Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 2

A Biblia, un libro que vén de Deus

A Biblia, un libro que vén de Deus

1, 2. Por que é a Biblia un agasallo moi especial?

COMO te sentes cando un amigo che dá un agasallo? Alégraste moito de que pensase en ti e queres abrilo deseguida, non si? Seguro que llo agradeces un montón.

2 A Biblia é un agasallo de Deus. Contén información que non podemos atopar en ningún outro sitio. Explica que Deus creou os ceos, a terra, o primeiro home e maila primeira muller. Na Biblia atopamos consellos que nos axudan cando pasamos por problemas. Tamén aprendemos como cumprirá Deus o seu propósito de facer da Terra un lugar mellor. Que agasallo tan especial!

3. Que aprenderás ó estudar a Biblia?

3 Ó ires estudando a Biblia, aprenderás que Deus quere que sexas o seu amigo. Canto mellor o coñezas, máis estreita será a túa amizade con el.

4. Que datos che chaman máis a atención sobre a Biblia?

4 A Biblia lévase traducido a máis de tres mil idiomas e imprimíronse miles de millóns de copias. Máis do 90% da poboación mundial pode ler a Biblia na súa propia lingua. Cada semana, máis dun millón de persoas conseguen unha Biblia, ben sexa en formato impreso ou dixital. Está claro que a Biblia é un libro único.

5. Que significa que a Biblia estea “inspirada por Deus”?

5 A Biblia está “inspirada por Deus” (le 2 Timoteo 3:16). Pero quizais penses: “Como pode vir de Deus un libro que escribiron homes?”. A Biblia explica que “falaron de parte de Deus, levados polo Espírito Santo” (2 Pedro 1:21). Imaxina que o director dunha empresa quere enviar unha carta e lle pide ó seu secretario que a escriba. De quen dirías que é a carta? Do director, non si? Do mesmo xeito, Deus guiou homes para escribiren os Seus pensamentos. Polo tanto, inda que foron homes os que a escribiron, o seu autor é Deus. De certo, a Biblia é a “palabra de Deus” (1 Tesalonicenses 2:13; ver a nota 2).

UN LIBRO EXACTO

6, 7. Por que podemos dicir que a Biblia non se contradí?

6 Escribir a Biblia levou máis de mil seiscentos anos. Os seus escritores viviron en diferentes épocas. Algúns tiñan estudos e outros non. Por exemplo, un deles era médico. Outros traballaban no campo, eran pescadores, pastores, profetas, xuíces ou reis. Inda así, as distintas partes da Biblia non se contradín. A mensaxe da Biblia é a mesma de principio a fin. *

7 Os primeiros capítulos da Biblia falan de como empezaron os problemas do mundo, e os últimos explican como Deus os vai solucionar e facer da Terra un paraíso. A Biblia abrangue miles de anos de historia humana e mostra que o propósito de Deus sempre se cumpre.

8. Pon exemplos de que a Biblia é exacta cando fala de ciencia.

8 Inda que a Biblia non se escribiu para ensinar sobre ciencia, sempre é exacta cando fala de temas científicos. Iso é o que esperariamos dun libro que vén de Deus, non si? Por exemplo, o libro de Levítico contén as instrucións que Deus lles deu ós israelitas para que non se espallasen as enfermidades. Isto escribiuse moito antes de que se coñecesen como as bacterias e os virus causan enfermidades. A Biblia tamén ensina que a Terra colga sobre a nada (Xob 26:7). E cando a maioría das persoas pensaban que a Terra era plana, a Biblia xa dicía que era unha esfera (Isaías 40:22).

9. Que nos ensinan a sinceridade e a honestidade dos escritores da Biblia?

9 A Biblia tamén é exacta cando fala de historia. Moitos libros de historia non o son porque os seus escritores non contaron toda a verdade. Por exemplo, non sempre falaron das batallas que perderon as súas nacións. Pola contra, os escritores da Biblia foron sinceros coas derrotas de Israel. Ademais, tamén escribiron sobre os seus propios erros. Por exemplo, no Salmo 51 o rei David recoñeceu que cometera pecados moi graves. A sinceridade e a honestidade dos seus escritores proban que a Biblia vén de Deus e que podemos confiar nela.

UN LIBRO CHEO DE BOS CONSELLOS

10. Por que seguen sendo prácticos os consellos da Biblia?

10 Como a Biblia está inspirada por Deus, “é útil para ensinar, para corrixir, para enmendar” (2 Timoteo 3:16). Os seus consellos seguen sendo prácticos. Por que? Porque Xehová é o noso creador e entende o que sentimos e pensamos. De feito, coñécenos mellor ca nós mesmos e sabe o que é bo para nós e o que non. El quere que sexamos felices.

11, 12. a) Que bos consellos de Xesús atopamos nos capítulos 5 a 7 de Mateo? b) Que máis podemos aprender na Biblia?

11 Nos capítulos 5 a 7 de Mateo atopamos consellos moi bos. Xesús fala de como ser felices, como levarse ben cos demais, como orar e que opinión debemos ter dos cartos. Inda que Xesús deu estes consellos hai dous mil anos, hoxe seguen tendo a mesma forza e sendo igual de prácticos que daquela.

12 Na Biblia, tamén atopamos principios que nos axudan a mellorar a vida familiar, ser bos traballadores e vivir en paz cos demais. Os principios bíblicos poden axudarnos sempre, sen importar quen sexamos, onde vivamos ou os problemas que teñamos (le Isaías 48:17; ver a nota 3).

UN LIBRO DE PROFECÍAS FIABLES

Isaías, un dos escritores da Biblia, profetizou que Babilonia sería conquistada

13. Que profetizou Isaías que lle pasaría á cidade de Babilonia?

13 Moitas das profecías da Biblia xa se cumpriron. Por exemplo, Isaías profetizou que a cidade de Babilonia sería conquistada e co tempo destruída (Isaías 13:19). A Biblia explica con todo detalle como sería a conquista. A cidade estaba protexida por grandes portóns e un río que a rodeaba. Pero Isaías profetizou que o río secaría e que as portas quedarían abertas. Os exércitos inimigos conquistarían a cidade sen teren que pelexar. Isaías incluso profetizou o nome de quen a conquistaría: Ciro (le Isaías 44:27–45:2; ver a nota 4).

14, 15. Como se cumpriu a profecía de Isaías?

14 Uns douscentos anos despois de que se escribise esa profecía, un exército chegou a Babilonia para conquistala. Sabes quen dirixía aquel exército? O rei de Persia. E como se chamaba? Ciro, xusto como profetizara Isaías. Todo estaba listo para que se cumprise o resto da profecía.

15 A noite do ataque os babilonios estaban de festa. Sentíanse seguros porque a cidade estaba protexida por grandes murallas e un río. Pero fóra, Ciro e o seu exército fixeran un canal para desviar as augas do río. Pouco a pouco o nivel da auga foi baixando ata que os soldados persas puideron camiñar polo leito do río. Pero, como atravesarían as murallas? As portas quedaran abertas, tal como dicía a profecía. Deste xeito os soldados conquistaron a cidade sen pelexar.

16. a) Que profetizou Isaías sobre o futuro de Babilonia? b) Como sabemos que se cumpriu a profecía de Isaías?

16 Isaías profetizou que co tempo ninguén viviría en Babilonia. El escribiu: “Non será habitada con esplendor, nin repoboada por xeracións e xeracións” (Isaías 13:20). Foi así? A cidade de Babilonia estaba a uns oitenta quilómetros ó sur da actual Bagdad (Iraq). Hoxe nese lugar só hai ruínas, ninguén vive alí. Xehová varreuna “con vasoira de destrucción” (Isaías 14:22, 23). *

As ruínas de Babilonia

17. Por que podemos confiar en tódalas promesas de Deus?

17 Moitas profecías da Biblia xa se cumpriron. Por iso, podemos confiar no que a Biblia di sobre o futuro. Podemos estar seguros de que Xehová cumprirá a súa promesa de facer da Terra un paraíso (le Números 23:19). Temos a “esperanza da vida eterna: a que prometera xa antes de tódolos tempos o Deus que non minte” (Tito 1:2, ONT1978). *

A BIBLIA PODE CAMBIARCHE A VIDA

18. Que dixo Paulo sobre “a palabra de Deus”?

18 Vimos de aprender que non hai ningún outro libro coma a Biblia. Non se contradí e sempre é exacta cando fala de temas de ciencia ou historia. Tamén está chea de bos consellos e contén moitas profecías que xa se cumpriron. Pero iso non é todo. O apóstolo Paulo escribiu: “A palabra de Deus é viva e dinámica”. Que significa iso? (Le Hebreos 4:12).

19, 20. a) Como pode a Biblia axudarche a coñecerte mellor? b) Como podes demostrar que agradeces este agasallo?

19 A Biblia pode cambiarche a vida. Pode axudarche a coñecerte mellor a ti mesmo, a entender os teus pensamentos e sentimentos máis profundos. Por exemplo, poida que pensemos que amamos a Deus. Pero, ó estudar a Biblia, dámonos conta de que debemos demostrar ese amor con feitos e levar á práctica o que aprendemos.

20 A Biblia é un libro que vén de Deus. El quere que a leas, a estudes e a estimes moito. Como podes demostrarlle que lle agradeces este agasallo? Segue aprendendo da Biblia. Entón, entenderás o propósito de Deus para a humanidade. No seguinte capítulo aprenderemos máis sobre este tema.

^ par.6 Algúns afirman que a Biblia se contradí, pero non é así. Podes consultar o capítulo 7 do libro La Biblia... ¿la Palabra de Dios, o palabra del hombre?, publicado polas Testemuñas de Xehová.

^ par.16 Se desexas máis información sobre as profecías da Biblia, podes consultar a serie de oito artigos titulada “La Biblia, un libro de profecías exactas”, que apareceu entre maio e decembro de 2012 na revista ¡Despertad! (parte 1, parte 2, parte 3, parte 4, parte 5, parte 6, parte 7 e parte 8), publicada polas Testemuñas de Xehová. Podes descargar estas revistas de forma gratuíta en jw.org.

^ par.17 A destrución de Babilonia é só unha das moitas profecías da Biblia que se cumpriron. Para atopar información sobre profecías que se cumpriron en Xesucristo podes ver a nota 5.