Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 7

Os mortos volverán vivir

Os mortos volverán vivir

1-3. a) De que somos prisioneiros? b) Como nos vai liberar Xehová?

IMAXINA que te condenaron a pasar o resto da túa vida no cárcere por algo que non fixeches. Ves o teu futuro moi negro porque non hai nada que poidas facer. Pero, xusto cando xa perdiches toda esperanza, descobres que alguén ten o poder para liberarte e promete que te vai axudar! Como te sentirías?

2 Todos somos prisioneiros da morte e non hai nada que poidamos facer para escapar dela. Pero Xehová ten o poder para liberarnos e prométenos que o vai facer. A Biblia di: “A morte será o derradeiro inimigo destruído” (1 Corintios 15:26).

3 Imaxina o alivio que sentirás cando xa non teñas que preocuparte pola morte! Pero Xehová non só vai acabar con ela. Ademais, vailles devolver a vida ás persoas que xa morreron. Iso é o que a Biblia chama resurrección. Deus prometeu: “Revivirán os teus mortos” (Isaías 26:19). Pensa no que iso vai significar para ti.

CANDO MORRE UN SER QUERIDO

4. a) Onde podemos atopar acougo cando morre un dos nosos? b) Quen eran algúns dos mellores amigos de Xesús?

4 Cando un familiar ou un bo amigo morre, a pena e a dor poden ser insoportables. Sentímonos impotentes porque non hai nada que poidamos facer para traelo de volta. Pero a Biblia dános acougo (le 2 Corintios 1:3, 4). Imos ver un exemplo que demostra que Xehová e Xesús están desexando devolverlles a vida ós nosos. Cando Xesús estivo na Terra, adoitaba visitar a Lázaro e as súas irmás, Marta e María. Os tres eran bos amigos de Xesús. A Biblia di: “Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro” (Xoán 11:3-5). Pero un día Lázaro morreu.

5, 6. a) Que fixo Xesús cando viu a dor dos amigos e da familia de Lázaro? b) Por que nos consola saber o que sentiu Xesús sobre a morte?

5 Xesús foi consolar a Marta e a María. Cando Marta escoitou que Xesús estaba chegando á cidade, saíulle ó encontro. Aínda que estaba contenta de velo, díxolle: “Se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería”. Marta pensaba que Xesús chegara demasiado tarde. Despois diso, Xesús viu a María chorando. Doeulle tanto ver o tristes que estaban que se lle apertou o corazón e botouse a chorar (Xoán 11:21, 33, 35). Xesús sentiu a profunda dor que produce perder alguén moi querido na morte.

6 A dor que sentiu Xesús nese momento consólanos moito. Ensínanos que el e mailo seu Pai, Xehová, odian a morte (Xoán 14:9). Xehová ten o poder para acabar coa morte para sempre. E vaino facer dentro de moi pouco.

“¡LÁZARO, VEN PARA FÓRA!”

7, 8. a) Por que non quería Marta que quitasen a pedra da tumba de Lázaro? b) Que milagre fixo Xesús?

7 Cando Xesús chegou á tumba de Lázaro, a entrada estaba pechada cunha pedra grande. Así que Xesús dixo: “Arredade a pedra”. Pero Marta non quería que a quitasen porque Lázaro xa levaba morto catro días (Xoán 11:39). Claro, Marta non sabía o que Xesús estaba a piques de facer por Lázaro.

Imaxina a alegría da familia e dos amigos de Lázaro cando resucitou (Xoán 11:38-44)

8 Despois de que quitasen a pedra, Xesús berrou: “¡Lázaro, ven para fóra!”. Entón, Marta e María viron algo abraiante: Lázaro saíu da tumba cos “pés e as mans atados con vendas” (Xoán 11:43, 44). Xesús resucitara a Lázaro! Volvía estar cos seus familiares e amigos. Todos podían tocalo, abrazalo e falar con el. Que milagre tan impresionante!

“RAPAZA, ÉRGUETE”

9, 10. a) Quen lle deu a Xesús o poder para resucitar os mortos? b) Por que son de moito valor para nós as resurreccións das que fala a Biblia?

9 Resucitou Xesús os mortos co seu propio poder? Non. Antes de resucitar a Lázaro, Xesús oroulle a seu Pai. Así que foi Xehová quen lle deu o poder para resucitalo (le Xoán 11:41, 42). Pero Lázaro non foi a única persoa que resucitou. * Por exemplo, a Biblia tamén fala dunha nena de 12 anos que estaba moi enferma. O seu pai chamábase Xairo e non tiña máis fillos. Xairo estaba desesperado e suplicoulle a Xesús que curase a súa filla. Mentres falaba con el, chegaron uns homes e dixéronlle: “A túa filla acaba de morrer. ¿Para que andar xa molestando ó Mestre?”. Pero Xesús díxolle: “Non teñas medo: ti ten fe, e a rapaza hase salvar”. Entón foron xuntos á casa de Xairo. Cando estaban chegando, Xesús viu que a xente estaba chorando e díxolles: “Non choredes: non morreu, está a durmir”. É probable que os pais da pequena non entendesen o que Xesús quería dicir. Despois, Xesús pediulles a todos que saísen da casa e levou os pais á habitación onde estaba a nena. Colleuna con coidado da man e díxolle: “Rapaza, érguete”. Imaxina a alegría dos pais ó veren que a súa filla se levantaba e comezaba a camiñar. Xesús resucitara a súa filliña! (Marcos 5:22-24, 35-42; Lucas 8:49-56) Cada vez que Xairo e maila súa muller mirasen para a súa nena, lembrarían o que Xehová fixera por eles mediante Xesús.

10 É certo que as persoas ás que Xesús resucitou, co tempo, volveron morrer. Pero os relatos das resurreccións son de moito valor para nós porque nos dan unha esperanza real: Xehová quere resucitar os mortos, e vaino facer.

QUE APRENDEMOS DAS RESURRECCIÓNS

O apóstolo Pedro resucitou unha cristiá chamada Tabita (Feitos 9:36-42)

Elías resucitou o fillo dunha viúva (1 Reis 17:17-24)

11. Segundo Eclesiastés 9:5, que lle pasou a Lázaro cando morreu?

11 A Biblia di que “os mortos non saben xa máis nada” (Eclesiastés 9:5). Iso foi o que lle pasou a Lázaro. Mentres estaba na tumba, non sabía o que pasaba ó seu arredor. Como dixo Xesús, era coma se Lázaro estivese durmindo (Xoán 11:11).

12. Por que sabemos que a resurrección de Lázaro foi real?

12 Moitas persoas viron que Xesús resucitara a Lázaro. Mesmo os inimigos de Xesús sabían que fixera ese milagre. Lázaro estaba vivo, así que ninguén podía negalo (Xoán 11:47). Moitas persoas foron ver a Lázaro e comezaron a crer que Deus enviara a Xesús. Pero iso non lles gustou nada ós inimigos de Xesús e por iso planearon matalo a el e mais a Lázaro (Xoán 11:53; 12:9-11).

13. Por que podemos estar seguros de que Xehová resucitará os mortos?

13 Sabemos que Xehová ten o poder de devolverlles a vida ás persoas porque é o Creador de tódalas cousas. Ademais, Xesús dixo que “tódolos que están nos sepulcros” resucitarán (Xoán 5:28). Isto quere dicir que Xehová vai resucitar tódalas persoas que están na súa memoria. Para iso ten que recordar tódolos detalles de cada unha delas. Será capaz de facelo? Pensa nisto. No Universo hai miles de millóns de estrelas, e a Biblia di que Deus coñece o nome de todas (le Salmo 147:4, 5). Se Xehová pode lembrar o nome de cada estrela, seguro que lle será moi fácil recordar tódolos detalles das persoas que vai resucitar.

14, 15. Que nos ensinan as palabras de Xob sobre a resurrección?

14 Xob, un servo fiel do pasado, cría na resurrección. El preguntou: “Se morre o home, ¿volverá a vivir?”. Entón díxolle a Xehová: “Chamaríasme entón e eu respondería; terías saudade da obra das túas mans”. Estas palabras de Xob ensínannos que Xehová está desexando resucitar os mortos (Xob 14:13-15).

15 Como te sentes cando pensas na resurrección? Seguro que te anima saber que Xehová quere resucitar os mortos. Pero poida que te preguntes: “E que pasa cos meus amigos e familiares? Resucitarán eles tamén?”. Imos ver o que di a Biblia sobre que persoas resucitarán e onde vivirán.

ESCOITARÁN A SÚA VOZ E SAIRÁN

16. Como será a vida dos que resuciten na Terra?

16 No pasado, as persoas resucitaron na Terra. E foi aquí onde se reuniron cos seus familiares e amigos. No futuro, as persoas tamén resucitarán na Terra, pero será moito mellor. Por que? Primeiro, porque quen resucite terá a oportunidade de vivir para sempre. E segundo, porque o mundo será moi diferente. Xa non haberá nin guerras nin delitos nin enfermidades.

17. Quen resucitará?

17 Quen resucitará? Xesús dixo que tódolos que están nos sepulcros escoitarán a súa voz e sairán (Xoán 5:28, 29). E a Biblia tamén di: “O mar entregou os mortos que nel había; e a Morte e o Hades entregaron os mortos que neles había” (Apocalipse 20:13). A palabra Hades refírese ó lugar simbólico onde descansan a maioría dos mortos. Isto quere dicir que resucitarán miles de millóns de persoas. O apóstolo Paulo dixo que “haberá resurrección de xustos e inxustos” (le Feitos 24:15). Que significa isto?

No Paraíso, os mortos resucitarán e reuniranse cos seus amigos e familiares

18. Quen son os “xustos”?

18 Quen son os “xustos”? Entre eles están os servos fieis de Xehová que viviron antes de que Xesús viñese á Terra, como por exemplo: Noé, Abraham, Sara, Moisés, Rut e Ester. No capítulo 11 de Hebreos fálase dalgúns destes homes e mulleres. Todos eles resucitarán na Terra. Pero, que pasará cos servos fieis de Deus que morren no noso tempo? Eles tamén forman parte dos “xustos” e tamén van resucitar.

19. a) Quen son os “inxustos”? b) Que oportunidade lles dará Xehová?

19 Quen son os “inxustos”? Entre eles están os miles de millóns de persoas que non tiveron a oportunidade de coñecer a Xehová. Inda que morreron, Xehová non se esqueceu deles. Vainos resucitar e daralles a oportunidade de coñecelo e de seren os seus servos.

20. Quen non vai resucitar?

20 Entón, resucitarán tódolos mortos? Non. Xesús dixo que algunhas persoas non resucitarían (Lucas 12:5). Quen non vai resucitar? As persoas malas que non quixeron cambiar. Pero quen decidirá se unha persoas resucita ou non? Xehová. El é o Xuíz Supremo, pero tamén lle deu a Xesús a autoridade para que sexa “xuíz de vivos e de mortos” (Feitos 10:42; ver a nota 19).

A RESURRECCIÓN NO CEO

21, 22. a) Que clase de corpo reciben os que van vivir no ceo? b) Quen foi a primeira persoa que resucitou para vivir no ceo?

21 A Biblia tamén di que algunhas persoas vivirán no ceo. Pero os que resucitan alí, non o fan cun corpo humano, senón cun corpo espiritual.

22 Xesús foi a primeira persoa que resucitou para vivir no ceo (Xoán 3:13). Xehová resucitouno tres días despois de que o matasen, pero non o resucitou cun corpo humano (Salmo 16:10; Feitos 13:34, 35). O apóstolo Pedro explicou que Xesús “sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito” (1 Pedro 3:18). Xesús resucitou como un poderoso espírito (1 Corintios 15:3-6). Pero a Biblia di que Xesús non sería o único.

23, 24. Quen forma a “grea pequena” da que falou Xesús, e cantos son?

23 Pouco antes de morrer, Xesús díxolles ós seus discípulos que lles ía “arranxar un lugar” (Xoán 14:2). Isto significa que algúns cristiáns resucitarían para estaren con el no ceo. Xesús explicou que estas persoas formarían unha “grea pequena”, é dicir, que serían poucas (Lucas 12:32). O apóstolo Xoán tivo unha visión de Xesús no ceo e puido ver cal sería a cantidade exacta. Viu a Xesús “de pé no monte de Sión e con el cento corenta e catro mil” (Apocalipse 14:1).

24 Cando resucitarían os 144.000 cristiáns? A Biblia di que sería despois de que Cristo empezase a gobernar no ceo (1 Corintios 15:23). Na actualidade Xesús xa está gobernando, e a maioría dos 144.000 xa resucitou e están alí con el. Hoxe aínda quedan na Terra algúns destes cristiáns que vivirán no ceo. Cando morran, resucitarán de inmediato. Pero, a maioría das persoas resucitará no futuro aquí na Terra para vivir para sempre no Paraíso.

25. Que aprenderemos no próximo capítulo?

25 Dentro de pouco, Xehová liberaranos a todos da morte, e a morte deixará de existir para sempre (le Isaías 25:8). Pero, que farán os 144.000 no ceo? A Biblia explica que gobernarán con Xesús. No próximo capítulo aprenderemos máis cousas sobre este goberno.

^ par.9 Outros relatos da Biblia falan da resurrección de novos e maiores, homes e mulleres, israelitas e persoas doutras nacións. Podes ler estes relatos en: 1 Reis 17:17-24; 2 Reis 4:32-37; 13:20, 21; Mateo 28:5-7; Lucas 7:11-17; 8:40-56; Feitos 9:36-42; 20:7-12.