min mesma nunca sería capaz”. Vexamos cinco principios bíblicos que son útiles para vencer os malos hábitos.

20, 21. Que hábitos quere Xehová que deixemos?

20 “Xa que tales promesas temos, meus amigos, limpémonos de toda inmundicia de corpo ou de espírito e completémo-la santificación no temor de Deus” (2 Corintios 7:1). Xehová quere que nos limpemos dos hábitos que poidan prexudicar a nosa mente ou o noso corpo.

21 En 2 Corintios 6:17, 18 atopamos unha razón moi importante para limparnos “de toda inmundicia”. Xehová pídenos: “Non toquéde-lo que é impuro”. E prométenos: “Eu acollereivos. Serei un pai para vós e vós seredes para min fillos e fillas”. Xehová amaranos igual ca un pai a seus fillos se evitamos os hábitos que poden mancharnos ou volvernos impuros diante del.

22-25. Que principios bíblicos nos axudan a evitar os malos hábitos?

22 “Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento” (Mateo 22:37). Este é o mandamento máis importante (Mateo 22:38). Xehová merece que o amemos por completo, con todo o que somos, sentimos e pensamos. Pero non podemos dicir que o amamos se facemos cousas que nos acurtan a vida ou danan o noso cerebro. Máis ben, facemos todo canto podemos por respectar o agasallo que el nos deu: a vida.

23 Xehová “a todos dá vida e alento” (Feitos 17:24, 25). Se un amigo che dá un regalo especial, non o tirarías nin o romperías, non si? Xehová deunos o fermoso agasallo da vida e agradecémolo moito. Por iso, queremos usar a nosa vida de xeito que lle deamos gloria a Deus (Salmo 36:10 [36:9, NM]).

24 “Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo” (Mateo 22:39). Os malos hábitos non só nos prexudican a nós. Tamén fan dano a quen nos rodea, que adoitan ser as persoas que máis queremos. Por exemplo, quen convive cun fumador pode chegar a ter problemas graves de saúde só por respirar o fume. Así que cando deixamos un mal hábito, demostrámoslles ós que nos rodean que os queremos (1 Xoán 4:20, 21).

25 “Recórdalles que se sometan ás autoridades, que as obedezan” (Tito 3:1). En moitos países é ilegal consumir ou posuír certas drogas. Obedecemos esas leis porque Xehová nos manda que respectemos os gobernos (Romanos 13:1).

Se nos mantemos limpos e puros, honramos a Xehová

26. a) Que debemos facer para ser amigos de Xehová? b) Por que queremos facer todo o posible por manternos limpos e puros?

26 Se nos decatamos de que debemos facer algúns cambios para sermos amigos de Xehová, fagámolos deseguida. Non é doado vencer un mal hábito, pero podemos conseguilo! Xehová vainos axudar. El promete: “Eu son o Señor, o teu Deus, o que te ensina para que saques proveito, quen te fai camiñar polo camiño por onde debes ir” (Isaías 48:17). Se facemos todo o posible por manternos limpos e puros, honraremos a Xehová.