Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 8

Que é o Reino de Deus?

Que é o Reino de Deus?

1. De que famosa oración falaremos neste capítulo?

MILLÓNS de persoas coñecen a famosa oración do nosopai. Xesús usou esta oración para ensinarlles a orar ós seus discípulos. Que pediu Xesús nesa oración? Por que é importante que entendamos o que significa?

2. Que tres cousas importantes nos ensinou a pedir Xesús en oración?

2 Xesús dixo: “Vós, rezade así: Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome; veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo” (le Mateo 6:9-13). Por que nos ensinou Xesús a pedir estas tres cousas? (Ver a nota 20).

3. Que imos aprender neste capítulo sobre o Reino de Deus?

3 Xa aprendemos que o nome de Deus é Xehová. Tamén vimos cal é a vontade de Deus para os humanos e para a Terra. Pero, a que se refería Xesús cando dixo: “Veña o teu Reino”? Neste capítulo imos ver que é o Reino de Deus, que fará e como conseguirá que o nome de Deus sexa santificado.

QUE É O REINO DE DEUS?

4. Que é o Reino de Deus, e quen é o seu Rei?

4 O Reino de Deus é un goberno que Xehová estableceu no ceo. Deus escolleu a Xesús para que fose o Rei, ou gobernante, deste Reino. A Biblia di que Xesús é “Señor de señores e Rei de reis” (Apocalipse 17:14). Xesús pode facer moito máis por nós que calquera gobernante humano. De feito, ten máis poder que tódolos gobernantes humanos xuntos.

5. Dende onde goberna o Reino de Deus, e sobre quen gobernará no futuro?

5 Xesús volveu ó ceo corenta días despois de resucitar. Tempo despois, Xehová nomeouno Rei do Reino (Feitos 2:33). O Reino de Deus gobernará a Terra dende o ceo (Apocalipse 11:15). Por iso a Biblia di que o Reino de Deus é un “Reino celestial” (2 Timoteo 4:18).

6, 7. Por que Xesús é mellor que calquera gobernante humano?

6 A Biblia di que Xesús é mellor que calquera gobernante humano porque é “o único que ten a inmortalidade” (1 Timoteo 6:16). Tódolos gobernantes humanos acaban por morrer, pero Xesús nunca morrerá. Así que tódalas cousas boas que Xesús fará por nós durarán para sempre.

7 Ademais, a Biblia ensina que Xesús será un Rei xusto e compasivo. Unha profecía di: “Descansará sobre el o Espírito do Señor, espírito de sabedoría e discernimento, espírito de consello e fortaleza, espírito de ciencia e temor do Señor. Sentirá a súa compracencia no temor do Señor. Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos, nin sentenciará conforme as faladurías dos seus oídos. Xulgará ó pobre conforme a xustiza” (Isaías 11:2-4). Gustaríache ter un rei así?

8. Como sabemos que Xesús non vai gobernar só?

8 A Biblia di que Deus escolleu algúns humanos para que gobernen con Xesús no ceo. Por exemplo, o apóstolo Paulo díxolle a Timoteo: “Se padecemos con el, tamén reinaremos con el” (2 Timoteo 2:12). Cantos gobernarán con Xesús?

9. a) Cantos gobernarán con Xesús? b) Cando comezou Xehová a escollelos?

9 Como aprendemos no capítulo 7, o apóstolo Xoán tivo unha visión na que viu a Xesús como Rei no ceo xunto con outros 144.000 reis (le Apocalipse 14:1). Quen son estes 144.000? Xoán explica: “Estes son os que acompañan o Año a onde el vaia. Estes foron mercados entre os homes” (Apocalipse 14:4). O Año é Xesús. E os 144.000 son cristiáns fieis que Deus escolleu para gobernaren sobre a Terra con Xesús. Cando morren, resucitan para vivir no ceo (Apocalipse 20:4, 6). Xehová leva escollendo estes cristiáns dende o século primeiro.

10. Por que é unha mostra de amor que Xehová escollese a Xesús e mailos 144.000 para gobernarnos?

10 Xehová quérenos tanto que decidiu que algúns seres humanos gobernen con Xesús. Por un lado, Xesús será un bo gobernante porque tamén foi humano e sufriu moito. O apóstolo Paulo dixo que Xesús comprende como nos sentimos e pódese “compadecer das nosas debilidades” porque foi “probado en todo coma nós” (Hebreos 4:15; 5:8). Por outra parte, os 144.000 tamén entenden o que sentimos os humanos. Eles tamén loitaron coa imperfección e as enfermidades. Por iso podemos estar seguros de que Xesús e os 144.000 comprenderán os nosos sentimentos e problemas.

QUE FARÁ O REINO DE DEUS?

11. Por que ensinou Xesús a pedir que se fixese a vontade de Deus no ceo?

11 Xesús ensinoulles ós seus discípulos a pedir que se fixese a vontade de Deus no ceo. Por que? No capítulo 3 aprendemos que Satanás se rebelou contra Deus. Xehová permitiu que Satanás e mailos anxos desobedientes, ou demos, quedasen no ceo durante algún tempo. Así que non tódolos que vivían no ceo facían a vontade de Deus. No capítulo 10 aprenderemos máis sobre Satanás e os demos.

12. De que dous sucesos importantes fala Apocalipse 12:10?

12 Ata cando poderían estar no ceo Satanás e mailos demos? A Biblia explica que Xesús loitaría contra eles pouco despois de ser nomeado Rei do Reino de Deus (le Apocalipse 12:7-10). En Apocalipse 12:10 menciónanse dous sucesos moi importantes. Primeiro, Xesucristo empeza a reinar. E segundo, bótase a Satanás do ceo á Terra. Como imos ver, estes dous sucesos xa pasaron.

13. Que pasou no ceo cando se botou de alí a Satanás?

13 Os anxos obedientes alegráronse moito cando se botou a Satanás e mailos demos do ceo. A Biblia di: “¡Alegrádevos, ceos, e os que vivides neles!” (Apocalipse 12:12). Agora, tódolos que viven no ceo fan a vontade de Deus e desfrutan de verdadeira paz e unidade.

A humanidade sufriu moito dende que se botou a Satán e os seus demos do ceo, pero o sufrimento acabará dentro de pouco

14. Que pasa na Terra dende que se botou a Satán do ceo?

14 Pero a vida na Terra é ben distinta, a xente sofre moitísimo e pasan cousas terribles. Dende que Satán baixou á Terra, está “adoecido porque sabe que ten pouco tempo” (Apocalipse 12:12). O Demo está doente porque o botaron do ceo e sabe que moi pronto será destruído. Por iso, fai todo o que pode para causar dor e sufrimento por toda a Terra.

15. Que quere Deus para a Terra?

15 Pero a vontade de Deus para a Terra non cambiou. El inda quere que a Terra sexa un paraíso e que os humanos sexamos perfectos e vivamos nela para sempre (Salmo 37:29). Como conseguirá facer todo isto o Reino de Deus?

16, 17. Que nos ensina a profecía de Daniel 2:44 sobre o Reino de Deus?

16 A profecía de Daniel 2:44 di: “No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre”. Que nos ensina sobre o Reino de Deus esta profecía?

17 Primeiro, ensínanos que o Reino de Deus empezaría a gobernar no “tempo deses reis”. Isto significa que aínda existirían outros gobernos na Terra cando o Reino comezase a gobernar. Segundo, ensínanos que o Reino de Deus durará para sempre e que ningún outro goberno o vai substituír. E terceiro, ensínanos que os gobernos deste mundo loitarán contra o Reino de Deus. O Reino vencerá e será o único que goberne a Terra. Cando se cumpra esta profecía, a humanidade terá o mellor goberno que pode haber.

18. Como se chama a guerra que haberá entre os gobernos humanos e o Reino de Deus?

18 Que pasará xusto antes de que o Reino de Deus empece a gobernar sobre a Terra? Os demos enganarán “os reis de toda a terra, para xuntalos para a guerra do día grande do Deus que todo o sostén”. Esta guerra chámase “Harmaguedón”, e nela os gobernos humanos loitarán contra o Reino de Deus (Apocalipse 16:14, 16; ver a nota 10).

19, 20. Por que necesitamos o Reino de Deus?

19 Por que necesitamos o Reino de Deus? Polo menos por tres razóns. Primeiro, como somos pecadores, enfermamos e morremos. Pero cando o Reino de Deus goberne, teremos saúde perfecta e viviremos para sempre. A Biblia di: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna” (Xoán 3:16).

20 A segunda razón é que vivimos nun mundo cheo de persoas malas. Moitas menten, enganan e levan unha vida inmoral, e nós non podemos impedírllelo. Pero Xehová si que pode. En Harmaguedón vai destruír tódalas persoas malas que non queiran cambiar (le Salmo 37:10). A terceira razón pola que necesitamos o Reino de Deus é que os gobernos humanos son crueis, corruptos e non poden solucionar os problemas das persoas de xeito permanente. A Biblia di que “un home domina sobre outro para mal” (Eclesiastés 8:9). Ademais, non teñen interese ningún en axudar á xente a obedecer a Deus.

21. Que fará o Reino para que se cumpra a vontade de Deus na Terra?

21 Despois do Harmaguedón, o Reino fará que se cumpra a vontade de Deus na Terra. Por exemplo, fará que se encerre a Satán e mailos seus demos (Apocalipse 20:1-3). Ademais, ninguén enfermará nin morrerá. Grazas ó rescate, tódolos humanos obedientes poderán vivir para sempre no Paraíso (Apocalipse 22:1-3; ver a nota 21). O Reino tamén fará que o nome de Deus sexa santificado, ou limpado. Isto significa que, cando o Reino de Deus goberne a Terra, tódolos humanos respectarán o nome de Deus.

CANDO COMEZOU A GOBERNAR XESÚS?

22. Por que sabemos que Xesús non comezou a gobernar cando estivo na Terra nin xusto despois de volver ó ceo?

22 Cando Xesús estivo na Terra, ensinoulles ós seus discípulos a pedir en oración: “Veña o teu Reino”. Iso quere dicir que o Reino de Deus aínda non chegara naquel momento. Primeiro Xehová tiña que establecer ese goberno e nomear a Xesús como Rei. Nomeouno xusto cando volveu ó ceo? Non. Tempo despois de Xesús resucitar, Pedro e Paulo explicaron que a profecía de Salmo 110:1 cumpríase nel. Nesa profecía Xehová dixera: “Senta á miña dereita mentres poño os teus inimigos por estrado dos teus pés”. Isto significa que Xesús tería que esperar para comezar a gobernar (Feitos 2:32-35; Hebreos 10:12, 13).

O Reino de Deus fará que se cumpra a vontade de Xehová na Terra

23. a) Cando comezou a gobernar Xesús como Rei do Reino de Deus? b) Que imos ver no próximo capítulo?

23 Entón, cando comezou a gobernar Xesús? En 1914. A finais do século XIX un grupo de cristiáns verdadeiros entendeu que o ano 1914 sería importante nas profecías bíblicas. O que leva pasado no mundo dende 1914 demostra que aqueles cristiáns estaban no certo. Xesús comezou a gobernar nese ano (Salmo 110:2). Pouco despois Satán foi botado á Terra, e agora quédalle “pouco tempo” (Apocalipse 12:12). No próximo capítulo imos ver máis probas que demostran que estamos a vivir nese período de tempo. Tamén aprenderemos que moi pronto o Reino de Deus fará que se cumpra a vontade de Xehová na Terra (ver a nota 22).